• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CHISME: «A MÚSICA TEN ESPECIAIS DOTES PARA FALAR DA VERDADE, ENCHE OS ESPAZOS SEN XUÍZOS»

CHISME: «A MÚSICA TEN ESPECIAIS DOTES PARA FALAR DA VERDADE, ENCHE OS ESPAZOS SEN XUÍZOS»
18 MAIO 2020

Chisme... Que é chisme? Quen é chisme? Como soa un chisme? Chisme é o álter ego musical de Fernando Epelde (Raposo, Modulok Trio), un dificilmente clasificable. Con inspiración grime, hip-hop e electrónica, Chisme ofrece creacións sonoras que comezan no sampling e veñen envoltas por un forte compoñente visual nos directos, xogando con gravacións domésticas, psicodelia de dormitorio e sons urbanos ata chegar a unha música experimental, incidental e sonoridades electrónicas varias.

 

Con tres referencias no mercado, Chisme lanza agora Todo Es Ficción (Raso Estudio, 2020), unha colección de dez pezas que, sen deixar de lado a neurose explosiva, o retrato xeracional posapocalíptico, ou a paranoia expansiva, ofrece unha pegada pop de melodías pegadizas con chiscos electrónicos que nos convida a cuestionar a realidade.

 

Chisme, álter ego de Fernando Epelde, presentábase como unha proposta musical incatalogable, con pinceladas de grime, hip-hop e electrónica. Como definirías este proxecto musical? Que diferencias hai con outros dos teu álter ego, como Raposo?

Chisme: «Raposo era unha proposta que naceu no medio de moitos proxectos de bandas nas que participaba. Daquela precisaba ter un espazo para as cancións que, por persoais ou diferentes, eu non sentía que tiveran cabida nun repertorio común. Para min, un grupo é un proxecto conxunto e, moitas veces, o letrista confronta a situación de ter que falar na voz de varias persoas.

Pola contra, Chisme é un proxecto unipersoal, por veces máis conceptual, froito do tardocapitalismo no que as bandas son demasiado caras para manterse».

 

Ademais de compositor, músico e intérprete, es dramaturgo, un labor polo que recibiches recoñecementos, nacionais e internacionais. De que xeito se complementan, ou retroalimentan, estas dúas facetas? Que hai do Epelde que escribe para teatro no Chisme que escribe cancións e viceversa? Inflúe a túa experiencia nas artes escénicas na posta en escena dos teus directos?

Chisme: «Penso que non demasiado, que é máis ben ao revés. Na miña formación sempre estivo primeiro a música, teño moitas máis ferramentas neste campo. Tamén é a música a miña principal ocupación no mundo do teatro; adoro traballar o espazo e a banda sonora.

Considero as miñas outras ocupacións algo anecdóticas, a verdade, quizais, por todo isto, sempre houbo nas miñas cancións un certo rexeitamento do «eu», son capaz de formular temas moito máis complexos con moitas menos pinceladas. Pola contra, o meu teatro é moi persoal, sempre remato falando de min mesmo e explorándome de xeito moi directo.

Ás veces non me aturo nin eu[risos]».

 

En Berlín, cidade aberta célebre pola súa vangarda e ampla oferta cultural, naceron moitas das túas composicións. De que xeito inflúe o teu contorno, a mudanza a unha capital europea á hora de compoñer? Que diferenzas ou similitudes notas, por exemplo, nos directos, na acollida por parte do público?

Chisme: «No meu caso, a influencia do contorno é absoluta, teño que coidar moitísimo este aspecto. A influencia de Berlín foi moi positiva, alí aprendín que soamente os creadores de «hits comerciais» tratan ao público como «público». En Berlín entendín o valor de seguir até o final o impulso de proxectar todo aquilo que escoitas dentro da túa cabeza e dialogar con oíntes inesperados. Porque eses oíntes sempre rematan por aparecer nesa cidade; alí todos somos eses oíntes».

