• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MARGARIDA MARIÑO: «CON ESTE DISCO QUERÍA DEMOSTRAR QUE O VIOLONCELLO É UN INSTRUMENTO SÚPER RICO EN MATICES»

MARGARIDA MARIÑO: «CON ESTE DISCO QUERÍA DEMOSTRAR QUE O VIOLONCELLO É UN INSTRUMENTO SÚPER RICO EN MATICES»
16 MARZO 2020

«O meu primeiro contacto co cello foi antes de comezar no consevatorio, con 7 ou 8 anos. Lémbrome de sacalo da funda por primeira vez na casa, un cello pequeniño de segunda man que conseguiran os meus pais, e a partir de aí non puiden deixar de tocar». Non só non puido deixar de tocar, es que agora o fai enriba dun escenario fronte a decenas de espectadores entregados. Margarida Mariño iniciou os seus estudos de cello no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, a súa cidade natal, onde comeza a construír a estreita relación que a une ao seu instrumento: «O violoncello é o único instrumento que podo dicir que sei tocar. Os e as que vimos do mundo da ensinanza clásica no conservatorio temos que aprender tamén, como parte da formación, uns anos de piano complementario, e nun momento dado deume tamén polo contrabaixo... pero eu só sei expresarme ben co cello».

 

 

Criada entre música, e entre músicos —«os meus irmáns maiores tamén son músicos (guitarrista, pianista e violinista) e desde pequena escoitei e empapeime tanto das súas horas de estudo no cuarto do lado como da música que escoitabamos, desde Led Zeppelin, Metallica, Radiohead ou Tool ata Arias de Mozart, de Puccini ou de Verdi»— Margarida Mariño trasládase a Barcelona para licenciarse no Conservatori Superior Liceu, época durante a a cal a artista viguesa comezou a dar as súas «primeiras notas» no ámbito das músicas improvisadas e do jazz, froito da fusión de estilos do centro e da súa curiosidade intrínseca por liberar as cordas do seu instrumento: «Cando estudiaba no conservatorio ás veces non entendía moi ben o ambiente que tiña ao meu redor; eran poucas as persoas que atopaba ás que realmente lles gustase tocar polo mero pracer de facer música xuntas. No mundo da ensinanza clásica, sobretodo nos primeiros anos, segue habendo unha estigmatización cos obxectivos, o repertorio e o nivel técnico, e moitas alumnas e alumnos céntranse niso, sen permitirse o luxo de disfrutar co que fan [...] en Barcelona atopeime cun clima totalmente distinto na escola, ao convivir varios estilos diferentes no mesmo centro xa favoreces esa fusión, e comecei pouco a pouco a romper cadeas que permitiron que me liberase como cellista cara a outros estilos que tamén escoitaba e desfruto».

 

 

Cello en man, Margarida Mariño é unha artista polivalente, cunha traxectoria, tanto a nivel individual como colectivo, alén das nosas fronteiras. Entre as súas composicións e interpretacións atópase música orixinal para curtametraxes e espectáculos, unha tarefa que, confesa, «desfruta moito facendo»: «coa música nós tamén temos que contar historias, e cando xa tes ese guión pautado, esa historia que contar, a min polo menos resúltame moito mais fácil que compoñer desde cero». Xunto a Orquestra Sinfónica Vigo 430 (OSV430), a Orquestra Ressonnance (Suíza), ou La Vía del Concerti (Italia), entre outras, Margarida Mariño leva o seu carisma por escenarios internacionales, o máis recente o pasado mes de febreiro durante a presentación do seu debut discográfico nos Países Baixos; unhas estancias das Margarida destaca «o apoio á cultura desde as institucións (públicas ou privadas)»: «nos Países Baixos, por exemplo, a xente pode pedir axuda para organizar un concerto, mesmo no seu barrio un domingo calquera, e danlla. O público ten asumido que facer algo cultural ao día é tan importante coma traballar ou facer deporte, e fanno. En xeral, sinto que a xente ten mais inquedanza de escoitar cousas novas e volver a casa tendo aprendido algo novo, do mesmo xeito que tamén aprecian moito que a música ou o músico fale e explique a súa obra durante o concerto. Saben que a cultura é un ben e está mal visto desaproveitala»

 

