CARMEN PENIM: «‘CANTOS DE TERRA E SAL’ ERA UNHA DÉBEDA COA MIÑA XENTE, COA MEMORIA DA MIÑA INFANCIA»
A poesía, a identidade da muller, a cultura galega ou a natureza son algunhas das súas paixóns, as mesmas sobre as que versan as súas cancións. Co eclecticismo como marca, Carmen Penim compón con sensibilidade e empatía, interpreta con dozura e emotividade, contando historias heroicas sobre a xente do pobo galego. Logo de estudar canto lírico e jazz en Italia —onde coñece ao pianista Maurizio Polsinelli, con quen funda o dúo 2naFronteira— Penim comeza unha carreira en solitario que destaca pola grande calidade dos seus textos, representativos da nosa cultura e do noso tempo.
Catro anos despois do seu debut, Herdeiras (2017), álbum dedicado á memoria da muller, Carmen Penim pechaba 2020 con Cantos de terra e sal (2020), un novo traballo que rende homenaxe á máis profunda tradición galega a través dunha colección de xoias da tradición oral, como romances, cantos de seitura ou cantigas populares, pero pasados polo seu «heterodoxo filtro».
Compositora, cantante, produtora, profesora, Carmen, como lembras os teus comezos na música?
Carmen Penim: «Lémbrome sempre cantando e inventando cancións de nena cando ía saltando á tenda, sempre saltando e sempre cantando. Logo tiveron que pasar moitos anos ata subirme a un escenario de xeito profesional; en Italia foi a miña primeira experiencia, nun local de jazz chamado Morbelli, ao pé dos Alpes, na cidade de Ivrea (Turín). Foi como volver á casa, unha sensación marabillosa».
Nas túas composicións distínguense as túas raíces arraianas, a voz colectiva do Couto Misto, lugar onde pasaches a túa infancia, pero tamén tinguiduras da lírica e do jazz que desenvolviches posteriormente. Como engarzas, por exemplo, letras populares con acordes de estilos máis contemporáneos?
Carmen: «Podería parecer algo moi pensado e elaborado, pero a verdade é que me sae así porque teño esas cousas na cabeza e non me poño límites nin etiquetas. Para min a liberdade creadora é o fundamental, tamén no directo, que cada artista achegue o seu mundo ao meu proxecto».
Dirías que a poesía, a muller, a natureza e a cultura galega son os catro piares sobre os que se basea a túa carreira?
Carmen: «Si, aínda que de cando en vez aparecen influencias estranxeiras tamén, de culturas afastadas. Desde nena escoito músicas medio orientais e árabes, quen sabe o que traerá a inspiración nun futuro! Eu non me pecho a nada. Pero é certo que esas cousas son fundamentais para min, na vida e na música. Conservar o propio, a loita feminista e ecoloxista e a protección dos animais son unha maneira decente de estar no mundo».
Lemos que, cando compós, non che pos límites, como adoita ser o teu proceso creativo? Que, ou quen, inspira a Carmen Penim á hora de compoñer?
Carmen: «Eu, como non fun ao conservatorio, non son nada ortodoxa, así que o meu arrebato por forza grávoo en audio. Normalmente busco a natureza, onde entro nun estado contemplativo e aí é onde me veñen as mellores ideas. Outras, véñenme de noite e canto medio durmida na gravadora do teléfono (á mañá horrorízame, pero a idea queda). Logo, esa idea inicial trabálloa ata tela máis madura, moitas veces xunto con Maurizio. Iso si, ás veces tes que limitar unha idea, por exemplo con moitos instrumentistas, por problemas de produción».
O teu debut en solitario, Herdeiras (2017), céntrase na muller, na identidade e na memoria, e, musicalmente falando, no jazz e improvisación vocal.
Carmen: «Si, Herdeiras reflicte quizais máis o meu estilo que traballos anteriores. Aínda que moitos temas de 2naFronteira naceron dun xogo improvisado de piano e voz, en Herdeiras experimentei máis tamén emocionalmente. Foi unha experiencia distinta, contando a historia daquelas mulleres que sufriron tanto e, ao mesmo tempo, querendo darlle esperanza e unha certa apertura final ao disco».
Herdeiras trasladábase ao escenario xunto a elementos interpretativos teatrais e a coreografía de Xiana Vilas. Como interactuaban estes últimos coa música?
Carmen: «A danza de Xiana é unha achega impagable; ela soubo captar con moita sensibilidade a intención de cada peza. De feito, imos volver colaborar! Tamén as músicas adaptaron a súa estética á época (anos 30) e mesmo hai un momento no que teñen que tocar cos ollos tapados cun pano negro. Involucráronse todas a tope.
A interpretación ten sempre algo de teatral conectado a un sentimento verdadeiro no momento do directo, pero en Herdeiras, dado o tema, era todo moi intenso».
Para este traballo coordinaches a máis de 25 persoas, entre músicas, ensaístas e poetas, como foi a experiencia? Repetirías?
