XABIER DÍAZ E FERNANDO BARROSO NO CELTIC CONNECTIONS DE GLASGOW
Os músicos galegos Xabier Díaz e Fernando Barroso actúan hoxe xoves e mañá venres no festival Celtic Connections de Glasgow como integrantes dos dous espectáculos cos que se pechará NeXo, o laboratorio creativo promovido pola Xunta de Galicia, o British Council e o Wales Arts Internacional para impulsar o intercambio entre as músicas de raíz atlántica de Europa e Latinoamérica.
O evento escocés, considerado un dos festivais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito da música celta, foi o escenario elixido para compartir co público os froitos de NeXo. A iniciativa arrancou o pasado mes de novembro cunha residencia artística en Bos Aires na que participaron nove músicos de cinco territorios atlánticos: Galicia, Escocia, Gales, Arxentina e Uruguai. Durante esta convivencia creativa, afondouse na identidade cultural destes países a través dun frutífero diálogo entre as súas respectivas tradicións e linguaxes musicais.
Repertorio
Este intercambio deu lugar, así mesmo, ao repertorio que se amosará hoxe no Glasgow Royal Concert Hall e o venres no Old Fruitmarket da mesma cidade. Nel inclúense desde temas vocais ata danza, pasando por pezas de fusión entre os xéneros tradicionais de cada territorio, interpretacións instrumentais e versións contemporáneas de clásicos do folclore europeo e latinoamericano. Como anticipo destes dous espectáculos, os nove músicos de NeXo ofreceron o mércores un recital diante de 2.000 escolares.
Ademais da implicación do British Council, o Wales Arts International e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o programa conta tamén coa colaboración de Creative Scotland e a Fundación SGAE.
A dirección artística de NeXo corre a cargo de Donald Shaw (Reino Unido), Fer Isella (Latinoamérica) e Rómulo Sanjurjo (Galicia), recoñecidos músicos e produtores, mentres que a produción xeral é de JAU, empresa con sedes na Coruña e Bos Aires.
Músicos
Respecto dos músicos, Galicia está representada por Fernando Barroso e Xabier Díaz. Barroso (guitarra e bouzouki) participa en numerosos proxectos do panorama folk de Galicia. Foi membro de Os Cempés e Assembly Point. Forma parte das bandas de Budiño e Riobó e ten producido diferentes traballos, tanto en solitario como co portugués Luis Peixoto, como ‘Pop’ e ‘Trim’, moi recoñecidos pola crítica en España e Portugal. Actualmente ultima un novo disco en solitario.
Pola súa banda, Xabier Díaz (voz e percusión tradicional) compaxina a súa faceta de músico coa investigación do folclore galego. Foi cantante en Nova Galega de Danza e formou parte do grupo Berrogüeto, co que obtivo varios premios. Acaba de presentar ‘The Tambourine Man’, un ambicioso traballo de fusión de tradición e vangarda, con doce cantoras e percusionistas e un set de acordeón e zanfona.
Os artistas dos demais territorios son tamén destacados representantes da música tradicional e de fusión nos seus respectivos contornos culturais. Desde Arxentina participan Fabián Martin (baixo) e María Elía (voz e piano). Por parte de Escocia integran NeXo Finlay MacDonald (gaita e frautas) e Megan Henderson (voz e violín). De Uruguai procede Fabián Miodownik (percusión) e representando a Gales, Jordan Williams (voz e frautas) e Gwilym Rhys (voz, guitarra e mandolina).