ARTISTAS DA SEMANA 2020. VOL I
Aínda que 2020 é un ano para esquecer, nós queremos lembrar algo —máis ben alguén— polo que este ano pagou a pena. Hoxe, derradeiro luns de 2020, comezamos a repasar os Artistas e Grupos da Semana que pasaron pola nosa cabeceira, agradecemos que compartiran o seu tempo con nós, non só a través dos acordes das súas composicións, senón tamén a través das teclas do computador contestando a todas, e cada unha, das nosas preguntas.
Velaquí os 24 artistas e grupos do primeiro semestre de 2020!
Ataque Escampe
Luns, 13 de xaneiro
FORMACIÓN RENOVADA E NOVO TRABALLO TITULADO “A ALMA”
Volvestes enfundados, mesmo agochados, nuns traxes de spandex, que se entremesturan coa «versión cativa» dos Ataque Escampe nos 90 no videoclip de ‘O que pode un corpo’. É esta elección de vestiario un chisco a algunha das tres almas que existen para Platón, segundo Arístides Quintiliano ao que «citades»? Ou quizais ao corpo, que «ese pouco dura»?
Samuel Solleiro: «Moi acertadas as comillas de “citades”, porque efectivamente, aínda que Arístides Quintiliano existiu e escribiu sobre Platón e sobre música, a cita é inventada. No entanto, nas fotos e no vídeo non levamos spandex dese, senón traxes de croma, eses que orixinalmente son verdes. Eu penso, non sei se só o penso eu, que o título A alma debe remitir necesariamente ao corpo e que de feito é máis un disco sobre corpos ca sobre almas (de feito a palabra “corpo” repítese nas tres cancións). Tanto é así que un de nós, mentres facía posturas para a primeira parte do videoclip, esvarou co croma e partiu un brazo, así de fráxil é o corpo».
Los Marcianos
Luns, 27 de xaneiro
UNHA MISIÓN MUSICAL DE POP GUITARREIRO E LÍRICA ENXEÑOSA
Por máis que nos fixamos... non acadamos ver as vosas antenas, así que, contádenos, que hai detrás da elección do voso curioso nome?
Los Marcianos: «Ten un pouco que ver conque naquela época xuntabamonos uns amigos nunha tenda de informática os venres pola noite e faciamos un obradoiro de improvisación, faciamos cancións no momento sobre temáticas diversas e moitas falaban de marcianos, de naves espaciais e semellantes, e a aquilo bautizámolo como “sesións marcianas”; cando quixemos facer daquelas cancións unha banda, pois xa vimos bastante claro o nome».
APHONNIC
Luns, 3 de febreiro
VICTORIA E GLORIA COROAN A TRAXECTORIA DA BANDA VIGUESA
Para os vosos tres últimos traballos discográficos, contastes con senllas campañas de crowdfunding, unhas campañas que sempre superastes con éxito e, así, Héroes (2013) Indomables (2016) e La Reina (2020) son proxectos impecables, non só a nivel musical, senón a nivel deseño, formato e merchandising. Credes que vos arriscades tal e como está a escena discográfica hoxe en día con tantos produtos e cando a xente cada vez consume menos música en formato físico?
APHONNIC: «Nós temos a gran sorte de contar con varios centos de fans que cren en nós, neste último crowdfunding acadamos 18.000€. Isto é algo marabilloso, saber que a xente agarda nova música túa é algo que non se pode explicar con palabras. Creo que este novo disco está a gostar e que a xente que apostou por isto sinte que os seus cartos foron ben investidos. Na vida tes que arriscar, perder e caer moitas veces se queres lograr algo».
Willie & Winnie
Luns, 10 de febreiro
«TIVEMOS QUE CAMBIAR PARA PODER SEGUIR SENDO NÓS MESMOS»
En agosto de 1969, Janis Joplin presentaba a súa “Kozmic Blues” no Woodstock (Nova York); 46 anos máis tarde, saía á luz o voso álbum debut, Premonition (2015). Pechade os ollos e rebobinade, imaxinádevos enriba das táboas do Woodstock, que canción da vosa discografía interpretariades diante desas 400.000 persoas que asistiron ao festival?
