GRILO: ROCK COMPOSTELÁN CO GALEGO POR BANDEIRA
Rock duro, en galego e con acento compostelán. Adrián, coa súa guitarra, é o encargado de darlle voz a Grilo, Alberte ocúpase dos baixos e coros e Miguel fai vibrar a batería. O trío fórmase hai un par de anos en Santiago de Compostela, aínda que de «novatos» no panorama, teñen pouco! Con traxectoria previa en bandas como ¡Qué Desilusión! ou Skirl, Grilo «nace como o regreso de tres retirados do rock‘n’roll que decidimos volver despois de ter outros proxectos que fóramos deixando atrás por diferentes cuestións [...]. Volvemos aos escenarios máis vellos, pero tamén con máis experiencia sobre o que é ter un grupo de rock e con máis ganas que nunca despois dos nosos respectivos retiros». Dous singles e un recentemente estreado longo o confirman —longo que vén de ser anunciado como semifinalista a Mellor Álbum en Galego na presente edición dos Premios MIN— motivos máis que suficientes para charlar de todo e máis con Alberte Férnandez (baixo).
Estes tres mozos soan con forza e bravura na súa lingua nai, «aceno de identidade»; compoñen en galego, interpretan en galego, Grilo leva o galego por bandeira, tanto enriba como abaixo dos escenarios. Ademais de porque é, efectivamente, a súa lingua nai, para a banda o uso do galego nas súas composicións é algo natural, —«cremos que o mellor para compoñer é facelo na lingua na que pensas, na que desenvolves a túa vida diaria»—, confirma Alberte: «[...] o habitual nun país normal cunha lingua normal sería que as diferentes propostas musicais fosen na súa maioría na lingua propia. Por sorte, cada vez hai máis música en galego e a súa acollida é moi boa entre o público, algo que consideramos moi positivo para a normalización da lingua». Aínda así, e por enriba de todo, Grilo é consciente de que «cantar en galego na Galiza aínda significa algo máis, unha reivindicación do propio fronte aos ataques que recibe continuamente».
Grilo xorde no verán de 2018 e, no outono dese mesmo ano, debutan con Criminal (Kilker Records, 2018), single gravado por Óscar «Chichi» Fernández nos Estudios Mafia (Carballiño, Ourense), un trallazo de rock duro, sen escrúpulos, no que escoitamos influencias de Ghost ou Parkway Drive; un sinxelo que «foi lanzado como presentación do grupo, é unha canción que nos encanta, directa e potente, que habitualmente usamos para pechar os nosos concertos». O oso elegante (con gravata de lazo!) da portada daba paso a un novo asalto sonoro á escena musical galega e, apenas uns meses despois, Grilo lanzaba Rebelión (La Cúpula Music, 2019), unha peza gravada por Iago Pico en Pousada Son (Ames, A Coruña) asolagada por stoner, metal e grunge envolta na morte vestida de dama e señora. Nestes dous primeiros traballos —«moi importantes porque significan o primeiro que a xente puido escoitar de nós»— a banda fai gala de textos ácidos e críticos, letras persoais e intimistas tinguidas de rock duro e potente coas súas diferenzas e similitudes: «son cancións curtas e directas, con mensaxes claras e que consideramos que representaban moi ben o estilo de música no que nos fomos encadrando, entre o rock e o metal, con influencias do stoner e o grunge. Mentres que Criminal fala desas persoas que gobernan as nosas vidas desde o poder, Rebelión é un berro para loitar contra eles desde pequenos, empregando todo o que teñamos nas nosas mans para ser verdadeiramente libres».
O boom! da batalla sonora que Grilo andaba a argallar entre sinxelo e sinxelo chegaba o pasado decembro, cal agasallo de Papá Noel, a banda deixaba baixo a árbore as plataformas dixitais Dálle Lume (Seispés Producións Creativas, 2019), o seu esperadísimo primeiro LP. Gravado en Estudios Mafia entre outubro e decembro de 2019, Dálle Lume presenta un son máis definido e maduro, que a banda acadou logo dun ano de traballo e experimentación, dentro e fóra do estudio, un son «cru e en xeral ‘pouco producido’, que representase fielmente o noso son do directo», de feito, Alberte afirma que, ao escoitar o longo, «vai escoitar case un concerto de Grilo, e cremos que iso é positivo tanto para o disco como para os concertos». O disco recolle unha colección de cancións das que, boa parte delas, «levábamos feitas desde que comezamos e que xa tiñamos probadas en concerto», e outras máis variadas á vez que sorprendentes, como escoitamos en ‘Escravo’, «que dentro da mesma liña é unha canción máis pausada que as anteriores».
