• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SUSANA SEIVANE: «"DENDE O MEU BALCÓN" É UNHA VIAXE Á MIÑA INFANCIA, Á BANDA SONORA DA MIÑA VIDA»

SUSANA SEIVANE: «"DENDE O MEU BALCÓN" É UNHA VIAXE Á MIÑA INFANCIA, Á BANDA SONORA DA MIÑA VIDA»
23 NOVEMBRO 2020

Neta e filla de gaiteiros, non é de estrañar que a súa paixón pola gaita lle veña desde o berce. Influenciada non só polo seu círculo familiar máis próximo, senón tamén por mestres gaiteiros como Ricardo Portela ou Moxenas, Susana Seivane leva toda unha vida desenvolvendo ese talento innato. Sen abandonar a tradición e as raíces da música galega, o estilo xenuíno e propio de Seivane está presente no seu xeito de tocar e interpretar, un estilo polo que a artista conseguiu o respecto e a admiración do mundo da gaita e a música tradicional en Galicia e fóra dela.

Dous anos despois do seu último traballo discográfico, Fa (2018), Susana Seivane sorprendía o pasado outubro coa publicación dun novo álbum, Dende o meu balcón (2020), LP xestado durante o confinamento provocado pola da COVID-19, e composto por 55 pezas recollidas en 20 suites, 55 cancións polos 55 días que ela e a súa gaita saíron ao balcón «para poñer un pouco de alegría ao que estabamos a vivir». E agora? Agora para lembralo sempre e non esquecelo nunca.

 

 

Susana, creciches rodeada de foles, roncóns, sopretes, ronquetas, punteiros… como lembras a túa infancia no obradoiro?

Susana Seivane: «Foi unha infancia moi feliz; aprendendo de todo o que me rodeaba dun xeito natural, aprendendo moitas pezas porque tiña moi bo oído musical e para min era un dos meus xogos preferidos».

 

Cuns mestres como o teu avó, Xosé Manuel Seivane, e o teu pai, Álvaro Seivane, seica estabas predestinada a tocar a gaita, non? Porque descubrimos que tamén tocas o piano e a percusión… por que finalmente a gaita?

Susana: «Para que non me desherdaran ;) Realmente, era a miña paixón desde pequena, sempre digo que sen que soe raro, nacín con dúas pernas, dous brazos e unha gaita. Eu non trouxen un pan debaixo do brazo, eu xa trouxen a gaita como parte de min, emocionalmente falando, por iso comecei tan cedo —con 4 anos— a tocala, porque o levaba no sangue.

Tamén toco o acordeón diatónico, pero a gaita é o instrumento que me fai remexerme dunha forma máxica».

 

Hai uns meses publicabamos unha listaxe ('11 de Onte e de Hoxe'), onde atopabamos un vídeo de 1997 cunha novísima Susana Seivane interpretando a “Muiñeira da Fonsagrada” acompañada por Milladoiro. Botando a vista atrás, como foron eses primeiros pasos xunto a eles?

Susana: «Foi espectacular! Aquel concerto na Praza de Santa María de Lugo recórdoo con moitísimos nervios e moitísima emoción, para min era como se os mesmísimos Rolling Stones me estivesen convidando a tocar con eles.

Milladoiro é unha institución xa para o noso país e, para min, son os meus padriños musicais; xunto cun dos seus fundadores, Rodrigo Romaní, que sempre digo que é o meu anxo da garda. El foi o produtor do meu primeiro disco, e os ánimos del, de Milladoiro e da miña familia leváronme a emprender este camiño no que aínda sigo. Creo que Milladoiro, foi un grupo que, sen pretendelo, creou escola, porque moitos gaiteiros da miña xeración, anteriores e posteriores, íamos cos nosos walkman, os nosos cascos e a nosa frauta en man aprendendo as súas pezas para tocalas con eles nas orellas, e imaxinarnos que eramos parte dese grupo tan marabilloso».