W&W: «Pois, probablemente, calquera dos nosos discos como Kozmic Blues; nada de deste, pois este disco é o reflexo de dúas persoas de 2020, deste contexto e aínda que nos atrae a idea de atemporalidade, cremos que este disco mostra o presente ou polo menos o noso distorsionado presente [risos]».
Grilo
Luns, 17 de febreiro
ROCK COMPOSTELÁN CO GALEGO POR BANDEIRA
Soades con forza e bravura na vosa lingua nai, o voso «aceno de identidade»; actualmente, como está a ser a acollida do voso proxecto íntegramente en galego? Ademais de porque é, efectivamente, a vosa lingua nai, existe algunha outra razón pola que vos decidistes a crear en galego?
Grilo: «Pois como xa dixemos, a acollida está a ser moi boa. No referente á lingua, o habitual nun país normal cunha lingua normal, sería que as diferentes propostas musicais fosen na súa maioría na lingua propia. Por sorte, cada vez hai máis música en galego e a súa acollida é moi boa entre o público, algo que consideramos moi positivo para a normalización da lingua.
Aínda así por enriba de todo cremos que o mellor para compoñer é facelo na lingua na que pensas, na que desenvolves a túa vida diaria, tamén somos conscientes de que cantar en galego na Galiza aínda significa algo máis, unha reivindicación do propio fronte os ataques que recibe continuamente».
Son Trío
Luns, 24 de febreiro
Unha rusa de corazón galego e dúas galegas namoradas da súa terra, as tres con estudos profesionais de música. Como xurdiu o proxecto de musicar a poetas galegos?
Katerina Linke: «En realidade xurdiu como resposta a un concurso de cancións coa letra de Rosalía [de Castro]. Gañei o concurso e continuei compoñendo, así naceu a idea de Son Trío; por iso todas as iniciativas de institucións e organismos culturais de apoio aos artistas son benvidas. De aí nacen cousas belas e emblemáticas como foi o caso de “Negra Sombra” tamén».
Cia Campillo
Luns, 2 de marzo
«NESTE MOMENTO SÍNTOME MÁIS ATREVIDA, MÁIS SEGURA E COAS IDEAS MÁIS CLARAS»
Logo de ser vocalista nunha banda de versións, emprendes a túa carreira en solitario na que, lemos, «escribes cancións, cántalas, tócalas e as bailas». Que che motivou a tomar esta decisión? Existen diferenzas entre unha Cia e outra?
Cia Campillo: «Como ben dis, o meu camiño comezou nunha banda de versións pero, aínda que cantar cancións doutros me gustaba e me segue gustando, eu quería cantar as miñas! Dar saída a historias e vivencias que tiña dentro de min e transformara en cancións. Sigo a ser a mesma en esencia, só que evolucionei atopando un camiño no que realmente me sinto ben».
Pauliña
Luns, 9 de marzo
Es unha das voces femininas con máis carácter e personalidade e, desde os inicios, cantas en galego, confirmando que a nosa lingua está a tomar os escenarios! Co idioma por bandeira, como describirías o panorama musical actual en Galicia? E, como muller na música?
Pauliña: «Eu creo que está revivindo dunha forma fermosa, posto que comezamos a ter novos rexistros musicais que rompen fronteiras, toques que nunca deixan atrás a nosa tradición pero combínanse á perfección co que cada artista quere expresar. Temos a Baiuca, que para min é un referente, un rapaz transgresor, a Ortiga facéndonos bailar dunha forma moi natural, as Tanxugueiras que levan esas pandeiretas máis alá, A banda da Loba coa súa Fábrica de Luz ou mesmo a High Paw plantándolle cara ao reggae.
