• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2020

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2020
6 XUÑO 2020

 

 

Um Concerto em Coimbra - Fernando Barroso

Aínda falta para volver pasear polas súas calzadas romanas ,visitar os seus pobos montañosos pintorescos ou perdernos entre as súas reservas naturais, pero mentras, e gracias a el e a súa mandolina, podemos seguir escoitándola. Un par de meses despois daquel Xograr (2020), Fernando Barroso despedía maio con Un Concerto em Coimbra (Live) (2020), EP gravado ao vivo no auditorio do Conservatório de Coimbra (Portugal) a finais do ano pasado, durante a segunda edición do FEstival entreCordas organizado polo Grupo de Cordas da Secção de Fado da Associação Académica de Coimbra. Composto por nove pezas instrumentais, o disco —só dispoñible en plataformas dixitais— vén acompañado polo vídeo do concerto completo.

 

 

 

 

Stories Vol. I - Nico Casal

A pesar da situación actual, as teclas do seu piano non deixaron de soar e, entre improvisación e improvisación, Nico Casal regálanos o seu primeiro EP, composto por tres pezas e moitas historias que «tocar». Gravado en Estudio Uno (Madrid) e dispoñible desde o pasado 22 de maio nas principais plataformas dixitais, Stories, Vol. I (2020) inaugura unha serie de recompilatorios que verán a luz durante os vindeiros meses; esta primeira entrega presenta tres cortes a piano solo que marcaron os últimos anos do pianista, con pequenas influencias tanto galegas como electrónicas, nacidos a partir de improvisacións compostas en situacións autobiográficas diversas.

 

 

 

 

 

Alfaia Punk - RUXE RUXE

Poucos meses despois da publicación do seu último disco, O Estraño Falar dun Monstro de Aldea (2020), RUXE RUXE sorprende con Alfaia Punk (2020), corto só dispoñible en formato digital. Composto por seis cancións de espírito ceibe, o EP é unha pílula de amor e respecto que a mítica banda punk-rock galega dedica aos irreductibles, aos que comparten palabras e momentos aínda en tempos de dor e ausencias, «a Carvalho Calero, aos Skacha, aos Korosi Dansas e ao vello Thorens que aínda fai soar todas aquelas vellas alfaias nas tardes de resaca»; media ducia de temas homenaxe aos que nunca se renden «veña como veña a partida».

 

 

 

 

Imprescindibles - Pablo Vila

Cimentada en artistas nacionais como Carlos Goñi (Revólver), Quique González ou Leiva, e internacionais da talla de Bruce Springsteen, Jackson Browne ou The Black Crowes, a carreira en solitario de Pablo Vila está escrita a tinta e guitarra. Guitarrista, cantautor e poeta vigués, fai un par de anos que debutaba con Noches Largas (2018),(2018), un álbum en grao sumo persoal composto por dez cortes entre medios tempos, rock‘n’roll e cancións de autor pop-rock. En permanente estado de creación, Vila publica Imprescindibles (2020), unha homenaxe sonora aos poetas das súas noites máis longas —Unamuno, Machado, Bécquer, Quevedo, Lorca e Rosalía de Castro— un puñado dos seus poemas máis significativos ao son da guitarra española.

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

  noticias