• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

WANNA DEE: «UN DISCO PARA MÍN É COMO A VIDA MESMA, UNHA ÉPOCA, UNHAS VIVENCIAS; TEN QUE XURDIR»

WANNA DEE: «UN DISCO PARA MÍN É COMO A VIDA MESMA, UNHA ÉPOCA, UNHAS VIVENCIAS; TEN QUE XURDIR»
1 XUÑO 2020

Media vida de influencias R&B, soul, bolero, funk, reggae e hip-hop resultan nunha mestizaxe con nome propio. Wanna Dee irrompía como artista revelación no panorama musical galego hai xa catro anos con ‘Espiral’, single-clip froito do traballo en equipo de artistas e achegados á canle do seu colectivo, Original Haters. Rap, hip-hop, fusión e trap conforman a banda sonora que este mozo moañés comezou ofrecendo a través de singles como ‘She’s Gonna Make Me Crazy’, ‘Bonitas Lágrimas’, ‘Obsesionada’ ou ‘Rich’, pílulas sonoras que, ademais, destacan por unha imaxe e estética coidadas ata o máis mínimo detalle.

 

Todos e cada un deles serviron como carta de presentación previa ao o que Wanna Dee, logo de meses de esforzo e dedicación, presentaba o pasado febreiro,  Off Me (2020), o seu LP debut, unha colección de nove cortes que se moven entre o trap melódico, os ritmos urbanos e unhas bases instrumentais épicas, compostas para esas letras que deixan pegada, de reencontros, de despedidas, de desamor.

 

Wanna Dee, artista multidisciplinar, afastado de toda etiqueta e creador dunha mestizaxe singular. Como definirías ti este proxecto musical?

Wanna Dee: «Resúltame complicado de definir, gústame máis a libre interpretación de cada persoa que me escoite, pero Wanna Dee podemos dicir que define os sentimentos máis extremos dun mesmo. De todas formas é un proceso evolutivo, de cambio, autocoñecemento e aprendizaxe.Como a vida mesma non? Son súper fan da evolución musical, de non encasillarse».

 

Con máis de media vida bebendo do R&B, soul, bolero, funk, reggae ou hip-hop, non é ata 2016 cando o teu talento sae a luz. Quen se agocha detrás da decisión de dar ese salto?

Wanna Dee: «Para min foi una necesidade tanto artística como persoal, tanto propia como do meu colectivo. Foi una necesidade, sen dúbida, necesidade de desenvolvemento artístico que segue presente, non o podo evitar, para min é inevitable seguir coñecendo música e seguir coñecéndome a través dela».

 

 

 

Desde os inicios, os teus singles veñen acompañados duns videoclips que destacan pola súa impecable fotografía e coidada produción. Como é o proceso de traducir as letras e a música a imaxes en movemento? Tes algún referente cinematográfico ou videográfico no que basearte á hora de idear os clips?

Wanna Dee: «Alégrome e agradezco de que o vexades así. Realmente, os únicos que teñen formación académica neste ámbito son os filmmakers cos que traballo; o resto son as miñas inquedanzas, ás veces con axuda dos meus. Procuro consumir moitos videoclips e tomar referencias, tamén vexo moitos documentais de todo tipo, series e películas como calquera… a diferencia é que teño que sacarlle proveito, fixarme nas cores, nos estilismos, etc.

Como non teño formación neste ámbito, a suplo poñéndome horas diante do ordenador para escribir como quero convertir as miñas letras en imaxes, guionizando todo, pensando os planos, pensando os estilismos, as luces, o atrezzo, mesmo os efectos se os hai; referencialo todo da mellor maneira que podo, e de aí…a traballar!

Plasmar, corrixir, cinguirse o mellor posible as nosas posibilidades…é moi fácil pensar nunha superprodución, pero é preciso ter os pés na terra e saber cales son os nosos límites.

E, por suposto, sen Irene Paz e Gabi Yoldi (maquillaxe), Andrés Hermelo, Yago Kobain e Victor Osado (cámaras), este proxecto non sería quen de acadar a calidade que teñen os videoclips, cada persoa pon o seu ladrillo para construir isto».

