• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

LAROÁ: «TODOS E TODAS TEMOS ALGO QUE CONTAR E CANTAR»

LAROÁ: «TODOS E TODAS TEMOS ALGO QUE CONTAR E CANTAR»
24 AGOSTO 2020

O espazo e o tempo conflúen do mesmo xeito que o seu folk se fusiona co jazz, o funk ou o pop. Desde 2016, Laroá está inmersa nunha procura continua pola fusión de música tradicional, jazz e ritmos da Península Ibérica, sobre unha base de música lusófona e de raíz. Composta por seis músicos de diferentes estilos e unha ampla traxectoria, a banda de world music explora novas melodías e cruza horizontes musicais a través dunha proposta libre e independente con cancións coloridas e saborosas, que se materializaron no seu debut discográfico Proxeccións (2019).

Na actualidade, a banda de folk-fusión non se limita a facer música e sorprende con “Camiños” enriba dos escenarios, un novo espectáculo onde as súas composicións conversan con danza e video creación.

 

 

Miguel e mais Franc coincidiron en Banda Baile Asalto e son, digamos, o xermolo do grupo. Como foron chegando cada un dos distintos membros, tendo en conta que procededes de estilos musicais diferentes? Como foi a incorporación de Diana Tarín?

Franc: «Precisamente pensamos que ese é un dos segredos de que a banda soe deste xeito, a distinta procedencia dos músicos, comezando por Miguel e por min. Desde o principio tivemos claro cal era a filosofía e cal queriamos que fose a sonoridade e o tipo de repertorio. Conforme esas necesidades fomos buscando músicos que se puidesen adaptar ao repertorio e engadisen o seu saber musical e persoal á banda.

Nun momento dado, a cantante anterior, Sheila Patricia, decide desvincularse da banda e pensamos que era un bo momento para buscar una cantante que non só se dedicase a cantar os temas que tocamos, queriamos atopar unha persoa que achegase musicalmente e lle dese un carácter máis world music; aquí é cando Miguel propón a Diana».

 

Debutades no mercado discográfico con Proxeccións (2019). No prólogo do disco, lemos a Ugía Pedreira que o traballo é unha busca «onde nace a alquimia da máis pura e normal retroalimentazom entre cidade e aldeia» para «sonhar novas formas nas que se encontre a beleza». De que xeito se complementan a música tradicional e o jazz na vosa música?

Franc: «Unha das calidades da música é a súa plasticidade e facilidade para mesturarse con outros estilos, outra cousa é que se faga con máis ou menos xeito. Miguel vén da música tradicional e eu da música “moderna” e o jazz. Pensabamos que o máis natural e o que nos apetecía era facer música de raíz partindo de temas de orixe lusófona cunha sonoridade jazzística, pero sen perder a esencia.

Vendo a resposta do público, especialmente nos directos, temos claro que o feito conecta coa xente. Miguel máis eu partiamos da idea do “preciosismo”, se facíamos algo feito con agarimo, sendo moi coidadosos cos arranxos e sen perder a esencia, iso ía conectar coa xente».

 

 

Entre as vosas influencias ademais da música tradicional e o jazz, está a música da lusofonía, África... Como describiriades esa fusión de estilos que é o voso son?

Franc: «Colles unha cocteleira, metes dentro a música de Galicia, Portugal, Cabo Verde, Brasil, Mozambique... axitas ben e iso é Laroá».

 

En Proxeccións hai pezas da tradición galega, clásicos da música portuguesa, a versión dunha canción da caboverdiana Mayra Andrade e… un tema tradicional de Macedonia! Como chegastes a el e que vos impulsou a incluílo?

Franc: «Foi un tema que propuxo Miguel, vaia, como todos [risos]. Cando o escoitamos nos demos de conta de que a melodía soaba galega e pensamos en facer unha versión e achegala ao noso son. Seguro que a maioría dos oíntes pensa que é un tema tradicional galego!».

 

Á hora de arranxar os temas, poñedes límites ou deixades que a peza vaia fluíndo? E, respecto á escolla do repertorio, seguides algún fío condutor, regra non escrita...?

Franc: «Para ser sincero debo admitir que límites hai; partimos en xeral da lusofonía e de ritmos de raíz. Por exemplo, se xorde un tema en 6/8 imos buscar un ritmo peninsular como o ajechao (ritmo tradicional da zona de Castela a Mancha), intentaremos evitar ritmos afrocubanos ou similares. Co tempo xa veremos como evoluciona o grupo, pero por agora queremos seguir indagando nesta dirección».

 

A percusión ten un peso moi importante en Laroá: Franc coa batería, Miguel con instrumentos máis tradicionais, como a lata de pementón ou o pandeiro de Peñaparda, ademais de Anaïs, Diana ou Laura, quen tamén se achegan puntualmente a ela. Como logrades encaixar toda esa base rítmica? Facilita esa sólida base a improvisación?