Carmen: «Cando rematei Herdeiras a satisfacción foi enorme, pero tamén o cansazo: físico e emotivo; o peso da responsabilidade… ademais, producir un proxecto tan grande supoñía tamén un reto, no que botei de menos un equipo de produción comigo. Pero si repetiría, porque creo que entre todas acadamos un traballo significativo grazas ao compromiso e xenerosidade dos e das colaboradoras, que foi enorme».
Cantos de terra e sal (2020) rende homenaxe á máis profunda tradición galega, pero co eclecticismo e orixinalidade que che caracteriza. De onde vén a idea de rescatar estes «vellos romances»?
Carmen: «Hai moitos anos que quería facelo. De feito, a falta de tempo e ocasión impediu que eu mesma os recollese, así que recorrín a quen sabe máis que eu e aos cancioneiros, como por exemplo, os de Xosé Lois Foxo.
Era unha débeda coa miña xente, coa memoria da miña infancia, especialmente coa miña avoa paterna, de Meaus, a María da Aira. Sendo filla da emigración, ás veces, os lugares que deberan ser teus parece que non che pertencen de todo, estás como algo fóra da tribo, e na música atopas a túa casa, a memoria fai boas paredes».
Con este novo traballo pretendes recuperar a atención do público sobre esas raíces que comentabamos e, na súa dedicatoria, mencionas o Couto Misto. Foi o espírito desa pequena utopía independente o que che inspirou para levar a cabo este proxecto?
Carmen: «O Couto Misto está presente sempre porque é a miña raíz e o meu orgullo. Xa no primeiro disco, Humo en los ojos, que saíu en Italia, estaba a miña canción ‘Nana dende Turín’ que fala de Meaus e os seus montes. Pero si, todo xira ao redor da vida rural e tamén da mariñeira, só que eu o vexo desde ese anguliño do noso país. E as mulleres de alí son para min moi importantes e están presentes neste traballo: na colcha da gráfica, nas dedicatorias, en todo…!».
Entre a decena de pezas que compoñen o disco, algúns temas son coñecidos, como “Vente vindo” ou “Miña nai”, mentres que outros se atopan nun imaxinario popular algo máis agochado. Como foi a selección do repertorio?
Carmen: «Os tempos que vivimos coa presión da pandemia marcaron o carácter do disco, pois quixen darlle moita enerxía e forza; isto nótase nas interpretacións de todos e influíu na selección das últimas pezas.
Logo quixemos ter un equilibrio: non máis de dúas pezas en castelán (romances), dúas pezas máis experimentais ou libres e, por suposto, tiña que estar presente Portugal, con esa versión de ‘Laurindinha’. No último momento, Foxo deume unha gravación inédita dun cantar da Limia: ‘La Gallarda’, un romance potente que interpretamos con nyckelharpa, harmonio e percusión tradicional para darlle un carácter máis puro, máis arcaico. A min soábame moito e, só despois de editado o disco, díxome a miña familia que o cantaba a miña avoa co nome de ‘La Gallardina’».
Romances, cantos de seitura ou cantigas populares, Cantos de terra e sal é unha colección de xoias da tradición oral. Reunilos nun disco é outro xeito de conservalos e difundilos?
Carmen: «Eu espero que si! E espero continuar este traballo. Non o considero pechado porque a nosa tradición é inmensa e riquísima e dunha variedade grande, especialmente as máis arcaicas, que son ben particulares e son as que máis me provocan. Os cancioneiros son fundamentais, a dixitalización de todo ese traballo, a conservación dos audios coas voces orixinais, porque a transcrición non dá conta da riqueza dos melismas.
E partindo da tradición, que cada artista a refresque levándoa á súa visión e estilo paréceme interesante para a nosa cultura, igual que o é que outros as interpreten de xeito purista. Todo fai medrar e todo axuda a difundir».
«Eu son a memoria da nai, da neta e da avoa, da bisavoa na sombra do tempo», que pretendes tecer con este «fío da memoria» sonoro?
Carmen: «Na casa da María da Aira as mulleres sempre foron importantes e transmitíronme independencia, rebeldía. Síntome conectadas a elas, mesmo a aquelas que xa non están connosco, e aos espazos que compartimos daquela: as fontes, os camiños, a veiga, o Cebreiro, o camiño indo a pé a Tourem (nós dicimos Turei) a comprar fío para as colchas, os romances ao pé da lareira, o caldo, as vacas… É o meu agradecemento, especialmente a elas, pero tamén ao resto da familia. Eu que marchei de nena dígolles con este CD que os admiro e aprecio, e que o orgullo de pertenza non me colle no peito, así que tiven que cantalo».
De escoitalos de nena no teu pobo a incluílos nun disco, ademais da letra, como é adaptar e arranxar temas populares facéndoos teus sen que, á vez, perdan a súa esencia?
Carmen: «Creo que haberá persoas que digan que si a perden, de feito, é un medo que tes que superar cando comezas un traballo como este. Hai músicos e músicas marabillosas que interpretan os cantos de xeito máis ortodoxo, o caso é que eu non son así. Pola emigración e por como vivín a miña vida adulta, eu son produto dun cruce de culturas e non quero deixar fóra esa parte de min. Así que espero que os cantares conserven a súa alma dentro desta mestizaxe á que eu os sometín».