 

 

Un par de anos despois, debutabas no mercado discográfico cun traballo baseado en temas tradicionais e composicións de artistas galegos que che leva a percorrer escenarios internacionais. Como sentiches a acollida do teu folk-trad alén das nosas fronteiras?

Susana: «Impresionante, non esperaba nada do que me empezaba a acontecer! Estaba nunha discográfica modesta, pero con moitas gañas de traballar, e comezaron a vir os festivais internacionais, as xiras, o descubrimento fóra das nosas fronteiras, do que se estaba cocendo en Galicia. Por aí fóra, a xente emociónase co son da gaita, reméxeos por dentro dunha maneira que nin eles mesmos entenden porque non teñen antepasados galegos nin nada. A aceptación da miña música sempre foi espectacular en todos os países que levamos visitados».

 

Desde aquel Susana Seivane (1999) pasaron xa máis de vinte anos. Que lle dirías agora a aquela gaiteira tan nova que comezaba a súa andaina profesional? Porque daquela non había moitas gaiteiras, de feito habería que remontarse a Áurea Rodríguez no século XIX…

Susana: «Diríalle que fixo ben en facerlle caso a Romaní, a Milladoiro e a seu pai. Diríalle que o camiño non foi fácil por levar o apelido que leva, é máis, puido abrirlle portas nun principio, pero logo tivo que demostrar que ese apelido a merecía, e tivo que demostrar moito máis que se non o levase. E demostrouno moi ben, con traballo, esforzo, constancia, coherencia e moita ilusión sempre nos seus proxectos».

 

 

Os teus pequenos Fiz e Antón son os grandes «protagonistas» dos teus dous traballos anteriores, Esperando a Fiz (2015) e FA (2018). Con eles como principal fonte de inspiración, cambiou o teu xeito de compoñer?

Susana: «Cambiou porque a partir de estar eles na miña vida, empecei a ter unha inspiración que non tivera antes; así que, grazas a eles, a súa mamá creo que empezou a compoñer moito e máis lindo.

En Fa todo o disco é de composición, non hai ningún tema tradicional, e iso foi a primeira vez que aconteceu na miña carreira, xa que nos outros discos había tamén composicións miñas ou doutros autores contemporáneos, pero tamén moitas pezas tradicionais queréndolle dar as miñas cores. A miña mellor maneira de contar o que eu sentía estando embarazada, tanto de Fiz como de Antón, foi a través da música de composición propia, non había palabras que o puidesen describir doutro xeito; polo menos para min, que non estou acostumada nin me dedico a “contar”, senón a musicar ou a interpretar».

 

 

Vés de lanzar Dende o meu balcón (2020), un álbum que sorprende, sobre todo, pola súa concepción. Que che empurrou, primeiro a saír a ese balcón e despois a reunir nun disco todos eses temas?

Susana: «A necesidade de axudar a xente que o estaba pasando moi mal, tanto na súa casa como loitando en primeira liña contra o virus. Era o noso aplauso musical aos sanitarios, aos limpadores de hospitais, aos caixeiros, un berro de ánimo para os meus veciños que era o público “físico” que nos viamos cada día, e un berro de esperanza para todos os que nos seguían polas redes. Foi a mellor maneira que se me ocorreu para poñer un pouco de alegría ao que estabamos a vivir, poñer un pouco de autenticidade no medio da peli de ciencia ficción que parecía que estábamos a vivir, e descubrín que o que nos uniu realmente a todos foi a música de raíz, o auténtico, o xenuíno; necesitabamos naqueles momentos algo de verdade. Fíxeno por poñer o meu gran de area para que a xente estivese mellor; axudar en todo o que eu puidese desde a miña casa e co que se supón que mellor sei facer.

O certo é que o da gravación do disco xurdiu dunha maneira moi natural. Os seivaneiros e seivaneiras facían as súas peticións para ser tocadas no balcón; pasaban as semanas e comezaron a pedir este disco, un soporte no que quedara reflectido, e para a historia, este momento vivido e esta cita musical que tiñamos todos ás 20 h. E así o quixen facer eu tamén!».

