KINGS OF THE BEACH: «O ÚNICO QUE QUEREMOS É VIVIR DA MÚSICA, NON PEDIMOS UNHA MANSIÓN NIN BAÑARNOS EN BILLETES»
Poderían ser fillos dos Beach Boys, irmáns de Together Pangea e FIDLAR, e afillados de Kings of Leon. Kings Of The Beach —Adrián Rodríguez (guitarra, voz), Yago Guirado (baixo, voz) e Samuel Otero (batería)— rómpeno desde Vigo, facendo vibrar ao público con frenéticas melodías e un estilo que mestura garage, punk, surf e «algo» de indie-rock.
Rebentaron os escenarios de distintos festivais, como O Marisquiño (Vigo), a Monkey Week (Sevilla) ou o SXSW South by Southwest (Texas), usando a súa fórmula máxica: «un directo rápido, con suor e moitas hostias». Cun longo e tres curtos, o trío vigués vén de lanzar “Satellite”, o seu novo single-clip e adianto astronómico do que está por chegar.
Adrián (guitarra, voz), Yago (baixo, voz) e Samuel (batería), hai xa seis veráns que sodes Kings of the Beach. Como xurdiu o proxecto?
Yago Guirado: «A verdade é que todo comezou con eles; Adri díxome de tocar o baixo e eu dixen que si».
Adrián Rodríguez: «Tal cal, Samu e mais eu comezamos coa banda en 2013, logo tivemos outro guitarrista, despois a Yago e finalmente quedamos os tres... power trio forever!».
Samuel Otero: «Xusto como di Adri, tiñamos outra banda e queriamos montar algo máis garage e xurdiu KOTB».
Tras unha primeira maqueta, Badass (2015), debutastes co EP Bat Pussy en 2016, un disco autoeditado. Como foi a experiencia de asumir todas as responsabilidades que conleva sacar adiante un disco e máis sendo o primeiro?
Yago: «Bat Pussy foi un EP que nos deu bastantes alegrías, grazas a el comezamos a tocar bastante máis por todo o territorio peninsular. Naquel momento eramos máis novos, creo que non tiñamos o concepto de sacar un disco, simplemente queriamos pasalo ben, que a xente desfrutase, e ter moitos máis bolos».
Samu: «Tiñamos ganas de sacar un longo, tiramos para diante... e a xente respondeu ben».
No voso último disco Super Awkward, Fucking Awesome (2018), escoitamos “Surfin'” e “Wasted/Young”, temas regravados de Badass (2015). Como a experiencia é un grao, notades algunha diferencia ou similitude entre estes primeiros cortes e os últimos?
Yago: «No son radica o cambio; a única razón pola cal decidimos regravar eses temas foi porque para nós debían soar mellor que na maqueta de Badass e, ademais, son temas importantes para a banda».
Adri: «Nun principio, cando gravamos “Surfin’’” e “Wasted/Young” foi todo moi rápido; gravámolos no antigo instituto de Yago, o EAV, e case non tiñamos experiencia nin nós nin quen nos gravou, polo tanto regravalos si que foi un paso adiante en canto a profesionalidade. Eu quedei afónico ao rematar de gravar “Surfin’”».
Samu: «Hai un avance á profesionalidade, tanto na gravación como na execución».
A temática das vosas letras baila entre amor, desamor, praia, verán... Entre Yago e Adrián, os autores, cal dos dous é o máis romántico e cal é o que tira máis cara ao humor e á diversión?
Yago: «Igual eu… [risos] tratamos temas parecidos, pero penso que eu son o que máis fala de amor».
Adri: «Bueno... eu tamén son bastante intensito, pero a verdade é que Yago é máis asiduo a tratar eses temas. Compaxinámonos ben para tratar diferentes puntos de vista».
Por que escollestes o inglés como idioma para as vosas cancións?
Yago: «O estilo, as bandas que nos inspiran... foi un compendio de cousas. Sae máis natural a dicción inglesa no xénero ao que nos enfrontamos».
Escoitamos que tedes un tema inédito en castelán e a idea de cantar en galego nun futuro. Como imaxinades un single ou EP dos «Reis da Praia» no idioma de Castelao ou no de Cervantes?
Yago: «Creo que para nós sempre foi unha espiña cravada facer cousas en castelán e galego. Aos poucos irán saíndo cousas, pero non é algo que pensemos moito, deixamos que xurda por si mesmo».