 

Chisme debutaba con CHISME#1 (2017), unha «posta en escena inicial que xogaba coas premisas estéticas do proxecto», cargado de rap doméstico e psicodelia-jazzy. Composto por 10 cortes que van da tolemia ao surrealismo, CHISME#1 é unha colección de gravacións de campo e samples que destilan retranca, sorna e noise, cun ton provocador e descarado que conta historias fascinantes, caos e textos desconcertantes. Chisme rende homenaxe ás señoras e os centros comerciais do seu Ourense natal; fai unha versión de ‘Suo Gân’, arrolo incluído na BSO de O imperio do sol (Steven Spielberg, 1987), e escribe unha carta de «amor» a Volkswagen. Inspirado nun fragmento de Leer con niños (Santiago Alba Rico, 2007), ‘San Polirgasio’ foi o single-clip presentación, gravado por Aïda Gómez en Enschede (Holanda).

 

 

 

Baixo o título de Alcàsser92 (2017), o artista despedía o ano da súa estrea cun EP inspirado no tráxico suceso. Se temos en conta o contexto, escoitamos cinco pezas cunha mestura de humor negro, cinismo e noxo a partes iguais. Alcàsser92 está composto a partir dun arquivo sonoro coidadosamente seleccionado sobre o que Chisme crea unha especie de «cápsula do tempo resumida pero relevante», como banda sonora ao nacemento do telelixo en España. Ecos de hip-hop con extras de surrealismo comparten pista cunha «narrativa, provocación, apego á realidade, inmediatez e modestia» cortesía da casa.

 

Meses despois de debutar no mercado discográfico con CHISME#1 (2017), lanzas Alcàsser92 (2017), colección de cinco cancións plantexadas como unha reconstrución histórica do crime. Que empurrou a Chisme a facer unha revisión sonora dos feitos? É esta investigación poética do crime un chisco ao papel dos medios de comunicación antes, durante e despois da investigación?

Chisme: «Definitivamente si. A idea de Alcàsser92 xorde un ano antes, en 2016, cando empezamos a cocernos no caldo de cultivo da posverdade e o cuestionamento dos medios. Por iso, o disco non fala tanto do crime, senón do seu tratamento. É un disco «meta» sobre a memoria e o papel dos medios na presentación da información que se complementaba cun espectáculo en directo. Algo diso chega tamén ao disco que ando a presentar agora, Todo es ficción; sigo algo obsesionado co tema… teño que parar».

 

 

 

Como un salto da vangarda ao antipop, Chisme presentaba o seu terceiro disco, Médium (Raso Estudio, 2019). Gravado e producido polo propio Epelde entre Porto, Perú e Berlín, personaxes como Cicciolina, Maya Angelou o Marcelino Champagnat comparten protagonismo con convulsións aleatorias, arranques paranoicos, ecos da memoria dun bot... unha decena de cortes nos que Chisme «non rexe, senón que exerce de médium». Cunhas letras «que se volven do revés como calcetíns» e unha memoria «desdicíndose, mentíndose, desvanecéndose», neste LP Chisme fai gala desa ironía que, aínda que poida parecer cruel, é piadosa e nihilista. O labirinto que é Médium, divertido, accesible, inexacto e agresivo, pasou polo XVI Festival de Cans e o 33 Festival Noroeste Estrella Galicia, entre outros.

 

O ano pasado abrías Médium (Raso Estudio, 2019) con ‘Memories (John Mekas)’, tema que era o limiar a un labirinto de lembranzas, co sampler hipnótico do director de cine lituano Jonas Mekas, que recolleu a súa vida enteira coa cámara, no que opón realidade a memoria: “these are not memories: this is all real”, “memories are gone, but the images are here, and they are real!”. É iso o que che moveu a escoller o tema da memoria? É coa súa fraxilidade outra forma de ficción? 

