• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DEQUENVESSENDO: «AS LENDAS SON MOITO MÁIS QUE RELATOS DE FANTASÍA»

DEQUENVESSENDO: «AS LENDAS SON MOITO MÁIS QUE RELATOS DE FANTASÍA»
28 SETEMBRO 2020

Hai catro anos que, froito das inquedanzas culturais e musicais dun grupo de rapaces, Dequenvessendo nace na Coruña coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional, influenciado por grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard, Tannahill Weavers; hoxe, convertido en sexteto, Dequenvessendo conta xa con varios premios, entre eles o prestixioso Runas 2019 concedido polo Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, e vén de presentar o seu debut discográfico, Canto das Xacias (2020).

Composto por 11 pezas, o LP é un traballo interdisciplinario coa música celtoatlántica como fío condutor, inspirado na auga e na mitoloxía relacionada coa mesma, con letras de poemas galegos que eles mesmos musicaron facendo gala dun folk tan atraente como a beleza daquelas xacias.

 

 

 

Facendo un chisco ao voso nome, de quen vides sendo? Cales son as vosas orixes no mundoda música? En que influíu ter tan preto un grupo de referencia na música folk en Galiciacomo é Luar na Lubre?

Bieito Romero Diéguez: «Ter un grupo como Luar na Lubre tan cerca é unha axuda moi grande, xa que ver como se teñen que facer as cousas, como funciona un grupo ou como hai que organizarse é algo moi importante, tendo en conta que somos seis músicos enriba dun escenario».

 

O xermolo do grupo foi un cuarteto de música tradicional creado no ámbito da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo); como foi evolucionando o proxecto ata chegar aDequenvessendo? Por que decidistes incorporar voz aos vosos temas?

Bieito: «Un dos motivos polos cales decidimos engadir unha voz e outros instrumentos foron as influencias de grupos folk, tanto a nivel galego como de outros países celta/atlánticos».

 

En 2019, gañabades o Runas, o proxecto do Festival de Ortigueira para promocionar bandasnoveis. Que supuxo isto para a agrupación? Foi, dalgún xeito, un punto de inflexión paravós?

Bieito: «Nós non contabamos con gañalo! O certo é que quedaramos moi contentos por poder tocar nun festival dunha magnitude e importancia como o Festival de Ortigueira. A participación no Runas serviunos como escusa para sacar a maqueta que lanzamos en maio de 2019, xermolo deste Canto das Xacias; aproveitamos para gravar catro temas para o concurso e, máis adiante, gravamos dous máis para sacar a maqueta».

 

 

En febreiro pechabades con moito éxito a campaña de micomecenado para o voso primeiro disco. Para abril estaba prevista a distribución das recompensas, para maio a saída do disco, para xuño o concerto de presentación... Como vivistes que, de súpeto, a COVID-19 viñeratrastocalo todo?

Bieito: «En certo xeito é duro, xa que a presentación deste novo disco era algo co que levabamos soñando moito tempo e tiñamos unhas expectativas que, coa COVID-19, se reduciron. Por sorte, puidemos continuar traballando; cando rematou o confinamento finalizamos o traballo no estudio e, por fin, agora podemos presentar con moitísima ilusión o noso disco Canto das Xacias».

 

No voso debut discográfico, Canto das Xacias (2020), saído do forno o 8 de setembro, atradición galega está moi presente: nos ritmos, nas melodías..., pero incorporades outros elementos. Como é o proceso de arranxar un tema para que soe a Dequenvessendo? Como se consegue unha identidade musical como a vosa?

Bieito: «Creo que a clave é o traballo en común e con ilusión, ter moi presente quen es, de onde ves. En Dequenvessendo traballamos con moito amor de cara ao que se facemos, escoitando as propostas de todos os membros do grupo, facendo así que as nosas músicas se enriquezan máis; e mirando sempre de onde vimos».

 

 

Tamén a tradición agroma nos temas: antigas lendas e cantares que chegaron ata nós mediante a transmisión oral, como por exemplo, a das xacias. Como foi o labor de documentación para chegar a elas e a eses outros elementos máxicos e lendarios que aparecen no disco?

