• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2020

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2020
8 MARZO 2020

 

HARDBABYKATZE

Cunha traxectoria musical que viaxou por distintos xéneros, BABYKATZE ábrese paso nun proxecto minimalista de synth pop onde a compositora dá renda solta a súa potente sensibilidade a través dunha infinidade de capas electrónicas, sintes e samples onde se mesturan ritmos contundentes e zonas caóticas. Unha voz máxica baña letras intensas, arrastrándoche a un mundo onírico repleto de grandes temáticas universais, como o amor, o destino ou a dualidade do individuo. Logo de regalarnos un single-clip e un EP o ano pasado, BABYKATZE escollía o 29 de febreiro para publicar o seu novo material, HARD (2020), dous cancións de pop experimental e minimalista coas que a artista nos descobre o seu particular universo, onde a singularidade do sinxelo como astro principal.

 

 

 

 

AnexoMoito!

Quen dixo que as segundas partes non eran boas? O pasado 27 de febreiro, Moito! lanzaba Anexo (2020), segundo EP do disco Ingeniería Inversa (2019). Os catro enxeñeiros de cancións que forman este grupo indierock da Pobra do Caramiñal (A Coruña) volveron confiar no gran Paco Loco para gravar esta nova entrega, que se presenta nun sobre que se acopla á primeira, e que recolle os tres cortes que completan a outra metade dun LP co que o cuarteto galego segue a facer as delicias dos amantes do indie-pop-rock.

 

 

 

 

 

Off MeWanna Dee

Rap, hip-hop, fusión e trap conforman a banda sonora que este mozo moañés leva ofrecendo a través de singles como “‘She’s Gonna Make Me Crazy’, ‘Bonitas Lágrimas’, ‘Obsesionada’ ou ‘Rich’, cortes que, ademais, destacan por unha imaxe e estética coidadas ata o máis mínimo detalle. Coas producións impecables de Sebastian Black, Judah GT, Underclock, The Lost Beat, Slowlee ou Aggez, Wanna Dee debuta no mercado discográfico con Off Me (2020), o seu esperadísimo primeiro LP; unha colección de nove cortes que se moven entre o trap melódico, os ritmos urbanos e unhas bases instrumentais épicas compostas para esas letras que deixan pegada, que conforman unha «estrada chea de altibaixos, pero que a súa vez vai en ascendencia». Si, a espera pagou a pena.

 

 

 

 

 

O Club do Pitillo - FØ Records

O colectivo de hip-hop/trap FØ Records lanzaba a semana pasada ‘Chicane’, peza audiovisual dirixida por Álvaro Alvite e protagonizada polos rapeiros Camel B. e Goodboy XD, como derradeiro adianto do que estaría por vir... O Club do Pitillo (2020) é o mixtape debut do colectivo negreirés, xa dispoñible nas principais plataformas dixitais desde onte, venres 21. O LP recolle 12 cortes que xogan a cruzar a liña entre o irónico e o xenuíno, influenciados polo trap melódico, o delivery crú do grime e o drill británico, e mesmo notas do organ-brass e o noise trap. Con colaboracións como a do Neno Basko e O Portughés, O Club do Pitillo marca un impacto no underground do hip-hop galego.

 

 

 

 

Liberar as Arterias - SÉS

Nin un ano pasou desde daquela Rabia ao Silencio (Altafonte, 2019) e SÉS volve á carga con Liberar as Arterias (Altafonte, 2020), o seu novo traballo discográfico, sétimo xa, onde a cantareira coruñesa continúa coa exploración dos ritmos latinos percorrendo América de norte a sur, pero sen abandonar esa mensaxe combativa que a caracteriza desde o seus inicios. Ao longo dos 11 temas que recolle o LP, escoitamos a identidade de SÉS, entre a tonada íntima e persoal, e o sentir colectivo contra a opresión, os prexuízos e a intolerancia; e é que a súa voz “chega ao global desde o propio [...] coa lingua como peza fundamental”. Baixo o título, agóchase unha homenaxe á poeta e activista Luz Fandiño con parte dun verso que, ademais, a artista leva tatuado no brazo: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”. Con cancións como ‘Espiña sen rosa’ ou ‘Mafia’, SÉS rebélase “contra a xenreira”, durante un longo que ten como eixo a loita feminista, a través do seu ineludible filtro de cantareira, desa voz que é capaz de “cantar un blues como unha muiñeira”.

 

 

 

 

REALJeyson Sherlock

Desde os seus inicios, Jeyson Sherlock destacou pola súa diversidade de ritmos fusión e unha posta en escena baseada nos ritmos latinos. A mediados do pasado febreiro, o cantante e bailarín voltaba ao mercado discográfico despois de catro anos, con REAL (2020) o seu novo LP no que recolle 11 temas e un bonus track que destilan pop, rock e, sobre todo, esas influencias latinas coas que acende o escenario.

