• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GHAVETA: «MÚSICA MÁIS NATURALMENTE PERFECTA QUE A MÚSICA DE RAÍZ NON HAI»

GHAVETA: «MÚSICA MÁIS NATURALMENTE PERFECTA QUE A MÚSICA DE RAÍZ NON HAI»
10 AGOSTO 2020

Voz, corda e percusión combinados á perfección, Ghaveta é un cuarteto folk que mestura notas de sabor clásico con ritmos máis actuais, conseguindo mergullar á audiencia nun universo de sons cheo de sentimentos e harmonía. Desde 2013, unha selección de muiñeiras, xotas e pasodobres convidan ao oínte a percorrer Galicia ao carón de arpa, violín, pandeireta, guitarra e bouzouki.

«Entre cebolas» chegaba, en pleno confinamento, A Raíz do Pensamento (2020), o seu novo álbum logo de cinco anos de silencio discográfico. Composto por 11 pezas, entre as que escoitamos colaboracións como as das Lagharteiras ou Daniel do Pando, A Raíz do Pensamento é un traballo moi persoal e coidado, onde a música tradicional galega continúa a ser a protagonista con profundas melodías e ritmos que, unha vez máis, sacan a bailar e procuran unha conexión directa co seu público, ata facelo completamente partícipe nos directos.

 

 

 

Ghaveta é, ademais de voz, arpa, bouzouki, guitarra, violín e percusión. Cal foi o xermolo de Ghaveta? Como xurdiu o proxecto?

Beatriz Martínez: «Ghaveta xorde en 2013 como un proxecto para o meu concerto de fin de estudos na ETRAD (Vigo); xa naqueles ensaios conectamos, malia que non tivemos pensamentos de futuro, sabiamos que a nosa andadura non remataría naquel concerto».

Marta Martínez: «Esta aventura xorde con calma, nun ambiente de formación pero tamén de moitas horas de música fóra das paredes da escola. Foi todo moi natural e espontáneo, pois Bea estaba a preparar o seu concerto de fin de estudos e foi quen —non sabemos se querendo ou sen querer— de ver posibilidades neste cuarteto. O concerto foi un éxito, os seus estudos tamén e o repertorio xuntos foi enriquecéndose e medrando devagar».

 

Segundo o dicionario da RAG, unha gabeta é unha «especie de caixa corrediza e sen tampa, que vai axustada a un oco en certos mobles, como armarios, mesiñas, etc.», un caixón, vaites. Existe algunha relación entre este significado e a elección do voso nome? Por que Ghaveta?

Beatriz: «Non sabería dicir o porqué do nacemento desa idea, pero si lembro o momento, nunha típica conversa sobre posibles nomes, como non.

Ghaveta era para as nosas avoas aquel caixón onde podía aparecer calquera cousa, dalgunha maneira todo comezaba e remataba nunha ghaveta; para nós é a metáfora do grupo, todas temos o noso propio xeito, idea e estilo, pero todo cabe na nosa ghaveta.

Ademais, é unha deses fermosos termos que está en desuso, a recuperación tamén forma parte do noso traballo. Decidimos escribir ghaveta por aplicar a gheada propia dos lugares dos que a lembrabamos, e o do «v» é porque semellaba ter mais relación co portugués, lugar de orixe do meu avó».

Marta: «Pois foi na Insua onde decidimos o nome, alí sentadas na cociña puxemos varias posibilidades enriba da mesa e digamos que Ghaveta foi a elixida. Por suposto que ten que ver co significado da RAG! E sobre todo co significado que se lle deu sempre nas nosas casas, pois foi unha palabra de uso habitual ata os nosos avós.

Escollémola polo significado, porque os catro xuntamos nesta ghaveta un pouco das nosas vidas, da nosa música, dos pensamentos, das experiencias individuais e conxuntas e do noso sentir; e tamén coa idea de volver a poñer, dalgún xeito, en uso palabras como gabeta/gaveta, que imos substituíndo por outras e van quedando esquecidas».

 

 

Entre os diferentes grupos de música folk e tradicional que hai, existe algún que sexa referencia para vós, que vos sirva de inspiración? En que, ou quen se inspira Ghaveta?

