• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ARTISTAS DA SEMANA 2020. VOL II

Artistas da Semana 2020. Vol II
4 XANEIRO 2021

Se despediamos 2020 co primeiro volume de Artistas e Grupos da Semana que pasaron pola cabecera de GalicianTunes, estreamos 2021 co segundo e derradeiro. Completamos o repaso anual agradecendo aos artistas e grupos que nos dedicaron a súa música, as súas palabras e o seu tempo no segundo semestre de 2020, de xullo a decembro.

Grazas… de aquí a un ano!

 

 

Samuel Diz

Luns, 6 de xullo

«A INQUEDANZA POLA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA DEU GRANDES PASOS NAS ÚLTIMAS DÉCADAS»

 

Memoria de la Melancolía foi gravado na casa de Lorca, na Huerta de San Vicente (Granada), coa guitarra do poeta. Como describirías a experiencia? Que se sinte ao tocar na súa casa, co seu instrumento?

Samuel Diz: «Un dos regalos máis grandes da vida. Todo comezou en Estados Unidos en outubro de 2016, cando cheguei á Universidade de Boston convidado polo hispanista Christopher Maurer, unha das máximas autoridades no mundo lorquiano. Foi xustamente nos días nos que Bob Dylan recibía o Nobel de Literatura. E foi Maurer quen me propuxo descubrir a guitarra de Lorca, conservada en Granada na súa casa de la Huerta de San Vicente, hoxe museo.

O primeiro contacto insitu coa guitarra foi o 5 de xuño de 2017, casualmente no día do aniversario de Lorca, tras ofrecer un concerto o día anterior na súa casa natal de Fuente Vaqueros. Era luns, polo que tiven a oportunidade de tocar a guitarra no museo a porta pechada. O seu son atrapoume desde o primeiro momento. Xunto ao seu simbolismo e a súa intrahistoria, descubrín un instrumento cunha sonoridade envolvente e sedutora. Unha guitarra construída en Granada por José Ortega ao redor de 1906.

Grazas ao apoio continuo e incondicional de Beatriz Fontán e ao equipo da Huerta de San Vicente, en outubro de 2019 entregueime en corpo e alma ao instrumento durante tres semanas. Non fixen outra cousa durante ese tempo máis que tocar e tocar. Rematamos o traballo na Huerta de San Vicente na mañá do 24 de outubro, día da exhumación de Franco. Non é paradoxal?

A guitarra foi restaurada en 1996 por Francisco Manuel Díaz e, desde ese momento, diversos artistas tocárona en concerto como Vicente Amigo, Tomatito, Eliot Fisk, Patti Smith, Lou Reed ou o propio Bob Dylan. Agora, Memoria de la Melancolía é o primeiro disco gravado con esta guitarra».

 

 

 

 

 

 

Moito!

Luns, 13 de xullo

 «A VISIBILIDADE É O GRAN CUME A ESCALAR NO MUNDO EMERXENTE»

 

É neste traballo onde escoitamos ‘Stannis Baratheon’… por que unha canción co seu nome? Por que un Baratheon e non un Lannister, un Targaryen ou un Stark? Queremos respostas!

 

Felipe: «Cando escribo letras gústame incluír referencias cinematográficas, de libros, novelas gráficas e demais cousas que consumo. A canción comeza cunha versión modificada do lema ‘The night is dark and full of terrors’, e fala de maneira melancólica do meu sentir respecto á miña xeración. E non hai personaxe máis melancólico que Stannis Baratheon!

 

Como o disco dividiuse en dúas partes, decidín chamar ‘Meñique’ a unha das cancións de Anexo para pechar o círculo de losers de Poniente».

 

 

 

 

Stormy Trucks

Luns, 20 de xullo

«"DAMN THE STORM" REFÍRESE Á SUPERVIVENCIA COMO MODO DE VIDA»

Describían a vosa música como unha que «soa igual de ben, ou mellor, que o motor dun camión americano clásico». Credes que é así? Seguindo a metáfora, que se agocha detrás do voso nome?

Valentín Caamaño: «Si, así o fixo César ‘Nervio’ Varela para a revista Pincha en marzo de 2019. A nosa principal misión e idea é que se a banda non soa contundente, como soa ese tipo de camións, e non a sentes no peito e nas tripas estando diante, non ten sentido a música que se queira transmitir a través dese son. E aparte do son, se non tivese a calidade necesaria que se merece este tipo de música, tampouco tería sentido presentar a proposta».

