• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

IAGO BANET: «NUNCA ME CENTRO NUN SÓ ESTILO, GÚSTAME A MESTURA, PODER EXPRESAR IDEAS DE XEITOS DIFERENTES»

IAGO BANET: «NUNCA ME CENTRO NUN SÓ ESTILO, GÚSTAME A MESTURA, PODER EXPRESAR IDEAS DE XEITOS DIFERENTES»
11 XANEIRO 2021

Apaixonado e autodidacta, Iago Banet chegou ás cordas dunha guitarra de casualidade; esa casualidade dividiuse en curiosidade e ambición a partes iguais e, desde aquela, o instrumento converteuse nunha extensión máis do seu corpo. De Compostela a Londres, con Berlín entre cordas, Banet é agora un consagrado guitarrista que desenvolve a súa carreira coa banda que el mesmo formou, ColorColour, e como solista fingerstyle.

Un ano despois do seu debut discográfico, Iago Banet despedía 2020 co lanzamento do seu segundo LP, Iago Banet (2020), un traballo que nos regala sete pezas orixinais e dúas versións en 30 minutos de impecable mestría á guitarra.

 

 

Descubrimos que, aos dezasete anos, atopaches unha guitarra clásica na casa e os teus dedos xa non volveron soltar as cordas. Como lembras eses primeiros pasos, probablemente torpes, desde a óptica de alguén que se converteu nun virtuoso?

Iago Banet: «Lembro sobre todo moitas ganas de aprender e moitas broncas do meu pai por espertalo da sesta. Fun autodidacta por moitos anos, polo que a única forma que tiña de aprender era tentando tocar as cancións das bandas que me gustaban; por aquel entón era moi fan —e sigo a selo— de Guns N’ Roses, Queen, Hendrix, Metallica, Soundgarden, Nirvana, etc.

Aquel ano, por Reis, o meu padriño regaloume unha guitarra eléctrica e un pequeno amplificador, que aínda conservo; a combinación dun adolescente, unha guitarra eléctrica e moitas ganas de rockear arruinaron moitas sestas do meu pai».

 

Tocas diferentes tipos de guitarra (acústica, eléctrica, clásica…), con cal dirías que te sentes máis cómodo? Que inflúe á hora de escoller un tipo sobre outro? E esa escolla á hora de transmitir a túa mensaxe, musicalmente falando? En canto á técnica, atopas moitas diferencias entre elas?

Iago: «Durante case toda a miña carreira sempre me sentín moito máis cómodo coa eléctrica, basicamente porque toda a música que facía estaba máis orientada a ese tipo de guitarra. Con todo, desde hai uns cantos anos, xa a acústica comezou a cobrar moita forza empurrada polo meu interese no fingerstyle; é un estilo que se pode tocar con moitos tipos de guitarra —Chet Atkins, por exemplo, tocábao principalmente con eléctrica, ou Jerry Reed con guitarra con cordas de nailon— pero sempre me gustou moito o son na guitarra acústica.

Que guitarra tocar en cada momento depende moito do tipo de canción que vaia a tocar, se toco coa banda ou eu só. Obviamente hai cancións que se poden tocar indistintamente con eléctrica ou acústica, pero depende da intención que lle queiras imprimir. “Hey Hey, My My” de Neil Young ou “Laila” de Eric Clapton son bos exemplos do que estou a falar; as versións eléctricas ou acústicas son dous mundos moi distintos a pesar de ser as mesmas cancións.

En canto á técnica, non varío moito entre eléctrica e acústica. Igual as principais diferencias serían que rara vez toco a eléctrica con puga de polgar, mentres que na acústica a uso constantemente; e que en eléctrica fago moitos máis bendings, en acústica tamén os fago, pero é máis duro».

 

 

Hai anos que vives en Londres, que procurabas coa mudanza? Por que esta cidade en concreto? Á hora de compoñer, de que xeito che afectou o cambio de contorna? E entrar en contacto coa escena londinense?

Iago: «Procuraba novas experiencias, novas formas de ver a vida, novas culturas. Quería chegar o máis lonxe que puidese na miña carreira musical, algo que sigo a intentar. Quedando na casa podería ir tirando pero quería máis, ou polo menos intentalo! É mellor intentar e fracasar que non facer nada; en ocasións é duro, estás lonxe da túa familia, amigos, etc., pero paga a pena.