 

 

 

Bonitas Lágrimas’, ‘Noay’, ‘Honey’, ‘La Verdad’ ou ‘Night Raven’ son algúns cortes que transmiten sensacións de dor, decepción ou sufrimento. En que, ou quen, se inspira Wanna Dee á hora de compoñer? Reflicte Ivo nas súas letras o que realmente sinte, canto hai de autobiográfico nelas?

Wanna Dee: «Xeralmente, en cada letra hay una parte de realidade e una parte de ficción, xa sea una vivencia propia ou de alguén do meu entorno; calquera persoa que me rodee pode formar parte dunha das miñas cancións sin sabelo! Podo inspirarme nunha situación que vexo na rúa, nun bar, etc., e despois desenvolver toda a historia. Aínda que, por exemplo, Off Me é bastante autobiográfico, grazas a Deus hai unha porcentaxe de ficción [risos]».

 

 

 

Normalmente, lemos o teu nome acompañado de Judah GT ou Sebastian Black, que tal está a ser a experiencia de telos a eles na produción, como é traballar con eles?

Wanna Dee: «Sebastian Black é o meu amigo desde hai 15 anos practicamente e, aínda que temos influencias bastante diferentes, normalmente conseguimos mimetizar as nosas creacións e facer una mestura homoxénea. Xandre é una persoa moi perfeccionista nas súas creacións (por dicilo dalgunha maneira) guíase mais ‘polo libro’, que todo teña una coherencia e cumpra todos os requisitos…eu bótolle una ollada a ese ‘libro’, pero gústame máis a imperfección, a imperfección pode dar ese sentimento que lle falta a ese ‘libro’, por exemplo, podo chegar a obsesionarme con non querer cambiar unha toma que non é perfecta, só porque lle atopo ese feeling. Creo que as nosas diferencias son as responsables do noso sonido.

Judah [GT] foi o encargado de crear a mezcla e o master final do disco, ademais da instrumental de ‘Night Raven’, aínda que practicamente temos a misma idade, sempre foi un referente, un artista que sempre foi vangarda, adiantado ao seu tempo; que formase parte deste proxecto é un orgullo».

 

 

 

Coas producións impecables de Sebastian Black, Judah GT, Underclock, The Lost Beat, Slowlee ou Aggez, Wanna Dee debutaba no mercado discográfico con Off Me (2020), o seu esperadísimo primeiro LP no que se aprecian as súas influencias, desde o R&B e dancehall ata ecos de ritmos latinos, pasando polo trap de Atlanta ou o hip-hop club de Toronto. En Off Me somos testemuñas de como o galego fai de ritmos urbanos e bases instrumentales épicas un baile para esas letras que deixan pegada, que conforman unha «estrada chea de altibaixos, pero que a súa vez vai en ascendencia».

 

Por fin, o pasado 21 de febreiro, puidemos desfrutar de Off Me (2020), o teu primeiro longo, composto por nove cortes que semellan un trance emocional. Como foi o proceso creativo?

Wanna Dee: «[…] Realmente foi máis longo do que se podería pensar, xa que houbo moitos descartes, probas e modificacións para acadar a esencia. Ao final, logo de compoñer para adiante, decidín que xa era hora de darlle forma e sentido, buscar unha coherencia, que todo fose seguindo unha liña; unha obra con introdución, nó e desenlace, por dicilo dalgunha maneira. Despois desta decisión foron xurdindo máis temas que conseguiron pechar o círculo que compón o disco, outros quedaron no camiño porque non tiña sentido rematalos para incluilos [no disco].

Hai temas aos que lle dimos moitas voltas ata acadar o que realmente estabamos buscando, puíronse e finalmente aí están, como por exemplo o tema de ‘Noay’, ao que gardo especial agarimo. Non sei, un disco para min é como a vida mesma, unha época, unhas vivencias, ten que xurdir, a miña forma de facer música pídeme que sexa así, non podería forzalo».