Chisme: «Médium fala sobre a memoria, si; e decidín abrir con Mekas porque o compendio da súa obra paréceme o exercicio documental máis ambicioso xamais realizado por un cineasta, que demostra que ningún documento ten, ao final, nada de real. Sempre que hai selección, falamos de ficción. E sempre hai selección, non pode ser doutro modo».

 

 

 

Qué diferencias, musicalmente falando, hai entre Médium e os dous discos anteriores?

Chisme: «Médium foi un lixeiro achegamento ao formato canción e tamén unha apertura no repertorio de Chisme a temas algo máis persoais, aínda que non nun sentido literal. Non podo dicir que sexan cancións sobre o amor, a xuventude, a morte... pero si que aparecen eses asuntos colateralmente a través dunha galería de voces icónicas que eu considero que quedaron fixas na miña retina: Cicciolina, Maya Angelou... a aposta era que todas elas falaran por min, relegándome ao papel de médium ou receptor/emisor das súas palabras».

 

 

 

Porque Todo Es Ficción (Raso Estudio, 2020), Chisme deixa atrás a experimentación formal e conceptual dos sus anteriores traballos para apostar por un rexistro que se achega máis ao «formato canción», con melodías pegadizas, sonoridades electrónicas con ecos da no-wave, new-rave ou do pop-groove espacial. Composto por unha decena de cortes, Todo Es Ficción ábrenos as portas a un repertorio non perecedoiro e minimalistamente popular que canta ao fluír dos tempos líquidos, á procura do auténtico na actualidade, onde a verdade é un concepto bastante confrontado coa especulación e a manipulación: «todo é ficción ata que se demostre o contrario». Envolto polo deseño de Nico Fryd, Chisme entrega un álbum «tan premonitorio e catódico como filosoficamente apocalíptico» que, ademais, nos guía cara a un hit ultramelódico, o afterpop».

 

Vés de publicar Todo Es Ficción (Raso Estudio, 2020). Nunha época de posverdade, de fake news, «todo é ficción ata que se demostre o contrario»?

Chisme: «Penso que todo é ficción sempre. Construímos ou constrúen o que habitamos; creo que estamos nun deses momentos históricos no que resulta evidente que o posuidor do relato posúe o poder. Pero esa idea planea no disco malia que non é unha colección de cancións explicitamente políticas. É moito máis sinxelo que todo iso».

 

Memoria, ficción, realidade... Diríase que o teu traballo xira arredor dun concepto de verdade que é máis difuso do que nos gusta pensar, é así?

Chisme: «Eu non creo na verdade, é certo; e ademais teño un pouco de medo da xente que si cre, pero penso que quizais sexa o tema máis importante que atopei na miña carreira, por iso esta etapa estase a prolongar tanto.

A busca da verdade é un tema fascinante, sobre todo para a arte e, aínda máis, para as artes vivas, nas que facemos constantemente «maquetas» ou dispositivos para achegarnos á realidade.

Tamén penso que a música ten especiais dotes para falar da verdade porque tampouco é tanxible e acostuma a encher os espazos sen xuízos. Teño a sensación de que a palabra, a escena e, sobre todo, a imaxe, son moito máis manipuladores e manipulables. Non sei por que».

 

 

 

A diferenza dos teus traballos anteriores, Todo Es Ficción destaca por un rexistro que se achega máis ao que entendemos como «formato-canción». Que hai detrás desta volta de torca? Estamos ante un Chisme… mainstream?

Chisme: «[Risos]Penso que non tanto, non? O que aconteceu é que Todo Es Ficción xorde dunha maneira moi diferente aos demais discos que fixen. Por razóns de traballo quedei varado en Madrid todo o verán e empecei a ir ao local dun modo parecido a cando ía a ensaiar coas bandas. Así que foron xurdindo as cancións de maneira máis «convencional», tocando por pracer, facendo algunha jam con algún outro músico... xa sabes.