 

 

 

 

 

 

TOR

Luns, 27 de xullo

«TODAS AS MÚSICAS TEÑEN UNHA HISTORIA DE VIDA DETRÁS, DE PERSOAS QUE CONSERVARON A NOSA CULTURA E MÚSICA» 

Durante o voso traballo de investigación supoñemos que atopariades historias relacionadas coa nosa cultura galega e as nosas raíces. Cal pensades que é a peza de música máis antiga que atopastes? Hai algunha historia específica detrás destas cancións que vos chamase especialmente a atención?

Félix: «Esta resposta é moi difícil, moitas pezas é imposible datalas. Hai motivos musicais que se van sucedendo duns músicos a outros por imitación, pero a verdade é que non temos analizado a súa antigüidade.

Todas as músicas teñen unha historia de vida detrás, de persoas, comunidades que conservaron a nosa cultura e música».

Cástor: «Unha das máis impresionantes foi a dos gaiteiros de Vilar. Os mozos de Vilar fixeron os aros dun bombo e dunha caixa coa fuselaxe dun bombardeiro canadense que se estrelou nas montañas de Vilar, na raia con Portugal, unha fría noite do 2 de febreiro de 1944, a finais da Segunda Guerra Mundial; houbo explosións durante toda a noite no alto da serra. Pola mañá os veciños subiron ao monte con carros e baixaron os restos que puideron aproveitar; uns reforzaron portas de palleiros coas chapas... de alí a unhas semanas viñeron quincalleiros pagando ben polos restos e leváronse case todo, pero a mocidade de Vilar dispuxo durante moitos anos de instrumentos de música reciclados cun material ultra lixeiro, tecnoloxía punta norteamericana. Nós mesmos aínda atopamos anacos da fuselaxe cando fomos en 2009 a visitar a zona do accidente!».

 


 

 

 

 

Pablo Vila

Luns, 3 de agosto

«"IMPRESCINDIBLES" É UN TRABALLO QUE, ADEMAIS DE HOMENAXE Á POESÍA, TAMÉN E EXPRESIÓN DA GUITARRA»

Aínda que Lorca escribiu seis poemas en galego, en ‘La seguiriya’ decidiches traducir e interpretar en galego as coplas de ‘La guitarra’ (do Poema de la siguiriya gitana), para repetilas despois na súa lingua orixinal, o castelán. Cal foi a razón? E por que precisamente traducir unha seguiriya, que é un dos palos do flamenco?

Pablo: «Decidín traducir o poema polo motivo que contades e na miña procura por querer plasmar o que podería sentir na súa alma, o que a Lorca podería gustarlle escoitar. Lorca sentía unha atracción especial polo galego que plasmou de forma xenial en seis poemas cheos da súa expresividade e emoción; decidín poñer o texto nos dous idiomas como forma de achegarme máis a el.

Elixín este poema, fermoso, directo e emotivo, porque llo dedica á guitarra, ao meu instrumento; e, porque como dixen antes, manteño unha vinculación especial co flamenco —neste caso unha seguiriya— desde neno. Aínda que este tema nada ten que ver, no que incumbe á métrica e á música, cunha seguiriya.

Imprescindibles é un traballo que, ademais de homenaxe á poesía, tamén é expresión da guitarra. Quería que fosen cancións nas que a guitarra fose protagonista, e buscar, dalgún xeito, certa sonoridade flamenca.

A única excepción pode ser o tema dedicado a Rosalía de Castro, con versos de Follas Novas, no seu galego orixinal, no que trato de recrear o ambiente de illamento e nostalxia no que floreceu a súa sorprendente creatividade narrativa, chea de imaxes e expresión tan orixinais e actuais que ben podería dicirse que foron escritas durante o noso confinamento».

 


 

 

 

 

Ghaveta

Luns, 10 de agosto

«MÚSICA MÁIS NATURALMENTE PERFECTA QUE A MÚSICA DE RAÍZ NON HAI»

Ramona, a avoa de Marta, dicía no vídeo de presentación que lle encantaba A raíz do pensamento como nome para o novo disco, que acertarades de cheo coa elección. Como foi a procura do título, cal foi a inspiración?

Beatriz: «Vén da fermosa copla que di ‘non hai machada que corte, a raíz do pensamento/nin hai chaviña que abra as portas do entendemento’. Pareceunos, ademais de fermoso, que daba xogo, moito que cavilar».

