• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

LOS MARCIANOS: UNHA MISIÓN MUSICAL DE POP GUITARREIRO E LÍRICA ENXEÑOSA

LOS MARCIANOS: UNHA MISIÓN MUSICAL DE POP GUITARREIRO E LÍRICA ENXEÑOSA
27 XANEIRO 2020

Levan «amartizando» a cidade desde hai case 15 anos, non o fan con naves espaciais, espadas láser ou pistolas galácticas, senón con guitarras afiadas, melodías luminosas e retrousos contaxiosos. Los Marcianos son Ibán González (voz, guitarras), Víctor González, (batería), Óscar Novoa (guitarras) e Daniel Carrera (baixo), banda viguesa creada en 2006 coa intención de «dar uns concertos e gravan unhas maquetas»... e aquí os temos, en 2020 co seu quinto traballo discográfico baixo o brazo dispoñible desde o pasado novembro.

 

Detrás do seu interesterlar nome, existe unha nostálxica historia, a de as orixes do grupo: «naquela época xuntabámonos uns amigos nunha tenda de informática os venres pola noite e faciamos un taller de improvisación, faciamos cancións no momento, sobre temáticas diversas e moitas falaban de marcianos, de naves espaciais e similares, e a aquilo bautizámolo como ‘Sesiones Marcianas’, e cando quisimos facer daquelas cancións unha banda, pois xa vimos bastante claro o nome».

 

Aínda que a súa misión musical, en solitario, comezou bastante antes daquelas ‘Sesiones Marcianas’ iniciais: [Ibán] «Recordo estar escoitando música desde moi pequeno, a radio e as cousas que estaban de moda; [en canto a] instrumentos, [o meu primeiro contacto foi] cunha vella guitarra española que me regalou o meu avó, que lle tocou nunha tómbola e chapurreaba nela sen saber nin un só acorde, con oito anos mais ou menos». E, co mesmo instrumento, comezou Óscar: «Non recordo ben se foi unha guitarra española Alhambra ou unha eléctrica tipo [Fender] Stratocaster vermella da marca Academy, que aínda teño por casa, con máis o menos uns 11 ou 12 anos. O meu primeiro recordo musical é escoitar no [Seat] 127 do meu pai de viaxe dirección Galicia, ‘Mi guitarra’ de Juan Pardo e ‘Un velero llamado libertad’ de Jose Luis Perales, supoño que sería un casete de varios artistas».

 

Tres anos despois da súa creación, a principios de 2009, Los Marcianos amplían horizonte, mesmo reformulando o concepto do grupo —que deixaba de lado aquel concepto de puro pop castizo dos oitenta con letras de zombis, marcianos e compañía— e o seu álbum debut, Esto Va En Serio (2011), é o resultado desa revolución. Gravado en Océano Estudios (Nigrán), con produción de Javier Abreu (Los Piratas) e masterización de Tim Young Young (The Smiths, The Beatles, Placebo), o EP presenta sete cortes de pop directo reminiscente ao new wave clásico do Reino Unido dos 80; e, como en gran parte dos casos, esta revolución viño da man dunha evolución: [Ibán] «Daniel Fernández (o anterior baixista) e eu arrancamos co proxecto e para consolidar a formación chamamos a Víctor. Cando Daniel saiu da banda, aquel proxecto que bebía desas influencias da movida madrileña —dos Pegamoides de Berlanga, Zombies de Bonezzi e similares— deixámolo un pouco de lado. Completamos outra formación, con Alejandro Cabezas á guitarra e Abel González ao baixo e, tanto musicalmente como a nivel letras, as cousas foron por outro lado, abrindo o abano a un son máis británico e letras de temática máis universal, desamor e tal, quizais tamén influiu a etapa personal que estaba pasando, tras una ruptura, que me levou a facer letras de ese tipo [...] xurdiu de forma natural».

 

 

E... si, ían en serio! Desafiando o manido «as segundas partes nunca foron boas», Los Marcianos lanzan Segundas Partes (2013), single en vinilo 7” gravado e mesturado por Rafa Darrosa en Litium Records (Pontevedra) durante o verán de 2013. Composto por dúas pezas, ‘Segundas Partes’ e ‘The Happyland Experience’, esta versión 2.0 da banda viguesa está máis próxima ao noise-pop, a «nomes propios como The Jesus and Mary Chain, The Wedding Present, My Bloody Valentine ou Los Planetas».

 

 

 

Bolo a bolo, Los Marcianos vanse facendo un oco dentro do panorama indie-pop estatal coas súas cancións directas, retrousos pegadizos e guitarras sucias de indie dos 90. Apostan forte, e fano da man do prestixioso produtor Carlos Hernández (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante, Viva Suecia) con Una Tormenta de Canciones de Amor a Quemarropa (Clifford Records, 2016). Gravado en Litium Records (Pontevedra), o LP é unha colección de doce «pelotazos» de pop guitarreiro cunha lírica propia que se move entre o nihilismo, a ironía, a poesía e o enxeño. ‘Consulta la prensa mañana’ foi o single-clip presentación, un tema dedicado á noite viguesa en xeral e a La Iguana en particular. Baixo a dirección de Daniel Graña, con guión de Ibán González e producido por La Nube Producciones, o vídeo relata unha historia de sexo, violencia e drogas que comeza cun crime pasional e remata en masacre. Ou era ao revés? Indies do pau, revólveres, exes, mesmo fans de Kings of Leon!

