• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2020

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2020
4 ABRIL 2020

 

Realismo - Xan Campos Trío

«Esperamos que sirva para entretervos un pouco nestes tempos de corentena». Deste xeito tan [su]rrealista e, agardamos, único, presentaba Xan Campos Trío o seu novo traballo discográfico o pasado 28 de marzo. Gravado por Hevi en Laboratorio Soyuz durante xullo de 2019, Realismo (2020) é unha colección de oito pezas que reafirman a valía do jazz galego con nome propio a través dunha impecable fusión de piano, contrabaixo e batería. Envolto nun artwork do máis apropiado, obra de Guillotina Estudio sobre microfotografías de Louisa Howard, a nova entrega de Xan Campos Trío profunda no «realismo» da música electrónica, a música disco, mesmo do indie jazz! que resultan en composicións frescas e actuais, afastadas das vangardas musicias.

 

 

 

 

 

Triángulo de Amor Bizarro - Triángulo de Amor Bizarro

Debutaban con Triángulo de Amor Bizarro (Mushroom Pillow, 2007) e o pasado 20 de marzo, lanzaban Triángulo de Amor Bizarro (Mushroom Pillow, 2020). Dispoñible nas principais plataformas dixitais, CD e unha edición limitada en vinilo de cor, o novo traballo discográfico de Triángulo de Amor Bizarro, quinto na súa traxectoria, recolle unha ducia de cortes que elevan o son da banda cara a cadencias máis sintéticas e escuras. Producido por Carlos Hernández e baixo un título homónimo — do revés e todo xunto ‘oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ’— que suxire un xiro de 180º, o álbum chega aos nosos oídos como continuación daquel pedazo Salve Discordia (Mushroom Pillow, 2016) e faino «directo á xugular» a través de guitarras afiadas ou filtros distorcidos e estridentes que resultan nun traballo variado, de extremos e conceptual, con letras que parten de ideas e emocións. Escoitamos pop enérxico de melodías brillantes, punk electrónico de sons sintetizados, lírica de fantasía romántica… doce temas que representan á banda boirense, que «reflicten o que somos, son o que somos, o que sentimos e o que nos importa, o que amamos e o que odiamos. Estas cancións son, máis que nunca, nós. Este discso representa a causa e o porqué da nosa dedicación a isto» Triángulo de Amor Bizarro, do revés, pero máis Triángulo que nunca.

 

 

 

 

As Catedrais Silenciadas - Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

O novo de Xabier Díaz preséntase baixo un título cal berro de alerta ante o progresivo despoboamento rural e a perda de identidade que isto implica: a desaparición da cultura que fundamenta a nosa diferencia no mundo. Composto por dez pezas, As Catedrais Silenciadas (2020) marca o terceiro traballo conxunto coas Adufeiras de Salitre, unha obra que reflicte a esencia do seu encontro, explorando os límites deste formato con aínda máis profundidade. Alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados para cantar á Galicia baleira, ás vellas carballeiras, ao idioma… a «todo o patrimonio material e inmaterial descoidado», cantos que nos animan a restauralo e utilizalo para que creza forte e prenda no peito de quen o descoñece.

 

 

 

 

 

Memoria de la Melancolía - Samuel Diz

A súa última entrega discográfica, publicada hai xai un lustro, dedicáballa a Federico García Lorca, Impresiones y Paisajes, Como El Primer Libro de Lorca(Poliédrica, 2015); agora, Samuel Diz fai o propio con María Teresa León. En Memoria de la Melancolía (2020), o guitarrista e investigador galego percorre a autobiografíoa da escritora e activista feminina a través de 15 composicións orixinais da Xeración do 27 e o exilio republicano español. Gravado na Huerta de San Vicente (Granada) coa guitarra de Lorca, o álbum foi creado a partir dos círculos e momentos vitais de María Teresa León, como resultado dun arduo traballo de campo e investigación realizado en arquivos e cidades como Madrid, Roma, Cidade de México, París ou La Habana. Unha xoia da memoria histórica, banda sonora na que Samuel Diz volve facer soar a guitarra de Lorca, xunto ao violín de Isabel Villanueva, a guitarra de Javier Riba e a vos do tenor arxentino Jonatan Alvarado.

