• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

LUIS MORO: «PARA “NORTEAMERICANA AQUÍ” ELIXÍN DEZ CANCIÓNS QUE SENTÍA COMO SE FOSEN MIÑAS, QUE DALGÚN MODO SOASEN A LUIS MORO»

LUIS MORO: «PARA “NORTEAMERICANA AQUÍ” ELIXÍN DEZ CANCIÓNS QUE SENTÍA COMO SE FOSEN MIÑAS, QUE DALGÚN MODO SOASEN A LUIS MORO»
7 DECEMBRO 2020

Cun dobrete de rock directo e contundente, Luis Moro dá comezo á súa carreira en solitario, unha traxectoria que suma uns 20 anos e máis de media ducia de discos no mercado. Cunha mestura de rock, folk americano, música francesa e ata algún que outro chisco ao jazz, as melodías deste coruñés tinguen unhas letras influenciadas, na súa meirande parte, polo cine e a literatura, historias que levan o intimismo poético ao seu máximo expoñente.

Logo de tres anos de silencio discográfico, Luis Moro presenta agora Norteamericana Aquí (2020), un longo no que o cantautor revisa, adapta e castelaniza dez cancións de artistas norteamericanos contemporáneos que, de xeito especial, marcaron a súa carreira, tanto persoal como profesionalmente.

 

 

 

Luis, aínda que levas xa dúas décadas enriba dos escenarios, lembras o teu primeiro contacto coa música? E cun instrumento?

Luis Moro: «O meu primeiro contacto coa música foi a través do meu irmán maior, cando tiña uns 8 o 9 anos. El traía discos a casa e eu dedicáballe atención ao escoitalos, para min era algo a imitar, aínda que non entendese moito daquilo. Lembro discos de U2, The Cure, Transvision Vamp, Inmaculate Fools ou The Doors, e comezou a atraparme. Tamén lembro que nesa fase de imitación pedín á miña nai o meu primeiro disco, o cal elixín polo nome e a portada: La canción de Juan Perro de Radio Futura, o cal me encantou.

O meu primeiro instrumento foi unha guitarra eléctrica Ibanez, metaleira, con 12 o 13 anos; e así comecei… quería formar parte dun grupo como U2!».

 

Botando a vista atrás, hai xa máis de dez anos daquel Defectografía (2006), co que «dabas un xiro no teu universo musical». Musicalmente falando, que che empurrou a xirar, a pasar, en liñas xerais, de ser un rockeiro en cru a un cantautor en acústico?

Luis: «Supoño que o feito de compoñer a maior parte do tempo en soidade, na intimidade, acabou por facer que quixese escoitar que as cancións rematadas mantivesen a mesma esencia. Tamén comezou unha etapa na que me atraía máis unha arte que amosase aspectos máis persoais dos autores: tristuras, reflexións vitais ou sensacións, e atopei o mellor espazo nunha música máis íntima».

 

Anos despois, pasas formar parte de Cincoparedes, un experimento que naceu como proxecto efémero xunto a outros cinco cantautores coruñeses (Silvia Penide, Félix Arias, César de Centi e Nando Deibe) e co que sacaches un álbum homónimo. Como xurdiu a xuntanza? Que tal a experiencia, cabe a posibilidade de volver vervos compartindo escenario?

Luis: «A idea xurdiu de César; xuntounos para un concerto especial no Teatro Rosalía da Coruña coa idea orixinal de arranxar cancións nosas entre os cinco. A conexión foi tan boa que xiramos e gravamos disco. Destaco a alegría deses días, a amizade que xurdiu —e que aínda permanece—, a falta de pretensións… tan só facer o que máis nos gusta. E gustoume a sensación de ser un máis e non ter que levar só as rendas, sinto que así foi para todos, e que o proxecto durou o que durou porque tivo que ser así. Non falamos de retomalo, pero nunca se sabe».

 

 

Vés de lanzar Norteamericana Aquí (2020), unha colección de dez cancións de artistas norteamericanos que, segundo lemos, che marcaron dalgún xeito especial. Cal foi o xermolo desta idea?