Londres non foi o meu primeiro destino; primeiro fun a Berlín por ser unha das capitais culturais do mundo e porque a idea de estar nunha cidade desde a que podería viaxar a case toda Europa en tren nunhas horas resultoume sempre moi atractiva. Por distintas razóns a idea non funcionou, así que o meu seguinte destino claro foi Londres. A tradición musical inglesa é indiscutible e moitas das miñas bandas favoritas foron inglesas, así que era un destino lóxico. O primeiro que notei é a percepción que como sociedade teñen da música; é parte da súa cultura e danlle moita importancia. A música ao vivo forma parte do seu día a día, é raro encontrar pubs que non teñan música ao vivo, algo que me deu moita envexa cando cheguei.

En España, e en Galicia en concreto, temos unha calidade de músicos fóra de serie pero en demasiadas ocasións son infravalorados e os locais que apostan pola música ao vivo son case perseguidos; boto en falta ese apoio por parte da sociedade. Cúlpase ás Administracións, e é certo que poñen moitas trabas, pero se o conxunto da sociedade apoiase máis a música ao vivo, as Administracións reaccionarían a esa realidade; é o que pasa en Inglaterra, a música ao vivo está por todos lados.

En Galicia temos a moitos dos mellores músicos que atopei na miña vida, iso é un luxo do que nos temos que sentir orgullosos, un tesouro que deberiamos coidar e apoiar máis».

 

 

Na capital inglesa formas parte de varios grupos, ata fundar o teu propio, ColorColour, e anos despois, arríscaste en solitario. Que che empurrou a tomar esta decisión? Como cambia Iago de tocar en grupo a tocar en solitario?

Iago: «O que me empurrou foi basicamente as ganas de explorar distintos territorios musicais; ao final, cando estás nunha banda tes que seguir máis ou menos unha dirección. Con ColorColour son bastante afortunado porque todos temos bagaxes moi distintas e somos todos moi abertos estilisticamente e gústanos explorar pero, aínda así, ter un proxecto en solitario lévame a terreos que non podería facer coa banda e viceversa; gústame a idea de poder diversificar.

Tocar en grupo ou tocar só son dous mundos totalmente distintos. Coa banda teño as costas cubertas, todos eles son músicos incribles e teño total confianza en eles no escenario. Se cometo un erro podo estar tranquilo, porque a banda está aí para responder, interactuamos moito entre nós, gústanos improvisar e comunicarnos no escenario; iso fai os directos moito máis divertidos para nós e tamén para o público. Non facemos dous concertos iguais!

En solitario o conto cambia radicalmente. A parte da improvisación e a da que dous concertos non son iguais permanece. O que realmente cambia é non sentirme arroupado pola banda. Atoparse só no escenario cunha guitarra acústica e non cantar é un xogo moi distinto; cada mínimo erro magnifícase, se perdes o tempo é un desastre, unha nota equivocada séntese como un terremoto. Nos primeiros concertos que fixen só lembro que estaba nervioso, como se fose a primeira vez que subía a un escenario; unha vez superada esa fase agora pásoo tan ben tocando só como coa banda.

Son universos moi distintos, pero xa non podo pasar sen ningún deles, agora do que se trata para min é de pasalo ben; se ti o pasas ben o público pásao ben tamén, e iso é o que é importante para min».

 

 

 

Como Iago Banet, solista, decántaste polo fingerstyle, unha técnica que, segundo lemos, «descompón os acordes» e é propia do blues e folk do Old South estadounidense. Poderías falarnos máis sobre ela?

Iago: «Basicamente o fingerstyle é ser un home orquestra. Trátase de tocar baixos, acordes e melodías ao mesmo tempo, creando a sensación de que en ocasións hai máis dunha persoa tocando. Pódese facer de moitas maneiras, eu normalmente uso unha puga de polgar, pero en ocasións toco cunha puga normal e, ás veces, sen puga en absoluto; depende da intención que teña en cada tema. Hai xente que fai tapping ou percusións coa guitarra. Esa é unha tendencia bastante de moda agora mesmo, pero no é o meu, a verdade.

Pero isto non é máis que o aspecto técnico do estilo. O que de verdade importa é que o que realmente me fascinou do estilo, mesmo antes de tocalo, foi a posibilidade de interpretar música nunha guitarra como se fose un piano; é dicir, ser autosuficiente. Eu non canto, gustaríame, pero teño que asumir que non nacín con ese don, polo que sempre tiven que depender de outros músicos para poder levar a cabo proxectos. Non me malinterpretedes: adoro tocar con outros músicos, encántame intercambiar ideas e aprender doutra xente... pero en ocasións é moi difícil coordinar a varias persoas.