Franc: «Tiven a gran sorte de tocar en Coetus, unha orquestra de percusións ibéricas onde tocabamos 16 percusionistas; foi unha grande aprendizaxe ver como se orquestrou aquel proxecto. Se me permites a comparación, encáixase igual que nunha orquestra filharmónica, xogas cos diferentes timbres e tons, intentas complementar os ocos que deixan uns instrumentos con outros e dáslle o sentido rítmico que sentes que precisa cada peza. Unha boa base rítmica sen dúbida axuda á solidez da canción e, polo tanto, á improvisación».

 

No disco escoitamos ‘Danza da Lúa en Santiago’, sobre un poema de Federico García Lorca. Que vos levou a poñerlle música precisamente a este poema como xa fixeran antes Amancio Prada ou Carlos Núñez?

Miguel: «Sempre tivemos moitísimo interese pola súa obra, pola súa visita a Galicia e por todo o material que creou no noso idioma, polo que pensamos en aderezar as súas verbas coa nosa música e, sobre todo, coa nosa visión e idea musical».

 

 

En Proxeccións, contastes con colaboracións de músicos do talle de Kepa Junkera, Davide Salvado ou Gabriel Peso. Como xurdiron esas colaboracións e que credes que achegaron ao disco?

Miguel: «Tiñamos moi claro que Davide tiña que estar no noso primeiro traballo, xa fixeramos cousas xuntos e estamos namorados da súa voz e calidade humana; é un firma perfecta para un proxecto tan persoal. Con Gabriel coincidiramos noutro proxecto e foi un agasallo. Se tivese que destacar algo del como músico sería todo o amor e traballo que pon ao que fai; se a iso lle sumamos a experiencia e o altísimo nivel que ten como instrumentista...

Aproveitamos para mandarlle unha forte aperta a Kepa, que está pasando por unha situación moi complexa. Sei que soa a tópico, pero os grandes artistas soen ser unhas persoas marabillosas; cando o chamamos, brindouse encantado a colaborar, gravou unha morea de pistas e animounos a poñer toda a enerxía no proxecto, o dito... un grande».

 

 

No propio disco anunciabades un segundo traballo que, dicides, se abrirá cunha rancheira con Ugía Pedreira que é maxia. Como vai ese novo disco?

Miguel: «Pois o certo é que temos moito material novo, o proxecto afonda máis na música de raíz, música do mundo, feita no noso país».

 

Actualmente, estades estreando “Camiños”, un espectáculo integral que inclúe danza e audiovisuais. Como interactúan no espectáculo as proxeccións e os temas, e estes coa danza?

Miguel: «Estamos moi contentos, pensamos pola resposta do público que temos un produto que calquera lle pode recomendar a un amigo ou familiar ir a un concerto noso, unha hora e cuarto de emocións e sensacións. A danza é a firma de moitos momentos, estamos moi felices polo resultado acadado e a crítica xeral está sendo moi positiva».

 

 

No espectáculo hai un momento especialmente emotivo no que o audiovisual dialoga literalmente co grupo no escenario. Podedes falarnos de quen é esa muller que vemos, de Josefina e de como se xestou a idea?

Miguel: «O audio no que canta Josefina é un tema que se chama “Porque non hei de cantare”; é unha interpretación marabillosa chea de gusto e sentido. Nós no directo quixémola dotar de realidade, ou porque non... mandar esa mensaxe do importante que é expresarse, todos e todas temos algo que contar/cantar, por iso convidamos a Laducha, unha veciña de Quireza (Pontevedra), pandeireteira que ten por paixón cantar, unha fermosura de número!».

 

Falando de directos, o pasado dez de agosto actuastes, «na casa», na praza da Ferrería en Pontevedra. Como foi a experiencia de realizar un concerto con todas as novas medidas de seguridade sanitaria? Séntese igualmente a enerxía e o feed back do público?

Miguel: «Foi un concerto moi bonito, foi na casa, nunha das prazas mais bonitas que temos no noso país. Mentiriamos se dixésemos que a enerxía e a mesma... falta a conexión, pero a resposta do público foi fantástica, desfrutaron e abrazaron a proposta; para min foi un dos concertos máis especiais que vivín. Teño que agradecer ao Concello de Pontevedra todo o que están a facer, é un orgullo ser pontevedrés nos tempos que vivimos».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Miguel: «Polo seu xeito de facer as cousas, polo gusto e natureza de como as fai e pola calidade da súa música, sempre recomendaría a Guadi Galego; sei que xa e sobradamente coñecida, pero non está demais destacar a xente valente e con tanto talento».

 

Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Miguel: «Son un melómano total, escoito un pouco de todo, gústame a música tradicional, as músicas do mundo, o jazz... ultimamente estou escoitando un trío arxentino que se chama Acá Seca Trío, altamente recomendable».

 

  noticias