 

 

 

 

III - Sr. Salvaje

«A sementa comezou o 1 de setembro, coa primeira reunión de equipo»… e, logo da recolleita, vía Verkami, de todos estes meses, Sr. Salvaje publicaba o froito desa colleita o pasado 12 de marzo. Gravado, producido, mesturado e masterizado por Iago Pico (NAO Galiza, RUXE RUXE, Ezetaerre, The Lákazans) en Pouland Studios,III (Rock CD, 2020) é o debut discográfico do trío; unha colección de cinco pezas directas, sen trampas nin aditivos que conectan co neno que levamos dentro  a ritmo de rock’n’roll. Espontáneos e eléctricos, en III Sr. Salvaje aposta polo hard-rock de finais dos 70, sumándose así á old new wave do rock nacional.

 

 

 

 

Azul - Marem Ladson

Azul (Mont Ventoux, 2020) é unha marabillosa colección de cinco temas que se afastan, en canto a son, do seu debut, que tiña un maior compoñente folk. Partindo da dualidade do azul —cor que na música angloxasona representa a tristeza e na hispana ten connotacións positivas— como metáfora perfecta da vida, das experiencias e das relacións persoais, Marem Ladson amosa a súa capacidade para transmitir ideas e sentimentos xeracionais dun xeito emocional, traspasando as pantallas, chegando ao corazón. Pop íntimo, coqueteos coa electrónica… o toque americano que asolagaba Marem Ladson transfórmase nun son novedoso, fresco, cheo de capas e texturas que bailan entre o pop contemporáneo, o R&B e o folk; un son que tingue letras evocadoras e conmovedoras.

 

 

 

 

 

Xograr - Fernando Barroso

«Pasará o entroido e lanzaremos Xograr, despois, a primavera...» deste xeito adiantaba Fernando Barroso a publicación do seu novo traballo discográfico, Xograr (2020), o seu terceiro longo. Gravado en formato banda xunto cos músicos Álvaro Trillo (batería), Margarida Mariño (violonchelo) e Sofía Neide (contrabaixo), Xograr é unha pequena gran homenaxe á figura do artista no tempo durante as 18 pezas nas que o multinstrumentista ferrolán contou con colaboracións como as de Hugo Guezeta (SonDaRúa), Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre ou o Grupo de Cordas da SF AAC de Coimbra (Portugal), entre outros. Acorde a acorde, escoitamos como o compositor reflexiona acerca do «propio papel do creador na nosa sociedade» a través dun son elegante e inquedo dentro da súa particular forma de ver o folk, entre o clasicismo e o world music.

 

 

 

 

Ombra - Artabe

Artabe despedía o ano pasado pechando con éxito o seu Verkami e comezaba marzo recollendo, e presentando, o froito de devandita campaña: Ombra (2020), o seu novo traballo discográfico. Producido por Manuel Cabezalí e gravado en El Lado Izquierdo (Madrid), o LP difire do seu anterior traballo, amosando un son cru e rockeiro, como resultado do formato clásico de voz, baixo, batería e dúas guitarras. Con arte de María Maquieira, en Ombra escoitamos rabia e dolor ao longo da decena de cancións que o compoñen, temas que deixan ao descuberto ao personaxe que nos fala da nosa cara oculta, o noso diaño interno que tanto nos domina, e que o cantautor ferrolán resume con dúas frases, orixinais de Leonard Cohen: «Coñécete a ti mesmo» e «Hai unha greta en todo, só así entra a luz».

 

 

 

 

Academia - Eladio y Los Seres Queridos

Neste ano, 2020, Eladio y Los Seres Queridos cumpren 15 anos enriba dos escenarios, 15 anos «cantándolle á vida e ao amor na medida da media» e celébrano con Academia” (2020), o seu novo traballo discográfico —o máis longo ata a data— con 14 novas cancións de cordas, ventos e todo aderezo instrumental gravado en casa, mantendo a autoprodución que iniciaron con Cantares (2016) e secundaron con Historias de Caza (2017). O longo, sexto xa na carreira dos vigueses, é unha oda á felicidade a través de 14 cortes que, froito dunha maceración previa de tres anos, presentan novas texturas sonoras, sen deixar de lado os medios tempos marca da casa. De edición limitada, Academia convídanos a experimentar unha viaxe extrasensorial por pasaxes honestas e intimistas dun amplo abano de estilos: do pop máis clásico ao indie máis contemporáneo, pasando polo rock, o folk e mesmo a canción de autor que revela «un latexo poético, críptico, que se agocha tralas letras; un novo, e fermoso, xeito de cantarlle á vida».

