WILLIE & WINNIE: «TIVEMOS QUE CAMBIAR PARA PODER SEGUIR SENDO NÓS MESMOS»
Cremos que Elise Denise e Andy Bill son os doppelgänger yankees de Elisa Sánchez e Andrés Toimil. O dúo ferrolán Willie & Winnie, antes coñecido como Kozmic Blues polo seu rock con chiscos ao folk-rock norteamericano dos 70 e 90, é o encargado de poñer o vinilo no tocadiscos esta semana, enchendo a habitación das súas hipnóticas melodías que combinan a potencia da voz co ritmo frenético e punzante da guitarra.
Son Willie & Winnie enriba das táboas, entre as catro paredes do local de ensaio, no estudio, a voz de Elise e a guitarra de Andy foron, desde os inicios, a súa formación de referencia —«aínda que de cando en vez en directo e no estudio gústanos contar con xente á que admiramos musicalmente e que creamos que poidan enriquecer o son da banda»—. Con tres discos publicados, o máis recente, You & I (2020), á venda desde o pasado 10 de xaneiro, e cancións que lembran a Janis Joplin, Grace Slick ou PJ Harvey conforman os comezos dunha traxectoria de vértigo para estes dous artistas cun sentimento intrínseco pola música: «o noso primeiro contacto coa música foi moi cedo, case non somos capaces de lembralo, é algo que nos acompañou desde sempre, non foi un descubrimento repentino».
En agosto de 1969, Janis Joplin presentaba a súa ‘Kozmic Blues’ no Woodstock (Nova York) e, un xullo 46 anos máis tarde, saía á luz o disco debut de Willie & Winnie, daquela Kozmic Blues. Premonition (2015) foi gravado, mesturado e masterizado en escasos seis días nos estudios Río Records (Ferrol), composto por dez temas máis un bonus track divididos, segundo o seu significado e sonoridade, en dous: a luz e a escuridade. Estes toques escuros e luces ardentes, baixo influencias de The Doors ou The Lovemongers, crean o particular son que protagoniza este primeiro traballo; unha intensa proposta cun pé dentro do existencialismo máis sincero e directo.
Cos temas e o nome do álbum en mente, Willie & Winnie, entón Kozmic Blues, lanzaba unha campaña de crowdfunding coa intención de recadar fondos para a gravación e posterior publicación dun novo traballo. Acadada con éxito, o dúo de Ferrol consegue un oco nun dos estudios galegos máis demandados, Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), para gravar o que sería o seu segundo disco. Gravado, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero, en novembro de 2016 chegaba Dream For Winter (2016), xusto 125 anos despois do finamento de Arthur Rimbaud, poeta francés autor de Rêvé pour l'hiver, poema que dá nome ao álbum. Non é de estrañar, xa que Willie & Winnie afirman que «a literatura, o cine, mesmo a pintura, xogan un papel imprescindible para nós», artes onde procuran parte da súa inspiración: «[...] son un alimento para nós. Axúdannos a manter a orde nas nosas mentes, evádennos dunha realidade confusa que non entendemos moi ben e que, á súa vez, curiosamente, axúdannos a ver con máis claridade esa realidade que nos custa comprender. É certo que aparecen certas referencias, sobre todo literarias, pero o efecto que teñen sobre a nosa música é complicado identificalo máis aló dese efecto que teñen sobre nós. Como diciamos antes, son un alimento, unha necesidade e isto, dalgunha forma reflíctese na nosa música».
Dream For Winter é un punto e aparte para os antigos Kozmic Blues; un cambio de etapa e de estado mental, pero non de estilo. Seguimos a escuchar a guitarra acústica como protagonista, melodías cargadas de melancolía e de pureza que, xunto coa intensidade da voz solista, transpórtannos a unha paisaxe invernal que se atopa entre a realidade e o soño. De carácter intimista e introspectivo, presentaban este segundo traballo con ‘Blue Shadow’, onde escoitamos a unha conciencia que pide que non finxamos e que inclúe un chisco ao poeta romántico Edgar Allan Poe. Foi con este tema co que gañaron o primeiro premio na categoría de música nos Premios Lidera 2016 organizados polo Concello de Ferrol.
Con guión e produción propios e realización por parte de Juanpa Ameneiros, o vídeo do seu segundo single, ‘Flowers in My Head’, tenta transmitir esa sensación de claustrofobia mental que ás veces sentimos ao non poder escapar de pensamentos sombríos que parece que nos hipnotizan por momentos. Pensamentos que se ocultan baixo máscaras brancas (obra de Laura Pouse e Laura Barcala), que a súa mente retén controlados baixo os acordes frenéticos da guitarra ao ritmo folk-rock, levándoos da man ata acabar atrapándolles.
Logo de publicar unha impecable versión de ‘If I Were A Carpenter’, orixinal de Tim Hardin, Willie & Winnie presentaban o seu derradeiro videoclip como Kozmic Blues, ‘Dry Leaves’, co que despedían, non só Dream For Winter, senón toda unha etapa na súa corta, pero intensa carreira musical. No clip, producido por eles mesmos e realizado por Juanpa Ameneiros, o dúo interpreta a peza mentres a cámara barre a estancia, prestando especial atención aos pequenos detalles que, quizais, garden un significado máis alá do orixinal. Tinguido cun filtro cálido en tons ámbar, como as follas secas de outono, este traballo audiovisual destaca a acústica da guitarra e a enerxía da cadencia rockeira, melodías que acompañan á voz solista que canta á identidade e ao amor.