Marta: «Boh, é que preguntarlle a unha avoa é algo de trampa, pero encántanos ter a súa sabia aprobación. Que sorte as avoas!

Nesta ocasión puxémoslle nome en Meirol despois de facermos unha revisión das letras do álbum e coincidimos en que A raíz do pensamento recolle moitísimos significados e ten moito que ver con nós, con Ghaveta e con este novo traballo; co que cremos, co que pensamos, co noso pasado e futuro. Como dicía Diego, é un concepto moi filosófico no que cómpre afondar».

 

 

 

 

 

 

Amoeba Split

Luns, 17 de agosto

«SOMOS INEXPERTOS POR NATUREZA, ASÍ QUE É OBRIGATORIO EXPERIMENTAR!» 

Falando de críticas internacionais, a vosa carreira poderíase describir con aquilo de que ‘ninguén é profeta na súa terra’; escoitamos con frecuencia que tedes mellor acollida fóra de Galicia que dentro dela. A que credes que é debido? Segue a ser así?

Alberto: «Certamente é rechamante que, a pesar de ser moi recoñecidos fóra de Galicia, na nosa propia terra pasamos practicamente desapercibidos, xa non só polo case inexistente apoio que recibimos dos medios de comunicación, senón tamén á hora de participar en festivais ou concertos en Galicia. Sen dúbida, iso débese a que aquí aínda non temos demasiada tradición en abrazar determinados tipos estilos musicais un pouco máis ‘esixentes’ do normal, e así certas propostas musicais se evitan. É moi curioso que se apoien sen fisuras as músicas tradicionais independentemente da súa calidade, pero que outras músicas feitas por músicos galegos non teñan repercusión algunha.

Paradoxalmente, tivemos a oportunidade de tocar no Festival de Jazz da Universidade de Málaga en 2018, pero non de actuar nin a 20 quilómetros de casa. Por poñer outro exemplo, o ano pasado fomos preseleccionados para participar no Festival de Jazz de Montreux 2020, que finalmente se cancelou pola pandemia, pero doutra banda, ao longo do ano en ningún momento se contou connosco para ningún evento musical celebrado en Galicia. Por tanto, non é obviamente un problema de falta de calidade musical, senón de que propostas como a nosa directamente non se consideran, é como se non existísemos».

Ricardo: «Penso que é simplemente que a xente á que lle gusta a música de Amoeba Split está espallada polo planeta; nada máis».

 


 

 

 

 

Laroá

Luns, 24 de agosto

«TODOS E TODAS TEMOS ALGO QUE CONTAR E CANTAR»

No espectáculo hai un momento especialmente emotivo no que o audiovisual dialoga literalmente co grupo no escenario. Podedes falarnos de quen é esa muller que vemos, de Josefina e de como se xestou a idea?

Miguel: «O audio no que canta Josefina é un tema que se chama “Porque non hei de cantare”; é unha interpretación marabillosa chea de gusto e sentido. Nós no directo quixémola dotar de realidade, ou porque non... mandar esa mensaxe do importante que é expresarse, todos e todas temos algo que contar/cantar, por iso convidamos a Laducha, unha veciña de Quireza (Pontevedra), pandeireteira que ten por paixón cantar, unha fermosura de número!».

 

 

 

 

 

 

Kings of the Beach

Luns, 31 de agosto

«O ÚNICO QUE QUEREMOS É VIVIR DA MÚSICA, NON PEDIMOS UNHA MANSIÓN NIN BAÑARNOS EN BILLETES»

Seguindo o «vexo Vigo, vexo Cangas», nun par de videoclips vosos nós «vemos Samil, vemos Cíes»; de que praia sodes, o quereriades ser, reis?

Yago: «Eu de praia en outono; gústame a que podes levar o can».

Adri: «Este verán canseime un pouco das praias e púxenme a explorar a costa de Vigo. Agora vou a unha cala pequena que atopei un día na que non hai ninguén e as vistas son espectaculares, pero non vou dicir onde, non vaia ser...».

Samu: «Eu pouco vou á praia de día, máis de noite, pero gústame moito O Vao».

 

 

 

 

 

 

Orlando Dees

Luns, 7 de setembro

«PENSO QUE A MENTE É A ORIXE E INFINITO DE TODO»

Para a BSO da película de The Batman (2021) sacaron unha versión remesturada e con maior instrumentación de “Something In The Way” de Nirvana, peza da que ti tamén fixeches unha cover. Non é un dos cortes máis populares de Nevermind (1991), que che levou a escollela?

