• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BABYKATZE: «TODA A MIÑA INSPIRACIÓN NACE DA DOR DA PROPIA EXPERIENCIA VITAL»

BABYKATZE: «TODA A MIÑA INSPIRACIÓN NACE DA DOR DA PROPIA EXPERIENCIA VITAL»
14 DECEMBRO 2020

Fisicamente, entre Lucila e BABYKATZE hai case 10.000 quilómetros de diferenza, do seu Bos Aires (Arxentina) natal a Vigo, a súa residencia actual, cunha parada en Berlín capital europea onde atopou parte da súa inspiración. Compositora, produtora musical, realizadora audiovisual, costureira, artista dixital e modelo, BABYKATZE convídanos ao seu imaxinario entre gatos e sintes, impulsos telúricos e transformación persoal.

BABYKATZE vén de lanzar BLUT (2020), o seu novo traballo discográfico; un EP de hyper pop con catro cancións de esencia orgánica e vontade narrativa nas que a artista é capaz de interconectar varias dimensións.

 

 

 

BABYKATZE leva un par de anos miañando máis alá dos límites disciplinares, pero Lucila leva vivindo entre acordes e instrumentos moitos máis, lembras cal foi o teu primeiro contacto coa música? E cun instrumento?

BABYKATZE: «Acórdome que cando tivemos a primeira computadora na casa, o instalador baixounos practicamente toda a discografía de Luis Miguel e Cristian Castro e gustábanme bastante, eu tería 6 anos máis ou menos. Sempre me gustou cantar pero non mo tomaba para nada en serio; aos 16 foi cando me empezou a interesar a música de verdade e empecei a tocar a guitarra».

 

Fuches parte doutras bandas, tocando guitarra e batería, que che empuxou a crear o teu propio proxecto? Cal foi o xerme de BABYKATZE?

BABYKATZE: «Ao redor de 2013 gravei unhas cancións a guitarra e voz; a miña idea era atopar un batería e eu tocar a guitarra eléctrica e cantar, pero sentía que non atopaba a ninguén adecuado. Entón comecei a aprender produción musical para poder facelas con máis instrumentos e, ao final, terminei facendo cancións novas. Todo deuse de forma moi natural, moi fluída, foi todo o resultado da experimentación con este novo instrumento que era Ableton».

 

 

Que dirías ti que hai de BABYKATZE en Lucila, e de Lucila en BABYKATZE?

BABYKATZE: «É un mesmo ser visto desde distintas perspectivas».

 

De Bos Aires a Vigo, con parada en Berlín, á hora de compoñer que supuxo para ti cruzar o charco? De que xeito afecta a nova contorna á túa música?

BABYKATZE: «Estar nun lugar tan máxico como Berlín foi unha grande inspiración, o só feito de viaxar fíxome sentir que era posible levar a cabo un proxecto musical de forma máis seria. E ao quedarme en Vigo tiven a oportunidade de estar preto de moitos músicos, bandas e xente da contorna da música que me axudou moitísimo e me deu ese último empurrón para encarar o proxecto».

 

 

Preséntaste cunha estética que non pasa desapercibida, brillante e escura á vez, que relación hai entre esta e as túas composicións? Ten a túa imaxe algún significado simbólico?

BABYKATZE: «BABYKATZE é unha entidade que se manifesta de xeito libre e ten infinitas representacións. Entre as que podemos percibir os humanos, están a representación sonora, visual, oral, sensitiva, emocional, etc., polo que tanto as composicións como a parte “visual” son en realidade un mesmo fenómeno expresado a través de distintas vías. Como un libro do que se fai unha película ou unha canción da que se fai un vídeo, ou unha historia da que se fai unha escultura ou un cadro; son distintas formas de expresión dunha mesma idea».

 

Debutas con INNER (2019), EP publicado por Seeking The Velvet, selo da produtora galega Cora Novoa, como chegaches ata ela? Como foi a experiencia cunha discográfica de tanto prestixio?

BABYKATZE: «O de Cora é para min un soño! En realidade xa sacara un primeiro single, New Start (2019), e foi ela a que contactou comigo. Cando lin o seu mail crin que morría, non podía crer que unha persoa como ela se fixase en BABYKATZE. 

Para min é un gran modelo do que me gustaría ser: muller produtora, de mega alta calidade, moi traballadora, coas ideas moi claras, independente, con todo un universo e linguaxe propia, como se ve en Seeking The Velvet (Art+Music+Design). Traballar con ela foi unha experiencia marabillosa pola que sempre me sinto máis que afortunada e sobre todo moi agradecida pola súa confianza en min; foi un agasallo incrible, esas cousas que che motivan e che fan querer seguir adiante a pesar de todo o malo da vida».

 

 

Nestes primeiros temas escoitamos capas electrónicas, sintes e samples, ritmos contundentes que «chocan» coa túa voz, un synth pop minimalista que comparte protagonismo co teu hyper pop actual. Como definirías o teu son? Algunha referencia que inflúa en particular?