Como muller fun sempre moi botada cara adiante, deste xeito abrinme camiño co apoio de grandes persoas que me rodean, aínda así os cartaces dos festivais deberían apoiar máis a igualdade e contar con máis mulleres enriba das táboas».
Margarida Mariño
Luns, 16 de marzo
«CON ESTE DISCO QUERÍA DEMOSTRAR QUE O VIOLONCELLO É UN INSTRUMENTO SÚPER RICO EN MATICES»
Na actualidade, existe un movemento de música instrumental de notable éxito, con músicos de formación clásica que a combinan en maior ou menor medida con elementos da música electrónica, do pop ou do jazz. Falamos de Hildur Guðnadóttir, Anne Müller ou Julia Kent, por nomear algunhas compañeiras chelistas, ou Nils Frahm, Olafur Arnalds, A Winged Victory for the Sullen, Max Ritcher… Como ves esa especie de renacer da instrumentación e das formas clásicas (nada máis de moda que o contrapunto) baixo novas fórmulas?
Margarida Mariño: «Como non podería ser doutro xeito, véxoo natural. Os instrumentos en sí mesmos non deberían estar encorsetados ao contexto histórico de cando foron creados, penso que con calquera instrumento incluso moito mais ancestral ca o cello pódense facer cousas interesantísimas e mais coa mestizaxe cultural e o bagaxe técnico que temos hoxe en día».
MJ Pérez
Luns, 23 de marzo
Desde os inicios cantas en galego, pero tamén en portugués, en “Vai Embora!” fas gala dun impecable acento luso, mesmo baixaches á cidade do Porto a gravar o videoclip de “Cando te canses”. Curiosidade, que che une ao país veciño? Como afecta este arraigo á lusofonía na túa música?
MJ Pérez: «O que me une a Portugal é que son 50% portuguesa. A miña nai e a miña familia materna son portuguesas. Isto inflúe en min non só en detalles como poder compoñer “Vai Embora!” senón tamén no amor polo fado que arrastro desde a adolescencia, o amor polo folclore portugués e en xeral á música e cultura lusas. Para min compoñer en portugués era unha meta persoal, unha espiña que tiña cravada e agardo que veñan moitos máis temas en portugués».
Marem Ladson
Luns, 30 de marzo
Preséntanche como unha das promesas máis firmes do panorama musical; actualmente e desde a túa perspectiva, como vives ser muller dentro da escena alternativa nacional?
Marem Ladson: «Desde a miña posición e a miña experiencia como muller nova racializada sentín moitas veces que teño que demostrar o dobre a miña valía. Dáse por feito que as mulleres na música só somos imaxe, que nos escriben outros as cancións, que non lideramos os nosos propios proxectos, e non é así. Temos que reivindicar o noso papel, non só como cantantes, senón tamén como músicas, compositoras, produtoras. Pasoume moitas veces de que os técnicos de son diríxanse aos membros da miña banda en lugar de [dirixirse] a min para falar de calquera cuestión técnica, porque pensan que non vou saber. Que se sorprendan ao escoitarme tocar a guitarra, porque teñen interiorizada a idea de que as mulleres non sabemos tocar. Que me ‘axuden’ a pedir monitores ou a subir o volume do ampli porque pensan que non se como se fai, porque teñen interiorizada esa actitude paternalista. É unha cuestión que subxace no fondo, unha cuestión estrutural. E quen non sexa capaz de velo, é que non quere quitarse véndaa dos ollos. Hai moito machismo e está tan interiorizado que a xente nin se dá conta de que estas cousas están mal, e de que é unha cuestión de xénero. Tamén me ten pasado de que non me conviden a unha reunión porque van discutir termos contractuais, e eu como muller artista, suponse que o meu lugar está en cantar e compoñer unicamente, como se os negocios non fosen parte da miña profesión, e curiosamente, só sentan homes na mesa de negocios. Porque segue existindo esa idea na industria de que as mulleres somos fráxiles, vulnerables; por