• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS: MÁIS DE 130 CONCERTOS EN 35 SALAS GALEGAS

DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS: MÁIS DE 130 CONCERTOS EN 35 SALAS GALEGAS
11 AGOSTO 2020

A música galega é a absoluta protagonista do novo programa da Xunta de Galicia, Directos Xacobeo’21 en Salas, que ata finais do mes de outubro ofrece 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas en 35 locais de música ao vivo de toda a Comunidade. Coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, quen se encarga da súa xestión e coordinación, a iniciativa foi deseñada como unha das medidas do Plan Autonómico de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico fronte aos efectos da COVID-19.

 

Directos Xacobeo’21 en Salas, que arrancou a derradeira semana de xullo con concertos no Barco de Valdeorras, Bueu e A Coruña, celebrarase con asistencia de público, atendendo ás medidas respecto á capacidade e ás condicións hixiénico-sanitarias que, en cada momento, dispoñan as autoridades competentes. Ademais, serán gravados e editados para a súa posterior retransmisión a través de www.directosxacobeo.com/ e na canle de Directos Xacobeo en YouTube.

 

 

Os responsables das 35 salas participantes foron os encargados de elixir as súas respectivas ofertas musicais como parte deste ciclo, a partir de todas as propostas artísticas galegas, de estilos musicais moi variados, recibidas por Clubtura (a asociación profesional que aglutina a meirande parte das salas de concertos de Galicia) mediante unha convocatoria aberta pola propia asociación na páxina web do programa.

 

Os 16 escenarios da provincia da Coruña son Bâbâ Bar, Garufa Club, Playa Club, Filomatic e Mardi Gras na Coruña; A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro, La Room e Ruido en Ferrol, A Ventana en Laxe, A Fundación e Pub Gatos en Melide, Sala Guión en Pontedeume e Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club e Sala Capitol en Santiago de Compostela); 13 na de Pontevedra (Aturuxo en Bueu, Krazzy Kray en Cambados, Salason en Cangas, Sala Rebullón en Mos, Náutico no Grove e El Contrabajo, Kominsky, La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club, La Pecera, Master Club, Radar Estudios e Sinatra Coctel Bar en Vigo; catro na de Ourense (Café Teatro Bajo 5 no Barco de Valdeorras, Café Cultural Auriense e El Pueblo en Ourense e A Arca da Noe en Vilar de Santos) e dúas na de Lugo (Clavicémbalo e JagerLounge).

 

👉🏻 Bótalle un vistazo á programación completa premendo esta ligazón!

 

  noticias