AIDA SACO BEIROA: «PENSO QUE A MÚSICA TEN VIDA E FORZA POR SI MESMA»
Deslizándose entre doces notas de piano, Aida Saco Beiroa amosa a súa capacidade para emocionarnos. Pianista e compositora, a rianxeira é autora de composicións que se moven entre o clásico, o instrumental e o minimalista.
Cun manexo extraordinario dos dedos, a moza ten xa dous traballos no mercado —o último, Ronseis do Tempo (2019), publicado a finais do ano pasado— unha carreira profesional que compaxina como alumna dos prestixiosos pianistas Josep Colom no Conservatori Liceu (Barcelona) e Maurizio Moretti no Schola Cantorum (París), ademais de participar como pianista concertista en numerosos ciclos e eventos musicais tanto de carácter colectivo como solista.
Tocaches as túas primeiras notas nun piano de xoguete, mentres soñabas con ser compositora de bandas sonoras; vemos as teclas as segues a tocar, pero que hai daquel soño de compoñer para cine?
Aida Saco Beiroa: «A día de hoxe tanto a miña formación como actividade profesional están enfocadas a outros campos. Así, varias producións audiovisuais (curtas, videopoemas) xa fixeron uso da miña música, e é esta unha faceta na que me gustaría afondar e desenvolver con maior intensidade nun futuro próximo».
En canto á túa formación, tiveches como mestres a Martín Millán, Maurizio Moretti, Elena Orobio, Akiko Ebi, Alexander Gold ou a Josep Colom. Que pegada deixaron estes pianistas na túa obra? Como é formarse con xente recoñecida e admirada?
Aida: «Tiven e teño a sorte de formarme con grandes mestres, algúns deles manteñen unha carreira como concertistas en activo ademais da pedagóxica, e cada un deles fixo a súa achega valiosa e diferente, tanto a nivel profesional como vital».
A túa primeira composición gravada escoitámola en “Teresa”, peza incluída en Múdanse os ventos (2015) de Barahúnda, dúo madrileño pero veciños do teu Rianxo natal. Como xurdiu esta colaboración?
Aida: «Cando Barahúnda estaba creando Múdanse os Ventos propuxéronme gravar, sendo eu moi nova, esta peza composta por eles á que eu lle puiden engadir, ademais, unha introdución da miña autoría».
No teu debut discográfico, Metamorfoses (2017), musicas as vivencias e emocións que experimentaches dos 17 aos 18 anos. Que che empurrou a describir esa «metamorfose» sobre as teclas e, posteriormente, publicala?
Aida: «Escribín Metamorfoses nun momento da miña vida no que se estaban producindo moitos cambios que precisaba plasmar na música. Penso que Metamorfoses recolle a ilusión, a reflexión e os sentimentos dunha etapa da miña vida que vivín intensamente, e iso aparece reflectido dalgún xeito na música».
Neste álbum contaches coa colaboración do ilustrador Luis Davila enriba do escenario, que tal foi xuntar as dúas vertentes artísticas ás que pertencedes?
Aida: «Colaborar cun profesional como Luis Davila, ao que admiro tanto, foi un auténtico luxo. É un debuxante moi polifacético e trasladou a miña música ao debuxo de forma fermosa e xenial. A nivel persoal, alédame especialmente o feito de que el tamén se sentise identificado co meu traballo e inspirado con el».
Son estas propias experiencias a túa principal fonte de inspiración ou tes algún outro «lugar», literal ou metafórico, onde a procuras?
Aida: «Penso que a música ten vida e forza por si mesma. Considero a «inspiración» máis ben como unha actitude ante a vida e que pode propiciar esa necesidade de crear música, de aprender e desfrutar con ela».
Chopin, Beethoven, Mozart, Schubert... se tiveses unha máquina do tempo, con quen che gustaría sentarte ao piano? Por que?
