RUMIA: «DESCUBRÍN QUE A ELECTRÓNICA É MOITO MÁIS QUE TECHNO OU DANCE»
Os animais rumian a comida, as persoas rumian os pensamentos... e da segunda acepción xurdiu o nome artístico de Blanca Pereira, tamén coñecida como Rumia. De doce e delicada voz, a cantante e compositora afincada en Berlín preséntase cunha nova proposta influenciada polo trip hop noventeiro, cargada de sons sintéticos e electrónicos; estes ritmos que hipnotizan e melodías que atrapan chocan coa profundidade das súas letras, compostas sobre a súa experiencia coa ansiedade e o pensar demasiado, o rumiar.
Co obxectivo de evocar a emoción do oínte a través da revelación dos seus pensamentos máis honestos, Rumia debutaba a principios de ano con Reborn (2020) e o pasado 9 de outubro sorprendía cun segundo EP, Next Round (2020), traballo que amosa unha nova faceta da artista e para o que volveu rodearse do produtor Manuel Colmenero, e os músicos Adrián Seijas e Denís Graña, entre outros.
Rumia, álter ego de Blanca Pereira, presentábase como unha proposta de pop sintético cosmopolita. Como definirías ti este proxecto musical?
Rumia: «Eu penso que é difícil definir o que fago; creo que se nota a base electrónica e o trip hop dos anos 90, pero sempre cun toque máis moderno».
E, como Blanca, lembras cal e como foi o teu primeiro contacto coa música?
Rumia: «Si, sempre me gustou cantar desde pequena, pero creo que cando comecei a tocar a guitarra foi cando me dei conta de canto me gustaba».
Hai uns tres anos que che coñecemos a través do pop alternativo de Comets Enroute. Que diferenzas, ou similitudes cres que existen entre os dous proxectos? Queda algo daquela Blanca na túa proposta actual?
Rumia: «A verdade é que non queda moito dese proxecto... non era algo só meu, como o é Rumia agora. Diría que a melancolía pode permanecer como un estado de ánimo que me gusta, pero a nivel instrumental, melódico ou mesmo a importancia das letras, está moito máis enfocada ao que realmente quero».
En ambos casos contas coa colaboración de grandes músicos como Carla López, Paul Álvarez, Pablo e Adrián Seijas, entre outros. Que procuras con esta instrumentación tan coidada que envolve as túas letras?
Rumia: «Sempre me interesou o son da banda, nunca quixen ser só eu coa guitarra. Neste último proxecto mesmo me animei a arranxar as cancións! Practicamente só contei con Adrián e o meu produtor, en vez de contribuír só con guitarra, melodía e letras, e deixar que os músicos fagan o resto. Gustoume moito e seguireino a facer».
Resides en Berlín, cidade aberta célebre pola súa vangarda e ampla oferta cultural. Por que Berlín?
Rumia: «Precisamente por toda a oferta e paixón pola música que hai aquí. Visitei Berlín un par de anos antes de mudarme, e cando decidín que a música sería a miña cousa e quería estudala, pensei que o mellor sería tratar de estar no lugar que mellor me puidese representar, a min e ao que fago. Facer música en inglés tamén é un dos grandes motivos para vir aquí».
É aquí onde estudas Composición no BIMM; como esta a ser a experiencia, a pesar da situación actual?
Rumia: «Ben, xa estou no último ano do que sería a carreira aquí e os dous primeiros anos fíxenos con normalidade. Agora teño case todo en liña, pero a verdade é que tamén aprendo moito; hai xente de todo o mundo e teñen unha mente moi aberta».
Berlín tamén é celebre pola súa relación coa música electrónica. De que xeito inflúe o teu contorno, a mudanza a esta capital europea á hora de compoñer?
Rumia: «Ben, moito [risos]. Non creo que estivese nos meus plans ao principio achegarme á electrónica, entón descubrín que a electrónica é moito máis que techno ou dance. Nas miñas clases traemos cancións e recibimos comentarios constantes; os meus profesores comezaron a referirse a certos artistas e estilos que vían reflectidos no que intentaba facer e así, aos poucos, decateime de que era o que estivera a buscar inconscientemente durante moito tempo e non soubera desenvolvelo».
A principios de ano debutas en solitario con Reborn (2020), cinco cortes de lírica hipnótica coa que sentirse facilmente identificado, tanto a nivel individual como colectivo. Foi este, realmente, o teu «renacemento» como artista?
