NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2020
Universal Love – Susana Martínez
O seu último longo, Let’s Make a Change (2017), estaba composto dunha decena de cancións blues-funk-soul-pop en inglés... e vaia se houbo cambio! A finais de setembro, Susana Martínez presentaba Universal Love (2020), o seu segundo disco, que mantén a mesma tónica americana de soul-funk-pop pero no que inclúe galego e castelán «co obxectivo de chegar a máis público». Acompañada de Diego Pacheco e Ovidio López (guitarras), Segundo Grandío (baixo), Paulo Borges e Félix Cebreiro (pianos), e Alicia Grandío (batería), a artista se achega ás décadas dos 80 ou 90, con ritmos bailables, intimistas, folk-pop e rockeiros, mentres canta ao amor en todas as formas.
Despedía agosto coa nova de que fora fichada por Turbo Recordings, selo discográfico canadense liderado polo DJ e produtor Tiga, e o pasado 25 de setembro Cora Novoa sorprendía co seu primeiro EP xunto a eles. Sun/Black Out (Turbo Recordings, 2020) son dous cortes que reflicten a a evolución do seu son, que agora se centra en «sons industriais, escuros e contundentes, con certa reminiscencia electro»; “Sun” é unha tolemia eufórica con vocals cluby, oposta a “Black Out”, pesada cal pisotón distópico que fai gala «dese ruído e renxido do noise».
El Extraordinario Viaje en el Tiempo del Futuro - Cervan
Despois de cinco anos, Cervan está de volta! E faino coa publicación do seu primeiro longo, El Extraordinario Viaje en el Tiempo Futuro (2020), xa dispoñible nas principais plataformas dixitais para a súa escoita e descarga gratuíta, ademais de en formato físico. O LP, autoproducido, é unha colección de dez cancións pop-rock indie con tinguiduras acústicas; letras en castelán e en galego que, na súa maioría, nos convidan non só a viaxar no tempo, senón a adentrarnos en nun universo de maxia e fantasía.
TERRA – Mosquera Celtic Band
Un par de semanas despois do lanzamento do single-clip adianto, Mosquera Celtic Band publicaba o seu novo traballo, TERRA (Several Records, 2020), un LP que chega logo dun lustro de silencio discográfico. Xa dispoñible en formato físico e nas principais plataformas dixitais, TERRA presenta un novo xeito de «ver» o folk a través de viaxes, descubrimentos e, sobre todo, música; nota a nota, a banda conta, e canta!, como as músicas tradicionais de Escocia e Irlanda influenciaron a aparición de novos xéneros e instrumentos América do Norte, ademais de sentar as bases na creación de estilos como o country, o bluegrass ou o hilbilly. Sen esquecerse das súas raíces galegas, para esta travesía sonora composta de 15 pezas, Mosquera Celtic Band contou con numerosas colaboracións, estatais e internacionais como Diane Cannon, Gillebrìde MacMillan, Àdhamh Ó Broin, Carlos Escobedo (Sôber), Javier Rod, Lluís Gómez, Francisco Cañizares, Ana Pilar Violero e Lume de Biqueira, entre outros.
Canite Tuba – Vox Stellae
O novo de Vox Stellae sae dun libro, e non dun calquera, un que contén parte do repertorio vocal relixioso dos séculos XVII-XVIII, conservado no Arquivo da Catedral de Tui. En Canite Tuba (2020), o coro de cámara recolle 16 pezas do Libro III de Polifonía (s. XVII-XVIII) de estilo propio da música litúrxica da época, tardo-renacentista, pero cun «contrapunto menos traballado e conservando, en moitos casos, o recurso do cantus firmus», e un toque barroco nalgunhas das sucesións harmónicas.
Canto das Xacias – Dequenvessendo
Dequenvessendo construíu parte do seu repertorio sobre lendas e poesías, que musicou «con ilusión» e presenta envoltas na obra ilustrada de Estefanía Cagigao. Composto por 11 cortes, Canto das Xacias (2020) é un traballo interdisciplinario, inspirado na auga e na mitoloxía relacionada coa mesma, para o que o sexteto coruñés contou coa colaboración de músicos de longa e sólida traxectoria como Xosé Liz (TOR), Bieito Romero (Luar na Lubre), SÉS o la A. C. Triskell. Un debut discográfico que fai gala gala dun folk tan atraente e decoñecido como a beleza daquelas xacias.
Stay Out Vol. 2. Brendan Cassidy – Los Buenos
Cun ano de diferencia, Los Buenos lanzan o segundo volume de Brendan Cassidy AKA Wave B, Stay Out Vol. 2 (2020), longo composto por dez tracks que van desde o post-rock ata o trap pasando pola electrónica; este álbum, a diferenza do anterior, está construído noutro espazo, e noutra escena, e se presenta cargado de harmonías e riffs contundentes de guitarra.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.