• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SILVIA PENIDE: «PARA MIN, ESTA PROFESIÓN NON É SÓ UN SOLDO, CANTAR É UNHA NECESIDADE»

SILVIA PENIDE: «PARA MIN, ESTA PROFESIÓN NON É SÓ UN SOLDO, CANTAR É UNHA NECESIDADE»
8 MARZO 2021

Desde que comezou a escribir cancións cando era nena ata subirse ao escenario de salas e festivais hai, ademais de vocación, moitísimo traballo, dedicación e aprendizaxe. Cantautora e intérprete, Silvia Penide é coñecida pola súa capacidade para expresar e conectar co público a través de temas de pop contundente, coidado e cheo de matices. 

Guitarra en man, Penide conta, e canta, historias que chegan, tocan e loitan. O seu último traballo, Los días de plomo (El Niño de la Hipoteca Records, 2021), é outro exemplo máis de Silvia a corazón aberto, un EP onde a cantautora coruñesa puxo toda a súa paixón para transmitir a esperanza que tanto escasea —e que tanto se necesita— nestes momentos con seis pezas que lembran o presente, pero non se esquecen do futuro.

 

 

Debutas, discograficamente falando, en 2003, pero xa compoñías desde moito antes… como lembras eses comezos? Que nos podes descubrir da Silvia Penide daquel entón?

Silvia Penide: «Lembro con moito amor aquela etapa na que a inxenuidade aportaba un valor extra. Eran as primeiras veces de moitas cousas na vida e, á par, na música; primeiras cancións, primeiros concertos, primeiras gravacións…

Era unha Silvia que tivo que facerse moi valente en moi pouco tempo e iso é algo que sempre virá comigo».

 

 

Desde sempre, as túas composicións destacan polo seu intimismo e honestidade, os mesmos que fan que o teu público conecte con elas, contigo. Que, ou quen, che inspira á hora de compoñer?

Silvia: «Inspíranme as historias cotiás, os sentimentos inherentes ao ser humano, as miñas vivencias, titulares de prensa… Depende un pouco de si estou centrada ou non nun proxecto porque, ultimamente, os últimos discos viñan marcados por un fío condutor: un que fala da miña relación coa miña carreira, outro que fala dos planetas, outro que fala das despedidas…

Pero, como a vida non é una liña recta, o meu último traballo xurdiu do que sentín no confinamento de marzo a xuño de 2020, cando estalou todo o vórtice da pandemia».

 

 

Deixando a lírica a un lado, baseándonos unicamente na melodía, tes algún referente que che inflúa en particular?

Silvia: «Pois por exemplo Extremoduro está moi presente na parte máis melódica moitas veces, aínda que non se aprecie como tal, aí está moitas veces nos meus traballos con pinceladiñas e como escoito de todo, non teño un referente claro.

Á hora de producir, busco levar moi traballada a idea, que adoita ser a resulta dunha amálgama de cousas que viña escoitando mentres compoñía».

 

"Reventaba" durante moito tempo disque era o tema que máis che pedían nos concertos, segue a ser así? Que significou ese tema na túa carreira?

Silvia: «Segue a haber unha clara predilección por “Reventaba”, mesmo na xente que se suma cos novos traballos. Foi unha das bases sobre a que cimentar, unha canción que me abriu moitas portas e que levo sempre do ganchete, como esas amigas que van sempre contigo na vida».

 

 

Unha das paradas na túa traxectoria levouche ata Cincoparedes, un experimento que naceu como proxecto efémero xunto a outros cinco cantautores coruñeses (Luis Moro, Félix Arias, César de Centi y Nando Deibe) e co que sacastes un álbum, homónimo. Como xurdiu a xuntanza? Que tal a experiencia, cabe a posibilidade de volver a vervos compartindo escenario?

Silvia: «Pois foi xurdindo coma un xogo, probando un pouco a ver que saía e foi fermoso porque aprendemos moitísimo, fixemos concertos preciosos e gravamos o disco que foi un extra engadido co que non contabamos.

A idea era arranxar temas de todos entre todos e saír das nosas zonas de confort como músicos. Eu, por exemplo, atrevinme coa percusión que nunca a tocara moito e agora voume defendendo.

Non temos previsto volver porque non era un proxecto con vistas de continuidade, alén do que fixemos que sumou moitísimo ás nosas carreiras, pero se algo quedou claro en 2020 é que todo é posible e nunca se sabe… :)».