Rumia: «Eu diría que si. Reborn foron cinco cancións que tiñan que saír porque necesitaba explorar e aprender facendo. Pero nunca pasei tanto tempo e esforzo sacando algo e todo o que leva consigo, a nivel de marketing ou promoción. Así que diría que si, foi o meu renacemento como artista completa».
Dez meses e un confinamento despois, vés de presentar Next Round (2020), outros cinco temas de composición propia que versan sobre o estado de constante transformación e se achegan, aínda máis, á electrónica. Como foi o proceso creativo, tendo en conta que xurdiu en medio dunha pandemia global?
Rumia: «Ambos EP saíron este ano, pero comecei a compoñer Reborn en 2018 e Next Round a finais de 2019. Xa rematara de gravar e preparar todo para lanzar Reborn cando comecei a traballar no seguinte, moito máis satisfactorio e representativo de min mesma, xa que todo o que aprendera comezou a saír e deixoume experimentar moito máis».
Rumia soa a synthpop delicado e evocador, mentres coquetea insinuante co trip-hop, como foi a evolución ata acadar este son?
Rumia: «Sempre gostei de sons e baterías hipnóticas, e baixos con presenzas fortes, pero non sabía como explicalo nin relacionalo cunha banda específica. Ata que empecei a coñecer algunhas bandas de trip hop e a darme de conta de que o que me gustaba existía como un estilo en si mesmo, e que tiña moitos elementos en común que crean esa emoción que se sente primitiva. Así que comecei a traballar con eses elementos e deixei a guitarra como principal instrumento para compoñer».
Respecto a este último traballo, sería diferente de non ser pola COVID-19 e toda a crise que esta trouxo consigo, por exemplo, o repertorio, o deseño...?
Rumia: «Non o creo, porque cando entramos en corentena xa tiña as cancións rematadas e escollidas con Manuel, o meu produtor. O que máis cambiou foi que gravamos todo remotamente: el en Madrid e eu aquí en Berlín; foi moi divertido, a verdade!».
Na produción contaches con Manuel Colmenero (Vetusta Morla, Eladio y Los Seres Queridos). Como chegaches ata el? Como é traballar xuntos?
Rumia: «Coñecino sobre o 2017 e desde o principio pareceume moi intelixente e empático. Quizais teña que ver co feito de que ambos estudamos psicoloxía, e iso deume a tranquilidade de que a persoa non ía ser tóxica nin me faría sentir incómoda cando compartise as miñas composicións ou emocións no estudio; e así é. O talento que ten é evidente, así que prefiro referirme a outras facetas das que quizais carecen outras persoas que traballan na industria musical».
O de Rumia vén de «rumiar», o acto de pensar fonda e recursivamente sobre algo. Es das que pensan, como Da Vinci, que unha obra de arte non se remata nunca, só se abandona?
Rumia: «Si, estou totalmente de acordo. Se continúas, sempre podes cambiar as cousas, e na túa cabeza poderían ser mellores, pero tes que saber cando deixalo e pasar ao seguinte. Senón nunca remata, e a perfección non existe».
Que rumiacións inspiran as túas composicións? Como é o proceso de plasmar estes pensamentos en música e letra... de materializar o abstracto?
Rumia: «Creo que a anticipación do que sucederá no futuro, a preocupación polo que pensan os demais... Tamén me gusta falar da sociedade en xeral ou de como vivimos enganchados ás aparencias, ou a acadar máis e máis cousas. Creo que tento buscar cousas que non sexan abstractas na vida e que actúen do mesmo xeito que actúan os pensamentos. Non é doado, pero faino divertido. Así mesmo, é interesante presentar información ao oínte de forma visual, que hai na sala, a que cheira?, antes de simplemente dicir que sinto isto ou quero isto».
Pandemia por medio, como ves a volta aos escenarios nun futuro próximo? Que poderemos esperar dun directo de Rumia?
Rumia: «Ben, espero que poida pasar pronto! Quero facer algo especial e diferente. Con moitas ganas de volver aos escenarios; teño algunhas ideas para desenvolver unha actuación máis elaborada e conceptual a nivel de vestiario, instrumentación...».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Rumia: «Ben, creo que tería que ser Astrogirl. Supoño que xa a coñecerás, pero é marabillosa».
Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.
Rumia: «Neste momento o grupo de K-Pop BlackPink; non as coñecía e vin o documental de Netflix. Teñen cancións moi chulas e fascíname que a composición estea moi deseñada para converterse en éxitos. Teñen unha fórmula secreta que creo que é do 80 % que soe igual que o resto, e do 20% novo. Moi interesante!».