O disco tamén ten unha instrumentación máis natural: hai guitarras... algunhas caixas de verdade… É un traballo moito máis de atopar que de ir a pescar. Non sei se me explico!».

 

En Todo Es Ficción escoitamos melodías pegadizas, sonoridades electrónicas con ecos da no-wave, new-rave ou pop-groove espacial. Como foi o proceso creativo? Que vai primeiro as letras ou a música?

Chisme: «Cada vez é diferente. Cando estaba mergullado na composición de Todo Es Ficción andaba elaborando bandas e espazos sonoros para teatro; eran traballos moi ambientais, moi absorbentes. Así que penso que tiña moi cubertas as miñas necesidades de sonoridades que apuntaban nesa dirección, por iso quizás este disco é moito máis directo. Cando chegaba ao local non tiña máis que ganas de cantar e de bailar… non sei cando vai a volver a acontecer isto, a verdade [risos]».

 

Os Irmáns Grimm, San Pablo, Maquiavelo, Two Men de Dobson ou Boy With Drawing de Caroto son obras que escollestes, para logo distorsionar, como portadas dalgúns singles incluídos en Todo Es Ficción. Foron estas personaxes e obras fonte de inspiración para os temas?

Chisme: «Ben, cando estou escribindo teño na mesa mogollón de cousas, moitas son inconfesables, ridículas, abstractas, ilegais... de todo. Penso que todo ese material acaba contido literalmente na música, polo menos eu podo escoitalo. Neste caso había moitos cadros, si; ao principio parecían aleatoriedades, pero ao final, cando fixen inventario, a visión da posverdade de Maquiavelo, a fraudulenta empresa de San Pablo ou ese Boy With Drawing que é a primeira manifestación artística na que aparece o debuxo dun neno —un neno psicoloxicamente enfermo, ademais)—axudáronme moito para encontrar a orde e a liña do máster final do disco».

 

 

 

Ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, sen compromiso e con todo o noso agarimo, como estás a afrontar a situación? Que che parece a iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais?

Chisme: «Sigo pensando sobre isto, a verdade; cústame ter unha idea clara. Estiven a piques de animarme a facer algún concerto online pero tiven algúns encontros públicos en streaming e rematei con sentimentos encontrados. Por outro lado, estou gozando moitísimo do traballo dalgúns artistas que ofrecen concertos na rede, non o podo negar. Non paro de ver lives na casa, axúdanme a quitarme o mono. 

Gustaríame ter unha resposta máis axustada pero, de momento penso como Paul B. Preciado, que non está mal calar se non sabemos o que dicir.

O que si creo é que teño unha bendición, atópome moi ben só. Poño un disco, abro un libro e podo viaxar a onde me dea a gana. Confío en que, como sociedade, aprendamos a valorar máis iso; que saibamos ensinarlles aos máis novos a estar ben sós, a estar a gusto».

 

Seguindo a tradición (e a curiosidade!) despedímonos coas recomendacións dos artistas e grupos galegos favoritos de Chisme e os seus top en Spotify.

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Chisme: «Xa as coñeces: Mounqup, Baiuca, Sen Senra... pero sobre todo ELBA; teño moitísima curiosidade por escoitar máis dela».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.

Chisme: «Agora mesmo a miña conta de Spoti bota lume; hai moita música para estar animado na casa... e para facer aerobic! Clipping, Yaeji, C. Tangana, Bad Gyal, a banda sonora de Uncut Diamonds, FKA Twigs, algún tema de J. Balvin, Jennifer Vanilla, Vince Staples, Nicki Minaj, Jamie XX, Mica Levi, Manu Louis, JPEGMafia, Princess Nokia, Battles, Show Me The Body, Equiknoxx, Doja Cat, Richard Swift, Doon Kanda, Nicolas Jaar, Pom Poko... e moitísimo Leonard Cohen —é o que utilizo para as sesións esas de aerobic—».

 

  noticias