• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CLOACA:«OS INFRASERES COS QUE COHABITAMOS SON UNHA FONTE DE INSPIRACIÓN INESGOTABLE»

CLOACA:«OS INFRASERES COS QUE COHABITAMOS SON UNHA FONTE DE INSPIRACIÓN INESGOTABLE»
5 ABRIL 2021

Cantan a cavernícolas, cerebros anormais, fuxir, cuspir, querer, gomas de mascar, beber, esquecer… Bento Carroña (voz, guitarra) e Rata Ray (batería, coros) son Cloaca, o dúo «máis infame» de garage punk dos sumidoiros coruñeses. O seus trallazos están cargados de enerxía e poderío instrumental, pílulas viscerais de rock ’n’ roll, riffs demoledores e baterías potentes; eles, adoradores do fuzz e a liserxia máis velenosa do revival garagero dos 80, son os autores de  tenebrosas e directas pastillas de son compacto que van directas ao cerebro e terminan por mover o esqueleto ao ritmo máis primitivo.

As súas descargas eléctricas debutaron en 2018, cun EP homónimo, e volven agora na súa posta de longo, Vertido Tóxico (2020), unha colección de enérxicos, inquietantes e melódicos temas que sucumbirán ao oínte desde a primeira nota, dez cortes primitivos e crus «como a realidade que nos tocou vivir neste pandémico ano».

 

 

 

Bento Carroña (guitarra, voz) e Rata Ray (batería, coros), presentades unha imaxe canalla e informal, con todo, o que vos levou a xuntarvos foi a vontade de crear un proxecto estable. Como se produce a decisión de construír esta Cloaca? Foi unha «cita a cegas» ou xa vos coñeciades?

Rata Ray: «Non foi cita a cegas [risos]! Xa nos coñeciamos dos bares e nos viñamos cruzando con outros proxectos nos que estabamos. Certo é que, cando nos xuntamos para tocar por vez primeira, era máis coa intención de acompañalo ao baixo no seu proxecto en solitario, pero puidéronnos as ganas que tiñamos de facer o cafre e acabamos montando unha historia nova [risos]».

 

A vosa xuntanza como dúo non se produce ata hai poucos anos. Digamos que existe un exclusivo «a.C.» (antes de Cloaca). Musicalmente falando, cales son os vosos antecedentes «delituosos»?

Bento Carroña: «Ambos vimos de andar con diferentes proxectos de ámbito máis ou menos local. Eu teño un percorrido dispar, que me foi levando desde proxectos en solitario como Bento Veloso a bandas como Bento y Los Trinches, ou a colaborar con Quintas Canella e diferentes formacións da escena local».

Ray: «Eu andei sempre pola trastienda do rock ’n' roll, trasteando polos locais de ensaio e editando e producindo discos con Freeky Dicky Records ou participando en bandas locais como Harakiri».

 

 

Ramones, Dead Moon, The Cramps... son, en xeral, algunhas das vosas influencias, hai algunha máis en particular que poida resultarnos sorprendente? Faládenos un pouco delas.

Bento: «Sorprendente non creo, non estamos inventando nada novo e o que facemos pode soar a moitas cousas que xa están feitas no mundo do rock ’n’ roll. As nosas referencias están na escena garage dos 60 e os seus posteriores revivals, o punk dos 70, 80… non pretendemos soar a ninguén en concreto cando compoñemos cancións, pero moitas nos soan a alguén unha vez feitas, así como ás veces algunha ecoa aos Ramones ou The Cramps, outras nos poden recordar ao Stooges, Fuzztones...

As referencias van aparecendo a posteriori, pois todo iso que nos gusta acaba aflorando nos nosos temas e, moitas veces, esas referencias as van atopando outros con máis facilidade que nós; así, moitas veces nos din que temos cousas que lembrar a Parálisis Permanente e mesmo a Morricone. Son cousas que sempre se perciben máis facilmente desde fóra que desde dentro».

 

Algúns din punk, outros rockque se garage-surf-fuzz, rock ‘n’ roll cavernícola... os marcos da finca de Cloaca parece que se andan a mover! Encadrariádesvos nalgún destes xéneros ou preferides coller uns metros de cada parcela?

Bento: «Precisariamos coller uns metros de cada parcela! Encadrar o que fai unha banda é unha necesidade máis do resto que da propia banda. Se dicimos que facemos garage mentiriamos, co surf o mesmo. Se dicimos que facemos punk, limitariamos bastante o concepto do que facemos… e a realidade é que tocamos todos eses paus. O único que temos claro no medio de todo iso é que o fuzz manda e o demais está ao seu servizo.

