• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DEVALO: «DEVALO É UNHA VOLTA AO POP E ÁS MIÑAS INFLUENCIAS DE SEMPRE»

DEVALO: «DEVALO É UNHA VOLTA AO POP E ÁS MIÑAS INFLUENCIAS DE SEMPRE»
30 NOVEMBRO 2020

Naceu da experimentación, xurdiu sen querer, antes de que el mesmo se decatase. Logo de formar parte de Nouvelle Cuisine e aventurarse en solitario con The Cripple and The Tramp, David Miranda volve ás súas orixes con DEVALO, proxecto onde o coruñés pon banda sonora á nostalxia.

Ecos de synth pop, e melodías que beben do dream pop e o shoegaze asolagan Noites Contadas (Ferror Records, 2020), o seu LP debut; unha ducia de pezas que nos convidan a escoitar sentimentos e tocar sensacións.

 

 

 

David, logo duns vinte anos de carreira musical, botemos a vista atrás e, coa morriña que nos caracteriza aos galegos…, lembras o teu primeiro contacto coa música? E cun instrumento?

David Miranda: «Os primeiros recordos da miña infancia están relacionados coa música, cantando cancións inventadas e pedíndolle á miña avoa que escribise as letras porque eu aínda non sabía escribir, e logo aprendendo a tocar “Greensleeves” seguindo as luces vermellas dun pequeno Casiotone. Máis tarde chegaría o agasallo sorpresa dunha guitarra por parte do meu pai, unha das mellores sorpresa da miña vida, e de aí a comenzar a tocar con amigos na escola».

 

Segundo a RAG, a palabra «devalo» ten dúas acepcións: «movemento descendente da marea» e «lúa minguante». Cal das dúas che levou a escollelo? Ou hai algo máis que se agoche na elección do nome?

David: «Devalo é unha palabra asociada co cambio e cos ciclos, do mar e da lúa, que malia ser un proceso de mingua sempre conduce a un novo crecemento, a un renacer. Gústame o que suxire esa imaxe e como reflicte a miña situación vital e musical neste momento».

 

Fuches parte do pop electrónico de Nouvelle Cuisine, para logo aventurarte en solitario co folk en The Cripple and The Tramp. Que hai detrás desta primeira transición, un pouco radical, tanto de estilos como de formación?

David: «The Cripple and The Tramp foi o primeiro proxecto que desenvolvín despois de Nouvelle Cuisine, cando xa estaba en Gales. Debido á miña situación persoal, ao vivir fóra, sentín que xa non podía achegar o mesmo ao grupo e decidín deixalo, o que seguramente foi un erro.

Seguín facendo música en soidade e, naquela época, comecei a interesarme polo folk anglosaxón e por técnicas de guitarra acústica como o fingerpicking. Foron tamén as primeiras experiencias de gravación caseira; collín as ferramentas que tiña a man naquel momento para explorar e aprender outras maneiras de tocar e compoñer. Intentei retomar ese proxecto anos despois, mais dinme conta de que o seu momento xa pasara».

 

 

DEVALO ten máis de Nouvelle Cuisine que The Cripple and The Tramp, non si? Algunhas diferencias, ou similitudes a destacar entre os tres proxectos?

David: «DEVALO é unha volta ao pop e ás miñas influencias de sempre, así que desde logo ten conexións coas cancións que fixen para Nouvelle Cuisine, tamén na presenza da electrónica, que xa comezabamos a explorar ao final da miña etapa no grupo. Quedan ecos de The Cripple and The Tramp nas cancións que teñen unha base de guitarra acústica e, se cadra, tamén na forma de cantar».

 

Actualmente resides en Gales, que achega a túa nova contorna, a mudanza, ás túas composicións? Por que Gales? 

David: «Como moita xente nova, marchei de Galicia buscando as oportunidades para desenvolverme laboralmente que se me negaban no meu país. Con vintetantos anos cheguei a Gales para traballar na Universidade de Bangor, onde sigo actualmente como docente e investigador na área de Estudos Hispánicos, cun interese especial na literatura, o cinema e a banda deseñada en galego. Van xa uns quince anos lonxe de Galicia, mais vivo coa mente posta alá. Penso que isto, e tamén a experiencia migratoria, aparece reflectido nas letras do disco».

