NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2019
Rock duro, en galego e con acento compostelán. Adrián, coa súa guitarra, é o encargado de darlle voz a Grilo, Alberte ocúpase dos baixos e coros e Miguel fai vibrar a batería. Estes tres mozos soan con forza e bravura na súa lingua nai, «aceno de identidade». O seu primeiro sinxelo Criminal (Kilker Records, 2018), estaba inspirado en grupos como Ghost ou Parkway Drive, mentres que stoner, metal e grunge asolagaban Rebelión (La Cúpula Music, 2019), o asalto sonoro co que adiantaban o que aínda estaba por vir... Como agasallo de Papá Noel, Grilo deixaba baixo a árbore das plataformas dixitais Dálle Lume (Seispés Producións Creativas, 2019), o seu primeiro LP, gravado nos Estudios Mafia (Carballiño, Ourense) entre outubro e decembro de 2019, composto por nove coidados temas, cun son máis definido e maduro, que tingue letras compostas máis que para revolvernos os sentimentos, revolvernos as entrañas, que falta fai!
A Alma – Ataque Escampe
Recén aterrados desde Udine (Italia), onde participaron como finalistas na última edición do SUNS Europe —certame coñecido como o Eurovisión de linguas minoritarias— Ataque Escampe publicaba un novo traballo de estudio, A Alma (2019), e unha nova formación! Presentada por eles mesmos como «a banda do comezo dos [anos] vinte», Ataque Escampe, composta habitualmente polo baixista Lois Carlín máis os guitarristas Miguel Mosquera e Samuel Solleiro, renóvase coa volta do seu primeiro vocalista, Alex Charlón, e as incorporacións de Cibrán Tenreiro (Esposa) na batería e Julio Vilariño nos sintetizadores. Producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e gravado no Laboratorio SOYUZ entre maio e outubro de 2019, A Alma recolle cinco cortes atmosféricos, contemplativos, cinco pezas que asemellas «corpos perdidos, vagando, flotando»; un EP no que o grupo de Santiago «homenaxea desde o pop outros xéneros como o soul minimalista, o ambient, o progresivo alemán ou o mesmísimo rock de estadio». A marabilla sonora que é A Alma xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 13 de decembro.
Fábrica de Luz – A banda da Loba
Se hai un par de anos andaban «bailando as rúas»... agora atopámolas «fabricando luz»! A banda da Loba lanzaba o seu novo traballo discográfico, Fábrica de Luz (2019), o 1 de decembro como parte da programación do Culturgal 2019. Gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), o segundo álbum da banda é unha colección de 12 temas «homenaxe a todas esas mulleres que foron fábricas de luz en algún momento», unha ducia de cancións unidas polo fío condutor sobre o concepto dunha nai, no más amplo dos sentidos: a lingua, a terra, as nais, as escritoras, as mulleres «que transgrediron certas situacións para que agora nós esteamos aquí». As letras «non se quedan atrás en canto a mensaxe» e o quinteto feminino canta ao ecofeminismo, ás mulleres e o mar, aos corpos non normativos ou a memoria histórica, entre poemas musicados de Manuel María ou Rosalía de Castro. Musicalmente, Fábrica de Luz é moi distinto ao seu predecesor, moi ecléctico, con melodías propias do reggae & ska ou de bolero, mesmo «un cuarteto de corda que parece a banda sonora dunha peli».