• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SANGRE DE MUÉRDAGO: «A INFLUENCIA GALEGA OCUPA A QUE MÁIS Á HORA DE XESTAR UNHA CANCIÓN»

SANGRE DE MUÉRDAGO: «A INFLUENCIA GALEGA OCUPA A QUE MÁIS Á HORA DE XESTAR UNHA CANCIÓN»
16 NOVEMBRO 2020

Composta por Pablo C. Ursusson (guitarra, zanfona, composición, letras, voz, percusión), Georg Xurxo” Börner (nyckelharpa, viola, voz), Erik Heimansberg (frauta, voz, percusión) e Asia Kindred (arpa céltica), Sangre de Muérdago é unha das propostas actuais de folk galego máis interesantes, tanto a nivel estatal como internacional. As súas composicións son únicas, beben da colleita propia dos músicos, inspiradas nas melodías e cadencias máis paseniñas do folclore galego de finais dos setenta e inicios dos oitenta, do acid-folk inglés ou das polskas escandinavas.

O primeiro venres de novembro lanzaban o seu novo traballo discográfico, Xuntas (2020), un LP de 11 cancións gravadas «alá onde os tileiros» entre marzo e maio que, como de costume, nos convidan a pechar os ollos e bailar; bailar ao ritmo desa música ensoñadora e cálida, dese folk misterioso que nos guía a través da súa fraga sonora.

 

 

Dos montes das Fragas do Eume (A Coruña) a Leipzig (Alemaña); hai máis de dez anos da creación de Sangre de Muérdago, cal é o xermolo da xuntanza e como evolucionou despois en Alemaña?

Pablo C. Ursusson: «Sangre de Muérdago xurdiu da amizade e a visión que eu compartía con Jorge Olson de Abreu, un bo amigo meu de orixe brasileira. A vida xuntounos e a semente de Sangre de Muérdago foi plantada en 2005. En 2007, os camiños xuntáronnos de novo en Barcelona, bautizamos a cousa como Sangre de Muérdago e gravamos a maquetiña cutre que temos. Eu moraba na zona do Eume e alí compuxen o que foi o primeiro disco e parte do segundo. Eses tempos tamén viron a morte de Jorge, que chegou de súpeto a finais de 2009; aí houbo un punto extra de compromiso e dedicación a Sangre de Muérdago pola miña parte, que dende ese intre seguiu medrando e evolucionando ata o día de hoxe.

En Alemaña, e co paso dos anos, conseguín ter unha formación sólida de músicas e amigas coas que sigo tocando agora e coas que, afortunadamente, tamén seguimos evolucionando e aprendendo no irrematable camiño da música e a expresión artística».

 

Curiosamente, temos a varios artistas e grupos da plataforma con residencia no país bávaro que acoden alá en busca de nova inspiración. No caso de Sangre de Muérdago semella o contrario: que a música é un exercicio de nostalxia, de volta ás raíces. É así? En calquera caso, que achega Alemaña á vosa música?

Pablo: «Mmmh, non sei se Alemaña en si achega algo, mais a distancia definitivamente faino. Morar lonxe do Atlántico e os montes e bosques galegos prodúceme moita morriña que, ás veces, probablemente achegue unha melancolía engadida. As influencias aínda así chegan tamén doutras músicas e músicos independentemente da orixe ou de onde te atopes nese momento. A música folk en Alemaña en xeral non está tan presente na xente como pode estar na nosa terra, mais nos derradeiros anos penso que hai un rexurdimento, lentiño, mais moi interesante».

 

«Verdadeiramente máxico» ou «imposiblemente fermoso» son algúns dos tantos eloxios, precisos e contundentes, cos que describen o voso traballo. Como definirías o proxecto, musicalmente falando?

Pablo: «A día de hoxe xa non sei, chamámolo folk e temos un fondo respecto pola música tradicional. Tentamos evolucionar a partir de aí, e carrear o espírito ancestral da música».

 

 

Partides de instrumentos tradicionais, como zanfona, bodhran, viola de teclas, arpa celta, entre outros, mesmo un pandeiro de Peñaparda! Á hora de compoñer, como é a escolla da instrumentación, varía segundo o que queirades transmitir enriba das táboas ou na gravación dos temas?