 

Pensando en Gales a un vénselle á cabeza a música folk (é unha das chamadas «nacións celtas»), pero supoñemos que, obviamente, haberá moito máis, cres que a escena musical galesa influíu dalgún xeito na túa proposta actual?

David: «Teño un sentimento de fraternidade e solidariedade coas bandas galesas que apostan por cantar na lingua propia, nun contexto no que hai un idioma tan dominante como o inglés, é algo co que me identifico.

Durante varios anos, vivín ao lado da vila onde creceu Gruff Rhys, o cantante de Super Furry Animals, aos que puiden ver en directo en Bangor, e ao mítico cantautor Meic Stevens. Tamén fixen amizade e toquei con Myfyr Prys, batería de Plant Duw—unha banda de referencia no norte de Gales— e temos pendente gravar algún tipo de colaboración. Hai unha escena musical en galés que abrangue desde a electrónica ao rock coa que sinto afinidade; gustaríame poder establecer un vínculo ou ponte coa escena galega!».

 

 

Vivindo nun país de fala anglosaxoa e tendo cantado en inglés en The Cripple and the Tramp, por que escoller agora o galego?

David: «A presenza do galés é moi forte no norte e, se cadra, iso e a distancia fixéronme valorar aínda máis a lingua propia do meu país. Mais non é a primeira vez que compoño ou participo nun tema en galego; con Nouvelle Cuisine xa fixeramos unha versión de “Pandeirada” de Andrés do Barro (na que cantei nos coros) e, sobre todo, en 2011 publiquei un disco en galego coa poeta Maria do Cebreiro, Lembrarás este cuarto?,que foi o verdadeiro punto de inflexión. Na gravación do disco con Maria e nos concertos que fixemos xuntos decateime do cómodo que me atopo cantando en galego, e do que me gusta facelo; foi como o descubrimento de algo moi natural.

Desde hai uns anos tamén teño un proxecto en galego coa poeta Lorena Souto, un dúo que chamamos Aderyn, que significa «paxaro» en galés; ela pon as letras e eu a música. En 2019 sacamos un pequeno disco bastante experimental, chamado Fractura, e estamos traballando no segundo, no que damos un paso máis na nosa experimentación poético-musical».

 

Debutas con Noites Contadas (Ferror Records, 2020), un longo que soa a synth pop emocional con reminiscencias noise e dream-pop. Como foi a evolución do teu son ata acadar esta hipnótica amálgama de estilos?

David: «Partín de influencias e sons que sempre me gustaron e me acompañaron, como Slowdive, My Bloody Valentine, The Radio Dept., Yo La Tengo… e tamén outras referencias que fun recollendo polo camiño, por exemplo The Pains of Being Pure at Heart ou Beach House. Ao mesmo tempo, mentres compoñía e gravaba, escoitei moito pop electrónico, especialmente de finais dos 70 e dos 80, ese momento no que a electrónica comeza a aparecer no pop, con Gary Numan, Kraftwerk ou os primeiros New Order; é un son cru que agora soa como retrofuturista. E hai moitas máis influencias no disco… quería xuntar os diferentes estilos que me gustan, mesturalos sen limitarme a unha etiqueta, e chegar a un son persoal».

 

 

Á hora de compoñer, en que, ou quen, che inspiras? Onde procura, ou atopa, DEVALO a súa inspiración?

David: «Musicalmente, interésame moito atopar unha atmosfera e un son particular, mais sen limitarme a un xénero ou etiqueta; gústame mesturar estilos e influencias. No que se refire ás letras, parten a miúdo de estados de ánimo e momentos vitais no persoal, e tamén se inspiran na realidade social, sobre todo a galega».

 

Noites Contadas está gravado en Gales, pero o horizonte parece posto en Galicia; que hai da nosa terra no LP?