Beatriz: «Nesta ghaveta hai un pouco de todas nós, temos referencias, claro, a música de tradición oral é a nosa gran compañeira e inspiradora, utilizamos antigas gravacións e dámoslle a nosa cor. Figuras da tradición galega como Os Gaiteiros de Soutelo, os Campaneiros de Vilagarcía, ou Os Grandes da Fonsagrada, Emilio Fernández, Desiderio Sampayo, Nela de Bres, e moitos outros, tamén arquivos de Alan Lomax, Casto Sampedro ou Dorothé Schubarth. E como non, os míticos grupos galegos como Milladoiro, Berrogüeto, Na Lúa, Chouteira, SonDeseu, Leilía, pero tamén internacionais como Alan Stivell, Lau, Sharon Shannon...».

Marta: «Temos a fortuna de ser galegas e de ter vivido anos de música galega moi potentes a todos os niveis (como oíntes, claro) polo que os referentes son moitos, son todas aquelas persoas que foron e seguen sendo quen de valorar e poñer en valor a nosa música e o noso idioma. Pois dende Suso Vaamonde ata Ugía Pedreira, pasando por Rodrigo Romaní, Guadi Galego e Berrogüetto, por suposto! No entanto, tamén atopamos referentes e inspiración na música e en profesionais do folk doutros países que imos descubrindo grazas aos festivais que temos percorrido e aos que soñamos con percorrer, grazas a Internet e grazas a proxectos como Noia Harp Fest ou Galicia Fiddle».

 

Coincidistes en SonDeSeu, unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea, da que seguides formando parte. Compartir orquestra cun numeroso grupo doutros grandes músicos credes que inflúe dalgún xeito na música de Ghaveta?

Beatriz: «Desde logo que si, formamos parte de SonDeSeu desde hai moitos anos, e iso vai deixando pouso, moitas horas de ensaios e concertos, deixando pegada á hora de facer os teus propios arranxos».

Marta: «Tendo en conta que formar parte dun proxecto como SonDeSeu inflúe en cada un de nós, tamén o fai nesta combinación de catro que é Ghaveta. Na orquestra temos rodado moito e iso sempre enriquece. Doutra banda, os ensaios e arranxos dun grupo tan numeroso e especial como vivo son sempre unha fonte de aprendizaxe. Das compañeiras e compañeiros xa nin falamos!».

 

É difícil compaxinar ambos proxectos (alén doutros: Marta con Lagharteiras, Beatriz co trío de Rodrigo Romaní...)?

Beatriz: «Pois imos apañando, hai épocas nas que a carga de traballo (externa) é maior, e ás veces non coinciden os biorritmos, temos vidas ben diferentes, entón, descansamos, pero sempre voltamos á carga con forza.

Compaxinar con outros grupos é o normal, estar activa sempre é positivo».

Marta: «Non é difícil porque todo suma sempre; estamos en procura constante, camiñando e xuntando persoas, músicas, proxectos, ideas, ilusións. É case un xeito de alimentarse... máis ben sentímonos afortunadas e dispostas a traballar».

 

 

Un par de anos despois de nacer como grupo, debutades con Disque (2015) álbum que viu a luz coa axuda dun crowdfunding a través de Verkami. Que vos empurrou a materializar o proxecto e a contar co voso público para iso? Algunha razón para non repetir con A raíz do pensamento?

Beatriz: «Con Disque partíamos de cero, realmente foi a xente a que nos animou a gravar o repertorio, por iso os fixemos partícipes, sentimos que éramos todas un pouco ‘culpables’. A experiencia foi xenial, volvería a facelo sen dúbida, pero A raíz do pensamento quixemos facelo mais persoal, non involucrar necesariamente á xente do noso círculo, que ao fin, é de quen se nutren este tipo de iniciativas».

Marta: «Pois naquel momento foron moitas as persoas que nos animaron e apoiaron. Xa coñeciamos este xeito de financiar proxectos, de feito participamos e seguimos participando deles, e pareceunos unha boa maneira de levar a cabo Disque. O crowdfunding permitiu que as persoas que quixeron mercasen Disque antes de que fose realidade, e iso deunos marxe para investir menos dos nosos petos nese momento no que non hai euros que cheguen.

Desta volta, e como consecuencia de seguir camiñando como diciamos antes, non pensamos en facer o que xa fixemos, senón que fomos traballando nun proxecto novo que se materializou doutro xeito. Non houbo máis razóns para non repetir... de momento!».

 

Ramona, a avoa de Marta, dicía no vídeo de presentación que lle encantaba A raíz do pensamento como nome para o novo disco, que acertarades de cheo coa elección. Como foi a procura do título, cal foi a inspiración?

