RODRIGO RODRÍGUEZ: «NA VIDA COTIÁ ESQUECÉMONOS DA NOSA RESPIRACIÓN, O SHAKUHACHI REPRESENTA EXACTAMENTE ESTE PROCESO BIOLÓXICO»
O termo xaponés shakuhachi (尺八 - AFI: [ɕakɯhatɕi]) significa «1’8 pés», os mesmos que, para el, separan Oriente de Occidente. Rodrigo Rodríguez, intérprete e compositor hispano-arxentino, pasouse os seus primeiros anos entre a música clásica e a música moderna, coqueteando coas cordas da guitarra española... ata que descubriu a música tradicional nipoa da man do shakuhachi, frauta xaponesa utilizada polos monxes komuso, quen desenvolveu unha práctica de meditación sonora durante o século XVI.
Rodríguez decidiu entón aprender dos mestres deste instrumento no país do sol nacente, onde comezou a desenvolver unha linguaxe compositiva propia que, xunto ao seu talento innato, abriulle as portas para actuar en escenarios de todo o mundo. A súa mestría co shakuhachi queda patente ao longo da súa extensa discografía, composta por máis dunha ducia de publicacións, a última delas, Healing Buddha Music (New Age & Chill Out): Eastern Light Shakuhachi Flute Music (2020), publicada o pasado verán.
Como alguén que nace en Arxentina, pasa boa parte da súa vida en España e con formación en guitarra clásica, acaba decidíndose por tocar un instrumento tradicional xaponés?
Rodrigo Rodríguez: «Desde pequeno sempre tiven interese na música e os sons. Lembro en Arxentina como a miña familia me introduciu na música clásica, unha das primeiras obras que escoitei foi o famoso “Bolero de Ravel”, quedeime cativado con esa composición.
Pasados moitos anos, pasados os 10, outro familiar introduciume na guitarra por vez primeira, foi nese momento cando comecei estudar a guitarra clásica.
Sempre me atraeron os sons que escoitaba na vida cotiá, ou na natureza; de neno, cando iamos ao campo, observaba atentamente os sons do ventos nas árbores, a brisa, a auga no mar, etc. Moitos dos instrumentos tradicionais teñen un vínculo con estes sons, no caso do shakuhachi é un instrumento que simboliza moitos sons da natureza, incluíndo os animais.
Pasados os 20 anos foi cando decidín estudar shakuhachi e a música clásica de Xapón, deixando atrás a miña vida en España aventureime cara a oriente».
Como foi a reacción do teu contorno cando decidiches mudarte a Xapón para estudar shakuhachi?
Rodrigo: «Tiña 23 anos cando decidín viaxar a Xapón e estudar a frauta shakuhachi; neses momentos tiña traballo, casa e todo... toda a miña vida en España. Os meus familiares non entenderon moito esta decisión, aínda que eles xa sabían a miña dedicación á música desde temperá idade, a miña paixón e o meu interese.
Cando miro atrás e penso en como decidín marchar.... actualmente creo que non sería capaz de facelo. Moitas das oportunidades que se che presentan na vida son únicas, ás veces non hai vindeira vez nin segundas oportunidades».
Non só ías a unha cultura diferente, senón que entrabas en contacto coa parte máis tradicional desa cultura. Xa alí, como che acolleron, como te adaptaches?
Rodrigo: «Ao principio cría que me costaría adaptarme a Xapón, pero sorprendeume como me familiaricei co día a día no país do sol nacente. Existen moitos conceptos na idiosincrasia xaponesa que son moi distantes aos nosos, pero unha vez que entendes o porqué de cada un, entendes que existen outros xeitos de ver a realidade ou desenvolverte nela».
O termo shakuhachi significa «1’8 pés», referido á súa lonxitude; para quen a descoñeza, podes describirnos como é o shakuhachi?Como definirías o seu son?
Rodrigo: «O shakuhachi é un instrumento fabricado dun material totalmente orgánico e vexetal, neste caso o bambú é secado polo luthier duns 3 a 5 anos. O bambú é un material moi versátil en Asia, ten un gran valor culinario e úsase para facer casas, roupa, ferramentas, calzado... ata instrumentos musicais!
O son do shakuhachi representa varias cousas, unha é o carácter nipón nacional e os seus aspectos de humildade e austeridade que tanta relación teñen co budismo zen, ademais dos sons da natureza e o espírito.
Na nosa vida cotiá esquecémonos da nosa respiración, ese proceso mediante o cal os seres vivos intercambiamos enerxía e vida entre o mundo externo e interno do noso corpo, e o shakuhachi representa exactamente ese proceso biolóxico (respiración) que está conectado absolutamente co noso ser».
Tradicionalmente, o shakuhachi era tocado polos komuso, monxes mendicantes pertencentes ao budismo zen. Poderías contarnos sobre o seu papel e o significado que tiña para eles?
Rodrigo: «Os monxes komuso foron unha rama do budismo zen que introduciron na súa práctica budista a innovadora técnica do soprar zen; no zen tradicional normalmente úsase o zazen, que é a coñecida meditación sentada.