David: «Galicia está en todo o disco, tanto no que se refire á miña situación persoal, desprazada, tan común por desgraza para as galegas, como en referencias históricas e sociais, por exemplo os fusilamentos do Portiño (A Coruña) que abren o disco.

Hai tamén referencias e homenaxes a lugares que tiveron un valor importante e mesmo simbólico na miña mocidade, e aos que miro coa nostalxia do paso do tempo e da emigración».

 

 

Hai nostalxia e introspección, perda de identidade, hai renacemento con vistas ao futuro que, realmente, é unha volta ás orixes. É como se o pasado e o futuro se mesturasen...; cres que o que se perde é o material co que se constrúe o futuro?

David: «A posibilidade ou imposibilidade de volver —no tempo, no espazo e no musical— é un dos eixos do disco, de onde xorde a nostalxia, como un «buscarse a si mesmo», pero sen atoparse totalmente; e, nese proceso, evoluciónase cara ao futuro incorporando o pasado. Se cadra non é o que se perde co que facemos futuro, senón o darse de conta de que o pasado non se perdeu, que todo iso segue con nós doutro xeito, e lévanos a outro lugar diferente. Aí tamén pode encaixar o son retrofuturista que comentaba antes».

 

Ao longo das 12 «noites contadas» que compoñen o álbum, escoitamos sentimentos, tocamos sensacións. Como foi o proceso creativo? Ese paso de concepto abstracto a letra, música, canción?

David: «Foi un proceso longo, de varios anos e varias etapas. Algunhas cancións foron aparecendo antes de que concibise o proxecto en si; primeiro a música, buscando melodías e texturas, a letra faise máis de rogar, veñen algunhas frases e ideas que van axudando a que saia a melodía de voz. Viña de estar varios anos traballando a partir de letras xa feitas, a partir de poemas, de buscarlles o encaixe musical e, neste caso, foi ao revés. Cando a música estivo case rematada, senteime a escribir a maioría das letras dun tirón, tratando de darlle forma en texto ás sensacións musicais».

 

 

A peza ‘A linguaxe das máquinas’ é unha adaptación do poema ‘O camiño da neve’, escrito por María do Cebreiro que, ademais de falar de promesas, tamén cita «a lúa nunca para de minguar», como un dos significados deste álter ego. Casualidade ou…?

David: «Foi unha premonición! Grazas polo apunte, porque non me decatara.

Esta canción levaba composta varios anos, fixera a adaptación xusto despois de sacar o disco con María en 2011. Pasou por varias versións —unha delas levaba banjo e melódica…— e pareceume que encaixaba ben en DEVALO; despois de descubrir isto quedo aínda máis convencido! Agora que teño certa distancia coas cancións, comezan a aparecer conexións e recorrencias temáticas que non percibira durante o proceso. É moi curioso».

 

Da ducia de cortes, cal dirías que é o teu favorito, ou co que teñas unha relación máis especial? Tes algunha historia peculiar que se agoche detrás dalgunha canción?

David: «Cada unha ten os seus detalles, influencias, referencias e sons, que ao mellor non se perciben nunha primeira escoita. Estou moi contento co resultado de “Neve de maio”, penso que quedou bastante redonda. A imaxe da neve de maio apareceu por unha árbore que está no xardín da casa onde vivo, que en inglés se chama mayday. Ten unhas flores brancas, moi pequenas, que rosean a comezos de maio e caen antes da fin do mes; flotan polo aire como se fosen flocos de neve. Fíxome pensar na chegada anticipada do inverno no medio da primavera, e funciona como imaxe aglutinadora da nostalxia que transpira o disco.

Outra que sinto moi cerca é “O perseguidor”. Dura uns sete minutos e, seguramente, non será das que máis gusten, mais para min xunta a parte electrónica coa guitarreira, con momentos mesmo preto do noise, e ten unha parte instrumental moi longa que foi improvisada, un momento de deixarse ir e que flúa a música. A letra culmina o proceso de xuntar pasado e futuro e ten unha mensaxe de esperanza».

 

 

Seica ‘Vacacións en Galifornia’ é unha oda á morriña, nunha escala de chuvia galesa a agosto asollado no pobo dos teus avós, canto botas de menos Galifornia?

