• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO
21 AGOSTO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

HollowAcidproyect

O metal alternativo tínguese de vermello, tentando encher o «baleiro» que deixan os metros e metros de filme transparente. Acidproyect presentaba así “Hollow”, quinto corte do seu último LP, Baba Yaga (Xonix Records, 2017), gravado por Lolo Arincón en Xonix Records. O clip, dirixido por Oscar Doviso, é o resultado da colaboración entre a banda hard-metal e a produtora ourensana ZinemusiK Producciones; case catro minutos de actuación embalada, dun son máis alternativo e progresivo propio do rock dos últimos 60 anos. Dentro dunha sección rítmica potente e precisa, lograrán escapar os riffs desencaixados e a voz desgarrada?

 

 

 

Soñar a la cartaPresumido

«Outro agosto toca resucitar quimeras do alén...» Co single-clip de “Soñar a la carta”, o dúo galego de electropop «sorprende, unha vez máis, cunha proposta delicada, emocional, cargada de referencias». Producida, gravada e mesturada por Iago Lorenzo, “Soñar a la carta” é unha das súas cancións máis bailables, con influencias de Foster The People, St. Vincent, Dua Lipa ou Moderat, e unha letra con esa retranca galega que nos levan servindo desde os seus comezos. O videoclip, obra de Paco Serén (Los Piratas), está composto dunha serie de escenas da película A ventana indiscreta (Alfred Hitchcock, 1954), recreadas dixitalmente en Eclipsis Estudios.

 

 

 

No quiero ser un juegoThe Riggos

O cuarteto vigués lanzaba “No quiero ser un juego” como novo single do seu primeiro LP, The Riggos (Lemuria Music, 2018), temazo punk que engancha desde eses primeiros riffs de guitarra. Dirixido polos catro compoñentes da banda e montado por Yago Ray Costas, o clip, rodado nun alpendre de xardín, é todo un xogo de luces, obra de Raúl Silva, coa actuación do grupo como protagonista. Planos detalle, acentuados por chiscos, escintileos e clarescuros, sincronízanse cos acordes da batería, a distorsión das guitarras e un retrouso contundente e pegadizo fan desta obra audiovisual «a luz na sombra» de The Riggos.

 

 

 

A Chamada da NéboaSangre de Muérdago

Un día a finais de agosto e en pleno ocaso, Sangre de Muerdago plantouse, instrumentos en man, no Goseck circle (Alemaña), un «Stonehenge de madera» que data do neolítico e é considerado o observatorio máis antigo de Europa. Dentro do asentamento, ao aire libre, acompañados polo seu can Pipilotta e fronte as cámaras de Paul Schlesier (Pallid Eyes Film), Sangre de Muérdago amosa unha versión en directo de “A Chamada da Néboa”, tema incluído no seu último disco, Noite (Música Máxica, 2018). Mentres os acordes da guitarra, a viola, a arpa e a frauta bañan as voces de Pablo C. Ursusson, impulsor do cuarteto, e de Asia Kindred, as derradeiras raiolas do día coábanse entre as táboas de madeira. A un mes de despedir o verán, non se nos ocorre mellor forma de celebrar a estación estival con estas «verbas do luar, bicos dende o alén, e os susurros das Mouras despiden o xerán. A seguinte mañán, o seguinte solpor...».

 

 

 

Perfidia - Tanxugueiras

En “Desposorio”, Tanxugueiras sorprendía con ese título rosaliano e un corpo de baile contemporáneo; en “Perfidia”, segundo single de Contrapunto (PlayPlan/Calaverita Records, 2019), o trío canta á «deslealdade e traizón que, mediante letras recollidas en diferentes puntos do país, constrúen un relato actual da ruptura da confianza na amizade». E fano entre coches ardendo e miradas desafiantes á cámara nunha obra que reflicte «como as novas xeracións da música tradicional non renuncian a conectar coas estéticas da cultura pop que as rodea para levalas ao seu terreo». Rodado en Pontevedra, con guión de Rubén Liño, xunto a Diego Santaclara e Diego M. Barcia en dirección de fotografía e rodaxe respectivamente, o videoclip está protagonizado polas tres cantareiras que, co obxectivo de demostrar a forza do folk galego, saen ilesas dun coche accidentado... para despois esnaquizar o vehículo e, a continuación, plantarlle lume. Dúas xornadas de traballo baixo a supervisión de Protección Civil de Pontevedra levaron a “Perfidia” á final dos XVIII Premios Mestre Mateo como Mellor Videoclip.

 

 

 

E velaquí tés completo o Videoclip Club: 

 

  noticias