NOVOS LANZAMENTOS. AGOSTO 2020
Piano Covers – Nico Casal
A mediados de 2019, logo de dous traballos poñéndolle «as teclas» a outros, Nico Casal presentaba Alone (2019), o seu primeiro álbum en solitario; e, este, coa lesión na man dereita recuperada e en medio dunha pandemia mundial, lanzaba Stories Vol. I (2020), tres pezas orixinais que inauguraban unha serie de recompilatorios que verán a luz ao longo deste ano. En agosto, o pianista compostelán fixo un alto no camiño e, nostálxico, volveu ás súas orixes coa publicación de Piano Covers (2020), un novo EP composto por catro reworks de obras como “The Night We Met” o “Matilda”, dispoñible só nas principais plataformas dixitais.
Presentábao como «un par de cancións gravadas artesanalmente» para pechar un ano con máis nubes que claros, un Origami (2020) que desprega, en só dous temas, como Orlando Dees viviu a depresión durante algo máis dun ano. Da instrumental “Bornholmer (O Cómo Derribar Un Muro)”, chisco ao seu paso por Berlín, a “Origami”, o artista lucense anímanos a coidar a nosa mente —«a orixe e infinito de todo», segundo el mesmo confesa— a ritmo de guitarra e voz.
Ramona Órbita. A dona do tempo – Pakolas
Ramona Órbita. A dona do tempo (Editorial Galaxia, 2020) chega xusto a tempo para acompañar aos máis pequenos da casa á volta ao cole. A través de dez cancións, o novo libro-disco de Pakolas convídanos a visitar diferentes épocas da historia co obxectivo de aprender a protexer a natureza. Xunto a Ramona —muller labrega do Courel propietaria dunha horta cibernética e una máquina do tempo— percorreremos a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento ou a China Imperial, entre aventuras, personaxes, peripecias e acordes rock.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.