Luis: «Sentín un esgotamento creativo despois de El pacto, como que me repetía. O corpo non me pedía compoñer. Escoitei unha canción de Eilen Jewell, “Here With Me”, que me encantou, sentín que reflectía o que sentía na distancia pola miña moza, que daquela vivía en Londres; adapteina para ela e regaleilla, sen máis. Un par de meses despois sentín algo parecido con “Girl In The Forest” de Calexico, fixen o mesmo e aí xurdiu a idea: “¿e se fago un exercicio de adaptacións?”, elixín artistas que me marcaron e comecei a probar con cancións.

E sí, tamén comecei aí a pensar nun disco; era a primeira vez que o facía, e durante o proceso notei esa luz que necesitaba para combater o meu esgotamento, a forza da necesidade de descubrir novas formas de creación».

 

Wilco, Calexico, Devendra Banhart… durante o proceso de selección, que dirías que pesaban máis o artista en xeral ou esa peza en particular?

Luis: «Comecei polos artistas. Busquei referentes actuais, contemporáneos, chegaran a min hai anos ou fosen novos descubrimentos, pero que significasen moitísimo para min agora. Probei cuns 25 artistas, vin que a maioría eran estadounidenses e canadenses e decidín concretarlo en eles, seleccionei as cancións que máis me gustaban, sen importarme se eran máis ou menos coñecidas, e probei. A miña moza botoume unha man cos textos e finalmente elixín dez que sentía como se fosen miñas; esa era a idea, que dalgún modo soasen a Luis Moro».

 

 

Respecto ao repertorio, tes algunha favorita? Algunha historia ou significado que agoche algunha en especial?

Luis: «Gústanme aquelas coas que experimentamos novos rexistros e producións: “Nunca había visto tantas cosas buenas”, “Río Harlem” ou “Puedes romperme”, por exemplo, sinto frescura nelas. Algunhas son traducións fieis e outras cambian dabondo; son plenas transformacións. Nestas últimas tratei de introducir sensacións e reflexións propias que conectan co que cada canción conta. Neste sentido, encántanme “La chica del bosque”, “Billie Holiday” ou “Aquí conmigo”, que reflicten estados vitais completamente persoais».

 

 

É a música norteamericana a túa principal influencia ou procuras inspiración tamén noutros estilos?

Luis: «Moitos dos meus referentes son americanos, e si, influenciaron bastante a miña música, pero nalgúns traballos busquei afastarme dese son. Gústame a americana, pero tamén o jazz, a chanson francesa ou o folclore doutras rexións e países. Neste disco tentei que a esencia americana estivera aí, as cancións, o son e hai arranxos que tamén, pero en todo momento tentei que soasen como as interpretarían músicos de aquí, de Galicia e de Andalucía».

 

Revisas, adaptas e castelanizas os temas; por que a decisión de traducir as letras do inglés ao castelán?

Luis: «Aínda que son bilingüe e falo castelán e galego indistintamente, a miña lingua nai é a primeira. Con ela crecín na miña contorna e no colexio, é coa que penso e tamén coa que compoño; supoño que por iso me vin facéndoo en castelán sen pensalo».

 

 

O álbum foi gravado entre os teus dous «aquís», entre o Norte (A Coruña) e o Sur (Xerez da Fronteira). Durante o proceso de gravación, aplicaches iso de ‘un pouco de Sur para non perder o Norte’?

Luis: «Supoño que si! Levo moito tempo arroupado por Jose García na batería, que foi quen produciu o disco, e por Andrés Saavedra no baixo; coñécenme, son o meu temón norteño. Gravar por primeira vez con músicos e amigos andaluces foi como mergullarse en terreos descoñecidos, é a maneira de dar renda solta a aquela necesidade de adentrarme nun proceso creativo novidoso, tal e como dicía antes. Pero a idea veume á cabeza de xeito natural: levo anos vivindo entre Galicia e Andalucía, e estou adaptando cancións norteamericanas desde aquí… e, nestes momentos, estes son os meus dous “aquís”».

