• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

AMOEBA SPLIT: «SOMOS INEXPERTOS POR NATUREZA, ASÍ QUE É OBRIGATORIO EXPERIMENTAR!»

AMOEBA SPLIT: «SOMOS INEXPERTOS POR NATUREZA, ASÍ QUE É OBRIGATORIO EXPERIMENTAR!»
17 AGOSTO 2020

Falar dun jazz-rock progresivo propio do Son Canterbury dos 70 feito na Coruña no século XXI pode soar paradoxal, pero é un feito con nomo propio, Amoeba Split. Creado en 2001, nace como un proxecto musical baseado no rock sinfónico e progresivo, fusionando jazz e rock con chiscos á psicodelia. Case dúas décadas despois, entre reedicións, orixinais, vinilos ou digipacks, a banda conta con cinco referencias no mercado —a última delas, Second Split CD Reissue with Bonus Track (2020), lanzada o pasado xuño— unha discografía que, xunto cos seus directos, levounos a listas internacionais, sempre co respaldo da crítica e grande acollida do público.

 

 

 

Por que elixistes chamarvos Amoeba Split? Como se relaciona ese nome co voso traballo ou co voso xeito de facer música?

Alberto Villarroya: A elección de chamarnos Amoeba Split foi puramente casual, froito da necesidade de contar cun nome ao formarse o grupo. Con todo, si é certo que, unha vez elixido o nome, este pode relacionarse en certo xeito coa nosa musica, no sentido de que é moi cambiante, igual que se divide unha ameba cando se reproduce.

 

O rock progresivo tivo o seu apoxeo nos 70 e, malia a súa impoñente influencia posterior, é un xénero que hoxe ten formas ben diferentes ás de entón (e xa daquela era bastante plural). Como lle explicariades a un millennial que é o rock progresivo? Hai algunha banda ou músico en particular daquela época no que vos inspiredes especialmente? E da actual?

Alberto: É complexo definir con exactitude o que é o rock progresivo, de feito non hai unha única definición ao respecto. Para que se entenda dunha forma sinxela, poderiamos dicir que é un subxénero da música rock cun certo afán vangardista que trata de superar as estruturas clásicas do rock, incorporando elementos tomados da música clásica ou o jazz e apostando por progresións harmónicas sofisticadas ou patróns instrumentais intricados. Sexa cal sexa a definición, o certo é que non deixa de ser unha etiqueta que desde hai tempo non ten demasiado sentido, xa que comprende subestilos e grupos tremendamente dispares entre si.

En calquera caso, de entre os grupos clásicos do rock progresivo hai referentes indiscutibles para min como King Crimson, Pink Floyd, Gentle Giant ou Van der Graaf Generator, pero tamén na actualidade me interesan bandas coma Wobbler, Dungen ou Deloreans. O abanico é moi amplio e as diferenzas que ofrece o xénero por países é grande. Aínda así, como sempre dicimos, as nosas influencias non se circunscriben só ao rock progresivo, en absoluto; bebemos de moitas outras fontes e non nos cinguimos a un estilo en particular.

Ricardo Castro: En primeiro lugar, eu aclararía que as etiquetas responden á necesidade humana de clasificar para ordenar o coñecemento, de calquera tipo, e facilitar a comunicación verbal, pero esas etiquetas normalmente non están presentes no marco mental dos creadores. Entón, aceptando ese marco das etiquetas, poderiamos resumir que a partir dun determinado momento histórico a etiqueta 'rock progresivo' responde á mestura sobre unha base rock de outros estilos máis complexos (jazz e clásica fundamentalmente), para crear unhas composicións que evolucionan en dobre vertente, en relación a xeitos de composición anteriores do rock, e evolucionan tamén dentro da propia composición.

Despois de ver a cara do millennial podería plantexarme abordar doutro xeito a explicación. Quizais pensamos en Soft Machine, King Crimson ou Van der Graaf, pero paréceme que obxectivamente no resultado final a quen máis nos parecemos é a Caravan. Pero non é voluntario ou consciente, simplemente implementamos as influencias externas ao rock de forma moi similar e, en consecuencia, acabamos facendo estruturas similares, desenvolvementos similares e sonoridades similares.

