• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

JAVIER OTERO NEIRA: «TIÑA, E SIGO A TER, A NECESIDADE DE CREAR O QUE TOCO»

JAVIER OTERO NEIRA: «TIÑA, E SIGO A TER, A NECESIDADE DE CREAR O QUE TOCO»
8 XUÑO 2020

Tenacidade e constancia defíneno do mesmo xeito que o branco e o negro definen o seu instrumento. Javier Otero Neira (A Estrada, 1981) debutou como solista aos 17 anos, antes de comezar a estudar no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, momento no que o seu talento empeza a ser recoñecido; recoñecido non só polo público e pola crítica, senón tamén por xurados de media ducia de concursos estatais e internacionais. E deste xeito, entre premios, foi como rematou os seus estudos superiores cunha Mención de Honra Fin de Carreira.

Pianista polifacético onde os haxa, Otero Neira compaxina o seu labor docente coa súa carreira artística, traxectoria que, entre tradición, intuición e vibración, abarca xa cinco traballos discográficos; o último, Intuition Vol. 2 (2020), publicado a mediados do pasado febreiro, presenta catro pezas propias centradas na música experimental e desenvolvidos durante meses no seu impoñente Yamaha C3X Transacoustic.

 

Vemos a Javier Otero Neira sempre detrás do piano, as túas mans sobre as teclas; foi sempre este o teu instrumento de referencia? Lembras o teu primeiro contacto con este, ou outro, instrumento? E coa música en xeral?

Javier: «O piano para min sempre foi o instrumento de referencia porque era o que tiñamos na casa cando eu era cativo, ademais dalgunha guitarra. Como aos meus pais lles gustaba moito a música e poucos anos atrás abrira o conservatorio da Estrada, primeiro apuntaron aos meus irmáns maiores, e logo a min. A música sempre estivo presente na casa grazas aos meus pais, que lle deron moita importancia na nosa formación».

 

 

O teu debut discográfico foi Impromptus (2014), nove improvisacións de tres compositores clásicos: Chopin, Schubert e Fauré. Por que escollestes estes tres autores en particular?

Javier: «Chopin é un dos meus compositores preferidos, e tiña ganas de gravar algo da súa música, pensei en nocturnos ou scherzos, pero ao final decidinme polos impromptus, porque para o público en xeral son descoñecidos, excepto o cuarto. Schubert era un complemento perfecto, para min foi un reto, pois xa os tocara uns anos atrás, pero co paso do tempo sentíaos doutro xeito; Fauré apareceu case por casualidade, pois levaba moito tempo escoitando as súas cancións para voz e piano, e dixen… se ten algún impromptu, inclúoo! E así foi».

 

 

Na túa segunda referencia, Galician Folk Songs (2015), recolles 14 pezas do noso cancioneiro popular, como as muñeiras de Chantada e de Ponte Sam-Paio ou o ‘Alalá de Padrón’. Como xurdiu o proxecto que conecta cunha longa tradición na música clásica (vénsenos á cabeza o chamado nacionalismo ou a figura de Pascual Veiga)? Como é interpretar música tradicional nun instrumento para o que en principio non foi pensada? Que se sinte, por exemplo, ao tocar unha muiñeira ao piano?

Javier: «Desde hai moitos anos tiven moita fascinación pola música tradicional galega, pola nosa música. Cando era cativo na nosa casa estaba Dorothé Schubart, mentres facía as súas recompilacións para o seu Cancioneiro Popular Galego (Schubart ,1984), anos máis tarde comprendín a riqueza da nosa música, pois os meus pais sempre os tiñan a man para escoitar e cantar. Mentres a miña nai facía a cena, era case obrigado facelo cantando algunha das nosas cancións.

De maior, sempre me preguntei por qué os meus compañeiros no conservatorio en Madrid se sentían tan identificados con música de compositores como Falla ou Albéniz, e eu me sentía máis preto dos do norte e centro de Europa. Comecei a buscar e vin a fermosa música que Octavio Vázquez tiña feita para violín e piano sobre temas populares, que toquei moitas veces, e animeime a facer unha toleada: convocar un concurso, do meu peto, para que compositores de todo o mundo fixeran obras para piano só inspiradas en temas populares galegos.

