NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2020
Polígono – Tu Mujer Nos Engaña
A banda de rock fusión lanzaba o seu segundo traballo, Polígono (Xonix Records, 2016), nunha edición física súper limitada de só 20 copias. Gravado ao vivo no estudio principal da Radio Galego baixo a dirección do gran Toño Vázquez, o EP recolle tres cortes ambiciosos e arriscados que fan gala da forza e a potencia vocal que TMNE transmite enriba dos escenarios. A mediados de xullo, a súa discográfica Xonix Records subiuno a Spotify para que podamos desfrutalo tamén a través da plataforma dixital.
Cara B – Tincho Fernán
En formato acústico, «como nacen todas as cancións», Tincho Fernán presenta o seu novo traballo discográfico, Cara B (2020). Catro anos despois daquel Nunca es demasiado tarde (Regalamúsica, 2020), o cantautor uruguaio sorprende con este LP —gravado en directo en El Contrabajo (Vigo)— composto por esa outra cara de 16 das súas cancións, unha na que Fernán xoga coa guitarra, teclados, ukelele, violín e loops ata acadar esa fusión pop tan fresca e colorida á que nos ten acostumados.
Adélia – Baiuca
En xuño sacaba o single e, un par de semanas máis tarde, o EP. Adélia (Raso Estudio, 2020) é o novo de Baiuca, a súa primeira publicación en portugués froito da colaboración co dúo lisboeta HAĒMA, realizada a partir dun tema tradicional portugués chamado ‘Vou ao restaurante’, que daquela interpretou a fadista-cantora Adélia García, nacida en 1933 en Caçarelhos e Angueira. No 7”, o single vén acompañado de dous remixes —un firmado polo produtor francés Yeahman e o outro obra dos portugueses Ohxala— que, no seu conxunto crean unha brutal conexión entre a tradición de música folclórica europea, asiática ou latina coa electrónica de vangarda.
Logo de ser seleccionados como finalistas polo xurado do EDP Live Bands entre más de 400 grupos, Enxeito publicaba un novo disco, Superfunk (2020), o primeiro como banda ao completo. Con produción, gravación e mestura de Muzank Sound e Mesturasóns Producións o LP recolle oito temas orixinais que plasman as preferencias musicais do grupo, baseadas no funk, pero abertas a outros estilos como rap, soul, rock e blues. Envolto en deseño gráfico de Santiago Bará, Superfunk está xa disponible nas principais plataformas dixitais.
O 1 de xullo Tor non só estreaba mes, tamén se estreaba no mercado discográfico co seu álbum debut, Tor (2020). O grupo de folk céltico presenta unha colección de 11 pezas, dous delas gravadas ao vivo, na súa maioría versións propias sobre temas tradicionais recollidos, principalmente, do arquivo propio de partituras, discos antigos e gravacións de campo. Gaita, frauta e acordeón entremestúranse con anglo concertina, bouzouki e contrabaixo nun álbum que o seu son, máis próximo ao folk atlántico europeo actual.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.