10 PROXECTOS GALEGOS ENTRE OS FINALISTAS DE LA XIII EDICIÓN DOS PREMIOS MIN

Un xurado composto por profesionais do sector vén de elixir aos 5 nominados aos Premios MIN en cada categoría, dentre os 15 semifinalistas que votara o público. Belako, con seis nominacións, é a banda que acumula máis opcións, seguida de Delaporte, _juno e Alizzz, con cinco. Entre os finalistas galegos (ou con participación galega) destacan os «repetidores» Triángulo de Amor Bizarro, con catro nominacións, incluídas Mellor Álbum do Ano e Mellor Artista, e co mesmo número contan Ginebras, que optan a Mellor Artista Emerxente e Canción do Ano, entre outras.
Boyanka Kostova, Guadi Galego, MOURA, Néboa e Xosé Lois Romero & Aliboria son os cinco proxectos galegos nomeados na categoría de Mellor Álbum en Galego. Completan a decena da nosa terra Baiuca, dani e Lucía & The Fearless.
Os gañadores desta XIII edición dos Premios MIN coñecerémolos o vindeiro 16 de xuño en Burgos, con Rodrigo Cuevas como mestre de cerimorias nunha gala que aposta por unirse ao espírito rebelde da España Vaciada.
Ginebras
Artista emerxente · Canción do ano: «Paco y Carmela» · Álbum de pop: Ya dormiré cuando me muera · Produción musical: Ya dormiré cuando me muera (Pau Paredes)
A través dun mundo pop propio, tinguiduras de indie nacional e letras autobiográficas cargadas de humor, este grupo de rapazas comezou hai pouquiño a súa andadura musical, pero o seu impacto xa é notorio… con tan só un álbum no mercado! Coa galega Magüi como vocalista, Ginebras entrou de cheo nos Premios, acadando nomeamentos en catro categorías: Mellor Álbum, Mellor Artista Emerxente, Canción do Ano e Mellor Álbum de Pop. O seu divertido, enérxico e colorido álbum Ya dormiré cuando me muera (Vanana Records, 2020) e o tema “Paco y Carmela” son as obras que lles poden servir ás Ginebras para alzarse con algún premio.
Triángulo de Amor Bizarro
Artista · Álbum: Triángulo de Amor Bizarro · Álbum de rock: Triángulo de Amor Bizarro · Produción musical: Triángulo de Amor Bizarro (Carlos Hernández & Triángulo de Amor Bizarro)
Con case dúas décadas no mundo da música, o grupo coruñés segue a reafirmar o seu talento e a ampliar a súa proxección. Triángulo de Amor Bizarro (Mushroom Pillow, 2020) é o traballo que lles valeu o seu posto como finalistas desta edición en catro categorías, incluídas Mellor Albúm e Mellor Artista. Triángulo, veterano —e repetidor: gañaron catro premios tanto en 2011 como en 2017— nos MIN, é un claro exemplo de que o rock nunca morrerá, está máis vivo que nunca a través das súas incisivas letras e explosivas composicións.
dani
Álbum de pop: Veinte
dani escríbese a si mesma con minúscula, e é que ela non precisa grandes títulos posto que a súa mellor carta de presentación é a súa música. A traxectoria desta cantante viguesa é recente, con todo, o seu modesto nome xa deu un golpe na mesa do pop e indie nacional. As súas letras veñen cargadas dunha sensibilidade que conflúe cunha estética coidada e mensaxes profundas. Veinte (El Volcán Música, 2020) é o disco que lle valeu a nominación nos Premios na categoría de Mellor Álbum de Pop, un esperado LP que concentra toda a esencia e emoción da artista, reflectindo o seu mundo interior, en especial como viviu o paso da adolescencia á vida adulta.
Baiuca
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Gravación de electrónica: Paisaxes
Un sopro de aire fresco dentro dos marcos da música folk. É Baiuca, o proxecto do catoirense Alejandro Guillán. O seu éxito xa non se limita ao ámbito nacional, senón que logrou alcanzar fama internacional a través da súa folktrónica. Coa súa música demostra que a convivencia harmónica entre a música tradicional galega e a electrónica non so é posible, senón que logra crear sonoridades do máis interesantes. Nesta edición dos MIN acada ser finalista na categoría de Mellor Gravación de Electrónica con Paisaxes (Raso Estudio, 2020), un EP no que manteñe a súa liña, pero se achega a outros xéneros musicais con cadencias do reggae, flamenco ou da música oriental.