Orlando: «Non tiña nin idea, a verdade, apúntomo! Levaba un tempo debullando ese tema e analizando a letra. Polo tempo pausado, e a marxe para xogar con voces aéreas e sintetizadores, decidinme a «facela miña».

Sempre quixen tocala en directo, pero cando te moves só, ou levas o xoguetiño de Ableton contigo ou o tes complicado para recrear o ambiente acadado no estudio».

 

 

 

 

 

 

Aida Saco Beiroa

Luns, 14 de setembro

«PENSO QUE A MÚSICA TEN VIDA E FORZA POR SI MESMA»

Chopin, Beethoven, Mozart, Schubert... se tiveses unha máquina do tempo, con quen che gustaría sentarte ao piano? Por que?

Aida: «A verdade é que hai tantos grandes compositores e compositoras na historia da música que me gustaría coñecer... que é difícil elixir. Coa música de Liszt sinto unha especial vinculación e, tendo en conta que foi un gran mestre no seu tempo, sería xenial coñecelo e recibir os seus consellos».

 

 

 

 

 

 

Furious Monkey House

Luns, 21 de setembro

FURIOUS MONKEY HOUSE OU COMO «APRENDER CREANDO DENTRO DO TEU PROPIO PROXECTO»

Este último LP inclúe “Lluvia” e “No Lo Ves”, as vosas primeiras cancións integramente en castelán. Que vos levou a compoñer agora en castelán? Podemos esperar que nun terceiro disco haxa algún tema en galego?

Gonzalo: «Compoñer en castelán supuxo un gran reto para todos nós. Rimar en inglés e a rítmica das palabras, grazas a cantidade de monosílabos que ten o idioma, resulta moi sinxelo e moi musical. Queriamos arriscarnos a facer algo que nos custase un pouco máis! Non descartamos o galego para facer unha canción, de feito xa o temos valorado en máis dunha ocasión, tal vez nun futuro próximo :)».

 

 

 

 

 

 

Dequenvessendo

Luns, 28 de setembro

«AS LENDAS SON MOITO MÁIS QUE RELATOS DE FANTASÍA»

Chamounos poderosamente a atención a presenza de Carles Riba (1893-1959), un autor catalán que, por amor, escribiu cantigas de amigo en galego a principios do século XX... É ben curiosa a historia deses textos. Como o coñecestes e que vos levou a incluír un dos seus poemas para “Sabel”?

Bieito: «Carles Riba foi un dos poetas que coñecemos a medida que investigabamos sobre as augas e a mitoloxía relacionada coa mesma. Foi unha grata sorpresa ver que este poeta, coa maioría de poemas publicados en estilo neotrobadoresco, escribía en galego. Ademais disto, o poema era unha cantiga de amigo onde a voz principal é a dunha muller namorada, polo que desta maneira lle puidemos poñer voz á protagonista do disco, Sabel».

 

 

 

 

 

 

Rodrigo Rodríguez

Luns, 5 de outubro

«NA VIDA COTIÁ ESQUECÉMONOS DA NOSA RESPIRACIÓN, O SHAKUHACHI REPRESENTA EXACTAMENTE ESTE PROCESO BIOLÓXICO»

Tradicionalmente, o shakuhachi era tocado polos komuso, monxes mendicantes pertencentes ao budismo zen. Poderías contarnos sobre o seu papel e o significado que tiña para eles?

Rodrigo: «Os monxes komuso foron unha rama do budismo zen que introduciron na súa práctica budista a innovadora técnica do soprar zen; no zen tradicional normalmente úsase o zazen, que é a coñecida meditación sentada.

Os komuso escolleron a interpretación duns sons e obras musicais chamada honkykoku (pezas orixinais) que foron a columna vertebral dos seus conceptos budistas; eles crían que tocando o shakuhachi un podía autorrealizarse e acadar a iluminación. O concepto de ichi on jo butsu, o logro da iluminación a través dunha soa nota, converteuse nun aspecto importante nos estudos dos monxes komuso, tal como se desenvolveu en períodos posteriores».

 

 

 

 

 

 

Pakolas

Luns, 12 de outubro

«A MÚSICA INFANTIL DÉBESE FACER COMO PARA PERSOAS ADULTAS, SEN NINGÚN TIPO DE CONDESCENDENCIA» 

Neste sentido, como cres que inflúe a música infantil en galego na creación de futuros consumidores de contidos na nosa lingua?