Desenvolver un estilo que me permita compoñer e dar concertos só xurdiu de xeito natural. Ademais dáme a versatilidade de poder viaxar e tocar alí a onde vaia, pero cando quero rockear teño ColorColour para poñer o amplificador no 11».

 

Entre as túas influencias atópanse Merle Travis, Chet Atkins ou Tommy Emmanuel, e na túa inspiración? Que, ou quen, inspira as túas composicións?

Iago: «Non hai un que ou quen; hai momentos, lugares, estados de ánimo, melodías, sons, persoas, ideas… trato de estar receptivo a todo o que me poida inspirar; hai cancións que nacen case na súa totalidade nun intre, inspiradas por ese momento concreto. Outras son o froito dunha pequena idea que nos días seguintes, ás veces semanas, ou mesmo meses, van tomando forma. Algo bo que temos hoxe en día son os nosos móbiles, xa que son pequenas gravadoras portátiles. Cada vez que se me ocorre unha idea o primeiro que fago é gravala co móbil para que non se me esqueza; algunhas desas ideas tornan en cancións, outras acaban na papeleira».

 

 

Por algúns títulos das cancións do teu repertorio, —“Orballo”, “Anacos”— notamos certa morriña… Nunha escala de babuxa (chuvia feble) a dioivo (chuvia forte), que tanto botas de menos a túa terra?

Iago: «A terra sempre se bota de menos, sempre teño gañas de volver a casa. O que sucede é que cando levo un tempo en casa, ese formigo de viaxar e descubrir e seguir aprendendo e descubrir novas culturas, coñecer nova xente… comeza a xurdir outra vez. Digamos que teño a típica chuvia compostelá de cando era neno, hoxe xa non é o mesmo!, non é forte pero é constante».

 

O pasado mes de novembro lanzabas Iago Banet (2020), o teu segundo disco en solitario e primeiro (agardamos que derradeiro!) «en pandemia»… De que xeito influíu a situación apocalíptica do 2020, en canto a produción e promoción?

Iago: «Supoño que todo ten sempre dúas lecturas, ou máis! Non poder saír da casa deume tempo para poder practicar máis e compoñer, arranxar, etc., desde ese punto de vista tivo un efecto positivo. Para o tema da promoción, con todo, foi todo o contrario, xa que para min non hai mellor promoción que poder tocar ao vivo. Tiven as miñas dúbidas sobre se gravar o disco en 2020 ou non, ou esperar e publicalo en 2021, pero ao final sentín a necesidade de facer algo bo e rematar o ano con algo produtivo. 

O gracioso do asunto é que, en realidade, en verán chamei a Manu Conde, de Milladoiro, para ir a gravar na súa casa a “Muiñeira de Chantada”; esa era a miña única intención! Foi todo tan rápido e sentinme tan a gusto gravando con Manu que rematei gravando un disco.

Cun pouco de sorte este ano poderei dedicarme a presentalo ao vivo e, quen sabe, quizais gravar o seguinte; durante o confinamento escribín xa a metade do seguinte disco…».

 

O LP é unha colección de nove pezas, sete orixinais e dúas versións, centrándonos nas túas composicións propias, como foi o proceso creativo?

Iago: «Cada canción é diferente, non todas evolucionan do mesmo xeito. Ás veces é unha secuencia de acordes que me gusta, ás veces comezo a improvisar e atopo un groove que me gusta, ás veces é unha melodía… Polo xeral, cando me atopo cunha idea que me gusta o primeiro que fago é gravala co teléfono para que non se me esqueza e, normalmente, os días seguintes traballo nela, aínda que en ocasións as deixo repousar durante un tempo e as retomo máis adiante, cunha perspectiva distinta.

Non sempre pasa, pero hai veces nas que case que a canción completa nace nun intre, soamente tes que escoitala e tentar de reproducila coa guitarra. Isto sucedeume con “Morning at Greenwich Park”; a primeira semana que nos desconfinaron en primavera; a miña moza e máis eu adoitabamos ir ao parque de Greenwich, en Londres, xa que facía moi bo tempo. Eu levaba a miña guitarra comigo e alí, sentado á sombra dunha árbore, comecei a xogar cos acordes iniciais da canción. Case enseguida a melodía comezou a soar na miña cabeza, só tiña que tocala e atopar os acordes para vestila. A canción quedou case rematada nesa mesma mañá, de aí o título!».

