NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2020
Cantos de terra e sal - Carmen Penim
Hai tres anos que debutaba en solitario con Herdeiras (2017), un traballo no que chegou a coordinar a máis de 25 persoas, entre músicas, ensaístas, poetas… Carmen Penim lanza agora Cantos de terra e sal (2020), un álbum que rende homenaxe á maís profunda tradición galega. Composto por unha decena de pezas, Cantos de terra e sal é unha volta ás súas orixes, a aquela lembranza musical dos vellos romances que escoitaba durante a súa infancia no pobo; versións persoais destas cancións antigas, de diversos cancioneiros, ademais dalgún que outro tema máis coñecido, fan deste un disco baseado no tradicional, pero co eclecticismo por bandeira.
Frear o momento - ITH
«Son oito historias que collen nun andel, e que ben merecen ser contadas e, sobre todo, escoitadas!»; deste xeito adiantaba ITH o seu novo traballo discográfico, Frear o momento (2020). Á venda e dispoñible nas principais plataformas dixitais desde mediados de decembro, o LP reflicte a creatividade que a banda desenvolveu estes últimos dous anos, pero manteñen esa mestura en apoteose de heavy, rock e pop. Gravado en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), Frear o momento segue a apostar polo rock galego en galego desde “Aloumiños que festexan”, tema que abre o disco inspirado na enerxía que quitan ou achegan os nenos aos adultos, ata pechalo con “O destino”, peza que canta ao futuro non escrito, á necesidade de avanzar, abrir novos camiños e atopar, nalgún deles, «o noso sitio».
A súa posta de longo foi a pílula fuzz punk que necesitabamos para rematar o ano cunha boa escoita garage; Cloaca despedía 2020 co lanzamento de Vertido Tóxico (2020), o seu primeiro LP. Gravado en La Cortina Roja (A Coruña) por Gabriel Suárez y Fernando Mejuto, o álbum é unha colección de enérxicos, inquietantes e melódicos temas que sucumbirán ao oínte desde a primeira nota; dez cortes primitivos, crús «como a realidade que nos tocou vivir neste pandémico ano». Garage punk, fantasía lírica, riffs furiosos e ritmos maníacos caracterizan a vertedura sonora deste dúo coruñés a través de composicións que amosan a perfección da súa fórmula, escura e incisiva, con diabólica mestría.
Durante o verán comezou a cruzar eses límites disciplinarios sobre os que gravita, mesmo os presentou no Festival Cans e no BIME PRO, pero non foi ata principios do pasado mes cando BABYKATZE os terminaba de descubrir en BLUT (2020), o seu novo traballo discográfico. Composto por catro cortes, o EP ofrece unha mestura hipnótica de esencia orgánica e vontade narrativa en cada un dos temas, que se converte nun carácter particular cunha misión espiritual; BLUT disente dunha única verdade, achegándonos ao mapa da consciencia á vez que aos enredos da música e a psicomaxia. Un electrónico convite a un universo onírico, onde gatos e sintes acompañan a BABYKATZE nesta viaxe de impulsos telúricos e transformación personal a ritmo de hyper pop.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.