Beatriz: «Vén da fermosa copla que di ‘non hai machada que corte, a raíz do pensamento/nin hai chaviña que abra as portas do entendemento’. Pareceunos, ademais de fermoso, que daba xogo, moito que cavilar».

Marta: «Boh, é que preguntarlle a unha avoa é algo de trampa, pero encántanos ter a súa sabia aprobación. Que sorte as avoas!

Nesta ocasión puxémoslle nome en Meirol despois de facermos unha revisión das letras do álbum e coincidimos en que A raíz do pensamento recolle moitísimos significados e ten moito que ver con nós, con Ghaveta e con este novo traballo; co que cremos, co que pensamos, co noso pasado e futuro. Como dicía Diego, é un concepto moi filosófico no que cómpre afondar».

 

 

Xa pasaron cinco anos de Disque, que diferencias atopades entre ambos traballos?

Beatriz: «Pois a verdade é que non son moi distintos, a liña de traballo e similar, as pezas foron chegando aos poucos, de maneira natural, quizais neste traballo achegamos todos algo máis por iso a tímbrica varía en cada peza. Logo están as colaboracións, que nun segundo disco xa te podes permitir —as grandísimas Lagharteiras, que xa nos acompañaron nalgúns concertos, Daniel do Pando e o compañeiro Isaac Millán— que sempre enriquecen o conxunto».

Marta: «Somos conscientes de que a obxectividade pode ser ben menos da que quixeramos ao responder a esta pregunta, pero pensamos que A raíz do pensamento mantén os alicerces que asentou Disque. A esencia de Ghaveta segue sendo a mesma e a diferenza é o tempo que pasou, novos arranxos, harmonías máis ricas, rexistros de voz máis variados e colaboracións, que son moi importantes para nós a título tanto profesional como persoal».

 

Neste novo traballo hai pezas que foron recollidas por todo o mapa galego, chegando mesmo ata Portugal. Tedes algunha preferencia por algunha vila ou comarca en particular no que a repertorio se refire? Como foi o proceso de seleccionar as pezas que irían no disco? E o proceso de «cociñalas» despois con Isaac Millán (Quempallou)?

Beatriz: «Supoño que vai por épocas…pero Mondariz, sobre todo para temas cantados, e A Fonsagrada para temas instrumentais, son os nosos grandes aliados.

A selección foi sinxela, este repertorio foise creando progresivamente; eu creo que antes de gravar, xa tocaramos todos os temas en directo, algúns xa teñen uns aniños, e por iso xa sabiamos tamén os que non funcionarían. O proceso de gravación foi sinxelo por este mesmo motivo, xa tiñamos as pezas moi interiorizadas. Gravamos todas xuntas, así que foi bastante áxil, logo quedaron axustes e demais, claro».

Marta: «Non podemos negar que, polo de agora, no noso repertorio hai dous enclaves principais, Mondariz e A Fonsagrada. Os motivos son moitos e outros tantos para pasar por Redondela e a Baixa Limia, ou para facer un alto en cada unha das catro provincias e facer noite en Portugal.

A escolla de repertorio é un mundo, pois é o resultado de todo un proceso combinado cun momento concreto que non o detén, pero si que o deixa retratado dun xeito determinado e case circunstancial. Con isto só quero dicir que é importante o momento no que decidimos gravar, porque é así como está a música recollida. Despois, decidimos que queda, que cae e como se fía o conxunto. É un proceso longo que precisa calma, continuidade e cariño co que desfrutamos de principio a fin. E case chegando á fin chega Isaac, quen nos grava e nos aconsella; admirado amigo con quen cociñar é sempre un pracer».

 

 

En A raíz do pensamento contastes coa colaboración das Lagharteiras, pandereteiras de Mos (Pontevedra). Como foi traballar con elas? E con Daniel do Pando coa súa trompa de boca? Con que outro grupo ou artista galego vos gustaría colaborar no futuro?

Beatriz: «Estupendo, todas elas son profesionais e xa están afeitas a ir a un estudio, non lles asusta o micro, todo facilidades e bo facer.

Quedounos a espiña da gaita, pero había que facer unha peza nova ou arranxar algo, e non atopamos lugar. Tiñamos en mente á nosa compañeira Marina Vigo, que xa colaborou con nós en diferentes formacións, agardo que se faga pronto realidade!».