Adri: «Tamén ás veces síntome un pouco presionado a cantar en galego ou castelán, todo o mundo nos di que deberiamos cantar no noso idioma; e a toda esa xente que insiste niso... deixádenos facer o que nos saia do cú, a música é nosa e seremos nós quen decidamos en que idioma cantar e cando o faremos».
Sodes unha banda que aposta forte polo directo. Como describiriades os vosos concertos? Cal credes que é a canción coa que máis desfruta o público en vivo? E a que máis desfrutades vós?
Yago: «Se tivera que escoller unha palabra, divertidos. Eu creo que “Wasted/Young” ou “Jumanji”, aínda que “Nasty Beach” tamén me gusta bastante tocala».
Adri: «Eu estou un pouco queimado de tocar sempre os mesmos temas; é certo que cos máis clásicos a peña flipa e iso faime pasalo ben tocando, pero agora mesmo teño máis ganas de tocar o novo disco que outra cousa».
Samu: «Son intensos, rápidos, sempre acabas suando a camiseta. Creo que a xente desfruta moitísimo con “Wasted/Young”, ver a xente cantando a canción é moi emocionante, e eu desfruto tocando todas!».
Son potente, veloz, punk e garage, ata algunha vez vos etiquetaron como banda indie… En varias ocasións mencionastes que non queredes restrinxir a vosa música. Estades dispostos a darlle velocidade a calquera estilo (electrónica, trap, hip hop...)? Atrevereriádevos co reguetón?
Yago: «Non queremos, pero penso que sempre haberá un espírito punk ou garage nos temas. Se facemos outros estilos, creo que creariamos novos proxectos, KOTB é KOTB».
Adri: «As bandas teñen que madurar co tempo e deixarse levar polo camiño que se sintan máis cómodas. Pero, así como é certo que pode haber unha evolución no son, non creo que esteamos dispostos a cambiar de estilo radicalmente. Mais nunca se sabe!».
Samu: «Nunca se sabe o que pode pasar nun futuro, imos cambiando o son co tempo, pero non creo nun cambio radical».
A principios de ano unistes forzas con Kaixo en YOUCANTHIDE, proxecto conxunto definido como «supergrupo dentro do underground vigués». Que podemos esperar desta «especie de toxicómanos tolos con aspecto de mafia búlgara» no futuro próximo?
Yago: «Só cousas boas, e moitas sorpresas».
Samu: «En setembro temos sorpresiñas».
E falando de underground vigués, como vedes a escena actual da música en Vigo? Credes que ten algo característico que a faga diferente á doutras cidades galegas?
Yago: «Vigo, e non me limitaría a Vigo, GALICIA ten unha escena particular e chea de bandas alucinantes, eu non creo que teña nada característico. Gústame que fagamos piña co resto de bandas de Galicia e España, creo que hai moitas conexións e formas de pensar moi semellantes entre a xente da nosa idade que ten bandas máis underground; hai un sentimento de comunidade».
Adri: «Agora mesmo a escena en Vigo está peor que hai uns anos, que xa é dicir. Antes, hai 7 u 8 anos, había moito máis movemento, máis espazos para as bandas novas e «algo» de apoio por parte do Concello. Co paso do tempo pecharon a maioría de espazos dedicados á xuventude e moitas bandas, simplemente, desapareceron. É verdade que van aparecendo novos grupos, pero xa non tantos como antes. O problema é que se segue apoiando ás mesmas dez bandas de sempre, pero bueno, aquí xa non estariamos falando de underground vigués, ese é outro tema».
Samu: «Eu creo que en Vigo vai morrendo aos poucos, fan falla novos grupos, pero parece que o Concello non quere apoiar a cultura, van pechando locais de ensaio que centralizan en VigoSónico, pero non chega, hai que apoiar un pouquiño máis ás novas xeracións de músicos de Vigo».
Compartistes o voso surf de Samil no SXSW South by Southwest en 2018, escenario ao que volveriades o pasado mes de marzo de non ser pola COVID-19. Como describiriades a experiencia, e acollida, de dar a coñecer a vosa música no mercado americano? E comparada coa escena estatal?
Yago: «Ao final todo é moi parecido, dá igual América, China, España... ao final é musica, gustas ou non gustas. Non temos tanta repercusión alá como para contestar ben esta pregunta, creo eu, pero o SXSW é unha pasada aínda que ben raruna».
