• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GUADI GALEGO: «TODAS AS MÚSICAS REPARAN, UNHAS CONSOLIDAN E OUTRAS RACHAN, ALGUNHAS DOEN E OUTRAS CALMAN»

GUADI GALEGO: «TODAS AS MÚSICAS REPARAN, UNHAS CONSOLIDAN E OUTRAS RACHAN, ALGUNHAS DOEN E OUTRAS CALMAN»
29 MARZO 2021

Considerada unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha traxectoria musical que comezou sendo moi nova, Guadi Galego creceu, musicalmente falando, rodeada de grandes. Aínda que moitos a lembran cando era vocalista, pianista e gaiteira de Berrogüetto, ou experimentando con outras sonoridades en formacións como Espido, aCadaCanto ou Nordestin@s, a cantautora cedeirense forxou unha carreira en solitario que deixa decenas de recoñecementos, centos de concertos e unha discografía que, álbum a álbum, tema a tema, amosa a evolución e culminación do seu son definido a corazón aberto.

A súa última referencia, Costuras (2020), é unha colección de 10 cancións compostas xunto a Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o seu presente, máis duro e, á vez, esperanzador, onde escoitamos á autora tal e como é.

 

 

 

Os teus inicios no mundo da música levan por nome Alentía. Como lembras estes comezos xunto ás túas amigas da infancia?

Guadi Galego: «Pois moi feliz, sen darnos conta xa estabamos sendo nós mesmas, intentando facer o que sabiamos da nosa propia man».

 

Dás os teus primeiros pasos no mundo da música profesional como vocalista e gaiteira de Berrogüetto. Como foi crecer como artista rodeada de músicos como Guillerme Fernández, Quim Farinha, Anxo Pintos…?

Guadi: «Foi unha experiencia importante e enriquecedora, tiven que traballar moito».

 

 

Tras millares de concertos, varios discos e un regueiro de distincións —Premio ao Mellor Grupo de Folk Europeo e unha nominación aos Grammy Latinos, entre outros— deixas Berrogüetto en 2008. Deixar un proxecto de éxito e marcar o teu propio camiño en solitario, como o viviches? Como unha evolución natural, un salto arriscado…?

Guadi: «Unha evolución natural, nada é eterno e camiñar implica sempre pechar algunhas portas e abrir outras. Eu vivino ben, a pesar de ter sido unha decisión complicada».

 

Con antigos compoñentes de Berrogüetto en Espido e aCadaCanto (este último tamén con Xosé Lois Romero), ou con outros como foron Abe Rábade e Ugía Pedreira en Nordestin@s. Como foron xurdindo eses proxectos e como afectaron ou que lle achegaron á túa carreira en solitario?

Guadi: «Xurdiron con naturalidade, e aprendendo moito de cada un deles. Todos sumaron experiencias importantes, aprendizaxes… ata chegar a decidir comezar a miña carreira en solitario, pero non descarto volver facer un proxecto coral porque me enchen moito».

 

 

Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) e Bóla de Cristal (2018), describes estes tres discos como unha triloxía. Cal é o fío, musical ou conceptual, que une estes tres traballos?

Guadi: «Musical e conceptual, é a triloxía da miña visión do mundo desde diferentes ópticas, desde o Eu Hormonal, ata o Eu Consciente ata o Eu Plural».

 

 

Non ocultas a paixón que lle profesas á túa vila, de feito dedícaslle un tema (Cedeira”) no que expresas o teu amor por ela. Como inflúe Cedeira na túa música?

Guadi: «Quen ten arraigo, ten identidade e esencia; Cedeira forma parte de todo iso para min: as músicas do meu pobo, a paisaxe, a xente, a miña familia…».

 

 

No teu anterior disco, IMMERSION (2019), revisas e reinterpretas parte do teu repertorio nas linguas peninsulares: galego, catalá, castelán, asturianu, aranés, euskera e portugués, «sen fronteiras». Por que facelo así?

Guadi: «Porque me apetecía achegarme a esas linguas con naturalidade, linguas veciñas, pobos e amizades achegados. Facelo desde a miña música facilitoume o achegamento!».

 

Ao fío, que papel xoga o galego na túa música?