Pakolas: «A música como vehículo da linguaxe é fundamental, fai que os nenos e as nenas sintan a nosa cultura e lingua como algo habitual e, en moitos casos, como un sinal de identidade. Eu creo que facilita bastante que despois se aprecie nunha idade adulta as creacións feitas en Galicia sen andar con comparación absurdas, a música é música e a cultura é cultura».

 

 

 

 

 

 

Martín Maez

Luns, 19 de outubro

«QUERO APOSTAR POLA MÚSICA EN GALEGO E TRABALLAR NA MIÑA TERRA»

Despois daquel single de Nadal “Contigo Volvo Brillar”, Hábitat é o teu primeiro traballo integramente en galego, por que o cambio de idioma?

Martín: «Quero apostar pola música en galego e traballar na miña terra; o meu corazón sabía que este novo disco tiña que ser en galego. Desde que volvín a casa, á miña terra, ao meu “hábitat”, deime conta do maltratado que está o noso idioma.

Na promoción de Secretos Perdidos estiven en Barcelona e coincidín con grupos da cidade que promocionaban os seus traballos en catalán, sen prexuízos e sen medo por usar a súa lingua. Alí o pop e o pop-rock en catalán están moi ben valorados, os grupos son respectados e fanse traballos de calidade. Dáme moita envexa como saben valorar a música no seu idioma».

 

 

 

 

 

 

Mosquera Celtic Band

Luns, 26 de outubro

«AS MÚSICAS TRADICIONAIS BASÉANSE, A MAIORÍA DAS VECES, EN RITMOS SIMILARES» 

Descubrimos que un dos teus devanceiros, Antonio Mosquera, foi invitado a tocar para o Presidente Nixon nun concerto de música tradicional galega. Quen era Antonio Mosquera e como chegou a haber un concerto de música tradicional galega na Casa Branca?

Fernando: «Antonio Mosquera foi un visionario. Emigrou a Nova York e recalou no Centro Galego de Nova York, con quen eu tamén manteño unha relación cordial —mesmo coñecín e falei cunha das bailarinas que acompañaron a Antonio recentemente chegado á EE.UU.!—. Deseguido fundou o seu propio grupo, Antonio Mosquera e O Seu Grupo Típico, con quen gravou dous álbums, Fiesta Gallega e Parranda Gallega (vese que era moi trouleiro... [risos]). Estes traballos están dixitalizados grazas á Deputación de Pontevedra, se non recordo mal.

Non había festa en Nova York á que Antonio non fose convidado a tocar, sobre todo en St. Patrick's Day, tan importante para os estadounidenses con orixes irlandesas. Por iso é polo que fose convidado a tocar co seu grupo na Casa Branca para o Presidente Nixon.

Cando regresou a Galicia, antes de falecer dun cancro de gorxa, chegou a tocar mesmo con Luar na Lubre nalgunha ocasión. Hai diferentes persoas, grandes artistas e amigos persoais, que levan desde hai anos investigando a traxectoria deste músico tradicional; eles poden dar, mesmo, máis datos que eu mesmo. Sen dúbida, unha vida sorprendente a de Antonio Mosquera :)».

 

 

 

 

 

 

Rumia

Luns, 2 de novembro

«DESCUBRÍN QUE A ELECTRÓNICA É MOITO MÁIS QUE TECHNO OU DANCE»

Resides en Berlín, cidade aberta célebre pola súa vangarda e ampla oferta cultural. Por que Berlín?

Rumia: «Precisamente por toda a oferta e paixón pola música que hai aquí. Visitei Berlín un par de anos antes de mudarme, e cando decidín que a música sería a miña cousa e quería estudala, pensei que o mellor sería tratar de estar no lugar que mellor me puidese representar, a min e ao que fago. Facer música en inglés tamén é un dos grandes motivos para vir aquí».

 

 

 

 

 

 

Moura

Luns, 9 de novembro

«ADENTRARNOS EN TERRITORIOS ATA AGORA DESCOÑECIDOS PARA NÓS RESULTA MOTIVADOR»

Parte desas colabos aportan instrumentos máis trad, como as tarrañolas, o pandeiro, a pandeireta ou a zanfona. De que xeito encaixades esas sonoridades con guitarras, sintes, baixo, Hammond ou batería?