 

 

O que comezou como un pasatempo, converteuse nunha tradición non só para os teus veciños, senón para o resto de seguidores das túas redes sociais. E para ti, que significaba ese ratiño, tan preto e tan lonxe do teu público á vez?

Susana: «Eu durante o confinamento non traballei tanto na miña vida, sen cobrar un duro, claro, como todos. Levantábame pola mañá, duchábame, vestíame, peiteábame, maquillábame e me fartaba de facer durante todo o día, o que fai unha nai: estar cos seus fillos, facer os deberes, lavadoras, prancha, comidas, merendas, duchas, ceas, etc, etc, etc. E como artista, entrevistas, Skypes, videoclips, actuacións solidarias que me pedían, contido nas miñas redes, eu soa ou en familia da nosa vida cotiá ou profesional, a saída ao balcón todos os días durante 55 xornadas consecutivas… foi realmente agotador pero necesario facelo, porque sabía que estaba axudando a moita xente que o necesitaba, e sentía ese compromiso. Moita xente esperaba a que chegaran as 20 h para conectarse e que lles chegase algo da súa terra, iso alimentáballes a alma de cousas bonitas; era como auga de maio para eles.

As redes revolucionáronse cos vídeos do balcón, algúns teñen máis de 600.000 reproducións e máis de 5.000 partilladas. Colapsábanseme as redes, centos de mensaxes privadas e públicas de agradecemento, de morriña, de sentimento, centos de historias moi tristes e outras moi bonitas. Caía dentro da naturalidade que estas mensaxes foran de xente galega espallada polo mundo, como así foi tamén, pero o feedback foi impresionante desde moitos puntos do planeta; xente que non tiña nada que ver con Galicia e que estaba profundamente emocionada polo que estabamos a facer cada día, e polo son da gaita, que lles remexía por dentro dunha maneira que non lograban entender moi ben, pero que os conectou coa nosa música tradicional como se de un frechazo amoroso se tratase».

 

 

Moitas veces saías ao balcón rodeada de familiares, amigos ou «convidados sorpresa», eran improvisacións ou había algún tipo de ensaio previo?

Susana: «Cando saiamos a miña irmá Saínza Seivane máis eu pouco ensaio había, a verdade, non había tempo, eu levaba xa todo o día traballando moito. Pero cando saían os nenos —os meus e os da miña irmá, que son os meus afillados— si que ensaiabamos un pouco, e sobre todo eu tiña que avisar moito aos meus de que non fixeran ningunha falcatrúa, que son moi dados a esas cousas, sobre todo se saben que os están gravando :)

Para nós era tamén como unha especie de ritual cada día, algo que tamén nos axudaba a nós mesmos a animarnos ao mesmo tempo que animabamos aos demais».

 

Respecto ao repertorio, como foi, digamos, o proceso de selección? Escollías ti as cancións ou ían saíndo por petición popular?

Susana: «O repertorio é o que eu manexei desde nena, había días que tocaba o que me apetecía, outros tocaba o que os meus seivaneiros e seivaneiras me pedían a través das redes, así que o repertorio do disco foi un traballo conxunto de todos :).

Unha viaxe á miña infancia, á banda sonora da miña vida, repasando repertorios de grandes figuras que tiven a sorte de coñecer como o meu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela, Moxenas, Muxicas, Herme, ou tamén os gaiteiros de Soutelo, os de Lavadores, Campaneiros, o gaiteiro de Montrove; ou máis contemporáneos como Xan Xove, Marcos Castro, Treixadura, etc. É unha viaxe marabillosa polo noso patrimonio musical galego de norte a sur e de leste a oeste».