En Dalle Lume, Grilo berra letras compostas máis que para revolvernos os sentimentos, revolvernos as entrañas, letras que reflicten a actualidade que estamos a vivir tinguidas dese rock duro galego que xa os caracteriza, como resultado dun proceso creativo «non [...] demasiado difícil», segundo confesa Alberte: «tivemos a sorte de que pouco a pouco as diferentes ideas foron xurdindo nas nosas cabezas e fómolas montando no local de ensaio semana tras semana. Fluíu todo con moita normalidade; polo xeral primeiro sae a base da canción e logo incorpóraselle a letra, noutras ocasións tiñamos unha letra, como en ‘Xandre’, a adaptación que fixemos da última carta de Alexandre Bóveda, e fixémoslle unha música na que encaixase. A verdade é que estamos moi contentos con como funcionou o proceso compositivo deste primeiro disco e agardamos seguir tendo ideas para os traballos que veñan despois da presentación deste».
Unha xira presentación que se estreaba o 31 de xaneiro na Sala Capitol (Santiago de Compostela), con Pauliña como artista invitada; case (case!) un ano despois de que Grilo se subira por vez primeira a un escenario, aquel 9 de febreiro de 2019, compartindo escenario con NAO Galiza na Sala Karma (Pontevedra), banda da que, segundo lemos, Grilo é digna sucesora; relevo xeracional?: «Unha das cousas das que estamos máis contentos desde que comezamos con Grilo foi a grande acollida que houbo por parte do público e da crítica a nivel xeralizado. Nós [...] non buscamos parecernos nin identificarnos con ningunha banda en concreto, aínda que sempre gusta cando che comparan cun grupo do talle de NAO, buscamos ter o noso estilo e facernos o noso propio oco dentro da escena do rock e o metal galegos».
Seica o trío afronta o tour entre chisqueiros, mistos e, como non podía ser doutro xeito «con moitas ganas de darlle lume aos escenarios das salas e dos festivais do país. Quedamos con moi bo sabor de boca coa presentación do disco na Sala Capitol e cremos que o público tamén. O proxecto leva moitas horas de traballo detrás, tanto na preparación do disco como na do directo, que nesta xira levamos a un nivel superior, e cremos que a xente o está a valorar moi positivamente. Por iso, e tendo en conta que apenas levamos un ano dando concertos, encaramos esta xira coa ilusión de mostrar á xente o traballo que levamos feito en moitas horas de ensaio e coa expectativa de chegar ao público que aínda non nos coñeza».
No seu Spotify en concreto, Alberte escoita «moito grunge e stoner, fundamentalmente dos 90 [...] a onda na que estamos os tres neste momento e que reflicte no son de Grilo. Aínda así, teño que recoñecer que este ano non deixei de escoitar o primeiro disco de Linkin Park, si... en pleno 2020, ata o levo no coche!». Pero, en canto lle preguntamos polos seus artistas ou grupos galegos favoritos... a resposta «complícase», no bo sentido!: «Probablemente esta sexa a pregunta máis difícil de todas e a que podería ser máis longa. Actualmente estamos a vivir un momento no que hai moitísimos proxectos moi diferentes e de gran calidade, que están funcionando moi ben co público mesmo, tanto veteranos coma novos. Facer unha listaxe podería ser interminable, pero cando menos desde A banda da Loba ata APHONNIC, pasando por Rebeliom do Inframundo, Arrhythmia, Ruxe Ruxe, Monoulious DOP, Broa ou The Lelli Kellys estanse a presentar este ano verdadeiros traballazos con moitísima calidade. De seguro que hai máis que non se nos ocorreron neste momento e, lonxe de ser malo, cremos que é totalmente bo, hai tanto e tan bo onde escoller que sempre vai quedar algo atrás! Eu [Alberte] particularmente levo uns meses dándolle moita tralla ao disco Ensaio sobre o silencio de MACHINA e, desde a semana pasada, non podo sacar da cabeza o último sinxelo [12:21 (2020)]de Battosai, unha banda de grunge compostelá».