SALA CAPITOL. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.9
Novos concertos de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
SALA CAPITOL
A súa andaina comeza en 2003, coa reconstrución dun antigo cine dos anos 70 que tiña como intención convertilo nun dos mellores espazos para acoller concertos de música, grazas á súa acústica envexable e á súa gran capacidade. Logo de case vinte anos de traxectoria poderiamos dicir que o obxectivo se cumpriu, xa que a Capitol se converteu nun dos lugares clave do panorama musical de Santiago de Compostela, de Galicia e de España. Ubicada no corazón da cidade, na rúa Concepción Arenal, a sala caracterízase por crear un ambiente ideal que acada unha simbiose única entre os artistas e o público.
Dirección: Rúa de Concepción Arenal, 5, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña)
Web: https://www.salacapitol.com/
BUDIÑO
O artista moañés leva anos sendo un dos máximos embaixadores da música galega tradicional, acadando mesmo o statusde lenda grazas a súa gran traxectoria. Con numerosos traballos discográficos nos seus haberes e outros tantos recoñecementos e premios de prestixio grazas a eles, o gaiteiro e cantautor de Moaña levou as súas composicións arredor de todo o planeta: Damasco, Bos Aires, México D.F. ou Shanghai son tan só algunhas das cidades que desfrutaron do músico. Nas súas cancións converxen a música de raíz e sons contemporáneos, resultando nunha catarse de contrarios que funciona cunha naturalidade sorprendente, mesmo arriscou, nestes últimos anos, a poñer voz aos seus temas e facer unha música máis pop.
ANTÍA MUÍÑO
Logo de gañar experiencia participando en diversos proxectos musicais, Antía Muíño decide emprender a súa viaxe en solitario... e termina por desenvolver unha marca persoal íntima e impecable. Esta galega afincada en Donostia consegue pasar pola bossa, o folk pop ou o jazz a través da delicadeza da súa voz, acompañada polas suaves notas da guitarra. Debuta con Carta Aberta, o seu primeiro single, en 2020; un traballo onde a parte vocal é, sen dúbida, protagonista.
MONOULIOUS DOP
Esta banda de Noia nace en 2012 baixo a única premisa de «pasalo ben»; comezan a subir videoclips a internet, mais grazas á gran acollida do público acaban por crear un proxecto máis «serio»… pero sen pasarse! A mellor forma de catalogar a súa música é referirnos a ela como rockcómico e infame, mediante o que buscan troulear e poñer a nota de humor e sátira en salas, festivais ou sesións vermú. En 2017 presentan o seu primeiro LP, LP Padre, e xunto á súa última referencia, Black Album (2020), Monoulious DOP ofrece moitos risos e moita música.