iso paréceme tan importante reivindicar o noso papel tamén como mulleres de negocios. Tamén se pon demasiada énfase na nosa imaxe, por se somos demasiado delgadas, ou demasiado gordas, na nosa forma de comunicarnos, por se expresamos as nosas ideas con demasiada rotundidade que resulta impoñente, ou se mostramos a nosa vulnerabilidade e parecemos fráxiles. Tamén a cuestión da desigualdade de xénero é unha cuestión de raza, e de clase, por suposto. As revistas de moda ou lifestyle seguen a promover unha imaxe predominantemente occidental, un canon único de beleza, con certas excepcións, pero de novo, para a galería. Téñenme chegado a pedir que me quite as trenzas ou que me alise o pelo, que non me poña uñas de xel, todo para conseguir unha imaxe dentro dos canons de beleza occidentais. O máis curioso, é a dobre rapadoira cando unha artista branca ponse aros grandes, trenzas, uñas de xel, beizos perfilados e mesmo un durag, apropiándose por completo da estética afro, e considérase cool. Sinto que as cousas están a cambiar na fachada, que se está tentando cubrir unha cota morada, que só axuda á aparencia, pero seguimos sen abordar as cuestións de fondo, porque son demasiado incómodas. A industria da música está dominada por homes, desde as discográficas, as editoriais, as distribuidoras, as plataformas dixitais, os promotores das salas e festivais, os técnicos de son, os roadies, etc. As mulleres estamos a loitar moi duro por facernos un oco».
RUXE RUXE
Luns, 6 de abril
«FACER E ARMAR ESTE DISCO FOI UN DOS PRACERES MÁIS GRANDES NA HISTORIA DO GRUPO»
Con máis de 20 anos de loita enriba das táboas, tocastes en incontables festivais, fixestes xiras ininterrumpidas percorrendo os mellores escenarios, mesmo alén das nosas fronteiras, sempre con moi boa acollida por parte da audiencia e da crítica. Notades algún tipo de relevo xeracional no público dos vosos directos?
Xan: «Si que o notamos, e moito. Queda xente da vella tropa que aínda veñen vernos de cando en vez, pero plantamos unha semente que agora medra en xente máis nova que conecta co grupo e respecta o noso traballo».
Vituco: «Nós facemos música e a música non entende de idades, se tal de gustos. Desfrutamos moitísimo cando vemos a xente moi nova escoitándonos e tamén cando vemos a xente moi vella escoitándonos. É unha conexión humana e de intercambio de enerxías que necesitamos sen importarnos nada máis. Lembrades aquilo de ‘os Clash gústanlle á miña avóa’ para desacreditalos como banda punk? Pois iso, oxalá lle gostemos nós tamén e moito».
Fernando Barroso
Luns, 13 de abril
«SOMOS XOGRARES, ESTAMOS DESTINADOS A CORRER A SORTE DAQUELES MESMOS PERSONAXES HISTÓRICOS»
Músico, compositor e produtor, es multi-instrumentista en corda pulsada, con instrumentos como o bouzouki, a mandolina ou o baixo, aínda que tes experimentado con cavaquinhos e violas portuguesas. Que premisa segue Fernando Barroso ao escoller un instrumento en concreto á hora de compoñer? Inflúe o instrumento á hora de transmitir a túa mensaxe, musicalmente falando?
Fernando Barroso: «Si, un instrumento novo abre as portas á hora de compoñer debido aos diferentes rexistros de afinación ou tesitura. Naturalmente soan cousas novas e diferentes cando colles un instrumento descoñecido, e iso ábrenos a cabeza. O máis fácil para min é coller unha mandolina e crear unha liña melódica ou harmónica; logo collo unha guitarra ou sento no teclado para ir creando estrutura e harmonía. No caso de Xograr, fixen os arranxos para o cuarteto e foi un exercicio interesante no que vas coñecendo a música desde o punto de vista doutros instrumentos. Actualmente ando experimentando co laúde árabe, o cal é unha porta cara outra dimensión en termos de linguaxe musical para min».