 

 

 

 

Latexo - Xosé Lois Romero & Aliboria

A súa música combina as voces ancestrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo tímbrico de bombos, pandeiros, tixolas, latas ou tambores, entre outros, interpretada con frescura e enerxía. Catro anos despois do seu debut discográfico, homónimo, Xosé Lois Romero & Aliboria veñen de presentar Latexo (Raso Estudio, 2020), o seu segundo longo de estudio no que manteñen o pulso polo tribal e o ritual á vez que renovan os códigos da nosa música tradicional. Composto por dez cancións tan próximas aos sons de transmisión oral do folclore galego dos últimos séculos, como aos sons da África máis indixenista, Latexo presenta un romanticismo harmónico e coral da música sacra xunto a esa sensación de poderío que impón o haka dosAll Blacks de Nova Zelandia. E é que se a terra late, alguén terá que facer de mediador para transformar ese son, e o combo galego formado por Xosé Lois Romero & Aliboria é o indicado para trasladar o ruxir da terra: «algo que chega desde o corazón, pero que pasa polas vísceras e convértese nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial e de estalido musica...» a 156 ppm!

 

 

 

 

A Malfalada - Pauliña

O 1 de marzo, e logo de estar ano e medio de xira percorrendo máis de 80 escenarios, nacionais e estatais, incluídos varios sold out, Pauliña volvía á carga con A Malfalada (2020), o seu segundo álbum de estudio. Gravado, producido, mesturado e masterizado polo baixista Lolo Arincón, con arranxos e dirección musical do guitarrista Paco Montoto, o disco é un recompilatorio de 10 cancións orixinais, en galego, a través das que a artista cambadesa transmite as súas inquedanzas, o seu xeito de ver o mundo, con aínda máis garra e desenvoltura. A Malfalada presenta unha Pauliña máis salvaxe e rompedora, máis loitadora e visceral; presenta «tres Pauliñas, tres diferentes e tres momentos representativos» que obedecen ao seu instinto amosando a realidade que tan ben soubo plasmar o ilustrador Jipi Duarte na marabilla de portada que envolve o traballoMentres que en De-Xeneración a de Cambados apostaba por unha fusión de country, rock e blues, en A Malfalada escoitamos unha mestura máis fresca que convida ao público a «bailar, brincar e berrar», como resposta ás inquedanzas internas de Pauliña.

 

 

 

 

A Luz Prendida - MJ Pérez

A principios de ano publicaba o derradeiro adianto pasado por auga, aquel ‘Falan de Ti’ polas rúas de Santiago de Compostela, e o 1 de marzo «acendía» o traballo ao completo. A Luz Prendida(2020) gravado, mesturado e masterizado por Iago Blanco en Drum&Roll Studios (A Coruña), é o cuarto álbum e segundo de estudio de MJ Pérez, composto por 15 temas orixinais nos que a luz é protagonista, presente de forma constante durante todo o disco. Aínda que é un traballo «en solitario», a cantautora arzuá contou coas colaboracións instrumentais e vocais de Ailén Kendelman (percusións, batería), Alberto Rama (batería), Laura Romero (baixo), Iván Bernárdez (guitarra eléctrica, baixo), Richi Casás (saxos), María Prado (trompeta), Paula López (trombón), Antonio Facal (violín), Lucía López (cello) e Sofía Espiñeiro (voces, coros), entre outros. Sobre unha esencia acústica a guitarra e voz, baixo e percusións superpóñense, envoltos polos ventos (saxo, trompeta e trombón), nun disco con toques latinos que marca un punto de inflexión na traxectoria profesional de MJ Pérez, enterrando o pasado e abrindo camiño ao futuro.

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

  noticias