• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2016

Novos lanzamentos. Xaneiro 2016
5 FEBREIRO 2016

Apelón. Roger de Flor

Roger de Flor comezou 2016 facendo realidade o que podería considerarse un propósito de Aninovo: presentando o disco Apelón. O título deste traballo supón unha homenaxe á rúa de Mugardos onde Roger de Flor compuxo a maioría dos temas, gravados en castelán, galego, inglés e italiano. As cancións transmiten intimismo e calidez, versando sobre o amor, o desamor ou a amizade. Sorprende o feito de que o músico engadira o tema Spring como pequeno adianto da adaptación musical do poemario de William Blake, no que de Flor está traballando.

 

Ego. Cristian Silva

Ego semella un romance entre gaita e músico, posto que o amor de Cristian Silva por este instrumento galego é innegable. Neste CD a gaita conxuga o seu habitual carácter tradicional con matices do indie, do pop ou da música electrónica. No vídeo de A insignificante historia do home astronómico, tema que abre o disco, amósase o intento dunha persoa por superarse a si mesma. Esta historia pode ser interpretada como unha metáfora da propia carreira musical de Cristian Silva, xa que Ego é o resultado dun duro traballo, chegando a tocar el mesmo tódolos instrumentos que se poden escoitar ao longo do CD. Conta coa colaboración de músicos como Davide Salvado, quen dá voz aos temas Alma de inverno e Silva verde, ou Pandeiromus.

 

 

Querida alegría. Emilio Rúa

Altas doses de optimismo caracterizan a Querida alegría, o sexto traballo de Emilio Rúa. Cancións inéditas, temas adaptados ou cantigas populares danse a man nun disco que ten por obxectivo principal transmitir ledicia neses momentos difíciles que todo o mundo atravesou. O amor, en tódalas súas dimensións, é o eixo central dos temas propios incluídos no disco: o amor ao galego e a Galicia, á súa xente ou á súa propia vida. Emilio Rúa acompáñase nesta ocasión de músicos como o vasco Kepa Junkera e o guitarrista Daniel Minimalia.

 

Winter Time. Winter Project

A fusión de sons e estilos musicais é o que prima no álbum debut de Winter Project, Winter Time. Despois de catro anos enchendo as salas da cidade, o grupo vigués tráenos este ecléctico disco onde nos atopamos dende blues ata folk-rock de marcada tinguidura celta. De feito, no tema que abre o disco, Sometimes, faise unha unión do estilo country americano co son celta, onde a gaita e a guitarra eléctrica se enfrontan xerando un resultado sorprendente. En xeral, é un traballo eminentemente guitarreiro, onde o ritmo está moi marcado e moi presente. Tamén se deixan notar as influencias musicais que marcaron á banda como, por exemplo, The Doors, The Beatles, Bob Dylan, Queen ou Miles Davis.

 

I'm Home. Cora Sayers

Forza é a sensación que transmite I’m Home, o traballo máis recente de Cora Sayers. Parece que volver a Galicia conferiu á cantautora e actriz unha gran cantidade de enerxía que, sen dúbida, empregou ao compoñer este disco. A súa característica voz, sumada á melodía das guitarras de G. Isanda e Laura Solla, á potencia da batería de Nico Lysergic e ao baixo de Pedro García, outorgan a I’m Home o vigor e a resistencia propias do rock alternativo..

 

Mentres as baleas dormen. Tiberevi

A Tiberevi non lle fan falta palabras para narrar historias. Aos irmáns Beatriz e Xabier Blanco bástalles con acariñar os seus acordeóns diatónicos e deixar que o oínte, guiado polo título de cada un dos temas que integran Mentres as baleas dormen, faga voar a súa imaxinación. O máis característico deste traballo é o equilibrio entre tradición e innovación que acada Tiberevi en cada unha das súas composicións.

 

Tradicción. En Casa del Herrero

Adicción, o primeiro CD que compón o derradeiro traballo de En Casa del Herrero, presenta unhas cancións que narran, dente un punto de vista humano e sentimental, as relacións persoais. En Tradición, o segundo disco, reprodúcense pezas tradicionais en formato acústico. É neste segundo CD onde o grupo canta por primeira vez un tema en galego: Mirade para o meu pequeno. En total, este duplo traballo reúne 23 temas nos que a banda liderada por Eduardo Herrero amosa a súa versatilidade pero sen abandonar o estilo folk rock que os caracteriza.

 

De Portugal a Galicia, Fado (vol. I y II). María do Ceo

María Do Ceo é unha desas artistas que coa súa voz transmiten dende o primeiro momento unha mestura entre dozura, tenrura e sentimento. Con cada canción de De Portugal a Galicia. Fado, a cantante fai honra á frase que mellor a describe: “Corpo de muller e alma de fado”. O primeiro volume consta de catorce cancións, todas elas cantadas en portugués, mentres que en De Portugal a Galicia. Fado, vol. 2, a fadista emprega o galego. Con esta combinación das dúas linguas, María Do Ceo fai un percorrido polas músicas tradicionais de Portugal e Galicia.

 

 

Salve discordia. Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro é sen dúbida unha das bandas galegas de máis éxito. O seu inconfundible son é froito das psicodélicas mesturas que fan entre música alternativa, indie e rock, o que lles dá esa personalidade que fixo que a revista Rolling Stone os incluíra na lista dos dez grupos máis influentes do rock español. En Salve discordia pode recoñecerse o son atronador e extravagante propio da banda, ademais das enigmáticas letras ás veces cargadas de crítica social, como no caso do tema Euromaquia.

 

 

Todo pintado de plata. Silvia Penide

A voz de contralto de Silvia Penide crea en Todo pintado de plata unha atmosfera envolvente que consegue atrapar ao oínte co seu pop acústico cargado de melodías e letras profundas. O álbum está cheo de referencias aos planetas do Sistema Solar que poden atoparse incluso no propio título de cada tema. Algunhas destas alusións resultan obvias, mentres que outras precisan unha interpretación máis profunda. A cantautora presenta nesta ocasión un CD autoeditado e financiado íntegramente mediante crowdfunding.

 

  noticias