Pablo: «Normalmente as nosas cancións nacen da guitarra ou da zanfona despois a selección dos instrumentos vén consciente e inconscientemente dalgún xeito. Cando a canción é coa guitarra nas miñas mans, normalmente Erik toca a frauta, e cando eu toco a zanfona el adoita a tocar o  pandeiro e, ultimamente tamén o clarinete baixo. Coido que cada canción pide por ela mesma a instrumentación, só hai que saber escoitalas :)».

 

A música de Sangre de Muérdago escóitase como un longo sendeiro entre maxia e natureza, de onde vén esta conexión, tan ancestral e mística?

Pablo: «Alégrome que che produza esa sensación pois, de feito, tentamos carrear ese espírito máxico e natural. Penso que a conexión forxámola cada unha de nós no seu camiño pola vida mesma. A día de hoxe, é doado caer nun progresivo distanciamento do mundo natural e o mundo máxico, mais aínda fica nas nosas mans, o que non sei é por cantos anos máis se o mundo segue o camiño da inercia que leva.

Na nosa terra temos a sorte de carrear unha tradición oral moi forte, comparable a poboacións indíxenas doutras partes do mundo, mais sabemos ben que nós as persoas valoramos máis as cousas na súa ausencia que na súa presenza, e probablemente eses derroteiros son os que agardan por nós neste ámbito… aínda que oxalá fique eu errado».

 

Escoitamos chiscos ao folk inglés, cadencias ao folk escuro ou antifolk, pero que oco ocupa o folk galego á hora de crear sobre o pentagrama?

Pablo: «En realidade, a influencia galega ocupa a que máis á hora de xestar unha canción, mais como xa dixen, as influencias chegan de moitos puntos, e ao final o que buscamos na música é un sentimento, unha emoción, unha visión. Eu compoño sen pensar en nada disto e tentando escoitar ao corazón».

 

 

Entre algúns deses «misterios» dos que temos a sorte de ser partícipes, están os títulos, en galego a súa maioría, das vosas pezas. De que xeito inflúe a nosa lingua nas composicións?

Pablo: «A cuestión da lingua é algo natural que realmente non o cuestiono, xa non por absolutismo, mais por natureza, foi algo que nunca foi pensado nin considerado, simplemente é. Os dous temas que cantamos en inglés son do noso segundo disco, e teñen os dous a súa propia historia e é algo circunstancial.

A lingua galega é moi musical e agarimosa, se a comparas co castelán ou o alemán, penso que é bastante obvio que a nosa lingua é máis “redonda”, musical e dinámica. Foneticamente produce a miúdo uns sons moi potentes, antigos, e tamén invocacións moi fermosas; coido que funciona de marabilla como reclamo de enerxías telúricas da nosa terra que nos lembran quen somos e de onde vimos».

 

Os vosos acordes conquistaron Europa, a costa do Pacífico de América do Norte, o leste de Asia… como describiriades a acollida do voso folk alén das nosas fronteiras? E en Galicia?

Pablo: «Afortunadamente sempre fomos moi ben acollidos alá onde tocamos. En América do Norte sempre tocamos na costa oeste ata o de agora, e as tres xiras que fixemos alí en 2012, 2014 e 2018 foron moi ben acollidas. En Europa sempre moi ben, xa fixemos moitas xiras por todo o continente, se non estou errado xa van unhas 15 xiras europeas desde o 2012, nas que tocamos case todo país que se atope entre Portugal, Escocia, Finlandia e os Balcáns.

A xira asiática foi todo un experimento, mais foi unha das experiencias máis incribles; tocamos moitos concertos na China, Taiwán e Hong Kong. A acollida foi fermosa e tivemos que firmar máis discos e facernos máis fotos cos fans que nunca, o público asiático ten moito interese pola nosa música e mensaxe, e polos nosos instrumentos. Tamén aínda que a xira requiriu moita vontade e enerxía, repetiriamos sen dúbida».

 

 

Ao fío, atopades algunha diferenza o similitude destacable entre o público que acude aos vosos concertos nos tres continentes?

Pablo: «Si claro, moitas de ambas as dúas. Aínda así acho que as diferenzas a miúdo veñen máis dadas pola natureza do evento e tamén a promoción do mesmo. Temos a gran sorte de ter un público moi respectuoso cara á nosa música, que ten moitas pasaxes e cancións ben delicadas, mais a xente polo común vén aos nosos concertos a deixarse levar nunha viaxe cara aos adentros de cada un ou unha. E coido que esa calidade de respecto de cara á expresión musical que se está a experimentar é para min a similitude máis importante».