Hugo: «Pois para ser o noso primeiro achegamento a instrumentos tradicionais… improvisamos bastante no estudio. Nas seguintes gravacións parece que van ter máis protagonismo, porque xa vimos ensaiando máis coa Irmandade, e facendo os poucos concertos que podemos por toda esta situación na que estamos.

Diego: «Tanto no disco como nos arranxos que agora incorporamos nos directos resulta moi doado entenderse cos músicos amigos cos que contamos. Hai moito intercambio de ideas para os polirritmos, harmonías, etc.».

 

 

 

 

 

 

Sangre de Muérdago

Luns, 16 de novembro

«A INFLUENCIA GALEGA OCUPA A QUE MÁIS Á HORA DE XESTAR UNHA CANCIÓN»

A terceira pista é “Unha das peores cousas que escoitei no 2019 foi ‘Pedir perdón é un acto de debilidade’”… e, coa retranca propia da terra, dedícaslle unha canción precisamente á frase, con que obxectivo?

Pablo: «O título desta canción xurdiu dunha situación real en 2019 cando escoitei a alguén dicir esa frase ao seu amigo que acababa de desculparse diante de alguén por calquera cousa, e inevitablemente tivemos unha conversa sobre o que realmente significa. Deume que pensar nas vindeiras semanas e rematou como título da canción que estaba eu a escribir nese momento».

 

 

 

 

 

 

Susana Seivane

Luns, 23 de novembro

«"DENDE O MEU BALCÓN" É UNHA VIAXE Á MIÑA INFANCIA, Á BANDA SONORA DA MIÑA VIDA»

O que comezou como un pasatempo, converteuse nunha tradición non só para os teus veciños, senón para o resto de seguidores das túas redes sociais. E para ti, que significaba ese ratiño, tan preto e tan lonxe do teu público á vez?

Susana: «Eu durante o confinamento non traballei tanto na miña vida, sen cobrar un duro, claro, como todos. Levantábame pola mañá, duchábame, vestíame, peiteábame, maquillábame e me fartaba de facer durante todo o día, o que fai unha nai: estar cos seus fillos, facer os deberes, lavadoras, prancha, comidas, merendas, duchas, ceas, etc, etc, etc. E como artista, entrevistas, Skypes, videoclips, actuacións solidarias que me pedían, contido nas miñas redes, eu soa ou en familia da nosa vida cotiá ou profesional, a saída ao balcón todos os días durante 55 xornadas consecutivas… foi realmente agotador pero necesario facelo, porque sabía que estaba axudando a moita xente que o necesitaba, e sentía ese compromiso. Moita xente esperaba a que chegaran as 20 h para conectarse e que lles chegase algo da súa terra, iso alimentáballes a alma de cousas bonitas; era como auga de maio para eles.

As redes revolucionáronse cos vídeos do balcón, algúns teñen máis de 600.000 reproducións e máis de 5.000 partilladas. Colapsábanseme as redes, centos de mensaxes privadas e públicas de agradecemento, de morriña, de sentimento, centos de historias moi tristes e outras moi bonitas. Caía dentro da naturalidade que estas mensaxes foran de xente galega espallada polo mundo, como así foi tamén, pero o feedback foi impresionante desde moitos puntos do planeta; xente que non tiña nada que ver con Galicia e que estaba profundamente emocionada polo que estabamos a facer cada día, e polo son da gaita, que lles remexía por dentro dunha maneira que non lograban entender moi ben, pero que os conectou coa nosa música tradicional como se de un frechazo amoroso se tratase».

 

 

 

 

 

 

Devalo

Luns, 30 de novembro

«DEVALO É UNHA VOLTA AO POP E ÁS MIÑAS INFLUENCIAS DE SEMPRE»

Seica ‘Vacacións en Galifornia’ é unha oda á morriña, nunha escala de chuvia galesa a agosto asollado no pobo dos teus avós, canto botas de menos Galifornia?

David: «Cando comecei a compoñer esta canción veume á cabeza California, non sei por que. Se cadra porque escoito Beach House a miúdo e teñen un tema chamado “Drunk in L.A.”, que non se parece nada ao meu. Non sei. O caso é que a letra a escribín durante unha vaga de calor en Gales, algo bastante raro. E volveu a imaxe de California, xunto coa morriña por non poder ir a Galicia no verán pola COVID, algo que para min é como coller aire de novo, sentirme completo outra vez.