 

 

Relaciónasevos a miúdo co Son Canterbury, tal vez o son máis próximo ao jazz do rock progresivo. Que papel ten o jazz e a improvisación na vosa música? E a experimentación?

Alberto: En efecto, relaciónasenos moitísimo co Son Canterbury, moi propio de bandas da devandita rexión inglesa que nos 70 practicaban un tipo de música que amalgamaba a psicodelia e o jazz británico. Nese movemento estaban encadrados grupos como Soft Machine, Caravan, Hatfield & The North ou National Health, bandas que tiveron unha influencia decisiva no noso son, como calquera poderá apreciar.

Respecto á nosa vertente jazz, é outro dos factores que cumpren un papel decisivo no que facemos, porque ademais está emparentado coa experimentación e a improvisación, terreos nos que sentimos moi cómodos. Tanto é así que unha boa parte do noso último concerto celebrado no Jazz Filloa da Coruña en decembro de 2019 dedicámolo a unha extensa improvisación libre baseada no libro Rebelión na Granxa de George Orwell. O resultado foi magnífico e mesmo nos plantexamos publicar a gravación que fixemos do evento.

Ricardo: Está claro que o Son Canterbury caracterízase por como se imbrica o ritmo jazzístico dentro das composicións. No noso caso, as influencias do jazz fan una unha función rítmica moi similar, porque a nivel de estruturas somos moi diferentes ás estruturas estándar do jazz. No aspecto estrutural das composicións, penso que hai máis influencia da música clásica, ou dunha concepción progresiva das composicións. Ao respecto da experimentación, somos inexpertos por natureza, así que é obrigatorio experimentar!

 

 

Co lanzamento do voso disco debut, Dance of the goodbyes(2010), non puidestes ter mellor resultado: esgotáronse as súas primeira e segunda edición, foi nomeado Mellor Disco Debut de Rock Progresivo 2010 e só recibistes afagos por parte da crítica internacional. Colleuvos de sorpresa? Afectou dalgún xeito esta grande acollida ao voso xeito de traballar, de compoñer? Pesa a responsabilidade despois dun inicio así?

Alberto: O noso primeiro disco foi moi ben valorado desde o mesmo momento en que se publicou, xa non só por que se esgotou en todos os formatos en que o editamos, senón tamén porque a positiva valoración da crítica foi unánime en todo o mundo; pode parecer pretenciosa esta expresión, pero é a verdade. A mellor proba é que, aínda a día de hoxe, Dance of the goodbyes está considerado como un dos mellores discos de debut de 2010 pola web Prog Archives, referencia no xénero. A consecuencia inmediata foi a nosa participación en 2011 no Finisterrae Prog Festival da Coruña, onde compartimos cartel con Al DiMeola, Jan Akkerman (Focus) e Neal Morse, un momento realmente importante para nós.

Despois nos puxemos a traballar nun novo disco, pero sen ningunha presión, xa que sabiamos que non iamos repetir os mesmos esquemas nin o mesmo tipo de obra, polo que xa non se daría ningún tipo de comparación posible. Con todo, non debemos negar que a responsabilidade e a presión de sacar outro disco á altura do primeiro si existiu, aínda que creo que saímos airosos da proba.

Ricardo: Sempre desexas que á xente lle guste a música que fas, pero nunca traballamos pensando niso; facémolo pensando en que nos guste a nós. De feito, aínda que levemos moito traballo acumulado nun tema, volvemos facer e refacer con moita frecuencia, e podemos desbotar elementos que xa estaban moi traballados porque finalmente non nos convencen. A responsabilidade percibímola como tratar de facelo o mellor posible e que nos guste, non pensamos no que lle gusta á xente, nin en a canta xente lle gusta. Pero o que tamén é certo é que se fas algo traballado a conciencia que a ti che gusta, sempre haberá persoas cunha sensibilidade similar á túa que o apreciarán, e esas persoas están espalladas polo mundo.