Ray: «Co tema de etiquetar o que fas pasa como co das referencias musicais, é unha necesidade máis dos outros que de ti mesmo».

 

 

En 2018 debutades cun EP, homónimo, unha cuspidela de catro cancións de garage cru primixenio vestido coa elegancia do revival oitenteiro. Que vos fixo saír do escenario subterráneo á terra da publicación «profesional»?

Ray: «Para calquera banda ter algo gravado é unha necesidade promocional que tes que cubrir antes ou despois se queres moverte a tocar; no noso caso, a oportunidade presentouse un pouco por casualidade.

A gravación dese EP foi bastante apurada e rudimentaria en medios. Victor Juncal, un amigo, estaba a montar un home studio eaprendendo a gravar, e nos prestamos como cobaias súas para o experimento. Nun principio, a nosa intención non era editar fisicamente o EP, pero a Rafa e Josefina, de Sweet Grooves Records, gustoulles ao escoitalo e ofrecéronse a colaborar nunha posible edición. En certo modo, a súa disposición convenceunos de que tiñamos algo editable entre mans, así que desde Freeky Dicky Records decidimos darlle para adiante e sacamos unha edición conxunta en vinilo de 7”».

 

A finais do pasado outubro lanzabades “Desfase”, un videoclip no que podiamos intuír as profundidades que tiña a cloaca; moi intenso, unha boa introdución ao que estaba por vir. Como nace a idea de facer un videoclip tan (aparentemente) caseiro e, á súa vez, tan destrutivo? Porque escolléchedes “Desfase” como adianto?

Ray: «Nós non tiñamos moi claro que tema do disco escoller como adianto, gustábannos varios pero non tiñamos claro cal deles nos explicaba mellor. Así que nos desempataron entre os selos que editaron o disco e, en verdade, foi unha boa elección; ten un son incrible!

En canto ao videoclip, estabamos nun momento pandémico no que as opcións para gravar cousas por aí estaban bastante limitadas, polo que decidimos facer unha gravación principalmente na casa e nós sós; Alejandro Mariño, o director, fixo un traballo excelente coas limitacións que lle propuxemos».

 

 

Xa en decembro, subiades a aposta e lanzabades o voso novo traballo, Vertido Tóxico LP (Freeky Dicky Records/Sweet Grooves Records/La Familia Revolución, 2020). Composto por dez trallazos que dan un paso máis canto á produción e ao son. Que pílula se agocha detrás desta mutación respecto ao primeiro EP?

Bento: «Despois da experiencia co noso primeiro EP, que foi unha gravación moi precaria e apurada, tiñamos claro que o seguinte que gravásemos queriamos facelo poñendo os mellores medios que nos puidésemos permitir, a disposición do mellor que fósemos capaces de facer entre os dous.

Durante un tempo nos centramos en tocar ao vivo e ir curtindo así un repertorio do que, de xeito natural, ían saíndo temas que nos gustaría gravar. E sen présa, fomos madurándoo ata que xurdiu a oferta de editalo por parte de La Familia Revolución; entón puxemos a maquinaria en marcha como puidemos no medio da pandemia, que xa nos colleu nese momento. Aproveitamos para enxalzar a valentía dos selos que se aventuraron así con nós neste contexto».

 

 

Agora, cos dous na man e logo de dous anos, cal diriades que son as diferenzas, ou similitudes, entre ambos?

Ray: «A principal diferenza que creo que hai está entre esa urxencia e precariedade coa que encaramos o EP, e o coidado que quixemos ter coa gravación do LP. A diferenza a nivel de produción e son entre ambos é evidente, queriamos explotar o máximo que puidésemos o son que podemos sacar entre os dous e o conseguimos, sen desmerecer o son do EP que, sendo rudo, encántame. Quizais Vertido Tóxico sexa máis escuro que o EP anterior, pero por algún lado se tiña que notar o contexto no que o preparamos e gravamos».

 

 

Unha parte importante da vosa música está nas letras, onde se atopa moi presente o humor, mesmo con tinguiduras de cor negra. Cal dos dous é o encargado de escribir as letras e onde procura a inspiración?

Bento: «Das letras encárgome principalmente eu e a inspiración non fai falta procurala lonxe; está en todas partes neste mundo de decadencia humana que nos rodea, nos cómics e cine de serie B... os infraseres cos que cohabitamos son unha fonte de inspiración inesgotable».

 

Da gravación e da produción encargáronse Fernando Mejuto e Gabriel Suárez en La Cortina Roja (A Coruña). Como chegades ata eles e como foi a experiencia de gravar na Cortina?