Porén, quero insistir en que a canción tamén usa ese clixé que se está volvendo tan manido de “Galifornia” como unha crítica —que me aplico a min mesmo— á idealización das festas e o verán dos retornados. A letra fai referencia a algo que me dixo unha amiga un verán cando dixen que en Galicia se estaba mellor que en ningures, e ela díxome que eu só pasaba por alá no verán e nas festas, pero as que quedaban todo o ano tiñan que facer fronte á precariedade, á falta de oportunidades, etc.; por iso a letra di que “non é certo todo, non”».

 

 

 

 

 

 

Luis Moro 

Luns, 7 de decembro

«PARA “NORTEAMERICANA AQUÍ” ELIXÍN DEZ CANCIÓNS QUE SENTÍA COMO SE FOSEN MIÑAS, QUE DALGÚN MODO SOASEN A LUIS MORO»

O álbum foi gravado entre os teus dous «aquís», entre o Norte (A Coruña) e o Sur (Xerez da Fronteira). Durante o proceso de gravación, aplicaches iso de ‘un pouco de Sur para non perder o Norte’?

Luis: «Supoño que si! Levo moito tempo arroupado por Jose García na batería, que foi quen produciu o disco, e por Andrés Saavedra no baixo; coñécenme, son o meu temón norteño. Gravar por primeira vez con músicos e amigos andaluces foi como mergullarse en terreos descoñecidos, é a maneira de dar renda solta a aquela necesidade de adentrarme nun proceso creativo novidoso, tal e como dicía antes. Pero a idea veume á cabeza de xeito natural: levo anos vivindo entre Galicia e Andalucía, e estou adaptando cancións norteamericanas desde aquí… e, nestes momentos, estes son os meus dous “aquís”».

 

 

 

 

 

 

BABYKATZE

Luns, 14 de decembro

«TODA A MIÑA INSPIRACIÓN NACE DA DOR DA PROPIA EXPERIENCIA VITAL»

O pasado mes de outubro actuaches na Sala BBK (Bilbao) como parte da representación galega do BIME CITY de BIME PRO. Como foi a experiencia?

BABYKATZE: «Foi agridoce, supoño que como toda a cultura nestes tempos de pandemia. Mestúrase a emoción e a ilusión de tocar nun evento e unha sala tan espectacular, coa realidade de que están todos sentados e que hai que manter as medidas de seguridade que, aínda que moi necesarias, son basicamente medidas de distanciamento…e a música para min é achegarse. Aínda así, foi marabilloso porque ademais foi a miña primeira vez en Euskadi, e coñecer un país por primeira vez para tocar é unha das mellores formas de facelo».

 


 

 

 

Quilma

Luns, 21 de decembro

«NON PODEMOS MÁIS QUE DAR AS GRAZAS POLA TREMENDA ACOLLIDA DE ‘PUNTO DE PARTIDA’»

Lemos que «todos os camiños levan a Quilma», pero que camiños segue Quilma á hora de compoñer? Que, ou quen, vos inspira? Como bos “progresivos” todo o desenvolvemento instrumental é complexo e moi coidado; en canto as letras, de que temas vos gusta falar?

Xose: «O tema instrumental sempre é complexo. Partimos dunha idea dun riff e despois ímola desenvolvendo aos poucos, dándolle voltas ata empacala nun estilo que nos sintamos cómodos.

En canto as letras, hai de todo, desde as máis persoais, que pode explicar Quique, ata a reivindicación do movemento ecolóxico e de sustentabilidade ambiental, como pode ser “Nada”. Tamén hai letras que poden ser ambiguas e cada un pode darlle o seu propio significado».

Quique: «Cando cheguei á banda estaban a maioría das letras feitas, nalgunhas fixen pequenas modificacións, e outras escribinas completas… as menos realmente e, como case todo o que se fai en Quilma, pasando polo filtro do resto da banda. Son bastante raro á hora de escribir, e hai quen pensa que son demasiado literal, e quen pensa que son demasiado etéreo; terei que buscar un termo medio.

No que se refire á temática, non son unha persoa de escribirlle ao amor ou ao desamor, politizar as letras ou facer reivindicacións; pode que escriba sobre todos eles ou sobre ningún deses temas. Gosto de escribir de calquera cousa, que pode ser desde algo tan trivial coma unha partida de cartas ou pasar a algo tan transcendental como a morte dun amigo, como queda plasmado en “(Des)conexións”, pero sempre sen censurarme na temática».


 

  noticias