Para min, a música tradicional pode estar pensada para voz, gaita, ou calquera outro instrumento, pero cando a toco ao piano, fágoa miña, e deixo de sentir envexa polos que poden tocar esa música co seu instrumento».

 

 

No terceiro traballo, Vibrations (2019), volves a compositores clásicos, Rautavaara, Ginastera e Prokofiev. A combinación non semella moi convencional. Por que reunir nun disco a eses tres compositores?

Javier: «Este álbum é dos que máis traballo me costou darlle forma. A ‘Sonata 6’ de Prokofiev é un monumento para os pianistas chamados ‘clásicos’, e era un xeito de poder facer un punto e seguido. Cando tocas esta obra en directo moito, e fas un disco con ela, sénteste moi satisfeito. O problema foi atoparlle compañeiros para o disco, así que decidín facer todo o disco sobre música do século XX. Así pois, os estudos completos de Rautavaara foi unha obra que sempre desfrutei e desfruto tocándoa en público, e non é moi coñecido. Ginastera foi un descubrimento e case un lanzarme á piscina, pois é a primeira obra que fago antes en disco que en directo.

Cando preparo concertos ou discos, sempre intento facer música que lle poida gustar á xente, que me guste a min pero, sobre todo, que me fagan madurar como artista. Non era doado xuntar a estes tres compositores, pero facían boa mistura do que foi o século XX no mundo da ‘clásica’».

 

E logo está o ‘Alalá para Paula’, a túa primeira composición propia incluída nun disco… Ese tema abriu a porta aos dous volumes de Intuition?

Javier: «Sí, esta obra está baseada nun alalá e dedicada á miña muller; poder engadila como bonus track ‘case’ foi máis un agasallo para min que para ela! Cando a toquei en público un mes antes de sacar o disco, a resposta da xente foi moi bonita, e fíxome pensar moito en que músico ou artista quería ser: o que a xente esperaba de min, ou o que eu mesmo quería».

 

 

Despois de tres décadas tocando «música doutros», o ano pasado sorprendías con Intuition (2019), un álbum no que apostabas, por vez primeira, polas túas propias pezas. Logo de tanto tempo, que che levou a publicar as túas composicións? En quen, ou onde, buscas inspiración á hora de compoñer? Que che levou a combinar aires clásicos con música electrónica?

Javier: «Sempre hai persoas que fan que un se lance a facer a súa música, ademais das da casa. Neste caso, uns meses antes fixera uns arranxos para o Festival Piano Meeting, e foi unha forma de sacarme a vergoña. A música electrónica sempre me gustou, combinala co instrumento que levo tocando tantos anos foi cousa fácil. Tiña, e sigo a ter, a necesidade de crear o que toco, ademais de investigar cando teño que facer concertos con música doutros autores».

 

Só é un exemplo, pero en 2017, a prestixiosa Deustche Grammophone publicaba Endless (2017) de Tale Of Us, un dúo de DJs que fai música electrónica pop. En que momento crees que se atopa a música clásica (entendendo por ela non só os propios intérpretes senón os festivais, as discográficas…)? Pensas que cada vez se está abrindo máis a outros estilos como o jazz, o pop, a música electrónica…?

Javier: «O mundo da ‘música clásica’ leva en crise moitos anos, sobre todo no que respecta ao público; en parte por culpa dos propios intérpretes, que en maior ou menor medida, establecen unha distancia co público que, ao final, non fai que conecte co público xoven. Na miña opinión, etiquetar a música non ten sentido, porque ao final se pecha a porta a moitas cousas boas. Eu fago a miña música con electrónica, teño un dúo con Abe Rábade no que improvisamos e tocamos a dous pianos diferentes músicas e, no último disco de Guadi Galego, colaborei no arranxo de dous temas. E non por iso toco peor Chopin ou Beethoven, aínda que algún o pensa. A música é música, igual que a pintura; non hai que entender en profundidade a clásica, eu mesmo vou a concertos que non me gustan… e preferiría estar escoitando a Vetusta Morla».

 

O teu último traballo, Intuition Vol. 2 (2020) marca a segunda entrega do proxecto sonoro que estreabas en 2019. Como foi o proceso creativo, tanto a nivel melódico como compositivo? Cres que hai diferencias respecto ao primeiro volume?

