SON TRÍO: «A MÚSICA, COMO LINGUAXE UNIVERSAL, FAI QUE SEXA UN VEHÍCULO FABULOSO PARA TRANSMITIR A NOSA CULTURA»
A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello únense para facernos viaxar por unha experiencia sonora tan emotiva como conmovedora; unha rusa de corazón galego e dúas galegas namoradas da súa terra, as tres con estudos profesionais de música, conforman Son Trío, proxecto creado en Vigo hai xa tres anos «como resposta a un concurso de cancións coa letra de Rosalía», confirma Katerina Linke: «Gañei o concurso e continuei compoñendo, así naceu a idea de Son Trío. Por iso todas as iniciativas de institucións e organismos culturais de apoio aos artistas son benvidas; de aí nacen cousas belas e emblemáticas como foi o caso de ‘Negra Sombra’ tamén».
Desde 2017, Son Trío é voz, piano e cello, pero a súa afección apaixonada pola música vénlles de familia, unha arte que coñeceron, y coa que levan convivindo, desde cativas: [Katerina] «O meu pai é músico e a miña nai é coreógrafa, por iso tiven un contacto coa música desde sempre; encantábame ir ao seu traballo e aos concertos cando era pequena. Despois entrei na escola musical para estudar piano, o instrumento foi elección do meu pai, pero agora escollería o mesmo: paréceme o instrumento máis completo e versátil, cun amplísimo rexistro e posibilidades». Susanna, pola súa parte, coñeceu á familia de de corda fregada a través dun violín «xa que o meu irmán é violinista» e, como Linke, a súa melomanía é «xenética»: [Susanna] «a música tradicional coas coplas da miña avoa, a música popular coa miña nai e a chamada música culta co meu pai, que foi un grandísimo melómano».
Con melodías de clásica, jazz ou folk, o repertorio de Son Trío é integramente en galego, un recompilatorio no que, ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, o trío ofrece versións propias de cancións populares galegas; a elección, di Katerina, varía segundo o tipo de composición: «o poema ten que resoar en ti polo seu contido e ademais ter un ritmo e estrutura apropiados para poder compoñer. As cancións populares escollémolas por gusto, dámoslles unha volta para que saia unha versión que se identifique co noso son». Como adiantabamos, o fío vermello que atopamos en todas as súas pezas é a nosa lingua, o galego, que está a «rexurdir» na escena musical do país: [Susanna] «Calquera oportunidade é boa para poñer en valor e coidar a nosa lingua; a música, tratándose dunha linguaxe universal, fai que sexa un vehículo fabuloso para transmitir a nosa cultura». O concepto de rexurdimento, ese que tanto defendeu a nosa Rosalía, e a relación co idioma, «é diferente» para Katerina que, «como rusa [...] non vivín a súa ‘morte’ para poder falar de rexurdimento. Paréceme que agora hai moitos artistas e grupos que fan cancións en galego, que é algo natural se vives en Galicia; para min é un idioma como calquera outro, non teño ningún complexo nin dúbidas, e creo que usalo con naturalidade é o mellor que se pode facer por un idioma».
Tres anos de concertos, tres anos de ensaios, de experiencias, de premios... Miña Almiña (2020) comezou como un ciclo de dez cancións románticas e sensibles —de corte jazz, cunha instrumentación clásica, pero unha linguaxe musical actual— baseadas no poemario Follas Novas (1880) de Rosalía de Castro. Xunto á impecable produción de Gonso Pedrido, Son Trío acadou potenciar o seu son acústico e a interpretación emotiva que podemos desfrutar ao longo do disco, como resultado dun proceso creativo «moi instrutivo», segundo Katerina: «grazas ao traballo de noso produtor [Gonso Pedrido] fomos facendo os arranxos máis transparentes, sobrios, poñendo o foco no esencial; a verdade é que o máis difícil na música é coidar os silencios e eliminar os elementos sobrantes». De edición exclusiva e limitada, con deseño da ilustradora viguesa Laura Cochón, a edición física de Miña Almiña inclúe un libriño coas letras de Rosalía en galego, traducidas ao inglés pola poeta e tradutora Erín Moure, textos traducidos, pola súa parte, por Keith Payne e publicado por Jonathan Dunne (Small Stations Press), quen cedeu as súas traducións do poemario.
A colección de nove pezas que recolle Miña Almiña é íntima, expresiva, romántica, con harmonías contemporáneas que nos levan da man por toda unha diversidade de estilos, sorprendente e emocionante a partes iguais; poemas escritos no século XIX como se fosen escritos hoxe en día —«usamos poemas feitos que reflicten problemas actuais independentemente de cando foron escritos, e coa nosa música potenciamos a súa mensaxe»— tinguidos por unha orixinal instrumentación e un alto nivel de interpretación que Son Trío reivindica en cada uno dos seus directos: [Susanna] «O proceso de gravación implica unha escoita moito máis selectiva e provoca cambios nos arranxos e evolucións nos temas; a pretensión do disco é que sexa un espello da nosa sonoridade en directo, onde tentaremos manter a frescura e sutileza en cada concerto». Concerto a concerto, [Katerina] «fomos transformando a nosa interpretación que agora é máis íntima, honesta, suxestiva e tamén máis unida no conxunto que ao principio».
Aquel 1º Premio ‘Musicando a Rosalía’ do Concello de Vigo en 2017, o xermolo do Son Trío actual, foi o primeiro de moitos e, logo de acadar o 1º Premio Fundación Celso Emilio Ferreiro (2019) e ser finalistas nos V e VI Premios Martín Códax da Música (á terceira vai a vencida!), Miña Almiña pasou ás semifinais na categoría Mellor Álbum en Galego da presente edición dos Premios MIN; recoñecementos cos que o trío segue a abrirse camiño no panorama nacional, confesan: [Katerina] «os premios nos tempos de hoxe son principalmente plataformas para que máis xente coñeza aos artistas, polo que estamos moi agradecidas aos compañeiros músicos no caso dos Premios Martín Códax por destacar o noso traballo e tamén aos nosos fans por votarnos nos premios MIN da música independente. Aínda que é un camiño moi lento se traballas nos estilos fóra do mainstream»; mentres que para Susanna, «que se recoñeza o traballo sempre é positivo porque axuda a seguir avanzando; para min o verdadeiro premio é a acollida do público en cada concerto».
Aínda que as súas escoitas en Spotify son do máis diversas e innumerables, «desde Hindemith ata Billie Eilish! Gústanme especialmente pianistas-compositoras como Hiromi, Tori Amos, Maria Chaikovskaya, Dario Marianelli, Riuichi Sakamoto, Rafael Gualazzi», confesa Katerina, ou «desde ópera, jazz ata rock progresivo; imposible facer soamente un par de suxestións!» no caso de Susanna; á hora de escoller aos seus favoritos galegos, as dúas apostan en firme: [Katerina] «Para min persoalmente uns músicos moi interesantes son, por exemplo, Rubén Fernández, Najla Shami ou Baiuca», xunto a ‘Chorinhos e Afíns’ de Sérgio Tannus e Arturo Rúa, «un dos últimos descubrimentos» de Susanna, «e moitos outros: Xosé Miguélez, Timparrantela, Cristian Silva...».