 

Nel atopamos elaborados desenvolvementos instrumentais en temas longos con varias seccións como no rock progresivo clásico. Como é o proceso de elaborar temas así, como ‘Flight to Nowhere’ de máis de vinte minutos? Pártese dunha sección e se desenvolve, de varias que logo se conectan?

Alberto: O proceso de composición de temas con longos desenvolvementos como ‘Flight to Nowhere’ é complexo, aínda que no noso caso tampouco se diferencia tanto doutros temas con menor duración. Hai moita planificación, pero tamén moito azar que vén dos ensaios, porque aí xorden ideas ou arranxos que modifican completamente a orde dunha partitura. Na miña experiencia, de forma habitual as seccións iniciais que un estima como inamovibles transfórmanse tanto que ás veces non teñen nada que ver co que de antemán se pensa que vai funcionar, e aí está o bonito do proceso.

Como reflexión, ao fío da pregunta, creo que ao final un compositor ten moito menos control sobre a súa obra do que realmente se pensa, precisamente por ese motivo. Constatar iso debería contribuír a quitarlle un pouco a mística que se lle atribúe por algunha xente aos compositores, considerados ás veces coma tocados por unha virtude semidivina que non é tal.

Ricardo: A creación de ‘Flight to Nowhere’ foi un proceso longo, de anos, con moitas seccións que se van engadindo, eliminando, modificando...

 

 

E logo está ‘Qwerty’ que dura 49 segundos... Como foi iso?

Alberto: ‘Qwerty’ foi un breve instrumental que xurdiu durante os ensaios do primeiro disco con pretensión de ser un tema cun maior desenvolvemento, pero vimos que funcionaba perfectamente de forma autónoma, sen máis engadidos, e así quedou. Ás veces, tratar de forzar as cousas cando o resultado inmediato é óptimo non ten sentido, o que pasa é que hai que ter o suficiente criterio para saber parar a tempo, o cal non sempre se acada.

Aínda así é curioso porque, anos despois, en 2014, gravamos unha versión máis extensa do tema, chamada ‘Qwerty Revisited’, como extra para a reedición en CD de Dance of the goodbyes e, aínda que criamos que era un tema sen moita marxe de mellora, os novos arranxos que incluímos de vento déronlle outra dimensión, tremendamente interesante.

Ricardo: ‘Qwerty’ é unha melodía de Alberto que me parece xenial, en menos dun minuto: introdución, exposición do tema coa súa variación, entrada á ponte, ponte, saída da ponte, reexposición do tema coa súa variación, remate final. Para min o mellor tema de Amoeba Split!

 

 

Falando de críticas internacionais, a vosa carreira poderíase describir con aquilo de que ‘ninguén é profeta na súa terra’; escoitamos con frecuencia que tedes mellor acollida fóra de Galicia que dentro dela. A que credes que é debido? Segue a ser así?

Alberto: Certamente é rechamante que, a pesar de ser moi recoñecidos fóra de Galicia, na nosa propia terra pasamos practicamente desapercibidos, xa non só polo case inexistente apoio que recibimos dos medios de comunicación, senón tamén á hora de participar en festivais ou concertos en Galicia. Sen dúbida, iso débese a que aquí aínda non temos demasiada tradición en abrazar determinados tipos estilos musicais un pouco máis ‘esixentes’ do normal, e así certas propostas musicais se evitan. É moi curioso que se apoien sen fisuras as músicas tradicionais independentemente da súa calidade, pero que outras músicas feitas por músicos galegos non teñan repercusión algunha.

Paradoxalmente, tivemos a oportunidade de tocar no Festival de Jazz da Universidade de Málaga en 2018, pero non de actuar nin a 20 quilómetros de casa. Por poñer outro exemplo, o ano pasado fomos preseleccionados para participar no Festival de Jazz de Montreux 2020, que finalmente se cancelou pola pandemia, pero doutra banda, ao longo do ano en ningún momento se contou connosco para ningún evento musical celebrado en Galicia. Por tanto, non é obviamente un problema de falta de calidade musical, senón de que propostas como a nosa directamente non se consideran, é como se non existísemos.