Bieito: «A través dunha fonda investigación chegamos a coñecer as historias das xacias e a importancia que ten a auga na tradición galega. Neste sentido, sempre procuramos afondar na bibliografía máis rigorosa de grandes mestres como Rafa Quintía, Fermín Bouza-Brey, André Pena Graña, Carré Alvarello... xente que estudou a historia de Galicia e que coñece a importancia que para o noso país supoñen estas narracións.

As lendas son moito máis que relatos de fantasía, nelas agóchanse milleiros de simbolismos que, grazas a eles, podemos entender como era a sociedade galega, as divindades ás que se lles rendía culto, os costumes que tiñan... As lendas teñen unha carga histórica moi importante que nos axuda a entender como era a sociedade galega antigamente; algo imprescindible tamén para entender como somos hoxe en día».

 

Sen ánimo de facer spoiler, poderiades comentarnos sobre en que lendas vos baseastes paraa creación da personaxe e a historia de Sabel?

Bieito: «A creación de Sabel vén de moito máis atrás que do noso traballo. Fálase de Sabel na lenda recollida en 1927 polo párroco de Vilar de Ortelle, Ramón de Castro, ao que se lle recolleu a lenda A Xacia de Chouzán, na que nós nos baseamos para realizar este traballo. Sabel era a filla mediana, como conta a historia recollida por Ramón de Castro, dunha xacia e dun humano; era unha nena que, co paso do tempo, comezaba a mostrar fortes inclinacións ás augas, algo que ao seu pai non lle gustaba, xa que recoñecía neses comportamentos a natureza pagá da súa nai, polo que comezan a aparecer discusións en relación a estes comportamentos. Debido a esta complicada situación, a nai de Sabel decide marchar voltando ás augas (o seu lugar de procedencia), mais o resto de xacias repúdiana e deciden asasinala, e Sabel, a súa filla cargada de culpa, chora a súa morte».

 

 

Os textos dos vosos temas veñen de orixes e tempos diversos: Ramón Cabanillas, Enrique Labarta Pose, Luis Maquieira son algúns dos autores escollidos. Como foi o proceso de selección deses textos?

Bieito: «Durante o proceso de investigación puidemos coñecer moitas poesías relacionadas coa temática da auga, é o caso do poema de ‘Adeus’, de Luis Maquieira; ou tamén de coñecidos romances, como é o caso de ‘Birnarem’, recollido por Antonio Fraguas e modificado por Ramón Cabanillas, no que se falaba de seres mitolóxicos e, ademais, do vínculo que existía coas augas e a importancia que tiñan as fontes».

 

Chamounos poderosamente a atención a presenza de Carles Riba (1893-1959), un autor catalán que, por amor, escribiu cantigas de amigo en galego a principios do século XX... É ben curiosa a historia deses textos. Como o coñecestes e que vos levou a incluír un dos seus poemas para “Sabel”?

Bieito: «Carles Riba foi un dos poetas que coñecemos a medida que investigabamos sobre as augas e a mitoloxía relacionada coa mesma. Foi unha grata sorpresa ver que este poeta, coa maioría de poemas publicados en estilo neotrobadoresco, escribía en galego. Ademais disto, o poema era unha cantiga de amigo onde a voz principal é a dunha muller namorada, polo que desta maneira lle puidemos poñer voz á protagonista do disco, Sabel».

 

 

En Canto das Xacias contades coa colaboración de músicos de longa e sólida traxectoria como Xosé Liz, Bieito Romero, Nani García ou SÉS, entre outros. Que levades aprendido deles? Impón dalgún xeito traballar con figuras imprescindibles da música galega actual? Tamén colabora a A. C. Triskell. En que consistiu a colaboración? Que importancia pensades que teñen este tipo de asociacións para a música tradicional?

Bieito: «Levamos aprendidas moitísimas cousas grazas a estes apoios. Foron colaboracións que nos fixeron moita ilusión que aparecesen no noso primeiro disco, e ademais, enriqueceron de maneira moi notable as nosas músicas.