Boyanka Kostova
Gravación de músicas urbanas: Os Dous de Sempre · Álbum en galego: Os Dous de Sempre
O rural galego máis moderno preséntase vestido de trap da man de Boyanka Kostova. Si, isto parece un trabalinguas conceptual, pero é que Chicho e Cibrán apostaron por unha fusión de carácter desvergonzado e ben fresquiña, como son eles! Nas súas composicións de agrotrap mesturan temas cotiáns con enxeño e sátira, sempre dentro duns ritmos festeiros, aínda que tamén se achegan a outros xéneros. Os dous de sempre (Mushroom Pillow, 2020) é o traballo polo que acadaron dúas nominacións na presente edición: Mellor Gravación de Músicas Urbanas e Mellor Álbum en Galego.
Lucía Martínez & The Fearlees
Perfil de Lucía Martínez Cuarteto en galiciantunes
Álbum de jazz: Lucía Martínez The Fearless
A baterista e compositora galega Lucía Martínez representa a unha nova xeración de músicos de jazz europeos. A súa ampla traxectoria vai desde festivais arredor do mundo ata a gravación de numerosos discos, e mesmo bandas sonoras, para todo tipo de traballos audiovisuais. Neste proxecto xúntase cun grupo de músicos, The Fearless, de gran nivel, con quen acaba por formar unha excelente banda de jazz contemporáneo que rexeita limitarse e se expande nunha catarse creativa que configura novas paisaxes musicais. Xuntos gravaron Lucía Martínez & The Fearless (Nuba Records, 2020), álbum que lles serviu para alzarse co nomeamento na categoría de Mellor Álbum de Jazz.
Guadi Galego
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Álbum en galego: Costuras
A artista de Cedeira está máis que curtida no mundo da música, xa que desde ben nova comezou dando un gran salto, primeiro co grupo folk Berrogüetto, logo coa súa andadura musical en solitario. Nesta etapa, que chega á actualidade, lanza numerosos traballos discográficos que, cada vez máis, se achegan a sonoridades máis pop. O seu amor pola terra e un espírito intimista envolven os seus temas que, xunto á súa melodiosa voz, provocan un abano de sensacións en quen os escoita. Co seu disco Costuras (Altafonte, 2021) loita por acadar o MIN na categoría de Mellor Álbum en Galego.
Moura
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Álbum en galego: Moura
Hai, exactamente, un ano e dous meses que sacaron o seu primeiro disco, Moura (Spinda Records, 2020), e xa están en boca –e en escenario—de todos. Cunha proposta musical que enfronta o novo e o vello a través dunhas letras que evocan lendas ancestrais, MOURA desprega un aquelarre eléctrico nas catro pezas que compoñen o seu debut discográfico. Aí, onde a terra termina e o océano empeza, onde ecoan os ecos de cánticos druídas entoados en épocas antigas, MOURA está a medio camiño entre as atmosferas feéricas de Arthur Mache e o lirismo de Eduardo Pondal; aí, onde sons foráneos, como a psicodelia ou o rock progresivo poñen banda sonora á herdanza druídica da cultura galega.
Néboa
Álbum en galego: A realidad enganosa
Este quinteto transita libremente por todo un abano de sons, presentando melodías que viaxan desde a música tradicional galega ata o pop, achegándose ao jazz e explorando os mundos da indietrónica. Fórmanse en 2012 tras levar cada un deles unha traxectoria distinta, pero aínda non sacaran ningún traballo de larga duración ata o ano pasado: A realidade enganosa (Raso Estudio, 2002). Un disco que reúne todas as súas virtudes e innovacións sonoras, enlazando cancións en galego con outras en portugués. Este traballo levounos ata a recta final dos Premios MIN, polo que están nomeados na categoría de Mellor Álbum Galego.
Xosé Lois Romero & Aliboria
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Álbum en galego: Latexo
Proxecto liderado polo multiinstrumentista Xosé Lois Romero, no que lle acompañan un grupo de músicos galegos dispostos a que os sons da nosa terra brúen o máximo posible. As ferramentas que utilizan son as voces dun coro femenino e instrumentos de percusión, a través dos que logran darlle un xiro espectacular a música tradicional galega modificando ritmos e mesmo achegándoa a sonoridades africanas ou caribeñas. Actualmente atópanse entre os cinco candidatos que optan a levarse a casa o MIN na categoría de Mellor Álbum en Galego, polo seu disco Latexo (Raso Estudio, 2020).