 

Xusto un ano despois desa aventura con selo coruñés, Todo pintado de plata (2016) vía a luz, composto por nove cancións que, dalgún xeito, emparellaches cos nove planetas do sistema solar. Que hai detrás desta relación astronómica-musical?

Silvia: «Foi un dos fíos condutores que me pareceu interesante, ver que quería contarme cada planeta. Foi divertido ver documentais, ler sobre cada un, ver un pouco que saía e deixarme levar.

Ao final, quedou un dos discos cos que máis me identifico da miña carreira».

 

 

Algunhas das túas máis recentes colaboracións (non, aínda non vamos preguntar por *esa*) son xunto a Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos), Ugía Pedreira ou Javier Álvarez. Por que eles e, precisamente, nestas pezas?

Silvia: «Todos son referentes para min, xente á que admiro por como traballan, polo que achegan á sociedade e á música, e o que supuxeron na miña vida persoal e artística :) Cada “SI” que recibín pola súa parte non sei como agradecelo… un agasallo da vida».

 

Lanzabas o teu traballo anterior baixo un curioso título, El Efecto Boomerang (El Niño de la Hipoteca Records, 2019), que expresa a crenza de que toda acción, pensamento ou sentimento que realizamos, vénnos de volta. É esa forma de «karma» o fío condutor do disco? Es moi de fíos condutores nos teus discos, non?

Silvia: «Si, a verdade é que como comentaba antes, os últimos traballos veñen marcados por una liña clara. El Efecto Boomerang é un disco para as despedidas, un disco para acompañar no proceso de dicir adeus cando non queres facelo pero hai que facelo. Cada canción dentro do disco ten un propósito e o título é máis que “karma”, lembranzas, esas lembranzas que van volvendo unha e outra vez que o principio causan dor, pero que co tempo, sacan un fermoso sorriso melancólico».

 

 

Tes publicado con discográfica, pero tamén sen ela, que diferencias atopas entre traballar dun xeito ou doutro?

Silvia: «Eu agradezo moito ter respaldos, poder delegar. Custoume aprender, sobre todo porque viña acostumada a facer eu soa todo, pero agora, desfruto moito das etapas nas que teño un equipo, canto máis amplo mellor, para traballar con máis tranquilidade.

Pero está ben non perder nunca de todo o control do que fas, porque cando toca volver a remar soa, sabes ben que tes que facer, e iso tamén se desfruta!».

 

 

Estás a presentar Los días de plomo (El Niño de la Hipoteca Records, 2021), EP que recolle cinco pezas escritas durante o confinamento. A nivel compositivo, como influíu ese recollemento á hora de compoñer? É dicir, «cantarías» o mesmo se as escribises en época prepandemia?

Silvia: «Influíu moitísimo, a nivel humano está aínda facendo estragos en todo o mundo toda esta situación. Ver na prensa, nos telexornais, na radio, titulares tan diferentes, estraños, evocadores coma “Golfiños en Venecia”, ou escoitar que os sanitarios están bailando nos hospitais de Irán cos EPI postos porque non se lles recoñecía, a min marcoume.

Non tería saído algo como Los días de plomo antes de todo isto. Creo que ninguén é a mesma persoa que era, non digo mellores, digo que saímos diferentes e iso nótase tamén no resultado final das composicións».

 

Tres cancións e dous poemas… como acadas o equilibrio entre música e poesía? Como adoita ser o teu proceso creativo? Primeiro as letras, despois a música, ou viceversa?

Silvia: «É a primeira vez que me atrevo a “soltar” algún poema dos que escribo, nunca o fixera e é un pouco porque precisaba que iso quedara plasmado, algo tan distinto como o propio momento que estamos a vivir.

Normalmente, primeiro teño a idea moi clara do que quero contar e unha melodía; con iso comezo a xogar… e sae a letra».

 

 

Gravado en Drum&Roll Studios (A Coruña), para Los días de plomo repites con David San José, na mestura. Como é traballar xunto a el?

Silvia: «Sempre teño moita sorte co equipo humano nas gravacións. Con David non foi unha excepción e atopeime cun gran músico, produtor e arranxista, ademais dunha persoa marabillosa e moi graciosa, conxeniamos moi ben. Sentinme moi arroupada cando gravei alí e tiven que estar soa en Madrid unha tempada en 2019 con El Efecto Boomerang.

Ese disco quedou practicamente sen xira e sen saír a voar co cal… era un pouco unha necesidade para min retomar desde alí, desde o estudo e desde David, un novo proxecto».