Os komuso escolleron a interpretación duns sons e obras musicais chamada honkykoku (pezas orixinais) que foron a columna vertebral dos seus conceptos budistas; eles crían que tocando o shakuhachi un podía autorrealizarse e acadar a iluminación. O concepto de ichi on jo butsu, o logro da iluminación a través dunha soa nota, converteuse nun aspecto importante nos estudos dos monxes komuso, tal como se desenvolveu en períodos posteriores».
Algo moi asombroso das pezas que interpretas é que son amétricas. Como é interpretar pezas tan libres? Mudan moito dependendo de quen as execute?
Rodrigo: «No honkyoku e música do shakuhachi utilízase un concepto relativo rechamante MA para medir o tempo. Nas pezas de honkyoku MA implica a disposición desmesurada, pero ben proporcionada, das figuras ornamentais e os tons longos dentro da lonxitude flexible de cada frase; este concepto fai que a música de shakuhachi adquira un valor único e exótico.
Cada intérprete ten o seu propio MA con calidade variable e expresión».
Pero non todo é música tradicional, tamén hai composicións propias ou doutros compositores modernos. Hai moitas diferencias á hora de interpretalas? E como é compoñer seguindo patróns tradicionais xaponeses?
Rodrigo: «A maioría de compositores xaponeses desde a era Meiji (1868-1912) fixáronse con moito interese na influencia occidental musical; a música contemporánea de Xapón é unha mestura entre as nosas regras de composición e as da música orixinaria ancestral».
Tocaches no Instituto Cervantes de Tokio, na Embaixada de Xapón, no Conservatorio de Moscú (Rusia), no Auditorio Luis Ángel Arango de Bogotá (Colombia) e no Xardín Botánico de Brooklyn (Nova York), entre outros, como é a acollida da túa música alén das fronteiras nipoas? E aquí en Galicia?
Rodrigo: «En Galicia actuei, desde a miña chegada en 2012, en numerosos concertos organizados, moitos deles, por Casa Galicia Xapón ou a Embaixada de Xapón en España. Galicia ten un tesouro arquitectónico coas súas igrexas que son ideais para esta música pola súa acústica».
Con frecuencia, escolles escenarios de gran valor relixioso, arquitectónico e histórico. Que atmosfera tentas crear nos teus directos? De que xeito cres que se retroalimentan música e escena?
Rodrigo: «É indubidable que a música se complementa con outras formas de arte e expresión humana, neste caso a arquitectura para min é importante, engadir melodías a muros, arcos, templos... espazos sagrados con moito significado nas tradicións son escenarios idóneos para esta música».
Hai xa máis dunha década que comezaches a estudar xunto ao recoñecido mestre xaponés de shakuhachi Kōhachirō Miyata, cun profundo interese na súa obra e repertorio. Como describirías a experiencia de aprender dunha figura como a súa?
Rodrigo: «A relación co meu mestre Kōhachirō Miyata é de moito respecto e apreciación a todo o seu amplo legado musical. A experiencia de estudar cunha personaxe como el é moi intensa, as clases están moi orientadas a teoría e técnica de como executar as súas obras, xa sexan para solista de shakuhachi ou música de cámara. Unha das cousas que máis me chamou a atención é a súa ensinanza indirecta da humildade, isto xa é unha mención fóra do que é a parte académica musical.
Para min é unha figura non só como o meu mestre, senón que transcende a algo máis persoal, como un pai».
Neste último ano apréciase un xiro na túa música. Desde Healing Buddha Music-New Age & Chill Out (2020) ata singles como A Journey to the End of the Universe ou Invocation vese o shakuhachi coqueteando coa música electrónica, ambient, chill out, new age…Por que esta combinación de tradición e modernidade, de música oriental e occidental?
Rodrigo: «Debido á demanda dun contrato con Buddha’s Lounge, unha empresa do Reino Unido, as miñas producións móvense entre estes xéneros. Particularmente, sempre me gustaron estes estilos de música, os encontro familiares.
A fusión dos sons étnicos e tradicionais coa electrónica, neste caso no ámbito cinemático ou ambiental, en moitas ocasións é difícil chegar a todo o público só coa música ancestral e tradicional de Asia; así, o uso da electrónica, que é máis afable en occidente, é unha ferramenta interesante».
Agora, xa estreada e de cheo na nova normalidade ata novo aviso, como estás a afrontar a volta aos escenarios nun futuro próximo?
Rodrigo: «Lamentablemente, polo de agora está todo moi parado e con incerteza; moitos dos meus concertos que tiña na miña axenda foron cancelados e, polo de agora, en Asia ata pasado decembro non se poderá programar nada. Tiña previsto actuar en Hong Kong, Indonesia, Xapón e Singapur, pero pacientemente estou agardando para que todo se normalice e poida seguir con esta actividade.
Tamén teño que dicir que esta nova normalidade, xunto a corentena que vivimos, me axudou a ter unha tempada prolífica na composición, ensinanza online na miña academia e producións musicais».
Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.
Rodrigo: «90% sinceridade e o demais en vergoña... :)».