No caso do apoio de A.C. Triskell, esta foi unha colaboración foi moi especial. Nós saímos desta asociación, foi o espazo onde nos coñecemos e agromou o que hoxe en día é Dequenvessendo. Fíxonos moita ilusión que apareceran neste primeiro disco canda nós. En certa forma, xa respondendo á seguinte pregunta, o que quixemos foi reivindicar a importancia que teñen as asociacións culturais no noso país; estas entidades fan un labor importantísimo a nivel cultural e de espallamento, ou difusión da mesma, polo que quixemos que estivesen presentes, ao igual que o fixeron en numerosos concertos, neste novo disco».

 

O halo máxico e lendario vése tamén na portada do disco, obra da ilustradora Estefanía Domínguez Cagigao. Como xurdiu a idea de contar con ela?

Bieito: «A posibilidade de contar con Estefanía na imaxe deste Canto das Xacias tamén foi moi interesante. Coñeciamos o seu traballo, sempre intimamente relacionado co mundo máxico, algo que nós tamén estabamos a explorar neste disco. Decidimos contactar con ela para que ilustrase tanto a portada como o propio deseño do disco e certamente quedamos moi contentos e agradecidos co resultado».

 

Outro dos trazos que vos identifican é o voso vestiario enriba do escenario. Por que escollestes esa estética? En que se inspira?

Bieito: «Gustounos a idea de marcar certa diferencia entre estar no palco e fóra del, polo respecto que lle temos a idea de subirse enriba, pero máis como unha cuestión puramente estética que de fondo. Desde o inicio escollemos este vestiario, elegante e sinxelo á vez, porque vai acorde coa propia esencia do grupo e, dalgún xeito, tamén rende homenaxe ao espazo do que vimos».

 

 

Nos grupos de música folk e tradicional, non sempre é común ver xente tan nova coma vós. Credes que isto axuda a que o público máis novo se achegue a este estilo?

Bieito: «Cremos, ou gústanos crer, que si. Cada vez hai máis xente nova na música tradicional e na música folk, pero ás veces parece que seguen existindo certos prexuízos de cara a estas sonoridades... grazas a que emerxen novos grupos de xente moza, cremos que estas ideas caen polo seu propio peso. Nestes momentos en Galicia hai un caldo de cultivo que apunta neste sentido: novas xeracións de artistas que acompañan as vivencias da xente máis moza e cada vez máis orgullosa das súas orixes, da identidade e do punto ou espazo do que proceden».

 

Actuastes noutras comunidades como Castela e León ou Murcia, como é a acollida do folk galego alén das nosas «fronteiras»? É esa acollida diferente á do público en Galicia?

Bieito: «Os concertos que dimos fóra de Galicia tiveron unha moi boa acollida. Foron bolos moi especiais, xa que ver que a nosa música tamén ten un espazo e que a xente desfruta con ela lonxe da casa é realmente moi fermoso».

 

Logo de ter que cancelar e retrasar os concertos presentación, coa vista posta nos escenarios, como afrontades a volta nesta nova normalidade? Que poderemos atopar nos vosos directos?

Bieito: «Afrontámola con moitas ganas e ilusión. Desexamos presentar este traballo e o público que se achegue aos nosos directos poderá descubrir un son fiel ao noso estilo e á esencia do que somos. Nalgúns momentos tamén contaremos co apoio de artistas que colaboraron con nós e con bailadores, como foi o caso da estrea no Teatro Rosalía Castro da Coruña».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito quedeberiamos coñecer?

Bieito: «Por sorte, están aparecendo moitas novas propostas de estilos diferentes de música en galego e iso é algo moi positivo. Están ocupando espazos que antes estaban sen explorar ou que tiñan moito que achegar. Á vez, están a axudar a que a música en galego e, por tanto a nosa lingua, cada día estea máis presente».

 

Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade - 0%Vergoña.

Bieito: «Moita música tradicional, folk e de raíz de moitísimos lugares do mundo, obviamente, pero tamén diferentes estilos. Desde a canción de autor até o pop, rock, rap, punk, heavyGústanos a música, descubrir novas sonoridades. As contas sempre están abertas a recibir sorpresas!».

 

  noticias