 

Finalmente escoitamos unha recompilación de 55 temas populares agrupados en 20 suites nos que voltas ás túas orixes, un regreso ás raíces tradicionais. Estes aires nostálxicos foron froito da situación ou, pola contra, xa tiñas pensado un traballo nesta liña?

Susana: «Realmente este disco hai moitos anos que tiña ganas de facelo; creo que tería que ter sido o meu primeiro disco, alá polo 99, cando a música folk estaba nun gran boom. A min gustábame moito e tirei por aí, pero aos 13 ou 14 anos eu gravara unha maqueta co querido Santiago Caneiro na que había moitos destes temas, porque era o repertorio que eu manexaba desde pequena, esas pezas que todo gaiteiro ou gaiteira ten que saber, grandes clásicos moi coñecidos para o gran público, e grandes xoias do noso amplo e riquísimo patrimonio musical máis descoñecidas para a maioría da xente».

 

 

Para este álbum empregaches gaitas de oito tonalidades diferentes, que criterios seguiches para a súa escolla?

Susana: «Foi un traballo moi laborioso,eran moitos temas aos que lles tiven que pasar unha peneira, e a criba foi que non estivesen gravados en discos anteriores; menos dous do meu avó que, dalgún xeito, quería que me acompañase tamén neste disco do balcón.

Ao ser tantos temas, 55 finalmente, quería que quedase un disco ameno, por iso empreguei gaitas en oito tonalidades diferentes para non “aburrir” ao oído cun só ton, ou dous ou tres. Así quedou moi dinámico, a pesar de ser máis de 70 minutos de música tradicional, cuns arranxos de percusión moi traballados e cun traballo grande para a unión de tantos temas en suites.

Eu non me canso de escoitalo e as críticas que estou recibindo del non poden ser mellores, tanto de público como de profesionais ou de mestres de gaita, que xa me dixeron moitos que está a ser unha boísima ferramenta de traballo para eles».

 

De corazón, agardamos que non, pero de haber un novo confinamento, cres que volverás ao balcón coa túa gaita? Habería un Dende o meu balcón Vol. II?

Susana: «Vai haber Dende o meu balcón Vol.II porque a xente xa o está a demandar e porque quedaron moitos temas sen gravar. Pero espero facelo dun xeito diferente a este, espero facelo como festexo de que este pesadelo pasou, non xestado dende o meu balcón por culpa doutro confinamento, aínda que se o houbera (agardamos que non), volvería a saír unha e mil veces!».

 

Pechas o disco co “Vivir así es morir de amor” de Camilo Sesto, por que ese tema? De haber segundo volume, propoñemos “Mi gran noche” de Raphael, como o ves?

Susana: «Hahaha, ben! Boa idea! Este tema tocámolo no balcón porque moita xente me escribía dicíndome que estaban ata o c… do “Resistiré” que tanto se escoitaba no confinamento. E propuxéronme tocar un día no balcón “Y ya no puedo más”, que realmente non é ese o título, pero a xente xa estaba farta de estar na casa e da situación que estabamos a vivir. Entón, como foi un dos temas que un día tocamos, por iso vai no disco, de bonus track; é dicir, un pouco afastado en segundos do que é o proxecto xeral do disco do balcón».

 

 

A volta aos escenarios está sendo complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… como o estás a levar? Cando volva a normalidade, pensaches nalgo especial, que poderemos esperar dun directo de Susana Seivane?

Susana: «Mal, lévoo bastante mal. Creo que psicoloxicamente está a minarnos moito a todos e, profesionalmente, o único que pedimos é que nos deixen traballar, que mentres haxa avións, metros e buses cheos, non entenderemos porque seguen as salas pechadas. Non entendemos incongruencias como estas, e sabemos o esforzo que supón facer un concerto no que se están cumprindo todas as medias sanitarias de pe a pa: capacidades restrinxidas, un público máis que modélico… a xente NECESITA isto e nós tamén porque é o pan que traemos a casa. En eventos culturais levamos un caso infectado; con isto demóstrase que a cultura é segura, e seguiremos loitando para demostralo e que nos deixen traballar, que é o único que queremos facer. A constitución recolle a cultura como ben esencial, non se está a cumprir ese artigo, claro que a constitución seica está á conveniencia dos que a fan ou dos que queren que a cumpramos.