 

De escoitalo na radio do Seat Panda dos teus pais, a telo cantando o teu “El Efecto Boomerang” neste novo EP, Víctor Manuel… Como foi a experiencia deste «soño feito realidade»?

Silvia: «Pois aínda custa crelo… eu aínda penso que é un soño. Pensei que ía rexeitar a proposta e cando tiven a súa resposta afirmativa, lembro que estaba tendendo a roupa; xamais esquecerei aquela colada! O agarimo que puxo na canción, o que supón en tantos aspectos para min como Silvia e como Silvia Penide, a súa xenerosidade colaborando é algo que xamais poderei agradecerlle de todo».

 

 

Xunto a Carla López (Mielitza), es a outra metade de Feminino Plural, un espectáculo creado co obxectivo de resaltar a importancia da muller como creadora de cancións e textos. Como definirías a escena musical actual para aquelas que cantades, efectivamente, en feminino?

Silvia: «Ese proxecto é ouro para min. Grazas a el, ademais de traballar con Carla que é unha lotería, descubro historias, cousas que me sorprenden e, moitas veces, cantamos en coles e institutos e aí desfrutamos moitísimo deixando a mensaxe e emocionándonos coa rapazada.

Queda camiño por andar pero vaise vendo horizonte, non só atangue a cantantes; eu por exemplo, levo só 4 mulleres técnicas de son na miña carreira… e concertos levo centos!».

 

Tes na casa dous Melómanos dos Premios Martín Códax da Música, un na categoría Pop/Indie (III PMCDM, 2016) e outro na de Canción de Autor/a (VII Edición, 2020). Que significan estes recoñecementos para ti?

Silvia: «Significan un motor. A emoción, a motivación na loita, no día a día, non son os premios, é o aplauso do público e o seu apoio, pero recoñezo que recibir o agarimo do gremio o ano pasado  —co segundo premio que non esperaba nin de broma— axudoume moito a seguir vogando. Emocioneime moito, e aínda o fago cando me paro a miralos».

 

 

Levas todos estes anos publicando traballos de xeito regular, facendo concertos ininterrompidamente. Cal é o teu segredo (confesable!)?

Silvia: «Vale, o confesable :) A única receita que coñezo é traballar. Eu teño varios proxectos, ademais de Silvia Penide, e sempre procuro ofrecer calidade; sempre saen cousas cando estás en activo e traballas día a día e, no meu caso, a premisa é non vender fume, eu o que quero é traballar e toco tan feliz nun teatro, como nunha sala, como nunha biblioteca, como nun festival. Cando o que fas vai funcionando, unha cousa leva á outra».

 

Que sabes agora, despois de tantos anos de carreira, que cres lle tería gustado saber á Silvia Penide que comezaba?

Silvia: «Pois xusto é algo que penso moito nestes tempos tan estraños nos que tiven que baixar tantísimo o ritmo… Curiosamente, ela xa intuía moitas cousas das que viñan e pouca cousa a asustou. Gustaríalle saber que non tiña que preocuparse tanto, que a vida non é para tomala en serio… iso sí :)».

 

 

Xa estamos en 2021, pero a volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos…? Como o estás a levar? Que poderemos esperar dun directo de Silvia Penide?

Silvia: «Estamos indo moi amodiño, agradecendo moito as cousas que se poden facer e iso nótase na intensidade cando tes público diante. Se antes xa era moi fermoso conectar coa xente, agora moito máis.

Eu lévoo como podo, o non poder sacar esta enerxía de dentro porque estou que me subo polas paredes porque, para min, esta profesión non é só un soldo, cantar é unha necesidade, pero é o que toca! Teño moita sorte porque eu particularmente non me podo queixar, e vanse vendo datiñas, pero dá vertixe non saber ata cando estaremos así, e causa dor ver xente compañeira que si está moi mal e precisa axudas xa.

Penso que esta situación é ideal para seguir loitando como gremio por mellorar condicións e reivindicarnos como cidadás de pleno dereito que formamos parte do tecido social-económico».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Silvia: «Pois podería recomendar Baiuca ou Igmig, que están en bucle na miña casa ultimamente. E xa é manifesta a miña debilidade, por exemplo, por Guadi Galego, pero temos unha canteira tan brutal, con auténticos tesouros na que hai que mergullarse a miúdo e costa escoller. De feito, non hai nin que escoller, todo suma :)».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Silvia: «Pois de todo absolutamente... Sabes cando de peque mesturabas nos vasos bebidas de todo tipo con restos de cousas que quedaban polas mesas nas vodas e comuñóns? Pois iso :)».

  noticias