Eladio y los Seres Queridos
Luns, 20 de abril
«QUERIAMOS QUE ESTE ÁLBUM FORA LONGO E VARIADO, CANTAR CADA CANCIÓN NO SEU MOMENTO»
En Están Ustedes Unidos (Esmerarte, 2011) escoitamos unha colección de cancións como “Miss Europa”, “El Tiempo Futuro” ou “Con el Corazón en la Mano” convertidos xa en himnos. Case unha década despois do seu lanzamento, botando a vista atrás, como afectou este boom discográfico á vosa carreira? Como sentides estes «himnos» agora, sobre todo nos directos?
Eladio Santos: «Foi un disco importante, abriunos moitas portas e cambiou a nosa mentalidade. Desfrutamos, medramos e tamén cometimos erros dos que aprendimos moito. Aínda hoxe están nese disco as nosas cancións máis coñecidas e sempre son valor seguro nos concertos. De feito, un dos anhelos de Academia é superalo e revisalo, dar pé a un movo tempo e novas cancións que perduren».
Xabier Díaz
Luns, 27 de abril
O teu novo traballo discográfico, As Catedrais Silenciadas (2020), é un berro de alerta ante o progresivo despoboamento rural e a perda de identidade que isto implica: a desaparición da cultura que fundamenta a nosa diferencia no mundo. Como foi o proceso de «darlle voz» a esas catedrais? Como pasan as notas do traballo de campo a notas e acordes de cancións para ver e escoitar?
Xabier Díaz: «Calquera dos discos que eu fixen, fundamentados en traballos de campo, se podería chamar As Catedrais Silenciadas. Se cando eu estiven a recompilar información nas aldeas, o grado de despoboamento fora o que temos agora, tería moitas menos oportunidades de reconstruír todas as cancións e todos os materiais. Así que o proceso de darlle voz é moi sinxelo: simplemente con facerme eco de moitas das melodías que eu aprendín nesas catedrais está resposta.
Para min facer música tradicional é unha especie de estado anímico. Resúltame fácil poñerme en situación porque vivín moi intensamente aquelas circunstancias».
Artabe
Luns, 4 de maio
«‘OMBRA’ É O MEU DISCO MÁIS PERSOAL, CON TEXTOS MÁIS EXPLÍCITOS E PAISAXES MOI AUTOBIOGRÁFICAS»
‘No era pez pero ahora sé nadar’, ‘Nuruddín’, ‘Viento Cristal Blanco’, ‘Tu Huerto y Mi Canción’, ‘Kiwani’ son algunhas cancións do teu repertorio; leriando descubrimos que kiwani é unha froita, Nuruddín é unha localidade de Punjab (India)… como chegas a estes títulos tan curiosos ás veces non relacionados aparente ou expresamente coas letras?
Artabe: «En realidade teñen unha relación total; os propios títulos que mencionas representan, nunha ou poucas palabras, o que desenvolvo nos textos. Curiosamente non tiña nin idea de que kiwani é unha froita e Nuruddín un pobo da India! Ambas están baseadas en experiencias persoais; Kiwani era o nome dunha casa ao pé do Camiño de Compostela en Ourense na que vivía Libre, un home que practicaba a arte de lavar os pés, unha arte milenaria moi extensa no Camiño. Alí fixemos un encontro un grupo de persoas co obxectivo de compartir, experimentar e propoñer camiños alternativos ao sistema imperante. A canción relata as sensacións que vivín e está adicada a esa casa e toda a xente que coñecín.
No caso de Nuruddín, intereseime un tempo na filosofía sufí e acudín a un encontro místico; alí coñecín este nome, Nuruddín. Literalmente da lingua árabe, quere dicir, ‘a luz da fe’, ‘a fe nun mesmo’. Esta canción é influencia dos mantras indios e da canción-medicina dos chamanes; ambas cántanlle, ben a unha deidade, ben a un animal ou elemento da natureza, para conectarse coas súas cualidades e, así, despertar as propias. Eu tratei de facer o mesmo a través do título que se repite no retrouso e no propio texto: ‘creo en min e no aire cando entra’».