 

 

 

 

Intuition Vol. 2.0Javier Otero Neira

Logo das vibracións, veñen as intuicións... así se poderían presentar as dúas últimas entregas do novo proxecto de Javier Otero Neira para piano e música electrónica. Despois de tres décadas tocando música doutros, o pianista sorprendía en abril do ano pasado con Vibrations (Landra Music, 2019), álbum no que Otero Neira aposta por unha ducia de pezas orixinais que supoñían un “camiño máis persoal cara a súa carreira”. A mediados de febreiro, o músico e compositor destapaba Intuition Vol 2.0 (Landra Music, 2020), disco composto por catro cortes propios centrados na música experimental e desenvoltos durante meses no seu Yamaha – C3X Transacoustic.

 

 

 

 

Cello&ElectronicsMargarida Mariño

Margarida Mariño explora os límites sonoros e estéticos do violonchelo, experimentando con xéneros onde o seu instrumento no é tan común, como o jazz, a música espontánea ou a improvisación libre. Logo de colaborar co multinstrumentista ferrolán Fernando Barroso nun dos seus últimos traballos, Silence Lovers Club (2018), a compositora viguesa lanza a súa primeira aposta en solitario, Cello&Electronics (2020), un repertorio composto por oito pezas orixinais para chelo, inspirados en temas como a ecoloxía, o cambio climático ou a inmigración, utilizando pedales de efectos, voz e loops, que resultan nunhas texturas únicas e complexas orquestracións; un estilo moi persoais no que xéneros tan, aparentemente, diverxentes como o postrock, o triphop ou a música clásica vibran a unha soa voz.

 

 

 

 

On The DockMR. RIVER

Detrás dun son americano pero moi Made in Galicia, encontrase este grupo con base en Pontevedra e formado por Miguel del Río (guitarra, composicións), Santi MarSan (baixo) e Marcos Corbacho (batería). Xuntos crean o River Style, resultado dunha fusión entre o jazz, o blues, o funk, o flamenco e a música tradicional galega, unha mestura que xa se escoita en festivales jazz locais e polas principais salas galegas. Un ano despois do seu debut discográfico, a banda pontevedra publica On The Dock (2020), un novo corto gravado, mesturado e masterizado por ZoiloUnrealStudios. O EP recolle catro temas en inglés de corte blues-rock y jazz fusion, sen deixar de lado o seu propio estilo, con nome propio e de cabaleiro: River.

 

 

 

 

O Estraño Falar dun Monstro de AldeaRUXE RUXE

E xa van 12! Con máis de dúas décadas enriba dos escenarios e máis de duascentas cancións orixinais publicadas, RUXE RUXE vén de lanzar o seu último traballo discográfico, O Estraño Falar dun Monstro da Aldea (2020), gravado nos Garate Estudios (Guipúscoa) con Kaki Arkarazo aos mandos. Composto por 13 temas inéditos do puño e letra de Vituco Neira, o LP é unha nova entrega de punk-rock en galego que presenta un son aínda máis pulido e eléctrico, potente e loitador, como resultado do gran traballo de Arkarazo, quen fixo “que o novo disco soe a punk da vella escola”. En O Estraño Falar dun Monstro de Aldea escoitamos como unhas guitarras contundentes e unha percusión acompañada de ventos (gaita, harmónica, saxo) musican un discurso de amor polo país, reflexións de perspectiva vital e un trallazo de mensaxes de punk combativo. E o monstro? Pois poderiamos ser nós mesmos, o mundo, mesmo a aldea, “esas realidades que nos falan a diario pero que case nunca queremos escoitar nin entender ata que un día igual é tarde”, segundo confesa Neira.

 

 

 

 

El Poder AzulCia Campillo

O pasado 6 de febreiro, El Poder Azul (2020) de Cia Campillo estoupaba, por fin, no universo. O seu segundo e novo álbum recolle unha colección de 10 cancións profundas, unha decena de temas nos que a nova cantautora manifesta unha evolución, “aínda que sigo sendo eu mesma”, afastándose de etiquetas e poñendo especial atención na procura dun son propio. Xa dispoñible en tendas e plataformas dixitais, El Poder Azul amosa a unha Cia Campillo na súa faceta máis valente como cantante e compositora a través de melodías potentes, influencias fantástico-científicas e unha combinación de “temas bailables con cancións máis evocadoras”. Dirixido e producido por Meteorito Music, no single-clip presentación, homónimo, escoitamos unha letra do máis persoal e un vídeo que roza a tolemia experimental, inspirado na afección da artista polas películas de ciencia ficción.

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

  noticias