 

 

Iago Banet son case 30 minutos de fingerstyle e mesmo tapping, usando a caixa de resonancia como instrumento de percusión. Como o describirías ti, musical e tecnicamente?

Iago: «O primeiro, gustaríame precisar que eu non fago tapping. Entendo que se presta a confusión porque fago unha técnica de harmónicos en cascada que, visualmente, pode facer pensar no tapping. Hai intérpretes de fingerstyle que fan tapping, pero non é o meu.

Musicalmente, o que fago é bastante variado, a verdade. Nunca fun amigo dos purismos, polo que nunca me centro nun só estilo; gústame a mestura, gústame poder expresar ideas de xeitos diferentes. Máis ou menos isto xa sucedía nos meus discos con bandas, pero en solitario supoño que se fai moito más evidente, xa que hai un pouco de todo. O que me interesan son as cancións, non os estilos ou ter que ir nunha ou outra dirección porque iso é “o que ten que ser”.

As cuestións técnicas para min son unha ferramenta, non un fin; a técnica outorga maior versatilidade á hora de expresar ideas. Cando teño unha idea na cabeza, busco a maneira de poder sacala e, en ocasións, teño que explorar técnicas ou conceptos que descoñezo. Iso motívame porque me axuda a medrar, pero a técnica porque si, sen un fin, non é máis que malabarismos para o circo, non teño ningún interese niso.

A técnica básica do fingerstyle, explicada moi brevemente, consiste en que o polgar da man dereita tense que facer cargo do acompañamento, baixo e mesmo acordes, mentres que o resto dos dedos tocan as melodías. É basicamente o que fan as dúas mans nun piano, mentres a esquerda toca o acompañamento, a dereita faise cargo das melodías; o concepto é o mesmo».

 

No teu estilo conflúe nunha impecable mestura de gypsy jazz, blues rock, country, Dixieland swing, Tex-Mex, pop e folk, e es ti só coa guitarra. Por que non rodearse dunha banda como si fixeras nalgúns temas do teu primeiro traballo, A Sunset Wine?

Iago: «As razóns son varias, a primeira é que non meu primeiro disco en solitario non tiña igual a suficiente confianza para aventurarme a facer un disco instrumental totalmente só; era unha nova aventura para min, así que pensei que o razoable sería facer a metade con baixo e batería, mesmo algunha guitarra eléctrica, e a outra metade explorar a idea de tocar totalmente só.

Para este segundo disco xa tiña bastante máis confianza en min mesmo para tocar só; a promoción do primeiro disco fíxena sempre só, así que a experiencia de enfrontarme ao directo deume maior confianza. 

Por outra parte, este segundo disco fíxeno en 2020, cando quedar con outros músicos era cousa case que imposible, así que supoño que o de facelo totalmente só é un reflexo diso, pero tamén me gusta a idea de presentarme “espido”; o disco son eu e nada máis que eu. Non hai unha superprodución detrás, non hai centos de pistas ou ningures onde agocharse. É honesto. Ao vivo non uso loops ou bases pregravadas, así que non o fixen tampouco no disco; só hai un tema, “Octopus One”, no que gravei unha pista extra cun solo de guitarra, o resto do disco non é máis que unha guitarra.

Quen sabe, no seguinte disco quizais explore outra vez engadir máis instrumentos, dependerá do que as cancións me pidan».

 

 

A primeira das versións que escoitamos é a da Muiñeira de Chantada, que debe ser unha das pezas populares galegas máis versionadas… ata lle fixemos unha listaxe cunha boa mostra delas! Cal foi a túa razón para escollela? Como conseguiches transformala ata facela soar tan túa?

Iago: «O tema da Muiñeira responde a un desexo que tiña de facer unha homenaxe á música galega e, ao mesmo tempo, axudar un pouco a exportala. Pensei en diferentes temas para arranxar, pero precisaba atopar un que fose un reto para min e que ao mesmo tempo amosara a música galega fóra das nosas fronteiras. Obviamente hai multitude de temas que poderían cumprir estas dúas premisas e daría para un longo debate, pero o feito de que sexa un tema tan versionado preséntame o reto de tratar de facelo meu; ao mesmo tempo, que sexa un tema tan versionado o fai un dos temas máis representativos da nosa cultura… máis ou menos esas foron as razóns de por qué a Muiñeira. Obviamente, como dixen, estas razóns darían para un longo debate!