 

 

Ademais, en dous meses e en dúas situacións diferentes, o febreiro da pre-COVID e o marzo da COVID-de-cheo. De que xeito afectou este cambio de situación no estudio e na gravación do disco?

Luis: «En realidade foron dous meses pre-COVID! A comezos de febreiro gravamos a parte norte, por Jose García no estudio O Cortello da Coruña, cando a COVID aínda era algo afastado… e en marzo acadamos rematar a gravación no sur, por Rafa Camisón no estudio setentaynueve, pero tan só dous días antes do confinamento, o día 11.

Durante as restricións, mesturouse e deseñouse, e si é certo que a súa publicación se viu retrasada uns meses (a idea inicial era maio), pero foi un disco composto e gravado antes de todo isto, en liberdade, cando ía a concertos e abrazaba á xente…canto o boto en falta!».

 

Este último traballo vén con cara B, Norteamericana Solo (2020), oito pezas a modo de «peche» do Aquí. Que che levou a «pechar» o disco… con outro disco, foi tan duro deixalas fóra da cara A?

Luis: «Deume mágoa que parte do traballo que fixen adaptando cancións se perdese. Non tiven dúbida algunha acerca das dez cancións elixidas, algunhas porque era artistas fetiches e tiñan que estar si ou si, e outras porque atopei a miña voz e esencia nelas. Pero tiña oito cancións máis rematadas, respecto das que non estaba tan convencido. “Que fago con elas?” Que pena que se perdesen no esquecemento, aínda que só fose o meu esquecemento. Decidín gravalas eu só, en acústico, en tomas ao vivo, e agrupalas neste Norteamericana Solo pero a modo de mera curiosidade ou complemento; tan só está dispoñible para escoitar no meu Bandcamp».

 

 

No teu traballo anterior, El Pacto (2017), simbolizabas un pacto contigo mesmo, un de renovación vital; neste afirmas que che abres, probas, cara a un novo horizonte. Pacto cumprido, non?

Luis: «Creo que son dous pactos distintos, aínda que entrelazados. No disco El Pacto tratei de reflectir un pacto vital, o meu pacto con diferentes facetas da miña vida, no momento en que cumpría 40 anos; como tomarme a soidade, a noite, as amizades ou os desexos. Se en Norteamericana Aquí pódese falar dalgún pacto, este sería coa música, cos meus referentes, aos que homenaxeo, coas miñas raíces inspiradoras e coas miñas posibilidades como músico».

 

 

 

A volta aos escenarios está sendo complexa, aínda con restricións de capacidade, máscara, protocolos…? Como o estás a levar? Cando volva a normalidade, pensaches nalgo especial, que poderemos esperar dun directo de Luis Moro?

Luis: «Levo sen tocar desde febreiro e a sensación é triste. Son músico e toco ao vivo sen necesidade de saber por que, pois precisamente é una necesidade emocional. Por iso é doloroso, aínda que por iso tamén sei que a música en vivo volverá dun xeito ou outro.

Coa normalidade tan só penso en desfrutar do escenario, en facelo con alegría; necesitámola. E teño pensado tocar só en acústico, coa banda do norte ou con a xente do sur».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Luis: «Sempre que me fan esta pregunta o primeiro que me vén á mente é Pablo Seijas. Sigo a súa carreira con atención, síntome moi próximo ao seu xeito de compoñer e de expresarse coa música. Tamén encántanme Sumrrá, especialmente os seus directos, que son unha marabilla. Pero moitos máis: Zapa, Xoel López, Felix Arias, MadMartin Trío, Los Eternos, PARDO… necesitaría moitas máis liñas para todos eles!».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Luis: «Pois música con compromiso, penso que elegante. Nunha crítica lin que a chamaban “música de atardeceres e de refuxios sentimentais”; encantoume esa descrición e quero pensar que é acertada».

 

 

  noticias