Guadi: «Basicamente é a lingua na que compoño, aínda que poida adaptar a outras linguas. O galego é a miña lingua, polo tanto a lingua na que me expreso».

 

 

Neste álbum rodéaste de artistas e compañeiros como Iván Ferreiro, Xabier Díaz, Clara Peya, Álex Ínsua, Vega, Javier Otero Neira, Andrés Suárez, Abe Rábade, Sisters In The House e Germán Díaz, entre outros. Escolleron eles os temas ou os temas escolléronos a eles?

Guadi: «Algúns si, outros non!».

 

Identificas a música como un bálsamo reparador, Costuras (2020) é teu último traballo, publicado a finais de 2020, unha colección de dez pezas compostas por ti mais Carlos Abal. Dirías que a creación deste entretecido de cancións serviuche como tal? Reparar… reparou?

Guadi: «Todas as músicas reparan, unhas consolidan e outras rachan, algunhas doen, e outras calman… así debe ser».

 

Algúns destes «remendos» cosíchelos hai tempo, outros durante os meses de confinamento. Esta selección de composicións pasadas e presentes foi pola morriña de «volver á vida anterior» que, aínda, está a provocar a pandemia ou seguiches outra premisa?

Guadi: «Non, seguín a premisa de continuar vivindo, antes, durante e despois, asumindo cada momento como viña».

 

 

Para este último traballo contaches coas colaboracións de dúas poetas, Antía Otero e Marina Oural, e a cantante Paula Grande. Como xorden estas colaboracións e que procurabas con elas?

Guadi: «Paula é amiga miña e apetecíame facer un tema con ela. No caso de Marina, é amiga miña tamén e pedinlle un poema para este disco, escollín esa letra que resume moi ben a filosofía deste disco. Lin hai anos o poema O cuarto das abellas (Xerais, 2016) de Antía Otero, encaixaba fantasticamente nos “Zocos” e decidín metelo coa súa voz, foi un dos momentos máis emocionantes deste disco».

 

Vic Moliner e Pau Brugada, de Olivera Estudi, volveron ser os encargados da produción musical que afonda en terreos electrónicos, pero sen perder a túa parte orgánica, con texturas únicas dentro do pop e do indie. Canto grado de «culpabilidade» teñen eles nesta culminación da túa evolución?

Guadi: «Visibilizar con extrema pulcritude o que eu tiña na miña cabeza, arranxar moitas veces e concretar ese son que para min era importante. Mesturar orgánico con electrónico sen que nada renxese».

 

 

Unha das curiosidades do formato físico do álbum é a súa presentación, xa que vén envolto nunha obra do pintor Ricardo de Barreiro, creada a modo de rasca para descubrila. Que hai detrás deste orixinal xogo a que sexa o comprador quen «deseñe» ou desvele a súa propia portada?

Guadi: «Esa era a graza, facer partícipe do formato físico á xente que o merca».

 

 

Ben bonita e colorida, por certo, agocha algunha simboloxía?

Guadi: «Pertence a unha serie, Illotes, que a min paréceme fantástica, e foi feita exclusivamente para Costuras».

 

Como naceu Matriarcas” e por que crees que rematou por convertese, dalgún xeito, nun himno?

Guadi: «É unha canción de amor que nace despois de eu ter ao meu primeiro fillo. Supoño que chega á xente porque as mulleres son un piar fundamental na vida cotiá e nos coidados, algo que é fundamental no desenvolvemento afectivo das persoas».

 

 

Non podemos deixar de preguntar, actualmente, como ves o papel da muller na música?

Guadi: «Pois estamos nun momento de visibilización a algúns niveis e, a outros, aínda dando “paus na mesa”».

 

 

A volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estás a levar? Que poderemos esperar dun directo de Guadi Galego?

Guadi: «Con paciencia e moito traballo do novo espectáculo. Do directo, emoción enerxía e, espero, que moita calidade artística. Teño un grande equipo!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Guadi: «Todos deberían de ser coñecidos e visibilizados para que así puideramos optar á diversidade musical que temos».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Guadi: «[Risos] 100% sinceridade e algo de vergoña tamén!».

 

  noticias