Marta: «Sentímonos agradecidas e admiramos a cada unha das persoas que colaborou neste traballo. As Lagharteiras (Carlos, Tamara, Belén, María, Uxía, Leti e Marta, que é compartida) representan a forza das galegas coas súas voces, instrumentos e posta en escena. Tivemos a sorte de arranxar dous temas do seu repertorio, aos que elas poñen voz e pandeiretas como non podía ser doutro xeito. Pouco houbo que facer, pois música máis naturalmente perfecta que a música de raíz non hai. Foi e é unha experiencia moi satisfactoria para todas.

A presenza do fonsagradino Daniel do Pando co birimbao tiña de ser. Coincidimos con el nuns cursos de trompa, despois na Foliada da Fonsagrada onde estivemos con Nela falando e tocando no Manaia sea ela!. Propuxémoslle colaborar nas Muiñeiras de Bartolo e Batribán ao que dixo un si rotundo e finalmente chamámoslle á peza ‘Manaia Sea Ela’. Este é un dito popular fonsagradino que se emprega para dicir que unha muller é valente e tamén dá nome ao bar de Lola, a quen define á perfección. Vai na honra de todas as mulleres valentes que nos rodean e nos dan exemplo e forza para seguir adiante con paso firme.

A colaboración de Isaac foi unha proposta case indecente, cargada de confianza e cariño recíprocos, tal e como se pode escoitar na última pista do disco, ‘Moleirinha’. Unha melodía fermosísima moi popular incluso entre os ranchos do norte de Portugal, que xa algunha señora cantou con nós baixiño nos concertos ao vivo; unha melodía aderezada da man de Isaac Millán como só el podía facelo».

 

 

E ao fío, como vedes o panorama actual da música tradicional e o folk en Galicia?

Beatriz: «Sen contar co tema COVID-19, porque o devir disto xa non o controlamos, eu véxoo mellorable. Boto en falta proxección nos medios, que non parezamos sempre cousa duns poucos frikis, que a xente colla costume de escoitar música galega e non lle soe raro, nin estraño, ao fin é o que nos define. Tamén vexo que si, temos axudas da Administración, non digo que non, pero á maioría fáiselle imposible acceder».

Marta: «Parece que nos pasamos a vida vendo o panorama e somos da opinión de que máis que velo hai que ir facéndoo. Claro que a cousa está difícil, que vos imos contar? Pero hai que seguir, temos que ir librando pequenas batallas e acadando logros e algunha derrota na procura de que a música tradicional e folk galega siga sendo unha opción, que siga soando na radio, na televisión, nas festas, nos concertos, nos bares. Queda moito por facer e, sen máis pretensión que tocar e cantar para o público e ir facendo estamos».

 

A saída do disco coincidiu co confinamento. Agora que volven os concertos e as foliadas, como vedes a presentación do disco nesta nova normalidade? Como está sendo o reencontro co público?

Beatriz: «Non nos chegaba o día! Estreámonos no Aturuxo Bar (Bueu), e foi xenial, bastante familiar, moitas amigas, claro, que xa tiñan ganas de vernos tamén, un luxazo de espazo e de xente. As medidas de seguridade son as que son e hai que respectalas, pero iso non pode ser un impedimento para seguir tocando. Agardamos o próximo con ganas, en agosto hai cousiñas, pero máis de cara ao outono».

Marta: «Si, de feito a súa fabricación cadrou de cheo co estado de alarma. Procuramos manter os folgos e a ilusión a pesar das circunstancias. Aínda que quixeramos, non é posible cambiar o que nos envolve e afrontamos o presente con ganas, con moitas ganas de directos, con ganas de escenarios e probas de son, con ganas de ensaios e de novas pezas que imos facendo amodiño. Polo de agora, o reencontro co público non tivo moito de normal, pero si que nos alimenta a alma para seguir adiante».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego (de calquera estilo) nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Beatriz: «Parece que polo de agora a maioría das compañeiras deixaron as novidades para máis adiante, pero xa podemos escoitar cousas chulas, como o novo de Alba Barreiro, Marcelo do Bode, Caldo, Fernando Barroso, Margarita Mariño ou Candorka Trío».

 

Se abrísemos a vosa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Beatriz: «Eu, excepto algún día raro, son moi folkie a verdade. Iso si, músicas de moitos lugares, e moita arpa, desde logo. Á parte da música galega, tamén de Portugal, músicas de Escocia e Irlanda, pero tamén moita africana e paraguaia, unha especie de escolma de world music. Non me dá tempo a moito máis!».

Marta: «Moitas cousas! Os nosos dous «filliños», 20 pezas orixinais, tres lanzamentos, un grande investimento de tempo e de ilusión, unha playlist case interminable da man de Bea...».

 

 

  noticias