Xosé Lois Romero e Aliboria
Luns, 11 de maio
PERCUSIÓN TRADICIONAL COMO PROPOSTA DE VANGARDA ÚNICA E ORIXINAL
Falando de obxectos, que significado ten a chave que aparece nas portadas de ambos discos?
Xosé Lois: «A chave condensa varios conceptos que nos gustan. Por unha banda, con ela se toca a tixola, dous utensilios cotiás que a creatividade popular converteu en instrumento musical ao xuntalos. É un símbolo universal de apertura, de clave, de liberar algo pechado. Ademais ocorreu que, en pleno proceso do noso primeiro disco, atopei pola rúa unha chave moi curiosa dese tipo e pareceume un sinal. Por último, a incorporación do «A» fai referencia a Aliboria, pero tamén á alegría, algo moi presente no grupo, e é un xogo co tema ‘La llave de la alegría’ de Eliseo Parra.
Ademais de músico, son deseñador gráfico e a imaxe da chave ten unha forza visual indiscutible; penso que nos vai acompañar sempre».
Chisme
Luns, 18 de maio
«A MÚSICA TEN ESPECIAIS DOTES PARA FALAR DA VERDADE, ENCHE OS ESPAZOS SEN XUÍZOS»
Os Irmáns Grimm, San Pablo, Maquiavelo, Two Men de Dobson ou Boy With Drawing de Caroto son obras que escollestes, para logo distorsionar, como portadas dalgúns singles incluídos en Todo Es Ficción. Foron estas personaxes e obras fonte de inspiración para os temas?
Chisme: «Ben, cando estou escribindo teño na mesa mogollón de cousas, moitas son inconfesables, ridículas, abstractas, ilegais... de todo. Penso que todo ese material acaba contido literalmente na música, polo menos eu podo escoitalo. Neste caso había moitos cadros, si; ao principio parecían aleatoriedades, pero ao final, cando fixen inventario, a visión da posverdade de Maquiavelo, a fraudulenta empresa de San Pablo ou ese Boy With Drawing que é a primeira manifestación artística na que aparece o debuxo dun neno —un neno psicoloxicamente enfermo, ademais)—axudáronme moito para encontrar a orde e a liña do máster final do disco».
MR. RIVER
Luns, 25 de maio
En Mr. River escoitamos ‘Octopussy in the Galician Style’, unha peza que semella rock a ritmo de pandeirada. Como xurdiu esa idea de combinar rock e ritmos de música tradicional?
Miguel: «A clave de esta idea está en como traducían nun restaurante de Mallorca ‘polbo á galega’ por ‘Octopussy in the Galician style’ esa mistura do noso polbiño escrito en plan yanqui fíxome tanta gracia que levoume a compoñer este tema misturando a música tradicional galega co rock».
Wanna Dee
Luns, 1 de xuño
«UN DISCO PARA MÍN É COMO A VIDA MESMA, UNHA ÉPOCA, UNHAS VIVENCIAS; TEN QUE XURDIR»
Desde os inicios, os teus singles veñen acompañados duns videoclips que destacan pola súa impecable fotografía e coidada produción. Como é o proceso de traducir as letras e a música a imaxes en movemento? Tes algún referente cinematográfico ou videográfico no que basearte á hora de idear os clips?
Wanna Dee: «Alégrome e agradezco de que o vexades así. Realmente, os únicos que teñen formación académica neste ámbito son os filmmakers cos que traballo; o resto son as miñas inquedanzas, ás veces con axuda dos meus. Procuro consumir moitos videoclips e tomar referencias, tamén vexo moitos documentais de todo tipo, series e películas como calquera… a diferencia é que teño que sacarlle proveito, fixarme nas cores, nos estilismos, etc.