 

Hai un par de anos achegabádesvos á poesía galega con Noite (2019), LP no que escoitabamos poemas de Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, seis anos despois de musicar a Rosalía de Castro. Por que estes poetas en xeral e “Longa noite de pedra” e “O amor”, en particular?

Pablo: «Sempre fun fan da poesía e prosa galega e gústanme moitas autoras, Celso Emilio, Rosalía e Manuel María son tres que sempre influenciaron a miña escritura e reverencio a súa habilidade para transmitir sentimentos a través do medio natural que a miúdo describen.

En particular “Longa noite de pedra”, “A xustiza pola man” ou “O amor” son poemas que teñen moita forza e claridade describindo os seus respectivos sentimentos, e todos aterraron de xeito natural nas nosas composicións».

 

 

Vides de presentar o voso novo disco, Xuntas (2020), gravado ao vivo no voso estudio The Fire Vessel. Como foi a experiencia? Agora, co disco na man, quedastes satisfeitos co resultado do son ao vivo?

Pablo: «O disco non foi todo gravado en rigoroso directo, si que gravamos unha boa parte del en directo, e así o fixemos tanto en Xuntas como en Noite ou O Camiño das Mans Valeiras. O que facemos é gravar a base de todo cun cuarteto en directo (desta vez foi guitarra/zanfona, nyckelharpa, viola e arpa céltica), mais despois hai elementos que van gravados por enriba de todo iso, como por exemplo o pandeiro, a frauta, as voces, ou as caixas de música. Por diferentes razóns estes instrumentos van gravados por separado. Quedamos moi satisfeitos co son conseguido en Xuntas e penso que ata o de agora é do son dos nosos discos co que fico máis ledo».

 

Ao longo das 11 cancións que compoñen o disco bailamos ao ritmo de música ensoñadora e cálida, dun folk misterioso que nos guía a través desa fraga sonora tan característica. Desta vez, onde atopastes inspiración para crear unha musicalidade tan definida?

Pablo: «Penso que seguindo a evolución natural do que vimos facendo durante toda a nosa carreira; non hai moito misterio :)».

 

 

Influencias de música antiga e clásica, folk inglés, e doses de psicodelia e punk empoan as composicións «de bosques de fadas». Como foi o proceso creativo? Traballa Sangre de Muérdago primeiro coas melodías e logo coas letras, ou ao revés?

Pablo: «Traballamos primeiro desde a música. Si que é posible que ás veces teña eu letras e poemas xa escritos que despois inspiren algunha das músicas, mais polo xeral a música aparece primeiro.
E si, penso que todas esas correntes musicais inflúen na nosa propia e nós mesmas desfrutamos tanto de folías barrocas coma do folk máis ácido e psicodélico, e todo o que hai no medio. A influencia punk penso que ben máis engadida no noso espírito, mais coido que de cando en vez tamén se nota nalgúns arranxos».

 

Para este álbum contastes con Steve Von Till (voz) e Germán Díaz (zanfona) nun par de temas, como xurdiron estas colaboracións?

Pablo: «Pois ambas as dúas colaboracións xurdiron da amizade e a admiración que temos cara a eles. Steve Von Till é un artista enorme que logra transmitir sentimentos fermosos e ancestrais coa súa música. Cando o coñecín en persoa me sorprendeu que xa estivese familiarizado coa nosa música e, ao cabo do tempo, el mesmo suxeriu unha colaboración en directo, mais cos tempos que corren coa COVID non está doada a cousa. Así pois, polo de agora quedou a colaboración no disco e a do directo xa se verá no seu día.

Germán Díaz e un bo amigo e unha inspiración constante. A súa visión e sentimento musical e artístico son do máis alto rango, e é unha auténtica honra contar con el no noso disco. Cando escribimos a canción na que el colabora, a idea de invitalo xurdiu axiña».

 

 

A terceira pista é “Unha das peores cousas que escoitei no 2019 foi ‘Pedir perdón é un acto de debilidade’”… e, coa retranca propia da terra, dedícaslle unha canción precisamente á frase, con que obxectivo?