 

 

 

En Off Me escoitamos dancehall, R&B, trap de Atlanta, hip-hop de clube de Toronto, con chiscos a ritmos latinos, como foi a evolución ata acadar esta amalgama de estilos? Hai algún co que che identifiques máis? Algunha fonte de influencia en particular?

Wanna Dee: «A música para min é como a túa vida, segundo quen te críe, as túas  compañías, o lugar onde se desenvolve a túa infancia, vaiche repercutir na idade adulta e, coa música, considero que ocorre o mesmo: todo o que escoites che influencia ata que acadas a túa madurez musical, outro símil coa vida! Nunca deixas de aprender, para min todo é unha evolución constante, a única diferencia importante é que, na actualidade, ti elixes que vas escoitar e que anaco de cada artista vas gardar para facelo teu… digamos que, na vida, non sempre podes elixir o que queres vivir».

 

 

 

Ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, sen compromiso e con todo o noso agarimo, como estás a afrontar a situación? Que che parece a iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais?

Wanna Dee: «Pois do mellor xeito que podo [risos]. Son unha persoa que se inspira moito no que mira ao seu arredor, e o tempo que estivemos encerrados pouco compuxen, conseguín escribir, non tanto como me gustaría pero hai cousiñas. O que si é que me valeu para inspirarme no concepto dun proxecto que está aínda moito no aire, podo dicir que as ganas de saír, as limitacións que produce o virus, as limitacións económicas e un ambiente ‘apocalíptico’ inspirou unha personaxe fuxitiva.

A iniciativa de trasladar os concertos as redes gústame —ao final hai que adaptarse a ‘nova normalidade’— aínda que pasados uns meses, xa non me convence tanto a idea… eu mesmo fixen varios concertos live vía Instagram, para Chalana Club, para Nostromo Magazine, e un par de entrevistas ao vivo, unha delas para Grindin. Isto fai,  dalgún xeito, conectarnos con xente que, se cadra, antes non coñecía o noso contido.

O malo e que está comezando a censura, como é no caso de Instagram, que o copyright bannea os directos de DJs por dereitos e, no meu caso, Instagram decidiu capar varias veces os meus live por dereitos dos meus propios temas, un sinsentido totalmente. Por exemplo, o último que fixen para Haters Club fíxeno a través de Twitch, que é una plataforma que non bannea, e que funciona do mesmo xeito que os directos de Instagram, pero que en vez de 24h, os directos podes deixalos para o público ata 15 días […] e a xente pode comentar, ver, e facer o mesmo, pero con máis calidade. En resumidas contas, temos que buscar alternativas para evitar esa censura, pero bueno, nada como un directo de verdade, do que teño moitas ganas».

 

Wanna Dee despídese entre recomendacións e, confesións, descubríndonos que as súas raíces familiares xacen… no folclore galego!

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Wanna Dee: «Pois externamente ao meu xénero, estou flipando con Tanxugueiras e con Baiuca. Realmente veño dunha familia que ten o folclore galego no sangue, case todos estivemos ligados ao folk, se non foi por bailar, por cantar, ou por ser gaiteiros, tocar o tambor, etc. e é inevitable que non me emocione cando escoito a estes artistas que están mesturando a nosa cultura popular con outros xéneros. De verdade digo que choro literalmente con eles, non o podo evitar; sei que non é música para todo o mundo, pero recomendo plenamente escoitalos.

No meu ámbito recomendo a toda a miña xente, e non por selo, senón porque todos fan algo único: Underclock, Sebastian Black, The Lost Beat e Its Soul, todos estamos cocinando cousiñas. Máis cara ao Norte, DL Blando por suposto, […] en Vigo tamén están a destacar moitos artistas!».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Wanna Dee: «O que encontraríades agora mesmo sería isto tal cal: Kokoroko, Daft Punk, Masego, Khaled, Hidden Jayeem e Cruz Cafuné; todo bastante desparexado [risos]… se profundizamos máis [atopamos] La Oreja de Van Gogh, Teo, Doja Cat e Col3trane».

  noticias