Ray: «Eu coñecía o estudio de ensaiar alí un tempo cun grupo de colegas e encántame a sala de gravación que ten; soa incrible para tocar a altísimos volumes e onde máis cómodo toquei a batera nunca. O equipo que o leva son unha xente do mellor e con traballos magníficos, sacando son a bandas que non son o cuarteto estándar de rock. Entre unha cousa e outra, a elección foi fácil e todo un acerto, foi un pracer gravar con eles e o resultado foi moi bo».

 

Lemos que “No puedo ver el sol” quedouse fóra do longo no tempo de desconto, un tema que abre con: «hace mucho tiempo que no salgo»… en tempos de pandemia, arriscariamos a dicir que foi unha oportunidade perdida, ou non?

Bento: «Quedouse fóra para meter dentro "Pon otra, por favor", que compuxemos eses días previos e nos apetecía gravar en quente, recentemente feita. Tamén nos parece unha homenaxe apropiada aos bares e aos polis de balcón nestes tempos [risos]. Gustaríanos gravala, a verdade… tocaralle!».

 

 

    

 

Bento, ademais de darlle ás cordas da guitarra, es ilustrador, de feito a ilustración e deseño de ambos traballos é obra túa. Como é trasladar ese rock ‘n’ roll cavernícola e visceral ao papel? Que significa para ti que a túa banda se presente coa túa arte?

Bento: «Para min é un exercicio natural. Todas as artes retroaliméntanse, todas as formas expresivas conviven nun mesmo universo imaxinario, que se expresa de calquera forma. O feito de poder encargarme da parte gráfica dos nosos discos achega coherencia ao traballo, deste xeito leva un pouco máis de nós e o noso universo arroupando ao aspecto musical. É un aliciente!».

 

E, falando de actividades paralelas, Ray, ti levas Freeky Dicky, unha das discográficas, xunto con Sweet Grooves e La Familia Revolución, que leva a edición e distribución do longo. Como se ven as cousas desde a outra cara da moeda?

Ray: «En Freeky Dicky Records sempre vemos as cousas desde a perspectiva das bandas, temos máis mentalidade de banda ou fan que de empresarios da música; por iso as dúas caras da moeda son un pouco a mesma.

Gústanos editar bandas coas que podemos facer un traballo conxunto e mirar as cousas desde o mesmo lado; neste caso, a oportunidade de poder facelo así foi inmellorable. O noso obxectivo é o mesmo que o das bandas: editar discos para axudalas a saír a tocar, que as bandas toquen e os discos se movan. Para pequenas bandas, ter un traballo editado moitas veces é demasiado custoso e nós intentamos axudar por aí e por buscarlle saída e utilidade ao traballo editado.

Ao final, trátase de unificar esforzos e de que uns se ocupen dunha parte para que os outros se poidan ocupar da outra, que é tocar, compoñer... Comezamos pola dor de ver boas gravacións, de boas bandas, en perigo de non ser editadas nunca».

 

Ademais de Bandcamp e Spotify, ambos traballos están dispoñibles en vinilo negro de 7” e 12”, de edición limitada. Nun contexto de consumo dixital á alza, por que seguir apostando polo formato físico?

Bento: «Cremos que o vinilo é a forma de tratar un disco como se merece, é algo que temos claro. Coller un disco na man, poñelo no prato, desfrutar das súas gráficas, a textura do son… Hai cousas que o streaming nos quita á hora de desfrutar dun disco».

Ray: «Xa non se trata de apostar polo formato físico, senón de apostar polo vinilo en concreto. Nunca vas herdar un cedé, pero unha colección de vinilos… Eu sigo escoitando edicións orixinais dos Beatles do meu pai coas que xogaba ao frisbee co can de neno, fai iso cun cedé!

Ademais, sentimos que a forma que o consumo dixital está adoptando a través de plataformas como Spotify non é positiva para a música; estamos ante un proceso de uberización do mercado musical que non nos gusta alimentar. Un disco non existe se non o podes ter nas mans, o resto son contidos xerados para negocio de plataformas, ao lado das cales a SGAE é unha ONG, son o cancro que vai matar á música.

A distribución dixital é un engano para que os músicos cedan a súa música para que as plataformas teñan contidos dispoñibles e que os seus usuarios paguen as súas cotas para ser repartidas entre só uns poucos aportadores de contidos… o que se chama “matar ao artista”! De feito, estamos aínda co debate desde decembro de se subir algo do novo LP a Spotify ou mandalo ao carallo».

 

 

Hai pouco dabades unha entrevista transoceánica, cun locutor mexicano (Abel Huerta) para o seu podcast Vallis Mortem, e el declarábase seguidor de Cloaca. Tedes moitos fans fóra de Galicia? Gustaríavos ter algunha experiencia máis lonxe das nosas terras?

