VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE DECEMBRO
Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
Fábrica de Luz - A banda da Loba
Musicalmente, Fábrica de Luz (Seispés Producións Creativas, 2020) é moi distinto ao seu predecesor, moi ecléctico, con melodías propias do reggae & ska ou de bolero, mesmo «un cuarteto de corda que parece a banda sonora dunha peli»; e o videoclip que, daquela, serviu de adianto, mantén ese mesmo eclecticismo e factor sorpresa. Realizado por Seispés coa colaboración de Odaiko Krea, o vídeo presenta a actuación máis lumínica da banda que, entre un xogo de luces, lentellolas e mesmo pintura capaz de brillar na escuridade, celebran canta á creación e á liberdade, entre outras cousas!
When Under Ether - Nico Casal
Hai máis dunha década que a artista folk-rock británica PJ Harvey publicaba ‘When Under Ether’, single incluído no seu sétimo álbum de estudio White Chalk (Island Records, 2007).Nico Casal recuperábaa hai dous para unha versión a piano que estreaba Radio 3 a finais de decembro de 2018. No clip, gravado en Holywell Music Room (Oxford) con Siobhan Cox e Matt Stacey detrás das cámaras baixo os mandos de Kit Monteith, Nico mantén un apaixonante encontro co seu Steinway & Sons; un diálogo íntimo e elegante entre artista e instrumento que nos afonda, como evoca a letra da canción orixinal, nun soño disolto polos efectos dunha intoxicación por éter etílico.
Nunca lo veremos - La Casa de los Ingleses
A banda de pop pontevedresa lanzaba o vídeo de ‘Nunca lo veremos’ como single-clip adianto do seu último disco, La Tierra es Plana (2018). Durante os case catro minutos do vídeo animado, acompañamos as caricaturas dos músicos, ilustradas por Ana Seoane ás que Jose Aragunde deu vida, nunha viaxe espacial, por un mundo que non sabemos si é chan ou redondo, no que soñan a súa realidade e voan tan alto como a lúa.
Gris - Basanta
Basanta presenta outra das súas solemnes cerimonias nun videoclip de case 4 minutos de duración no que a tradición e folclore galegos son protagonistas. Dirixido por Xaime Miranda, ‘Gris’ descóbrenos o mundo máxico do Entroido de Ribeirao, unha tradición prohibida durante a Guerra Civil que a Galicia rural decidiu recuperar nas últimas décadas. Personaxes características, volantes e maragatos, bailan ao son da psicodelia do cuarteto vigués en espazos impecablemente elixidos da Mariña lucense, como a fervenza de Santo Estevo do Ermo (Barreiros), as rúas de Mondoñedo ou a costa de Ribadeo, que fan de escenarios naturais nesta viaxe «pola terra das meigas e da Santa Compaña». No XVI Festival de Cans, ‘Gris’ recibiu unha Mención Especial do xurado «pola súa pulcritude e calidade técnica e por levar o xénero do videoclip ao cinematográfico».
Afouteza - RUXE RUXE
«Afouteza [subs.]: Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades. Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme». Baixo este concepto tan galego, RUXE RUXE pon a música desde un garaxe que evoca ao seu clásico espírito combativo, mentres que Pauliña se prepara para saír, rir e pasear polas rúas de Santiago de Compostela coa banda de fondo. A peza audiovisual é obra de Galunk Producións e está dirixida e editada polo realizador Alberto Lora.