Aida: «A verdade é que hai tantos grandes compositores e compositoras na historia da música que me gustaría coñecer... que é difícil elixir. Coa música de Liszt sinto unha especial vinculación e, tendo en conta que foi un gran mestre no seu tempo, sería xenial coñecelo e recibir os seus consellos».
O teu último traballo, Ronseis do Tempo (2019), foi gravado por Ángel Ramallo «no recollemento da casa» durante o verán de 2018. Como foi o proceso creativo?
Aida: «Nos días antes de marchar a vivir a Barcelona decidín gravar unha serie de pezas nas que levaba traballando ese verán, mais Ronseis do Tempo non foi un proceso convencional e pechado, xa que seguín creando mentres estabamos gravando o álbum; algunhas das pezas foron compostas practicamente sobre a marcha e tamén hai música improvisada.
Penso que a descrición de «instante feito música» é moi axeitada para describir cal foi a concepción deste traballo intimista e reflexivo».
Definías o disco como «testemuña musical do fin dunha etapa e o comezo doutra», ademais de ser unha homenaxe a Fran Pérez – NARF. Existe algunha relación entre esta segunda «metaformose» e o cancionista compostelán?
Aida: «Ronseis do Tempo nace a partir dunha reflexión profunda sobre o tempo; e, neste sentido, converteuse tamén nunha homenaxe a dous admirados artistas que faleceran recentemente e que eu tiven a sorte de coñecer en vida, como son Fran Pérez - NARF e Paco Souto».
En Ronseis do Tempo escoitamos a Uxía, quen dá voz aos versos de Darío Xohán Cabana en “Déixome ir”, e a MJ Pérez facendo o propio cos de Rosalía de Castro en “Para que escribo?”. Que significan para ti estes poemas, e por que elas para darlle voz?
Aida: «Cando decidín musicar os dous poemas aínda non concibía Ronseis do Tempo como un conxunto e tampouco estaba buscando centrarme nunha temática en concreto. Ambos poemas chamáronme a atención desde un principio e trataban o tema común do tempo, que rematou converténdose de forma natural e sen ningunha intencionalidade anterior, na idea sobre a que xira o disco.
Colaborar con Uxía foi un luxo xa que, ademais de ser unha das miñas referentes máis importantes da música galega, significaba para min unha forma de homenaxear a NARF e ó traballo que ambos crearon, Baladas da Galiza Imaxinaria (2015).
No caso de MJ tamén foi moi enriquecedor traballar con ela, unha cantautora nova, á que admiro, con moito camiño feito e con moito futuro musical tamén por diante.
Ambas fixeron súas as cancións e achegaron o seu propio estilo, enriquecéndoas».
Seguindo o fío rosaliano, tiveches a oportunidade de tocar no piano da familia Murguía Castro, na Casa da Matanza (Padrón), como describirías a experiencia?
Aida: «Tocar nun piano antigo, con tanta historia e tendo, ademais, a oportunidade de facelo na propia Casa da Matanza foi unha sensación inesquecible; este verán volvín a vivir unha experiencia similar ofrecendo un concerto na Fundación Vicente Risco, tamén co piano da familia. Sentinme, en ambos casos, un pouco máis preto destas figuras transcendentais da nosa historia; os pianos antigos son verdadeiras máquinas do tempo».
Entre as pezas instrumentais, neste álbum escoitamos por vez primeira voz, que che fixo dar o paso a incluír temas cantados? Atoparémolos tamén en futuros traballos?
Aida: «Neste disco quixen deixar recollidas estas dúas pezas que achegan, mediante a poesía e a palabra cantada, un enriquecemento á mensaxe de Ronseis. Non son as primeiras pezas que compuxen para voz e piano e, moi posiblemente, tampouco serán as últimas».
Ademais, as túas notas tamén conversaron coa obra literaria de Xosé Iglesias, Pedro Casteleiro, Alfredo Ferreiro e Paco Souto, entre outros. De que xeito inflúen as letras (literatura) nas túas notas (música)?
