• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO
18 SETEMBRO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

HoneyWanna Dee

Wanna Dee «edulcora o noso corazón» coa súa mel de puño e letra... Con mestura e master de Judah GT e El Afilador, o corte orixinal composto polo artista moañés achégase ao trap melódico, cunha base instrumental sobre acordes de piano e violonchelo obra de Its Soul e María Martínez, respectivamente. O vídeo que acompaña a este doce sonoro, de novo asinado por Andrés Hermelo con fotografía de Tamara Ruibal e Uxía Santomé, presenta unha sentida actuación de Wanna Dee nas dunas da Lanzada (Pontevedra), con planos medios e detalle pasados por un filtro tan cálido como esa «mel» á que canta.

 

 

 

Vai Embora!MJ Pérez

«Non podo escoller, son tan galega como lusa», por iso, MJ Pérez arriscouse a compoñer na lingua materna da súa nai. “Vai Embora!” é a súa primeira canción en portugués, unha peza na que a cantautora arzuá combina a súa esencia con influencias propias da música folclórica portuguesa e o fado. Con humor e ironía, “Vai Embora!” convídanos a desposuírnos de todo aquilo que nos fai mal e impídenos ser nós mesmos. Ese «todo», no videoclip realizado por ela xunto a Cuerda Floja Producciones e TikTak Teatro, materialízase en dous mimos que tentan a unha MJ Pérez irrecoñecible... que, ao final, remata brindando!

 

 

 

Mi Fuego No QuemaPARDO

Entre as paredes do Hotel Fraga do Eume, os acordes dunha guitarra e un ambiente acústico e intimista, PARDO presentaba “Mi Fuego No Quema”, que servía como adianto do seu quinto traballo discográfico, gravado en Desert City Studio (Almería). O plano secuencia da actriz Tania Morenilla, intercalado con imaxes da guitarra do coruñés, son o fío condutor dun videoclip firmado por Alberto Castaño (Axencia G) coa axuda de Manuel Maneiro. O tema, cargado de influencias do blues e rock máis americano, amosa o lado máis ardente de Néstor Pardo nun clip no que envía unha clara mensaxe: pon a túa pel ao sol... que aínda podes!

 

 

 

TaboadaNajla Shami

O galego arrola a kalimba, instrumento fetiche no que, neste caso, Najla Shami se apoia para darlle un trato especial a “Taboada”; unha peza que compuxo sobre a terra lucense onde se criou, a mesma onde unha pequena Najla aprendeu a desfrutar da natureza, da liberdade e da exploración, da súa infancia. Realizado por Némesis Audiovisual, o vídeo é unha magnífica mestura de primeiros planos da cantautora con imaxes aéreas, obra de Air4Drone, dunha Taboada «de verde exuberante, ás beiras do río Miño».

 

 

 

Sol de InviernoRodrigo Ramos

Movéndose entre o pop, o rock e o folk, o músico e cantautor galego arroxa as derradeiras raiolas de sol en máis de tres minutos dunha viaxe sonora en tren, con retrousos pegadizos, arranxos de piano, órgano Hammond e guitarras eléctricas. A calidez da canción, marcada pola súa atemporalidade, consegue traspasar as nosas pantallas grazas ao traballo visual de Jairo Moreno, quen se encargou da dirección do vídeo. Deste xeito, case sen darnos de conta das paradas, e baixo ese «sol de invierno», chegamos ao noso destino... Santiago de Compostela.

 

 

 

E velaquí tés completo o Videoclip Club: 

 

  noticias