O que tiña claro desde o principio era que non quería facer unha versión sen máis, quería levala o máis que puidese ao meu terreo ata facerme sentir que a escribín eu. Precisaba atopar un arranxo que me resultase interesante como intérprete pero tamén como oínte, e engadir algunha que outra sorpresa. O fundamental era respectar a melodía, ese era o bocexo; probei diferentes ideas e ritmos, algúns máis folk e outros máis afastados ata que dei con esa liña de baixo que camiña cromaticamente, dando unha sensación de movemento achegándonos un pouco ao terreo do jazz. Gustoume o resultado, xa que fai o tema un pouco máis escuro do que é en realidade, e é precisamente por iso polo que decidín facer un contraste coa parte B do tema e crear algo moito más alegre e brillante. O resultado? Do jazz pasamos ao country. Todo isto apóiase co cambio dunha harmonía menor a unha maior e un baixo que agora alterna entre tónica e quinta. Ao final do tema agarda outra sorpresa con ese baixo descendente que nos conduce ao fin.

Curiosamente, o derradeiro que fixen no tema foi a intro. Había que presentar o tema, así que tratei de facelo achegándome o máis posible ao tema orixinal, pero ofrecendo algo novo. Para isto baseeime na intro da versión de Milladoiro; quixen emular o son da gaita coa guitarra, o primeiro foi tratar de copiar o fraseo da gaita, non me refiro só á melodía, senón á forma na que a gaita a interpreta. Iso o fixen tratando de tocar moi ligado e usando trinos e cordas ao aire para acentuar o ligado. Pero seguía faltando unha cousa para sonar a gaita, o fol; a mellor forma que atopei de tratar de emulalo foi mantendo unha nota pedal mentres tocaba a melodía por enriba. Obviamente a segunda metade da intro é libre, anunciando que esta é unha versión moi persoal do tema».

 

 

“Moondance” é a segunda, tamén un clásico, pero de R&B neste caso; por que esta peza de Van Morrison en particular?

Iago: «Neste caso a decisión foi moito máis casual que coa Muiñeira. Durante o primeiro confinamento dediqueime a facer un concerto semanal en Facebook; un dos espectadores que os seguía fielmente escribiume preguntando se podía facer un arranxo instrumental deste tema. Púxenme mans á obra e quedei contento co resultado, polo que decidín incluílo no disco. Téñenme pedido outros temas, pero este gustoume especialmente».

 

 

 

Agora, cos teus dous discos na man, que diferenzas atopas entre os dous?

Iago: «Creo que este segundo disco amosa unha evolución con respecto ao primeiro. Creo que me escoito máis seguro e centrado nas melodías que no primeiro, pero ao mesmo tempo mostro a mesma curiosidade por explorar diferentes estilos. Noto que está gravado con máis calma que o primeiro, e o son da guitarra é moito mellor grazas a Manu Conde».

 

Xa estamos en 2021, pero a volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estás a levar? Que poderemos esperar dun directo de Iago Banet?

Iago: «O de non estar a tocar ao vivo de xeito regular lévoo mal, e non só falo do tema económico, que tamén! O de tocar en directo é algo que preciso tanto case como respirar; gústame interactuar co público, a emoción dos intres previos a comezar a tocar sen saber que vai pasar, dar todo de min no escenario, a adrenalina…

Os meus directos son honestos, son eu, nada máis, procuro mostrarme tal e como son. Pero non vos trabuquedes, son un tipo cunha guitarra acústica, pero este é un concerto de rock. Quero dicir, que non é música de ambiente ou algo calmado; trato de transmitir toda a enerxía que levo dentro e facer ao público pasar un bo rato».

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Iago: «Teño moitos! Galicia é terra de grandes músicos e creo que hai moitísimo talento descoñecido. O meu bo amigo Germán Prieto, paralelamente á súa banda de surf Los Lombardi, está desenvolvendo un proxecto en solitario nun terreo máis indie/pop/rock que promete ser interesante. Na comarca do Salnés tamén temos a Kaleikia e os Wavy Gravies; en Santiago The Last Dance, Lou Reyes, MadMartin, Stormy Trucks... no jazz son moi fan de Marcos Pin ou Sumrrá. Descubrín recentemente a Los Manueles, que me gustaron moito en directo.

Son moitas as bandas que hai en Galicia, algo do que debemos estar orgullosos».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Iago: «Ultimamente estiven a escoitar moito a The Bros, Landreth e Ariel Posen. Pero este ano escoitei moito tamén a Tal Wikenfield ou Molly Tuttle e, por suposto, tamén escoitei o novo disco de Tommy Emmanuel ou de Neil Young».

  noticias