Aida: «Estás citando poetas moi importantes para min cos que puiden establecer unha comunicación especial. Creo que a conxunción das distintas artes sempre é enriquecedora, pero telos coñecido persoalmente e escoitar a súa poesía supón un grande estímulo creativo.
Estou moi agradecida de ter colaborado con tan bos poetas e que eles tamén se sentisen identificados co meu traballo».
Actualmente combinas os teus estudos entre o Conservatori Liceu (Barcelona) e a Schola Cantorum (París), como compaxinas a túa faceta académica cos teus proxectos artísticos?
Aida: «A verdade é que é moi complicado compaxinar ambos mundos. O piano clásico esixe moitas horas de dedicación, e aínda máis se estudas en dous centros diferentes cun nivel de esixencia alto nos dous. Mergullada na frenética actividade do estudo e das viaxes e concertos, non sempre aparece o momento idóneo para crear. No meu caso, é cando podo frear o ritmo que volve a xurdir de novo esa necesidade e ese gusto por crear.
A verdade é que, malia a dificultade de compaxinar as dúas facetas, non me imaxino deixando de lado ningunha delas. Por un lado, formarme na música académica enriquece a miña visión e a miña capacidade musical, e por outro, crear as miñas propias pezas permíteme acceder a un punto de experimentación e un maior coñecemento de min mesma».
Lemos que tiveches un confinamento «bastante axitado», pero, aínda así, sacaches tempo para compoñer. Sen spoilers, que podemos esperar do teu vindeiro disco?
Aida: «Aínda non teño en mente un terceiro disco, pero si moitas ganas de experimentar nova música e novas linguaxes musicais. A música que irei xestando significará unha continuidade cos meus traballos anteriores nalgúns aspectos, e unha evolución noutros».
Por curiosidade, vímosche lucir unha camisola dos The Who e outra coa portada de Unknown Pleasures (1979), álbum debut de Joy Division. De onde sae esta vea rockeira e postpunk?
Aida: «Sempre escoitei moitos estilos diferentes de música; neste caso foi grazas ao meu irmán e ao meu tío que descubrín, desde pequena, bandas como as que mencionas. Xuntos escoitabamos a David Bowie, The Kinks, Led Zeppelin ou Red Hot Chili Peppers. Posteriormente, na miña adolescencia, The Smiths e Joy Division convertéronse en dúas bandas imprescindibles para min».
Xa estreada e de cheo na nova normalidade ata novo aviso, como estás a afrontar a volta aos escenarios nun futuro próximo?
Aida: «Os concertos que fixen xa este verán, tendo en conta as novas medidas de prevención da COVID-19, resultaron moi ben; por iso agardo os vindeiros concertos sen preocupación, desexando tamén reprogramar canto antes aqueles que quedaran cancelados por mor do confinamento.
Penso que, se ben é certo que os próximos concertos que darei serán en recintos pechados (Casa Rusia de Barcelona, Foment Mataroni, Auditorio de Rianxo), coas oportunas medidas de seguridade pódense desenvolver sen riscos; é absurdo que poidan viaxar os avións cheos de pasaxeiros mentres se pon en dúbida a celebración de concertos e actos culturais».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Aida: «Non podo deixar de recomendar nunca a Fran Pérez - NARF. Penso que a súa música abriu un camiño enormemente rico para a música galega que, de seguro, seguirán explorando as novas xeracións de artistas galegos. NARF soubo unir na súa obra a tradición, a innovación, a orixinalidade e autenticidade, cunha esencia moi galega e, ao mesmo tempo, de vínculo co mundo lusófono.
Ademais, hai moitísimos proxectos actuais de estilos diferentes na música galega que admiro e sigo e que darían para facer unha listaxe enorme de recomendacións. Un que podería nomear é, por exemplo, cintaadhesiva, que mestura música, poesía, audiovisual e unha posta en escena chamativa».
Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Aida: «Penso que sinceridade é unha boa palabra, de feito, para describir a miña música. Escoitaredes música sincera, porque está feita desde a intención de comunicarse co oínte da forma máis directa que podo, sen artificios».