Xunto a Maurizio Polsinelli ao piano, hai más de dez anos que percorres escenarios con 2naFronteira, dúo que destaca pola súa elevada calidade técnica e a gran paixón interpretativa. Como xorde o proxecto? Que diferenzas ou similitudes existen entre a Carmen de 2naFronteira e a Carmen Penim en solitario?
Carmen: «Fas preguntas difíciles de contestar! É certo que cando pos un ou outro nome, algunha diferencia estilística terá que haber, verdade? 2naFronteira xorde en Italia cando nos coñecemos Maurizio e eu, que compartimos o amor pola poesía e a música.
En 2naFronteira somos un dúo de principio a fin do proceso creativo, co cal a pegada de Maurizio é máis forte. El vén da clásica, pero fundou tamén un grupo de rock progresivo, Pane, co que sacou varios discos; penso que estas influencias están máis presentes nos traballos de 2naFronteira, aínda que tamén evolucionan, claro. Herdeiras e Cantos contan sempre co magnífico traballo de Maurizio, pero as decisións finais, a selección de temas e mesmo o estilo, perténcenme máis, arrímanse máis ao jazz e á música tradicional galega».
Con 2naFronteira impulsas o programa ‘A voz da pedra’, un espectáculo de música sacra, sefardí e antiga que ten como protagonista o harmonio. Por que a recuperación deste instrumento antigo en particular? De que xeito cres que se retroalimentan música e escena no recital?
Carmen: «O noso uso do harmonio naceu en Italia porque tiña unha idea para canto con zanfona. Alí non contaba con esa posibilidade, pero Maurizio tiña na casa un harmonio portátil, que ten unha sonoridade tamén antiga moi fermosa e moitas posibilidades para concerto. Namoroume o instrumento, e logo, tocar con harmonio de igrexa foi a continuación lóxica. Mágoa que non haxa subvencións para ese fermoso proxecto de censo dos harmonios galegos, que producen un son magnífico e acompañan moi ben á voz. O público conecta moito con estes sons arcaicos, pero continúa aberto, por suposto».
Hai uns días que celebramos o 8M, unha data moi sinalada para as mulleres. Somos sabedores da túa implicación coa defensa da igualdade da muller, tanto no ámbito musical como fóra del. Como cres que serán as nosas «herdeiras» e como esperas que sexa o mundo para elas?
Carmen: «Teño moita esperanza. A xente nova coa que estou en contacto cada día dáme esa esperanza, pero non o teñen fácil porque lles deixamos un mundo duro laboralmente e isto ten que xirar moito, moito para ben, tanto para elas como para eles; é urxente un cambio profundo. Gustaríame pensar que esa rebeldía que agora teñen non se vai diluír en impotencia e conformismo».
O teu compromiso vai tamén mais alá da igualdade de xénero, xa que tamén loitas por causas como a loita contra o cancro ou a preservación do rural. Que importancia cres que ten que artistas como ti se impliquen en causas sociais?
Carmen: «Calquera persoa que, por un motivo ou outro, teña unha certa visibilidade, debe loitar polas ideas nas que cre. A arte é unha plataforma moi eficaz para facerse oír, e non hai que desaproveitala.
Tamén creo que, a pesar das dificultades que temos os e as artistas para vivir disto, somos privilexiados porque temos ese talento, esa paixón e desexo de compartilo. É unha obriga moral devolver algo de todo iso cando cho piden. Se podes levar alegría a un centro de día, ou apoiar unha gala contra unha enfermidade rara ou o cancro, por que non? Ademais coñeces xente marabillosa, xenerosa, altruísta, que tanta falla nos fai a nós e ao mundo».
A miúdo, os teus concertos son descritos como unha intensa experiencia de emocións. A volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estás a levar? Que poderemos esperar dun directo de Carmen Penim?
Carmen: «Si que se fai algo raro ver á xente separada por butacas baleiras e coa máscara, pero cando subo ao escenario iso desaparece porque o público me dá tanto que, por unha horiña, parece todo normal de novo; e creo que tamén o público esquece e só desfruta. O escenario é para min un non-espazo e un non-tempo, no que todo se suspende excepto a música e, nese estado, o público voa contigo, é unha comuñón».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Carmen: «A risco de quedar mal con moita xente que admiro, neste momento diríache A Orquesta Galega de Liberación, porque improvisan como me gusta. Na clásica gústame moito o Ensemble Galería, pola súa interpretación divertida e próxima. Logo hai xente como Alejo Amoedo que fai un labor imprescindible de preservación e difusión dos clásicos galegos. E, como recomendación, creo que a xente debería escoitar o CD da chelista Margarida Mariño, un traballo delicado e fermoso, Cello&Electronics (2020)».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Carmen: «Pois si que igual me dá vergoña, porque non escoito en Spotify a música do país, senón que me encanta escoitar músicas do mundo adiante: encántame o rap franco-arxelino, o cantante Dhafer Youssef, a música libanesa, a hindú… e a música experimental e contemporánea. Canto máis atonal, máis me gusta, pero tamén as músicas tradicionais de tantos lugares, incluíndo a sefardí, que me gusta interpretar tanto como escoitar».