• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CIA CAMPILLO: «NESTE MOMENTO SÍNTOME MÁIS ATREVIDA, MÁIS SEGURA E COAS IDEAS MÁIS CLARAS»

CIA CAMPILLO: «NESTE MOMENTO SÍNTOME MÁIS ATREVIDA, MÁIS SEGURA E COAS IDEAS MÁIS CLARAS»
2 MARZO 2020

Moitos anos pasaron desde que cantaba ás agachadas na súa habitación ata hoxe, cando o fai encima dun escenario. Cia Campillo canta á intimidade, poñendo voz e música a experiencias e sentimentos cos que todos podemos sentirnos identificados. Ao son de melodías indie-pop con pinceladas rockeiras, esta cantautora vén acompañada por unha guitarra, a súa banda The Small Field Band e o seu segundo, e recentemente estreado, traballo discográfico, El Poder Azul (2020).

 

Antes de dar o salto en solitario, Cia Campillo era a vocalista dunha banda de versións, unha época que ela lembra con agarimo —«cantar cancións doutros me gustaba e ségueme gustando, [pero] eu quería cantar as miñas!»— e que, sen querelo, lanzouna á súa carreira como solista: «[Quería] dar saída a historias e vivencias que tiña dentro de min e transformara en cancións; sigo sendo a mesma en esencia só que evolucionei atopando un camiño no que realmente síntome ben». Así, sobre as táboas, Cia regalábanos cancións que facían vibrar a nosa conciencia e o noso corazón construíndo, aos poucos, un castelo de naipes sobre o que a cantautora erixiu o seu primeiro traballo discográfico. Logo dun período de procura interior, Calibrando (RockCD, 2016) vía a luz despois de dous meses de crowdfunding e tan só un de gravación e edición.

 

 

 

Gravado en Bonham Studios (A Coruña), Calibrando é unha colección de dez temas íntimos de amor, desamor e amizades erradas ao son de melodías indie-pop e algo de rock. A dozura da súa voz mestúrase coa forza da súa banda, The Small Field Band —composta por Juan Folla á guitarra eléctrica, Jorge Quesada ao baixo, Anxo Seco aos teclados e guitarra e Óscar Quintans á batería— en temas como ‘Despois’ ou ‘Cometa Halley’, é nesta última onde canta a un amor que puido ser e non foi, e probablemente, volva aparecer... igual que Halley, único cometa que se pode ver a primeira ollada e quizais apareza dúas veces nunha vida humana.

 

 

 

Inspirada por «vivencias propias, alleas, afeccións, anécdotas, persoas da miña día a día», Cia Campillo lanzaba ‘’Tu Reino’ o pasado verán, un single-clip que xa predicía o poder que estaba por chegar, un poder que mostra a unha artista na súa faceta máis valente como cantante e compositora. Catro anos despois de debutar no mercado discográfico, El Poder Azul (2020) vía por fin a luz a principios do mes de febreiro, un álbum que, a diferenza de Calibrando, máis enmarcado no indie-pop con algunha pincelada de rock, este segundo traballo presenta unha mestura de temas  bailables e cancións máis evocadoras, marcadas por influencias fantástico-científicas en pezas que «xorden dun momento concreto que me proporciona unha idea ou unha mensaxe e sinto que teño que convertelo en canción».

 

Ao longo das dez cancións que recolle El Poder Azul escoitamos unha evolución que brinda, como resultado, un son máis intenso froito de «a perda de medos e o ir gañando confianza en min mesma e nas miñas cancións», e aínda que siga sendo ela, Cia confesa que «neste momento síntome máis atrevida, máis segura e coas ideas máis claras. Supoño que cada vez que se inicia unha nova etapa iníciase tamén unha reinvención dun mesmo, unha procura tratando de atopar, neste caso, un son máis fresco e potente onde as cancións flúan e crezan con respecto ás anteriores».

 

 

 

«Foi ano e medio dedicado a este proxecto», e esa dedicación escóitase en cada acorde, en cada melodía e en cada letra que compón El Poder Azul, que rompe coa imaxe de cantautora doce, amosando un estilo máis definido, tanto en letras como arranxos musicais: «Tiña claro que as cancións tiñan que ser máis evocadoras, máis frescas e máis poderosas. Xunto coa banda de músicos [...] buscamos os arranxos para conseguir romper moldes con respecto ao anterior disco; unha vez no estudo de gravación eses arranxos foron a máis da man de José Manuel Martínez (Bonham Studios), quen tamén formou parte da evolución deste traballo achegando a súa experiencia no campo da produción musical. Finalmente, conseguín o que buscaba; todo o que soaba na miña cabeza fíxose realidade neste disco». O single presentación, homónimo, trata sobre a forza interior que cada un de nós debe buscar e descubrir para atopar a nosa verdade e superar calquera situación; unha faísca musical acompañada dun videoclip, dirixido e producido por Meteorito Music, que roza a tolemia.

 

 

 

Ademais, entre disco e disco, concerto e concerto, a nova artista compuxo o tema principal da curtametraxe Candela (David F. Torrico, 2016), a banda sonora da obra teatral Veneno para Ratones (Alberto F. Prados, 2016) e, máis recentemente, Cia Campillo cantou na performance CARBÓN.NEGRO (Álvaro Caboalles, 2019), composicións e interpretacións de artista polivalente que desfruta compoñendo: «Cando me ofrecen compoñer para algo ou alguén externo a min o fronto como un reto persoal co obxectivo de transformar en cancións ou música os conceptos que se me expoñen. Estes proxectos achéganme moitas cousas a nivel profesional e persoal, ademais de axudarme a seguir crecendo como artista». Actualmente, Cia atópase inmersa en na xira presentación de El Poder Azul, que estreou cun sold out, dobrete e unha data festivalera... nin máis nin menos que no Sonorama Ribeira 2020: «Preparamos un directo potente para os festivais e o resto de concertos coa intención de que o público estea desde o minuto uno con ganas de bailar. Normalmente o directo difire das cancións tal e como as escoitamos no disco, engadindo partes sorpresa que ninguén se espera. Non vos podo contar as sorpresas que hai pero si podo dicirvos que nos concertos de presentación, gustaron moito! [risas]».

 

Dous nomes, un grupo e unha artista, son as recomendacións á galega que nos «chiva» Cia Campillo: «Deberiades coñecer e escoitar a Nortones! Grupo de rock que segue a mesma liña de M Clan cunha frescura incrible. E como non, á auténtica e xenuína SÉS! Unha galega con moita garra». As súas referencias amplíanse na súa conta de Spotify: «Ultimamente escoito moito aos grupos cos que compartín cartel en festivais, xa que a algúns non os coñecía moito e están a ser un súper descubrimento, por exemplo Triángulo Inverso, Varry Brava ou Vinte e un; tamén escoito a Mon Laferte, Morgan ou Ele, mulleres que teñen unha voz e unha sensibilidade brutal ao cantar. E os que sempre están presentes son Zahara [á que acompañará o vindeiro 3 de abril], Carmen Boza e Miss Caffeina, ademais de listas de música dos 50, 60, 70 e 80».

  noticias