Ricardo: Penso que é simplemente que a xente á que lle gusta a música de Amoeba Split está espallada polo planeta; nada máis.

 

Second Split (Azafrán Media, 2016) foi o voso segundo traballo. Ademais de que este é un disco xa plenamente instrumental (xa non escoitamos a voz de María Toro), que diferenzas atopades co primeiro?

Alberto: A diferenza máis obvia é que Second Split é un disco totalmente instrumental, pero sobre todo é un disco moito máis maduro que o primeiro. Dance of  the goodbyes foi un disco iniciático, con moitos acertos pero tamén con varios erros propios da inexperiencia, de querer dicir moitas cousas e de golpe, sen filtro. En principio iso en si non é malo, pero a cambio supón expoñerche demasiado nun momento no que, ao contrario, convén dosificar ao máximo o que dis e como o dis. Ademais, en Second Split a paleta sonora é moito maior; incluímos desde vibráfono ata cuarteto de cordas, pasando por todo tipo de percusións e mesmo unha sección de ventos completa. Iso favoreceu que a naturalidade e a fluidez do discurso musical fose máis ampla.

Ricardo: Second split é máis bailable.

 

 

Por certo, como acaba un grupo galego sendo distribuído internacionalmente por un selo mexicano, Azafrán Media?

Alberto: Co selo Azafrán Media contactamos grazas a Juanjo Salas, que acudiu ata A Coruña para presenciar o Finisterrae Prog Festival en 2011, e alí propúxonos reeditar Dance of the goodbyes en CD, que acompañamos cun tema extra. Esa colaboración permitiunos difundir a nosa música ao público latinoamericano, e iso achegounos un maior seguimento. Ademais, Azafrán Media colabora co selo francés Musea Records, o que nos garantiu a distribución do disco en Europa por unha casa moi prestixiosa e especializada. Máis tarde, en 2016, Azafrán Media tamén editou o noso segundo CD Second Split, apostando decididamente pola nosa música de novo.

 

Directo Mardigras ’16 (Discos Pat, 2017) marca a vosa terceira referencia, un digipack que recolle o directo na mítica sala da vosa cidade natal, que un par de anos despois, incluídes en A Tiempo: Una Retrospectiva 2016-2018(2019), desta volta en DVD. O concerto foi gravado, pero a idea inicial non era publicalo. Como é que acabou convertido en disco? Que fixo tan especial esa actuación? Como describiriades os vosos directos, especialmente ese tradicional reencontro anual enriba do escenario?

Alberto: As dúas referencias citadas foron en verdade iniciativa de Francisco Macías —experto malagueño en rock progresivo e dono do selo Discos Pat— que nos propuxo editar hai anos os nosos últimos directos en tiradas moi limitadas a modo de bootlegs, é dicir, como se fosen edicións piratas á antiga usanza, pero controlados polo propio grupo. O certo é que nunca se nos ocorreu editar ningún dos dous cedés, de feito consideramos que están á marxe da nosa produción oficial, pero tamén hai que recoñecer que moita xente demandábaos porque quería escoitar ao grupo en directo dalgunha forma. Os motivos eran dous: un, a escaseza das nosas actuacións en directo, e dous, que raramente tocamos fóra de Galicia. Editar eses discos veu dar resposta a esas inquedanzas e, ademais, permitiunos casualmente rexistrar unhas actuacións con moitísima forza e intensidade, moi especiais, que dan un imaxe bastante próxima do que somos Amoeba Split ao vivo.

 

 

O pasado xuño sorprendestes cunha reedición, Second Split CD Reissue with Bonus Track (2020), cun tema adicional que non estaba na primeira edición. Podedes falarnos un pouco dese novo tema e desta nova edición?

Alberto: Efectivamente acabamos de reeditar Second Split ante a gran demanda que había do disco en formato CD, porque a primeira edición esgotouse con relativa rapidez. Confiamos esta reedición á discográfica áMARXE, un selo con nome galego e radicado en Lugo que xorde da experiencia de Marxe Records, un proxecto editorial que comezou como revista especializada dedicada ás músicas innovadoras a principios dos 90 e que, paulatinamente, se converteu en distribuidora e produtora discográfica.

