• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVIDADES CORENTUNES. VOL. IV

NOVIDADES CORENTUNES. Vol. IV
15 MAIO 2020

Aos poucos, imos dándolle a benvida á «nova normalidade» e, como desde os comezos, aí seguen, acompañándonos fase a fase.

 

Centrifugando no Curral - A banda da Loba

Froito do experimento que ABDL realizou durante a corentena, #CanciónEnManda, que pon en valor todo o aprendido en confinamento, «das cousas importantes e das que non o son tanto, dos beneficios de parar e escoitar[se] e, por riba de todo, da necesidade de saír á leira a ouvear».

 

 

 

Illados - Chamaquito Pistolas

Catorce días despois de declararse o estado de alarma, Chamaquito Pistolas participaba no Illote, festival en streaming onde estreou o tema ao vivo, composto ese mesmo día! O clip que o acompaña, gravado e editado por Lorena García Álvarez, saíu pouco despois.

 

 

 

Ida y Vuelta - Tincho Fernán

O cantautor uruguaio segue a compartir o seu pop mestizo, colorista e comprometido… aínda en confinamento. Orixalmente, ‘Ida y Vuelta’ foi gravada hai dez anos co grupo Maloserá, proxecto previo de Fernán, pero «nunca viu a verdadeira luz» ata o pasado 8 de maio, cando saltou ás dixitais cun vídeo interpretado por lingua de signos; un exemplo máis de «unión, de quebrar esas barreiras, de saltar todos á vez para mover o mundo, de tender pontes imaxinarias e transoceánicas»  e todo desde casa!

 

 

 

Muiñeiras do Cuarto Baleiro - Andrés Penabad

Conexión Galicia-Arxentina a ritmo de acordeón e bouzouki.

 

 

 

#YamahaLiveFromHome - Javier Otero Neira

Sesión a piano parte da serie #YamahaLiveFromHome, iniciativa da marca alemana, e na que o pianista galego fai gala da súa fusión de música clásica e moderna fronte ás teclas.

 

 

 

La Mentira - Alfonso Medela ft. Diana Tarín

Galicia e Cuba únense para deleitarnos con este bolero gravado en confinamento.

 

 

 

‘Ata Sempre’ Desde O Balcón - Susana Seivane

Desde o primeiro día ata o derradeiro, ás 20.00 h, Susana Seivane saía ao seu balcón coa súa gaita e os seus pequenos gran acompañantes, amenizándonos a corentena coa súa foliada.

 

 

 

Valxe - Os d’Abaixo

Logo de estrealo «en solitario» a principios de abril, a banda fixo un chamamento polas redes sociais a todas aquelas persoas que quixeran se gravasen bailando o valse para despois compartir os pequenos clips dun xeito especial. O resultado é un orixinal videoclip montado por Sonia García coas capturas das máis de 200 persoas que participaron, desde Francia ata Chile pasando por Estados Unidos, en parella, co can, coas crianzas…

 

 

 

Deus - 2naFronteira

Desde casa, Penim ponlle voz a ‘Deus’, poema de Carvalho Calero, nesta homenaxe audiovisual co gallo do Día das Letras Galegas 2020.

 

 

 

Espello de Auga - Xan Campos Trío

Canción palíndroma… soa igual do dereito que do revés! e con vídeo a proba de COVID-19.

 

 

 

Rairiz - Coanhadeira

Segundo single-clip adianto (caseiro!) do vindeiro traballo de Coanhadeira, 7273, que, debido á crise sanitaria, «terá que esperar un pouquiño».

 

 

 

 Jazz & Rumbo - Roger de Flor

Pequena improvisación a guitarra e voz dedicada a uns paxariños que, como el, pronto voarán libres.

 

 

 

 Jano - Abe Rábade ft. Rale Mimic

O pianista e compositor estrea Dual LauD, unha serie coa que quere celebrar a amizade e o talento de músicos que admira. Como un diálogo de músico a músico e instrumento a instrumento, a primera entrega é xunto ao guitarrista serbio Rale Mimic.

 

 

 

Aeropuertos y Carreteras - Maldito Murphy

Se a semana pasada revisaban un tema do seu álbum debut, No éramos tan ciegos (2017), esta estrean en primicia unha canción que estará incluída no seu novo disco.

 

 

 

 Desordenada Habitación - Cora Velasco

Versión a dúo con Nico Rodríguez deste temazo de Antonio Vega como homenaxe no aniversario da súa mortem, hai xa 11 anos.

 

 

 

Acústico - Deleiba ft. Leo Mosqueira

«Sorpresiña» en acústico dun tema inédito da banda… cun pequeno gran colaborador  na parte vocal!

 

 

 

 Diario - Adán Jorge

Unha nova composición a guitarra e voz do cantautor lucense que, desta vez, retrata unha rutina válida para a pre-, durante e post- COVID-19.

 

 

 

 

Insomnio - Xoel López

Nova entrega de Serie Telemática, proxecto de Maral Kekejian e Xoel López, recollida na madrugada do 8 de maio e con vídeo inspirado nos screen tests de Andy Warhol gravados entre 1964 e 1965 en The Factory.

 

 

 

Cando Xa Non Te Ame - José Carballido Khitara

Carballido canta a Carvalho Calero, autor galardoado este Día das Letras Galegas 2020; desta vez, os riffs da súa guitarra están acompañados polo solo da de Pakolas.

 

 

 

A Fala - Uxía

Xunto a Faia Díaz (De VACAS) e Tanxugueiras, Uxía y Sérgio Tannus musican este poema de Manuel María como parte da celebración do Día das Letras Galegas que organiza a plataforma Queremos Galego.

 

 

 

ETIQUETAS

  noticias