Como non teño formación neste ámbito, a suplo poñéndome horas diante do ordenador para escribir como quero convertir as miñas letras en imaxes, guionizando todo, pensando os planos, pensando os estilismos, as luces, o atrezzo, mesmo os efectos se os hai; referencialo todo da mellor maneira que podo, e de aí…a traballar!
Plasmar, corrixir, cinguirse o mellor posible as nosas posibilidades…é moi fácil pensar nunha superprodución, pero é preciso ter os pés na terra e saber cales son os nosos límites.
E, por suposto, sen Irene Paz e Gabi Yoldi (maquillaxe), Andrés Hermelo, Yago Kobain e Victor Osado (cámaras), este proxecto non sería quen de acadar a calidade que teñen os videoclips, cada persoa pon o seu ladrillo para construir isto».
Javier Otero Neira
Luns, 8 de xuño
«TIÑA, E SIGO A TER, A NECESIDADE DE CREAR O QUE TOCO»
Só é un exemplo, pero en 2017, a prestixiosa Deustche Grammophone publicaba Endless (2017) de Tale Of Us, un dúo de DJs que fai música electrónica pop. En que momento crees que se atopa a música clásica (entendendo por ela non só os propios intérpretes senón os festivais, as discográficas…)? Pensas que cada vez se está abrindo máis a outros estilos como o jazz, o pop, a música electrónica…?
Javier: «O mundo da ‘música clásica’ leva en crise moitos anos, sobre todo de no que respecta ao público; en parte por culpa dos propios intérpretes, que en maior ou menor medida, establecen unha distancia co público que, ao final, non fai que conecte co público novo. Na miña opinión, etiquetar a música non ten sentido, porque ao final se pecha a porta a moitas cousas boas. Eu fago a miña música con electrónica, teño un dúo con Abe Rábade no que improvisamos e tocamos a dous pianos diferentes músicas e, no último disco de Guadi Galego, colaborei no arranxo de dous temas. E non por iso toco peor Chopin ou Beethoven, aínda que algún o pensa. A música é música, igual que a pintura; non hai que entender en profundidade a clásica, eu mesmo vou a concertos que non me gustan… e preferiría estar escoitando a Vetusta Morla».
Xan Campos Trío
Luns, 15 de xuño
«TENTO NON POÑERLLE LÍMITES ESTILÍSTICOS Á MIÑA MÚSICA»
O voso último single-clip, ‘Espello de Auga’, preséntase como unha canción-palíndromo —escóitase exactamente igual de principio a fin que á inversa— e vén acompañada por un vídeo que segue o mesmo concepto. Como se constrúe esta idea… reversible?
Xan Campos: «Coa idea de invertir os instrumentos levo experimentando xa bastantes anos. No noso disco Ectropía xa tiñamos un tema gravado ao revés chamado ‘Entropía’ (o concepto contrario á ectropía). Outra cousa que fixen nestes últimos anos foi darlle a volta aos estándar do jazz: coller os temas, escribilos do revés (de atrás para adiante) e tocalos buscando que, ao darlles a volta, soasen parecido á versión orixinal, non só os acordes e a melodía senón tamén a estructura, as dinámicas, o desenvolvemento dos solos... A verdade é que fai falta romperse bastante a cabeza e facer moitas probas para ir perfeccionando a técnica e anticipar como vai soar o que estás compoñendo ou tocando cando lle deas a volta.
En Realismo usamos en varios temas o recurso de darlle a volta a certos elementos para crear sonoridades novas e especiais pero, sen dúbida, onde lle sacamos máis partido á idea de invertir os sons é no tema ‘Espello de Auga’, que é case unha pequena obra de enxeñería musical. O tema componse de dúas seccións simétricas entre si, nas que superpoñemos elementos tocados do dereito e do revés; na metade do tema hai unha especie de espello e todo o que soou ata ese momento dase a volta e comeza a soar para atrás. Desa forma, se invirtes a pista de audio vai soar exactamente o mesmo que escoitándoa de forma normal».