Hai un par de anos que Margarida Mariño embarcouse nunha aventura xunto ao multinstrumentista ferrolán Fernando Barroso naquel Silence Lovers Club (2018), unha ducia de pezas con acordes swing, jazz primitivo, aires persas ou tradición galega unidos polas cordas da mandolina e o violoncello; cordas que volveron xuntarse no último traballo discográfico de Barroso, Xograr (2020), unha experiencia que Margarida lembra con agarimo: «a música de Fernando Barroso foi para min un reto co que cada día descubro que podo facer cousas novas (como cantar e tocar ao mesmo tempo). El compón tamén a música do violoncello, despois eu fágoa miña, sobre todo nos momentos de improvisación, etc. É un traballo minucioso que está feito con moito mimo, e nos ensaios o repertorio segue vivo, sempre buscamos algunha articulación que mellore algunha cousa, ou un acorde que lle dea outra cor. Para min, traballar con esa frescura é fundamental, senón caes na monotonía do que está a facer e iso detéctao o público cando estás tocando».

 

 

 

E, con todo, Margarida Mariño decidiu voar soa, explorando os límites sonoros e estéticos do violoncello, experimentando con xéneros onde o seu instrumento non é tan común como o jazz, a música espontánea ou a improvisación libre. A compositoria viguesa lanzaba o pasado mes de febreiro a súa aposta en solitario, Cello&Electronics (2020), un repertorio composto por oito pezas orixinais para cello, inspiradas en temas como a ecoloxía, o cambio climático ou a inmigración, utilizando pedais de efectos, voz e loops, cos que crea texturas únicas e complexas orquestracións, froito dunha «liberación de cousas que tiña gardadas desde hai máis ou menos catro anos»:[con isto] non quero dicir que as pezas que soan no disco estivera catro anos escribindoas, senón que a necesidade de crear música sobre estes temas e outros, foise acumulando ata que decidín probar a lanzar este proxecto eu soa. O tema do cambio climático e a extinción de moitas especies debería preocuparnos moito mais, ainda que só sexa por egoísmo, porque aféctannos a todas e a todos, e as migracións humanas tamén, porque estamos xuntos. Con este disco tamén quería demostrar que o violoncello é un instrumento super rico en matices, ten moitas posibilidades, comezando polo rexistro, que é o que mais amplitude ten (de grave a agudo) da familia dos de corda fregada e tamén polo xogo que da o seu corpo de madeira para as percusións, texturas etc. Canto mais grande sexa o instrumento, mais xoguete temos para experimentar. De momento non podo estar mais sorprendida da acollida que está tendo o album; estou moi feliz».

 

 

Ao longo de Cello&Electronics, escoitamos un estilo moi persoal no que xéneros tan, aparentemente, diverxentes como o postrock, o triphop ou a música clásica vibran «a unha soa corda». E é que, na actualidade, existe un movemento de música instrumental de notable éxito con músicos de formación clásica que a combinan en maior our menor medida con elementos de música electrónica, de pop ou de jazz. Falamos de Hildur Guðnadóttir, Anne Müller ou Julia Kent, por nomear algunhas compañeiras chelistas, ou Nils Frahm, Olafur Arnalds, A Winged Victory for the Sullen, Max Ritcher, etc. E Margarida Mariño está entre eles! Entre o renacer da instrumentación e das formas clásicas baixo novas fórmulas que, como ela mesma afirma, «son naturais»: «os instrumentos en sí mesmos non deberían estar encorsetados ó contexto histórico de cando foron creados, penso que con calquera instrumento incluso moito máis ancestral ca o cello pódense facer cousas interesantísimas e mais coa mestizaxe cultural e o bagaxe técnico que temos hoxe en día».

 

«Son moi fan de Mounqup, Bliusvai, Trilitrate, Xabier Díaz, Os Amigos dos Músicos, Baiuca, Rar0, Xan Campos, Miguel Lamas, Abraham Cupeiro.. tamén gústame moito o último traballo das amigas de A Banda da Loba!» son as recomendacións de artistas e grupos galegos que nos dá Margarida Mariño e, «sen ningún reparo» tamén nos confesa que escoita en Spotify: «Eu escoito de todo, dende canto gregoriano ata o trap máis guarro; as miñas últimas búsquedas son: Koffee, Mayra Andrade, Rodrigo Cuevas, Terbutalina, Tyler The Creator, Masego… aínda que son máis de podcasts que de Spotify, descubro moi boa música no programa ‘Sonideros’, en Radio 3».

  noticias