Ray: «Por suposto que nos gustaría saír máis a tocar fóra e o facemos á mínima ocasión que se nos presenta; o noso obxectivo é poder saír a tocar todo o que poidamos. Cando máis aprendemos acerca do que estamos a facer é cando o amosamos fóra da casa e a quen non nos coñece.

E si, aos poucos imos facendo unha pequena parroquia por onde pasamos. Onde máis escoitas tivemos o ano pasado fóra de España foi en Australia, e en México seica estamos espertando un certo interese. Nós encantados, pois gústanos moito a escena de rock ’n’ roll mexicana e ir tocar por alí faríanos moita ilusión; para min, dar un bolo no Foro Alicia en DF sería como pechar o Funtastic Drácula Festival.

Aproveitamos a mandar un saúdo a Abel e á parroquia mexicana!».

 

A clásica de «o punk está morto»... credes que pode ser certa ou non? Como vedes o futuro deste xénero musical?

Bento:«O punk está moi vivo. O punk como forma de facer as cousas está moi presente en moitas bandas que mesmo non fan o que propiamente se podería entender como punk. Nós mesmos creo que non facemos punk ao uso, pero somos moi punkis!

En España hai zonas onde está a haber unha escena de bandas de punk bastante potente, e aquí en Galicia mesmo hai unha boa escena. Non creo que estea morto!».

 

 

Bento e Ray, no escenario de Cloaca só estades vos os dous. É isto un inconveniente para vós? Como vos apañades para armar tremendo boureo nos concertos?

Ray: «Apañámonos a base de non ter compaixón coas poucas pezas coas que xogamos! A marxe que non temos para florituras a collemos para dar cera, aplicamos a máxima de “menos é máis” ata onde podemos dar. O único inconveniente de ser só dous é non ter máis mans para cargar e descargar [risos]!

Estamos moi cómodos os dous sos á hora de tocar e, sobre todo, á hora de organizarnos. Gústanos o son que conseguimos sacar entre os dous e polo de agora seguimos a explorar por esa vía».

 

Os vosos concertos son moi movidos, vivides unha especie de simbiose co público. Como vedes o tema de ter que tocar para un público sentado durante todo o concerto ou, mesmo, detrás dunha pantalla?

Bento: «O vemos con amargor… así non é maneira de facer o que nós facemos».

Ray: «E en pantalla, streaming ou como queirades chamarlle, non é un concerto; chamádelle doutra forma, pero concerto non».

 

 

A volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… sabendo como sodes e o que vos gusta armar unha boa festa no escenario, estamos seguros de que estades como tolos por volver ás salas. Considerades que este parón vos desgastou? Será o regreso un «reinicio»?

Bento: «Este parón está desgastándonos a moral a todos (bandas, salas, promotores, técnicos, etc.), pero cando poidamos volver estar nunha sala podendo desfrutar de concertos sen protocolos sanitarios… imos saír como animais salvaxes dunha gaiola! Todos!».

 

 

Así entre nós, están chegando novos vertidos á Cloaca? Tedes algún novo proxecto en marcha?

Ray: «Neste momento está a pesarnos non poder andar a presentar ao vivo este novo disco, e o noso obxectivo principal é volver aos directos. Por enriba de todo o que queremos é poder presentar os temas do novo disco en directo, e probar no escenario o que aprendemos gravando. Levamos moito tempo xa sen poder tocar; é verdade que o aproveitamos para poder centrarnos no disco, pero o que agora toca é tocar».

Bento: «Novo material estamos facendo continuamente, somos bastante produtivos á hora de facer temas e, realmente, non paramos nunca. Pero como di Ray, agora é o momento de centrarse en volver aos directos, que son o sentido de todo isto».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Ray: «Galicia é unha terra de músicos, e artistas en xeral. Son moitos os que deberiamos coñecer todos! Pero se temos que nomearvos algún, por proximidade e agarimo vos dicimos que non deixedes de atender aos Wavy Gravies ou The Blind Crows. Directos enerxético-festivos dos que nos fan moita falta a todos! E The Manueles sacaron un disco de surf, sublime, recentemente. Igual que os Moura aquí na Coruña, outro discazo. Como dicía, é terra de non rematar nunca…».

 

Se abrísemos a vosa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.

Cloaca: «Ningún dos dous usamos Spotify a título persoal realmente… creamos unha conta para subir o EP no seu momento e non volvemos a entrar nela. Preferimos plataformas como Bandcamp para escoitar discos en streaming».

 

  noticias