Adri: «A experiencia de dez, a acollida tamén, e se hai que comparala coa de aquí, claramente nós saímos perdendo. Aquí o petaron Nino Bravo, Héroes del Silencio e movidas así, pero nunca houbo un movemento cultural que o petase a nivel internacional e que se mantivera co paso do tempo; se tal Los del Río, pero pouco máis».
Samu: «Foi unha boa viaxe, tivemos un concerto moi bo no que coñecemos xente moi guay, pero é un mercado difícil, é un festival tan grande que tes que ter moita sorte para dar coa xente adecuada».
Ao fío dos festis, seica vos gustaría participar no Primavera Sound, o Paredes de Coura ou o BBK Live, ademais de que estabades confirmados para O Son do Camiño 2020. Para vós, que supón dar o salto aos grandes festivais? Védelo algo natural... unha evolución?
Yago: «Non sei, máis repercusión mediática, cachés máis altos, tocar para máis xente. Para min é algo natural na evolución da banda, crecer ata tal punto que eses festivais contan contigo no seu cartel».
Adri: «O único que queremos é vivir da música, non pedimos unha mansión nin bañarnos en billetes, pero para bandas con pouca repercusión dixital como nós os festis tochos son onde podemos rascar algún cartos. E si, tamén a posibilidade de chegar a máis xente e compartir cartel con bandas top é un subidón, son experiencias que mola vivir».
Samu: «A música é o noso traballo, dar un salto a festivais de gran formato supón unha maior oportunidade que podemos ter no tema dos directos».
Tras ter que cancelar actuacións tan importantes, como estades a vivir a volta aos escenarios, cada vez máis incerta?
Yago: «Sinceramente, unha merda. Nada ten sentido nas medidas que pretenden que tomemos... estanse a cargar a cultura».
Adri: «Con moitas ganas de volver tocar, pero agora mesmo eu vexo bastante negro o futuro da música en directo».
Samu: «De momento complicado, non hai maneira de atopar un concerto, e os que estamos a conseguir vanse cancelando conforme pasan os días».
Coa vista posta no voso vindeiro disco, que vos levou a tomar a decisión de contar con Fran Meneses para a produción de “Satellite” e do resto do álbum? Seguirá o novo disco a liña de Super Awkward, Fucking Awesome? Cando contades que vexa a luz?
Yago: «Coñeciámolo de antes, e bueno, foi un acerto contar con el. Eu particularmente tiña moita admiración por el, porque me gusta moito Fuckaine, ademais traballa no estudio no que iamos gravar. O disco creo que segue unha onda parecida, pero nótase mais maduro, máis profesional; unha evolución no son que verá a luz cando se poidan facer concertos».
Adri: «A decisión foi bastante aleatoria, nun principio non tiñamos pensado gravar con el, pero foi un acerto 100 %. Entendeu bastante ben o rollo da banda e implicouse bastante cos temas novos para que quedasen peritas».
Samu: «A verdade é que foi unha moi boa decisión, deu de pleno co que buscabamos e foi moi divertido gravar con el. Para 2021 agardamos que [o novo disco] poida ver a luz!».
Seguindo o «vexo Vigo, vexo Cangas», nun par de videoclips vosos nós «vemos Samil, vemos Cíes»; de que praia sodes, o quereriades ser, reis?
Yago: «Eu de praia en outono; gústame a que podes levar o can».
Adri: «Este verán canseime un pouco das praias e púxenme a explorar a costa de Vigo. Agora vou a unha cala pequena que atopei un día na que non hai ninguén e as vistas son espectaculares, pero non vou dicir onde, non vaia ser...».
Samu: «Eu pouco vou á praia de día, máis de noite, pero gústame moito O Vao».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Yago: «High Paw, Dani, BALA, Ortiga, Blanco Palamera, Grande Amore, Lamprea Explosiva, Verto, Karma Animal, Mundo Prestigio, Copa Turbo... hai para rato, meu. Algún favorito? Todos!».
Adri: «Lamprea, e non precisades máis».
Samu: «Inland Valley, Lora, BABYKATZE, Lado C... hai moito onde escoller e nada defrauda!».
Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Yago: «“Secchio” de Pop X, non sei, case non uso spoti».
Adri: «Twin Peaks, Dune Rats, João Gilberto e algunha playlist de boleros. Ah! E o catálogo enteiro de KOTB en bucle mentres non estou na casa».
Samu: «A verdade e que ultimamente engancheime a Karina, pero, sinceramente, escoito de todo».