 

 

 

Seica despois da tormenta chega a calma, pero no seu caso... viño unha reorganización do cosmos! Dous anos despois daquela tormetan de cancións de amor a quemarroupa, Los Marcianos publicaban Nuevo Orden Cósmico (Clifford Records, 2018); un mini-LP dispoñible en formato vinilo 10” e dixital. Gravado de novo por Carlos Hérnandez en Estereoarte Estudios (Vigo), Nuevo Orden Cósmico está composto por cinco temas pop con melodías enérxicas, distorcidas e cheas de efectos musican letras coidadas ao detalle. O cuarteto vigués afirma que neste álbum atoparemos diferenzas algo mais maduras, «pasaxes máis escuras» que nos seus anteriores traballos, aínda que manteñen os retrousos pegadizos e desenfadados. No single presentación, ‘No soporto el amor’, escoitamos guitarra, potencia e contundencia nun corte de desamor, en branco e negro, e de posguerra.

 

 

 

A finais de 2019, case-case coincidindo co primeiro aniversario de NOC, Los Marcianos volveron lanzarnos ao seu cosmos particular con Contra el Mundo (Clifford Records, 2019), dispoñible en formato dixital e unha «preciosa edición limitada» en vinilo 10”. Adiantábano con ‘Supersónica’, unha canción que sorprendeu no seu momento por eses pesados riffs de guitarra iniciais e distorsións próximas ao shoegaze máis crú. Estamos ante uns Marcianos menos indie-pop e máis noise-rock? Ibán afirma que «si que é certo que temos esas dúas pistas e neste último traballo creo que está máis acentuada esa parte escura e ruidosa. Aínda que tamén hai cancións, como ‘Mi Cumpleaños’, que son máis indie-pop e moitas están en un punto intermedio [...] si que son etiquetas coas que nos sentimos cómodos: indie-pop, noise-rock, shoegaze, space-rock».

 

 

 

Gravado en Estereoarte Estudios (Vigo) baixo a produción de Carlos Hernández e asistencia de Luis Antelo e Fernando «Pali» Moure, presenta unha “declaración de principios” a través de cinco novas pezas, cinco cortes nos que volvemos escoitar eses retrousos contaxiosos que caracterizan ao grupo, tinguidos dese son dos oitenta próximo a The Cure ou The Smiths. Eles mesmos confésano, «sonamos como buscamos», unha afirmación que tamén respaldan no seu produtor: [Ibán] «Agora mesmo o son que buscamos ten moito que ver con bandas dos 90, especialmente de shoegaze, pero tamén de britpop, power pop, é unha procura que responde as inquedanzas que temos, cosas que estamos escoitando, etc. Digamos que ao final fixámonos en discos que nos gustan e na forma de facer as cousas de esas bandas, e perseguimos iso, e coa axuda do noso productor pois buscamos como queremos que soen as cousas, e en estos momentos estamos contentos, pero a evolución continúa, claro».

 

 

 

Curiosamente, estes dous últimos traballos compartiron proceso creativo posto que, confesa Ibán, «gravámolos xuntos [...]. Tras o anterior disco, e estreando nova formación con Óscar Novoa a guitarra e Dani Carrera ao baixo, estábamos no local, con calma, ensinándonos cancións novas, probando, ensaiando e desfrutando de estar creando cousas novas; cada un traía da súa casa unha canción e no local a vestíamos entre todos, teorizando e buscando como queríamos que soase. Cando tiñamos unhas 13 ou así, enviámosllas a Carlos e elexiu 10 para entrar a gravar».

 

Aos poucos, e «contra o mundo», o cuarteto vigués vaise asentando no espazo indie-pop estatal, e extraterrestre! Xa que, se tiveran que dar un concerto en Marte, ou noutro lugar fóra da súa galaxia-de-confort, Ibán González ten claro que canción escollería para tal cósmico directo: «Igual non somos obxectivos, xa que nós sempre nos imos quedar con una das nosas novas cancións, polo que eu diría agora mesmo ‘Supersónica’». Respecto a súa recomendación de artista ou grupo galego, aínda que cren que «é difícil recomendarvos algo porque xa o tedes todo controlado», Los Marcianos tamén barren para casa con «Rober Carcos e TULIP».

 

O Spotify de Ibán González si cruza as nosas fronteiras e, entre «as últimas dez cancións que gardei en ‘Cancións que che gustan’» atopamos «‘Volver Atrás’ de Fernando Carrillo, ‘Dead Flowers’ de Townes Van Zandt, ‘A Dream For Them All’ de Radio 75, ‘Traición’ de Mediapunta, ‘Asco Total’ de Las Perdón, ‘Vacaville’ de Tullycraft, ‘Cass’ de Salsola, ‘Yo tumbé a Godzilla’ de Olivia de Happyland, ‘Johanna’ de Suki Waterhouse e ‘Salamanca’ de Edges». Mentres que Óscar decántase por «‘The Hunter’ de Mastodon, ‘Shaped By Fire’ de As I Lay Dying, o último avance do novo álbum de Alexin On Fire, Bad Brains e o último disco de Apartamentos Acapulco».

  noticias