Pero xa antes da COVID “só” eramos músicos; moitos pensan que é simplemente o noso hobby e non pensan que é a nosa profesión, pois agora con todo isto do revés, mal camiño levamos. Agora afloran os problemas e os dereitos que tantos anos levamos demandando: que se nos respecte como sector importante que somos, que se respecten a todas as familias que dunha maneira directa ou indirecta nos dedicamos á musica. Non valoramos o que temos —non nos valoran, mellor dito—. A política parece que non protexe a cultura e, sen cultura, un pobo si que está abocado ao abismo, á pobreza máis absoluta de valores e criterios; é máis, parece que, ás veces, aos políticos lles molesta que pensemos diferente, molesta pensar. Nunca gustou a xente pensadora que che fai mirar as cousas doutra maneira, que che fan ver que as cousas, doutro xeito, estarían mellor feitas. E aí seguiremos na loita os que quedemos porque, desgraciadamente, moitos grupos desaparecerán por unha situación insostible en moitos aspectos.

Penso que todos os músicos temos na cabeza o día que acabe todo, pero que acabe de verdade, que teñamos a normalidade de antes, ese día eu vou facer algo enorme, non sei o que, pero non vai haber quen me pare ;)».

 

Falando de directos, adoitas pechar os teus concertos coa “Muñeira de Chantada”. Por que esta peza en particular? Ten algún significado especial para ti?

Susana: «É unha das miñas pezas favoritas, unha das raíñas das muiñeiras, do gran Avelino Cachafeiro, dos Gaiteiros de Soutelo. É xa case que coma un himno, recoñecida por todos, tarareada por todos, e sempre pechamos os bises con ela cunha frase do meu amigo e admirado Xurxo Souto: “Para vós que fostes os reises da noite, vai a nosa raíña muiñeira, porque esta festa non acaba sen a muiñeira de Chantada!”».

 

 

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Susana: «A min gústanme moitos e moi distintos, a verdade! Milladoiro, Muxicas, Treixadura, Noitarega, e xa máis modernos e contemporáneos: Baiuca, Novedades Carminha, Ruxe Ruxe, Mekanika Rolling Band, Heredeiros da Crus, Diplomáticos de Montealto, Guadi Galego, Xabier Díaz, os desafortunadamente desaparecidos Berrogüetto... e os meus gaiteiros e gaiteiras preferidos son: Magoia Bodega, Lorena Freijeiro, Nadia Vázquez, David Bellas, Pedro Lamas e Dani Bellón».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Susana: «Puf, que remelluri! Gústame case que todo tipo de música, desde pequena flípame moito o rock, e encántame nos meus espectáculos darlle ese toque desde hai anos. Na miña conta de Spotify podedes atopar desde todos os que citei antes ata música clásica, The Offspring que me encanta dende noviña, U2, Pearl Jam, Snarky Puppy, Jamiroquai, Gogol Bordello, James Brown, Ramones, [The] Beatles, [The Rolling] Stones, Elvis, Led Zeppelin, Madonna, Jackson, Mojinos Escocíos (dixeches vergoña 0%), son súper divertidos! Jerry Lee Lewis, Bebo Baldés, Camarón, Ketama, Kiko Veneno, Arcángel, Kiki Morente, o seu pai e a súa irmá Estrella, Dulce Pontes, ACDC, Guns N’ Roses, I Muvrini, Kepa Junkera, Korrontzi, Afro Celt Sound System, Capercaille, Shooglenifty…. vaia batiburrillo, non? ;) Xa paro, pero ves que teño un gusto musical bastante amplo :) E os que me faltan por citar que estaríamos ata mañá!».

 

  noticias