Pablo: «O título desta canción xurdiu dunha situación real en 2019 cando escoitei a alguén dicir esa frase ao seu amigo que acababa de desculparse diante de alguén por calquera cousa, e inevitablemente tivemos unha conversa sobre o que realmente significa. Deume que pensar nas vindeiras semanas e rematou como título da canción que estaba eu a escribir nese momento».

 

 

Xuntas vén acompañado dun libro coas letras das cancións e as historias que hai detrás cada unha delas. Algunha que queiras compartir especialmente?

Pablo: «Pois algunhas son ben longas mais penso que “De néboa e choiva” é unha canción que nos levou un tanto en montar. Formouse e transformouse a si mesma mentres a fomos desenvolvendo. Tivo letra unha vez, despois xa non. Cambiou e regresou e púxose de cabeza cara abaixo e patas arriba, e durante un tempo tamén remexeu o cerebro dalgúns dos meus queridos compañeiros de banda. Mais velaquí está, fixémola, moi probablemente unha das pezas máis intricadas que escribimos, introducíndonos tamén noutras linguaxes, cores e emocións, mais tamén volvendo aquí e alá, ao mesmo lugar onde todo comezou, como unha viaxe con diferentes estacións.

É complicada por unha razón porén…dentro de min, “De néboa e choiva” é unha peza escrita para todas as mulleres que sufriron abuso de calquera natureza. Tenta ser unha caricia reconfortante, unha man afable e agarimosa que axude a erguerse e sorrir de novo cara a unha vida que volveu os ollos cara outro lado. É un canto a todas as mulleres que cantan na soidade, que levan o sol e as estrelas ás costas para iluminar o seu propio camiño. É tamén unha canción para aqueles momentos nos que só queres deitarte coa cara no chan tentando tornarte noutra folla que se funde lentamente coa terra. É un “estou contigo, miña amiga”.
É un arrolo para todas e todos os que non podedes durmir, para todas e todos os que sufrides nas sombras, esquecidas, sen outra compaña que os ecos das malas lembranzas. Para todas as que contades as engurras da cara agardando o día da liberación desta vida. Agardamos que estas melodías poidan iluminar algúns dos pasos que temos por diante, con doce melancolía, ollamos cara adiante e non deixaremos ser derrotadas, a forza e o pracer dun sorriso é a derradeira loita que podemos permitir, que este mundo gañe sobre nós.

Por moi imposible que semelle ás veces, non deixedes que vos rouben os sorrisos e o voso baile, aínda que poidan ser esquecidos durante longos períodos de tempo, atópanse sempre nalgún lugar dentro de nós, agardando a ser recollidos de novo e ser levados con orgullo e autodeterminación. Pois un sorriso pode ser o comezo dun novo sol… "brilla tanto que queime nos seus ollos"».

 

 

En Bandcamp podemos ver unha morea de seguidores internacionais que vos apoian non só escoitando, senón mercando a vosa música. A edición dos vosos discos está especialmente coidada nun contexto de consumo dixital, seguides apostando forte polos discos como obxectos?

Pablo: «Eu véxoos como unha proposta artística en conxunto coa música que se presenta. Sempre pensei que un disco ocorre unha vez, componse, grávase, edítase e o seguinte xa será outro. E coido que é por iso mesmo que tratamos as nosas edicións con moito agarimo e tentamos aportar todo o que podemos, xa non só na música, tamén na edición na que é presentada, que se unan nunha soa esencia conxunta, e de feito tentar quitarlle ese carácter de obxecto todo o que poidamos».

 

 

Como vedes a volta aos escenarios nun futuro próximo… aínda con restricións, máscara, etc.? Que poderemos esperar dun directo de Sangre de Muérdago?

Pablo: «Agardo que atopedes maxia e agarimo, o que non sei é cando… e coido que voume reservar coas predicións, ao fin e ó cabo só podo imaxinar, mais o que si desexamos é ter a oportunidade de compartila en vivo canto antes, non cabe dúbida».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Pablo: «Moura, Germán Díaz e Benxamín Otero, Trilitrate, Peña, Abraham Cupeiro, Larkhill, Nashgul...».

 

Se abrísemos a vosa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Pablo: «Spotify non é o meu favorito mais collo a pregunta! Black Sabbath, Malicorne, Eleni Karaindrou, Hällas, Efrén Lopez, Hawkwind, Milo ke Mandarini, King Crimson, Motörhead, Patrick Bouffard, Jordi Savall, François Lazarevitch, Ill Wicker...».

 

  noticias