Baiuca
Luns, 22 de xuño
«CADA VEZ SE TEN MENOS MEDO A MESTURAR ESTILOS DE TODO TIPO COA MÚSICA TRADICIONAL»
En 1978, o grupo Son Lalín fixo unha versión pop con baixo, batería e acompañamento electrónico da ‘Muiñeira de Chantada’ que vendeu máis de cinco millóns de discos, un primeiro intento dese «diálogo entre a Galicia de antonte e a de pasado mañá». Que che parece esa versión? En que momento cres que se atopa a música tradicional galega? Estamos ante un rexurdimento? Pensas que se está a abrir a outros estilos?
Baiuca: «Entendo que nesa época que un tema como a ‘Muiñeira de Chantada’ se pinchara nas discotecas de Ibiza fose algo histórico, e seguramente sexa o primeiro tema en enfocar a nosa música cara ao club. O problema é que este tipo de mesturas ou de reinterpretacións da música tradicional, non só de Galicia senón da meirande parte do norte da península, non son tan habituais como si sucede no sur co flamenco. Eu en Solpor quería aportar a miña versión dun clásico como é a ‘Muiñeira de Chantada’ para que se entendera que, a pesar de ser un tema dos máis famosos da nosa terra, aínda hai marxe para a súa evolución e a da nosa música.
Por unha parte, non creo que sexa un momento excesivamente bo para a música galega en xeral; se penso na cantidade de propostas musicais que había hai 10 ou 15 anos e o comparo co momento actual, penso que cada vez hai menos variedade. Pero, por outra banda, creo que agora mesmo sí que hai propostas que están a destacar fóra de Galicia como é o caso de Sen Senra, Blanco Palamera ou Novedades Carminha que, por suposto, xa son un grupo de referencia. Ademais, están empezando a aparecer propostas moi interesantes que están aportando frescura ao noso panorama, cada vez se ten menos medo a mesturar estilos de todo tipo con música tradicional; tamén propostas enfocadas ao pop que empregan o galego e eso creo que é una liña que debería de continuar, como é o caso de Boyanka Kostova, Verto ou Ortiga.
Sen olvidar a renovación da música tradicional, onde os grandes grupos de folk de décadas pasadas e os e as grandes gaiteiras están deixando paso a proxectos coma Tanxugueiras, Xosé Lois Romero & Aliboria ou CALDO».
María Mendoza
Luns, 29 de xuño
«A MÚSICA CLÁSICA LEVA MOITAS DÉCADAS FLIRTEANDO COA MÚSICA ELECTRÓNICA»
Dis que cada unha das 16 pezas que compoñen Cronos ten o seu reflexo no seu espello, que procuran o equilibrio xirando sobre dous eixos: esquerda-dereita e arriba-abaixo. De que xeito se relacionan estas dúas ideas entre si? Como pasan estes conceptos abstractos ao pentagrama?
María Mendoza: «Tiña claro desde o principio o concepto do disco, esa dualidade de Cronos como personificación grega do tempo e da colleita, que me deu pé a crear as pezas de dúas en dúas, emparelladas, en vez de en bloques como nos discos anteriores. Cada parella ten unha relación distinta, que será o oínte o que terá que descubrir, ou vir aos meus concertos ou ler o libreto do disco, no que está explicado. Vou deixar o misterio no aire!
A orde no que aparecen os temas é unha viaxe que para min non ten sentido ordeados doutro xeito. Desde o ‘Preludio’, que abre o disco, composto hai 18 anos, ata o seu reflexo no espello, que é o último tema, ‘Postludio’, tamén composto daquela, que presento como unha baixada ao inferno. Antes de sacar o disco mandei por WhatsApp o ‘Postludio’ a un dos meus mellores amigos, e contestoume: ‘Creo que teño o móvil estropeado, porque se escoita rarísimo’. O seu móbil non estaba estropeado, é que non creo que todo o mundo entenda a última peza».
ℹ️ O segundo semestre, de xullo a decembro, publicarase o vindeiro luns, 4 de xaneiro... de 2021!