BABYKATZE: «Definiríao como o que escoitan xs gatxs cando teñen soños lúcidos».

 

Transcendencia, amor, destino, a dualidade do individuo e a existencia deste no universo son algún dos temas que atopamos no teu repertorio. Onde procura BABYKATZE a súa inspiración?

BABYKATZE: «Toda a inspiración de BABYKATZE nace da dor da propia experiencia vital».

 

 

Vés de lanzar o teu novo EP, BLUT (2020), masterizado polo recoñecido produtor vigués Pablo Iglesias en Radar Estudios (Vigo), como foi a gravación, produción e promoción, tendo en conta a situación na que se desenvolveu?

BABYKATZE: «A gravación, a produción e a mestura lévoas a cabo en casa porque forman parte do proceso de composición. Cando a canción chega a un punto que me parece aceptable, mándolle todo a Pablo para que masterice, e el fai que todo soe perfecto; sempre é moi fácil falar con el porque é un xenio e entende enseguida o que quero acadar. Téñolle moito agarimo e estoulle moi agradecida porque tamén foi unha das primeiras persoas que confiou en BABYKATZE, de feito o primeiro concerto fíxose nin máis nin menos que en Radar Estudos, e tamén gravamos aí unhas Live Sessions.

É unha persoa que aprecio moitísimo, tanto profesional como persoalmente, e á que lle debo moito; sen a súa axuda, sacar BABYKATZE adiante sería moito máis complicado».

 

 

Como foi o proceso creativo? Sentes, vives, experiencias… despois compós?

BABYKATZE: «Non ten unha orde preestablecida, algunhas cancións sáenme nunha tarde e outras as traballo meses. Sempre estou a traballar en varias ideas que van saíndo e sempre é a posteriori cando cobran sentido. Nunca me poño a traballar cun obxectivo, é máis unha experimentación que vai decantando en cancións. Do mesmo xeito que coas letras, que nunca defino ata o momento de gravar».

 

As túas composicións adoitan estar cheas dun profundo simbolismo, que nos abre a porta a outra dimensión. Para alguén que aínda non se arriscou a abrir esta porta… como describirías ti este universo paralelo que constrúes a través da túa música?

BABYKATZE: «Un universo de gatos, sintes e amor, un lugar para sentir».

 

 

BLUT é unha colección de catro cancións, cada unha representada por un arcano menor, coa súa propia misión e poderes. Cal destes arcanos dirías que é o teu favorito? Poderías desvelarnos algún destes enigmas?

BABYKATZE: «Non sei se podo elixir un favorito, porque son distintos momentos da vida. Creo que me identifico máis con BLUT, que é o arcano maior que representa a unidade destes catro arcanos menores».

 

Aínda que o teu amor polos felinos é incuestionable, como curiosidade, por que o nome en alemán?

BABYKATZE: «Simplemente encantoume a sonoridade».

 

 

O pasado mes de outubro actuaches na Sala BBK (Bilbao) como parte da representación galega do BIME CITY de BIME PRO. Como foi a experiencia?

BABYKATZE: «Foi agridoce, supoño que como toda a cultura nestes tempos de pandemia. Mestúrase a emoción e a ilusión de tocar nun evento e unha sala tan espectacular, coa realidade de que están todos sentados e que hai que manter as medidas de seguridade que, aínda que moi necesarias, son basicamente medidas de distanciamento…e a música para min é achegarse. Aínda así, foi marabilloso porque ademais foi a miña primeira vez en Euskadi, e coñecer un país por primeira vez para tocar é unha das mellores formas de facelo».

 

 

A volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos…? Como o estás a levar?

BABYKATZE: «Sinto que hai que traballar en cada momento co que hai dispoñible; é unha boa oportunidade para explorar novas formas de experimentar a música».

 

Os teus concertos teñen unha gran carga performática, cando volva a normalidade, á de verdade, pensaches nalgo especial, que poderemos esperar dun directo de BABYKATZE?

BABYKATZE: «Moitas cousas, todas guiadas pola idea da interacción, a comunicación e a participación. Unha nova interpretación do que é un directo e unha nova definición dos roles de artista e espectador. Van ter que asistir para experimentalo!».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

BABYKATZE: «Cult of Auspex é un must de techno experimental; Yugen Kala outro top de electrónica experimental; un case-galego, Rodrigo Cuevas, que descubrín hai pouco e namoroume; e outros que descubrín este ano e encantáronme, Kings of the Beach».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

BABYKATZE: «De todo, gústanme moitas cousas! Desde electrónica como Catnapp, Cora Novoa, Charlotte de Witte, Salvatore Ganacci ou Fisher, ata cousas máis experimentais como Arca, Grimes, Tommy Cash, pasando por grandes clásicos para min como The Mars Volta, Spinetta ou Journey, e música que descubrín acá e apaixóname como Los Chunguitos, Camilo Sesto ou Junco».

 

  noticias