• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2020

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2020
2 MAIO 2020

 

A Raíz do Pensamento - Ghaveta

«Entre cebolas» chegaba, a finais de abril A Raíz do Pensamento (2020), o novo álbum de Ghaveta logo de cinco anos de silencio discográfico. Composto por 11 pezas, entre as que escoitamos colaboracións como as de Lagharteiras ou Daniel do Pando, A Raíz do Pensamento é un traballo moi persoal e coidado, onde a música tradicional galega continúa a ser a protagonista con profundas harmonías e ritmos, como resultado dos acordes de arpa, bouzouki, guitarra, violín e percusións. Unha conxugación de corda, voz e ritmos que invitan a bailar e que procuran unha conexión directa co seu público, ata facelo completamente partícipe nos directos.

 

 

 

  

 

Belo Horizonte & É o que hai - Esposa

Pop enérxico e intimista, por partida dobre! Esposa lanzaba o 24 de abril os seus dous novos traballos baixo un «no momento en que as cousas non poden ser como queremos, temos que facelas doutra maneira»; dous EPs, Belo Horizonte (2020) e É o que hai (2020), que recollen o traballo da banda desde aquel Xardín Interior (Prenom, 2017) e documenta cambios vitais que o grupo viviu nestes últimos dous anos. Centrados nas melodías, pero achegándose a sons propios do punk ou do dream pop e aportando novidades como toques tropicais ou eléctricos, Esposa presenta letras que lembran a pop postadelescente —«non é que queiramos seguir sentíndonos novos; é que as condicións sociais non nos deixan medrar de todo»—, temas que cantan a conflitos relacionados con facerse adulto e bailan entre a preocupación e o optimismo. Producidos por Bobby G., en Belo Horizonte escoitamos catro composicións propias, unha inédita (‘Acordeón’) e tres temas reeditados, entre os que atopamos unha colaboración con Pantis; mentres que, É o que hai son catro adaptacións ao galego de The Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e The Modern Lovers.

 

 

 

 

 

 

Eterno Combate - SonDaRúa

Hai dous anos que SonDaRúa debutaba no mercado discográfico con Liberando Mentes (Galunk Produccións, 2018), o seu primeiro EP de estudio. Agora, volven á carga coa súa lírica combativa en Eterno Combate (PlayPlan, 2020), LP de 12 cortes eclécticos que plasman o estilo do grupo, un estilo que bebe da ironía, da musicalidade e da tradición popular galega. En Eterno Combate escoitamos desde rap clásico ata o rap propio dos 90, pasando polo ska e o rock, sen esquecernos dos sons máis característicos do reggae; unha argamasa de ritmos e melodías que musican letras reivindicativas, de crítica social e política. Coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas ou Ezetaerre, SonDaRúa descóbrenos un longo que, sen deixar de lado a súa esencia subversiva, presenta temáticas moi diversas, rítmicas cheas de frescura e instrumentais de gran calidade.

 

 

 

 

 

Todo Es Ficción - Chisme

Por iso, porque Todo Es Ficción (Raso Estudio, 2020), Chisme deixa atrás a experimentación formal e conceptual dos sus anteriores traballos para apostar por un rexistro que se achega máis ao «formato canción», con melodías pegadizas, sonoridades electrónicas con ecos da no-wave, new-rave ou do pop-groove espacial. Composto por unha decena de cortes, Todo Es Ficción ábrenos as portas a un repertorio non perecedoiro e minimalistamente popular que canta ao fluír dos tempos líquidos, á procura do auténtico na actualidade, onde a verdade é un concepto bastante confrontado coa especulación e a manipulación: «todo é ficción ata que se demostre o contrario». Envolto polo deseño de Nico Fryd, Chisme presenta un álbum «tan premonitorio e catódico como filosoficamente apocalíptico» que, ademais, nos guía cara a un hit ultramelódico, o afterpop.

 

 

 

 

Hortensia - Furacán

Autoproducido, gravado e mesturado por Simón L. Caldeiro, e masterizado por Simone Pietroforte en Italia, Hortensia (2020) é o debut discográfico de Furacán, grupo de rock galego de forza sete con ventos de compoñente nordés. Composto por sete furacancións, o LP presenta seis temas orixinais, de composición propia, e ‘Tira Meu’, unha adaptación ao galego do ‘Be Yourself’ dos estadounidenses Audioslave. O seu último single-clip, ‘Verdugo’, é un «alegato firme sobre a tauromaquia».

 

 

 

 

PAISAXES - Baiuca

Despedía o ano pasado con dúas colaboracións, ‘Fisterra’ con Carlangas (Novedades Carminha), e ‘Caravel’ xunto a Nita (Fuel Fandango), e agora as presenta coa cara B de cada unha delas agrupadas nun EP. Paisaxes (Raso Estudio, 2020) é o novo de Baiuca, un traballo no que o produtor galego converxe un achegamento a ritmos que van desde o reggae e folclore tropical ao flamenco e cadencias orientais, unha amálgama de sons que comparte protagonismo co dub máis psicodélico, obra do produtor El Búho, e a estrutura dinámica que propón o arxentino Uji. Con Paisaxes, Baiuca reforza un rexistro cada vez máis versátil, mantendo o equilibro sobre unha corda sonora máis transversal e polifónica: do dub ao downtempo, da canción tradicional galega a ecos de música oriental, da folktrónica ao flamenco.

 

 

 

 

Terra - Daniel Minimalia

O pasado outono florecía a súa primeira composición con letra, tamén escrita por el; unha ‘Flor de Leyenda’ onde tivemos a oportunidade de desfrutar do acople dos acordes da súa guitarra e a voz de Esmeralda Grao. Era un sorprendente adianto do que estaba colleitando entre as cordas do seu instrumento. Daniel Minimalia presenta Terra (2020), o seu novo traballo discográfico, onde o guitarrista ourensán segue a explorar novos sons afastados do comercial e o predicible, arriscando con propostas cargadas de emoción e sentimento. Gravado entre España, Estados Unidos e Venezuela baixo a produción de Raniero Palm, gañador de dous Grammy Latino, Terra está composto por nove pezas nas que Minimalia envorca a súa arte tan persoal coa guitarra en composicións eclécticas co obxectivo de crear ambientes sonoros ricos e orixinais. O clip de ‘Taurus’, corte que abre o disco, foi gravado en directo na Sala Clamores (Madrid).

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

  noticias