Era a derradeira nota de Kozmic Blues... en 2018, Elise Denise e Andy Bill [re]convertíanse en Willie & Winnie, un cambio que agocha a acérrima procura dun son propio: «Queriamos achegarnos a un son moito máis propio, máis persoal e pensamos que por iso tiñamos que deixar un pouco de lado as nosas influencias. Iso levounos irremediablemente a ter que cambiar o nome do grupo, xa non nos sentiamos identificados con el e durante un tempo foi como unha especie de carga ata que, ao fin, cambiámonolo. Os Elise e Andy de Kozmic Blues seguimos sendo os mesmos de sempre; tivemos que cambiar para poder seguir sendo nós mesmos».
O pasado 10 de xaneiro, Willie & Winnie publicaba You & I (2020), o seu terceiro traballo discográfico e primeiro baixo o seu actual nome. Coproducido por Arturo Vaquero e gravado en Abrigueiro Estudios, o álbum recolle dez temas máis maduros e elaborados onde escoitamos unha mestura de sons que dá lugar a «algo que, poucas veces, se escoitou neste país», segundo afirma Vaquero, resultado dun longo proceso creativo que comezou «practicamente desde que sacamos Dream For Winter a finais de 2016»; tempo que Willie & Winnie investiron sabiamente tanto a nivel compositivo como melódico: «algunhas cancións fixémolas xuntos e outras por separado, pero mesmo as que fixemos por separado despois traballámolas xuntos como un equipo deixando o ego en casa e desfacéndonos do que criamos que non estaba á altura, aínda que nos doese facelo. Mesmo no momento da gravación deixamos cancións fora que considerabamos importantes, cruciais, coas que nos sentiamos moi cómodos, buscando no seu lugar algo máis desafiante, como ser o máis honestos posibles con nós mesmos, coa nosa natureza e co que buscabamos facer, chegando a este resultado co que estamos moi contentos». Un resultado que, Willie & Winnie admite, «sería difícil acadalo sen tódalas persoas que nos axudaron no proceso, Arturo e os músicos que participaron na gravación: Alejandro Casquero, Alejandro Masafret, Ton Risco, Antonio Otero e, por suposto, Miguel Vidal e Juanpa Ameneiros no deseño físico do disco que nos encanta!».
You & I é a consecuencia dun son no que Willie & Winnie estivo a traballar durante anos, un son recuberto dunha escuridade que non deixa de medrar, potente e sofisticado á vez, que acadaron de xeito natural «a base de ensaio e erro», segundo eles mesmos confesan, «sen pensar demasiado no que se estaba facendo, sempre deixándonos levar polo noso instinto, ás veces fallando, outras veces dando o cravo co que queriamos facer, compartindo experiencias e coñecendo a músicos e persoas moi boas. Todo se foi formando desta forma e, co paso dos anos, fomos atopando a nosa propia voz, que cremos que comeza a amosarse con este disco; de aí un dos motivos polo que o chamamos You & I». E é que Willie & Winnie danlle ao pop, ao folk americano, ao ambient, mesmo ao jazz; unha mestura de estilos que bebe de «moitas fontes, de moitos estilos e non só da música popular, tamén a clásica nos influíu bastante, pero con este disco [You & I], tentamos distanciarnos un pouco de todo iso, aínda que sería demasiado arriscado afirmar que este disco é puramente noso, porque sempre queda algo, aínda que sexa inconscientemente».
Na actualidade, no seu Spotify, Willie & Winnie escoitan música «moi tranquila: Ryuichi Sakamoto, David Sylvian, Brian Eno, Swing Slow, Steve Jansen, Virgina Astley, Bill Callahan, Franz Liszt, Schubert, Glinka etc.», pero as súas recomendacións favoritas de grupos ou artistas galegos móvense entre o folk-trad, indie, canción de autor, country americano e mesmo electrónica onírica: «entre outros desfrutamos moito co último disco de Budiño, con Arturo Vaquero implicado, con algúns discos que se sacaron nos últimos anos en Ferrol, dos nosos queridos Jamie Fifthring e Artabe. E, este ano, Ferror Récords editou un disco que tamén nos gusta moito: Valverde de Koroiev; ademais dos álbums que sacou Broke Lord estes anos, co que compartiremos dúas datas este mes [febreiro] en Cangas e Vigo». Nostálxicos nós, non puidemos evitar pechar os ollos, rebobinar... e preguntarlle que canción da súa discografía interpretarían naquel escenario do Woodstock onde, lembremos, Janis Joplin estreou ‘Kozmic Blues’ en agosto de 1969; 400.000 persoas escoitarías «probablemente, calquera dos nosos discos como Kozmic Blues, nada deste, pois este disco é o reflexo de dúas persoas de 2020, deste contexto e aínda que nos atrae a idea de atemporalidade, cremos que este disco amosa o presente ou polo menos o noso distorsionado presente [risas]».