Javier: «No primeiro volume fun un pouco precavido, sobre todo, para que a xente que me coñece non se asustase, nin pensase que me pasaba nada estraño. No segundo, xa lancei catro temas con máis carga rítmica, non só melódica, e moitos máis sons electrónicos. Agora xa non me preocupa tanto o que opine a xente, senón estar eu a gusto co que toco e fago.

Nos dous casos, o proceso sempre parte dalgunha idea, ás veces inesperada, que xorde dalgunha improvisación e, aos poucos vou construíndo a obra co piano, os sintes e demais».

 

 

Como un dos embaixadores de Yamaha Music Europe, pertencendo á familia de Artistas Yamaha, que supón esta experiencia, este «título», para a túa carreira?

Javier: «Para min é un orgullo que unha marca, non só de pianos, como Yamaha estea ao meu carón; eu seguiría facendo o mesmo se non fose Artista Yamaha, e esa creo que é a razón pola que decidiron facerme parte da súa familia. Estou en contacto con artistas doutras disciplinas e podo darlle renda solta á miña imaxinación. O mellor de todo é que sigo sendo eu o director da miña propia carreira».

 

 

Es o creador do Festival Piano Meeting Ourense, con pianos nas rúas, un encontro no que participan profesionais, afeccionados e mesmo xente que quiera aprender. Como describirías este achegamento da música, do piano, á xente a pé de rúa? E a acollida por parte do público, as súas reaccións? Arríscanse a sentarse e tocar?

Javier: «Crear e dirixir o Piano Meeting non foi nin é doado; son moitas cousas a ter en conta, pois sacar pianos á rúa non é sacar calquera outro instrumento que colle nunha mochila. A parte principal da produción faina 70 Mandarinas, e eu podo centrarme na parte artística. Poder achegar os pianos e a música en xeral ás rúas, e ter ao público a escasos metros, para os intérpretes que estamos acostumados a telos lonxe, é unha experiencia realmente inolvidable, e, ademais, todos os que participan sinten de preto o calor da xente. Ano tras ano, poder facer un concerto ao aire libre ao final da xornada que reúne a máis de 2000 persoas é incrible, non só para os que formamos parte do Festival, senón tamén para o público.

O primeiro ano —levamos tres edicións— a xente tiña algo de dúbidas para tocar, pero este último ano tivemos que poñer en marcha un servizo de reserva do sitio a través de Internet, pois a demanda foi altísima».

 

 

 Ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, sen compromiso e con todo o noso agarimo, como estás a afrontar a situación? Que che parece a iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais? Volverán os concertos a ser iguais que antes?

Javier: «Esta situación penso que nos sobrepasou a todos; a min colleume co meu piano de cola despois dun concerto na casa de meus pais, así que apañeime cun teclado. Iso pola banda profesional e, na persoal, combinando algo de piano co meu cativo, que ten tres anos e medio.

Trasladar os concertos ás redes sociais está ben, eu mesmo o fixen, pero entendo que outros artistas non quixeran. Non é doado para ninguén, pero hai xente que aínda non entende que ser ‘artista’ é un traballo, por iso moitos decidiron non facelo. Eu pagaría unha entrada simbólica por un stream dos artistas que me gustan, pero coido que iso non entra moito nos plans da xente… estamos acostumados ao todo gratis».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Javier: «Os meus artistas galegos preferidos, dende hai moitos anos son Guadi Galego e Xabier Díaz, aínda que sempre intento escoitar un pouco do que se está a facer por outros artistas coma Lúa Mosquetera, que descubrín hai pouco, ou WÖYZA, sen esquecer aos meus clásicos coma Berrogüetto ou Matto Congrio. Tamén escoito con moita morriña aCadaCanto».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.

Javier: «Na miña conta pois hai moita mestura, dende Maria Joao Pires e Grigori Sokolov (piano clásico) a Vetusta Morla, Jamie Cullum, Iván Ferreiro, Guadi Galego, Xabier Díaz, Ólafur Arnalds, Francesco Tristano e, ultimamente, tamén Judit Neddermann, Mayra Andrade, Najwa Nimri, Rayden, Vega, un pouco de todo, ata Residente!».

 

 

  noticias