Tamén aproveitamos para incorporar un tema extra inédito, ‘News from Karelia’, gravado nas mesmas sesións de Second Split, pero mesturado recentemente. A idea era gardalo para o próximo disco, pero probablemente publicalo agora sexa mellor idea para así non condicionar o discurso musical do seguinte traballo.

 

Cal é a situación actual da formación? Estades aínda cambiando de forma... seguindo a definición propia de ameba?

Alberto: A formación actual de Amoeba Split segue a ser a mesma que no último disco, aínda que, por suposto, estamos abertos ás incorporacións ou colaboracións que sexan necesarias. No noso caso, o problema segue a ser que algúns dos músicos estamos espallados por diversas comunidades autónomas e iso complica os ensaios, gravacións ou a celebración de concertos, sen esquecer a dificultade engadida de que estamos a falar dunha música que é de seu moi complexa.

Ricardo: Ás veces pode cambiar un pouco a aparencia, pero penso que hai unha esencia 'Amoeba Split' que permanece nos traballos e nos directos.

 

Logo do estado de emerxencia sanitaria, cambiou algún dos vosos plans en canto a actuacións ao vivo ou discos? Estades barallando datas para volver aos estudos de gravación? De ser así, e sen spoilers, que podemos esperar dun vindeiro traballo?

Alberto: O noso ritmo de traballo é lento, non só por motivos profesionais senón tamén porque a autoesixencia é grande, polo tanto o confinamento alterou máis ben pouco os nosos plans musicais. O que si é certo é que, de cara a rexistrar novos temas, os estudos de gravación agora non son tan accesibles como antes da pandemia, e iso é un inconveniente xa que temos ganas de volver a facer un terceiro traballo canto antes, xa toca.

Acerca do que se pode esperar de cara a un terceiro traballo é toda unha incógnita, mesmo para nós; probablemente o mellor é non ter ideas preconcibidas para sorprendernos a nós mesmos. O único seguro é que será un traballo sen concesións e honesto, como os dous anteriores.

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Alberto: En Galicia hai moitísima calidade musical e sobre todo unha tremenda diversidade. Quizais a música progresiva ou vangardista na actualidade non estea a ter o percorrido suficiente porque aínda son escasos os grupos que apostan por ese camiño, pero historicamente xa houbo artistas galegos que agora son referencia do xénero fóra das nosas fronteiras (NHU, Outeiro, Kozmic Muffin, etc); é dicir, hai bagaxe e tradición propia abondo dentro do estilo. Se tivera que poñer diversos exemplos actuais galegos, diría que Sumrrá, Comando Radar, MØURΔ ou Juzz serían nomes a ter moi en conta.

Ricardo: Eu sempre fago a mesma recomendación porque me parece fascinante o traballo de Sumrrá. Doutra xente que fai música aquí tamén recomendaría, por diferentes motivos, os traballos de Germán Díaz, de Baldo Martínez, de Xabier Díaz, de SÉS e de Félix Arias.

 

Se abrísemos a vosa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Alberto: A nosa conta de Spotify como grupo non existe, pero a nivel particular obviamente teño de todo, desde Lemon Twigs ata Sergio Mendes, pasando por Satie, Les Luthiers, Carla Bley, Henry Cow ou Elvis Presley... a variedade é moi grande, como non podería ser doutra maneira.

Ricardo: Eu non teño Spotify nin similar, pero podo confesar que habitualmente escoito unha mestura de jazz, rock, clásica, contemporánea, folk... ultimamente foron Wayne Shorter, Keith Jarrett, John Coltrane, McCoy Tyner, Sun Ra, John Zorn, Rory Gallagher, The Byrds, Eric Burdon, Béla Bartók, Bruckner, Bach, John Cage, Ligeti, Milladoiro... todo bastante antigo, poderiamos dicir. Nos últimos anos podo escoitar con frecuencia a Brad Mehldau, Sumrrá, María Toro, SÉS ou Félix Arias.

 

  noticias