• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO
20 NOVEMBRO 2020

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

El Salto - Silvia Penide

Silvia Penide reflexiona sobre eses pasos decisivos que non damos na vida nunha viaxe en 360º grados pola súa querida A Coruña. Pulpiño Viascón, de IO FILMS, foi o encargado de dirixir e plasmar en imaxes “El Salto”, que amosa un mundo en constante cambio e movemento, xiros imposibles creados cun efecto caleidoscópico que nos introducen no pequeno recuncho persoal da artista.

 

 

 

Valse de Ribarteme - Milesios

Cun andar miudiño chegaba este videoclip de Milesios, “Valse de Ribarteme”, oitavo corte de seu último traballo, Indoevindo (2017), libro-disco no que o grupo chairego pon a música e Daniel Díaz Trigo a fotografía. Baixo a dirección e realización de Sito Torres e a edición de Edi Vieito (Motion Graphics), Milesios percorre paraxes rurais galegas a ritmo de folk, destacando a presenza instrumental nas melodías galaico-irlandesas que bañan as voces de Maite Veiga e Marta Portela. “Valse de Ribarteme” pasea por ese amor que algunha vez sentimos, tan vasto como os nosos montes, tan impredicible como a nosa chuvia.

 

 

 

Memorias - ARIES

Cantos recordos e memorias poden quedar tras unha intensísima xira por todo o mundo cun cento de concertos! Hai xa tres anos que ARIES, Isabel Fernández Reviriego, despedía en Madrid un ano e medio de vivencias cun concerto onde soou Adieu or Die (La Castanya, 2016), e co videoclip de “Memorias”, dirixido por Eric Uguet e realizado nos Estudios Pastora. Un vídeo gravado en Vigo, onde as prantas e as mascotas fan agromar as lembranzas nun ambiente de ensoñación perfecto para enmarcar o pop luminoso e psicodélico da artista, bautizada como a Björk de Getxo. ARIES pechaba unha etapa para abrir a seguinte… outro capítulo para as súas futuras memorias.

 

 

 

The Sailor - Guezos

O segundo videoclip de Zapatos Novos (2018) é “The Sailor”, con letra de Jordan P. Sanders, música de Anxo Fernández e arranxos da banda ourensá; un colorido vídeo de animación realizado polo artista madrileño Miguel Palomar no que dous recoñecidos gaiteiros ilustrados (😉) poñen banda sonora a unha monstruosa historia de amor que vive nas lembranzas dun vello mariñeiro.

 

 

 

Invierno en los cuarteles - Vizcaíno

A finais de 2012, cruzaba o charco para percorrer os escenarios de Colombia, Perú, Bolivia, Chile, Arxentina, Uruguai, Brasil… e hai dous ano que o volvía facer. Vizcaíno visitou por primeira vez México durante os meses de marzo e abril de 2018 nunha xira que o levou a Guanajuato, Querétaro, Guadalaxara, León, CDMX e Pobra, recunchos do país azteca onde o cantautor lucense, sombreiro e guitarra en man, interpretou a súa Diáspora (2017). Vizcaíno compartía como se lle meteu México para sempre no corazón co videoclip de “Invierno en los cuarteles”, gravado por Vórtice Producciones, un vídeo onde ademais de «regalarnos unha canción», regálanos un paseo polas colorida rúas de Pobra.

 

 

 

E velaquí tés completo o Videoclip Club: 

 

 

  noticias