David: «Cando comecei a compoñer esta canción veume á cabeza California, non sei por que. Se cadra porque escoito Beach House a miúdo e teñen un tema chamado “Drunk in L.A.”, que non se parece nada ao meu. Non sei. O caso é que a letra a escribín durante unha vaga de calor en Gales, algo bastante raro. E volveu a imaxe de California, xunto coa morriña por non poder ir a Galicia no verán pola COVID, algo que para min é como coller aire de novo, sentirme completo outra vez.

Porén, quero insistir en que a canción tamén usa ese clixé que se está volvendo tan manido de “Galifornia” como unha crítica —que me aplico a min mesmo— á idealización das festas e o verán dos retornados. A letra fai referencia a algo que me dixo unha amiga un verán cando dixen que en Galicia se estaba mellor que en ningures, e ela díxome que eu só pasaba por alá no verán e nas festas, pero as que quedaban todo o ano tiñan que facer fronte á precariedade, á falta de oportunidades, etc.; por iso a letra di que “non é certo todo, non”».

 

Noites Contadas vén envolto nunha imaxe de Japan, nach Reisen und Studien, traballo de investigaciónrecollido e escrito polo xeógrafo e autor alemán Johannes Justus Rein de finais do século XIX. Que relación ten co disco, coa túa música?

David: «Non ten unha relación directa, de feito só coñezo esa imaxe. Atopeina no catálogo libre da British Library cando andaba a buscar ideas para a capa do disco. Gustáronme as cores, as texturas, o poder de simbólico de evocación que ten».

  

 

O disco foi publicado baixo o selo galego Ferror Records, que nace co propósito de dar saída ás propostas musicais e culturais desde a militancia e a autoxestión. Como chegaches ata eles e como está a ser a experiencia?

David: «Estou moi feliz de formar parte de Ferror Records. Cando rematou a masterización do disco, que fixo Jahel Piñeiro en 8 Estudios, pensei que lle podería interesar a algún selo galego, así que llo mandei a Ferror, porque é un dos selos que sigo desde hai un tempo, gústanme os grupos que levan e como fan as cousas, esa militancia. Non podería estar máis contento nin máis agradecido polo apoio que me están a dar, mesmo coas dificultades da pandemia. Son sen dúbida un selo de referencia en Galicia, e para a música pop —nun sentido amplo do termo— en galego».

 

Tendo en conta a situación na que nos atopamos, como ves a volta aos escenarios nun futuro próximo? Que podemos esperar dun directo de DEVALO?

David: «O tema está difícil, obviamente. Xa en circunstancias habituais tería as limitacións que leva consigo o vivir fóra de Galicia, que é onde o disco e o directo de DEVALO poden ter interese; e levo xa case un ano sen volver, por todas a dificultades da pandemia. De todos os xeitos, estou comezando a preparar un formato mínimo de directo, unha versión acústica, e a partir de aí irei engadindo alternativas, de cara a gravar un directo caseiro, se o tempo o permite. Loxicamente, o que me gustaría sería poder presentar o disco en Galicia en toda a súa plenitude, con banda. Agardo que isto poida suceder pronto!».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

David: «Afortunadamente, a música galega está xa desde hai tempo nun momento moi interesante, con propostas en todos os estilos, moitas delas en galego, a pesar de todo. En primeiro lugar, recomendaría toda a miña familia musical de Ferror Records, porque son uns grupazos nunha variedade de estilos. Sinto especial predilección por Chicharrón, que se acaba de incorporar ao selo, e fóra de Ferror, tamén por Pantis e Ocre».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

David: «Escoitaredes un disco de pop que combina sintetizadores e guitarras, electrónica e dream pop, con letras en galego e varias texturas sonoras. Hai momentos de reflexión sobre a perda, outros de exaltación nostálxica do pasado que vivimos e ao que nos gustaría volver, e tamén solidariedade e esperanza cara ao futuro. Gustaríame tamén invitarvos a pasar polo Bandcamp de Ferror Records!».

 

 

  noticias