LÍMBICO: «O JAZZ É UNHA MÚSICA HIPERFLEXIBLE QUE ADMITE TODO TIPO DE DEFORMACIÓNS E PODE ADOPTAR INFLUENCIAS DE TODO TIPO»
O sistema límbico é a parte do noso cerebro encargada de regular as emocións e eles, Límbico, fan o propio a través dunhas composicións. Lideraba polo guitarrista e compositor viguésIago Marta, a banda instrumental funciona como vehículo das ideas e inquedanzas do seu creador, acoplando as numerosas e diversas influencias ás que estivo exposto durante a súa traxectoria como intérprete. Nace como trío, pero remata en quinteto composto por Diego Alonso (saxos), Margarida Mariño (cello), Jose Manuel Díaz (contrabaixo), Héctor Agulla (batería) e o propio Iago Marta (guitarra, efectos).
O seu debut discográfico, Límbico (Metamovida, 2021), fíxose realidade a principios do pasado xuño logo de haber superado con éxito unha campaña de micromecenado. Gravado por Isaac Millán nos estudios Ancestral (Ponte Caldelas), o álbum é un baile de seis pezas propias que reflicten, nota a nota, os diferentes momentos que viviu a banda, sen ningunha idea preconcibida.
Límbico é un proxecto persoal do guitarrista e compositor vigués Iago Marta como resposta ás súas inquedanzas e «choque» de influencias musicais... como un caixón de xastre musical?
Iago Marta: «Ben, ata certo punto, claro. Hai moitas músicas que me interesan e non están presentes en Límbico, pero gústame pensar que todas esas influencias matizan dalgún xeito o resultado final, que si que é certo que está máis preto da tradición jazzística que doutra cousa».
Ademais, naceu como trío para logo converterse no quinteto que é agora. Como se desenvolveu esta «evolución natural»?
Iago: «Pois eu comecei a compoñer material para un proxecto novo antes de mudarme a Galicia, pensando en comezar algo diferente aquí. A primeira idea foi escribir temas para trío de guitarra, contrabaixo e batería, porque xa o fixera antes dese xeito e resultaba máis sinxelo. Ao mesmo tempo, na miña cabeza roldaba desde anos atrás a idea de facer algo de conxunto máis grande, con máis variedade de timbres e máis posibilidades en xeral, que tentase abarcar máis estilisticamente e que me permitise probar cousas diferentes; algo tipo Pat Metheny Group, que foi unha gran influencia hai tempo para min.
Ao final quedamos nun punto intermedio, aínda que os problemas de loxística sexan propios dunha orquestra sinfónica ás veces [risos]».
Para evolución a de Iago, que comezou tocando en bandas de rock nos seus anos mozos e rematou estudando jazz no Conservatori del Liceu (Barcelona). Este cambio de estilos foi abrupto, como unha revelación, ou algo máis gradual?
Iago: «Foi un proceso gradual, sen dúbida. Eu comecei tocando metal, rock, cousas así, pero sempre tiven bastante interese por escoitar cousas novas, e tamén é verdade que coincidín no camiño con xente de mentalidade aberta que seguiu un proceso parecido. Ademais, o jazz é unha música hiperflexible que admite todo tipo de deformacións, e que pode adoptar influencias de todo tipo, polo que calquera cun mínimo de inquietude musical adoita asomarse aí dun xeito ou doutro».
Ao respecto, de que xeito influíu unha cidade como Barcelona na túa traxectoria como músico?
Iago: «Influíu dun xeito moi profundo. Vivín en Barcelona durante 13 anos, así que hai infinidade de cousas que me marcaron, claro. Desde músicos cos que estudiei, proxectos nos que estiven involucrado, concertos e xente que puiden ver en directo... ou simplemente o día a día de coñecer xente de todas partes e recibir estímulos diferentes. Penso que todo iso me achegou moita perspectiva e me abriu a cabeza dun xeito moi evidente».
A banda está formada por «habituais da escena do jazz, do rock, do folk e doutras músicas» aquí na nosa terra.... e temos «recibos» para demostralo, xa que cada un de vós por separado aparece en máis dunha ducia de proxectos presentes na plataforma! Como decidistes sumarvos a Límbico? O da loxística... ben, non?
Diego Alonso: «Pareceume unha proposta interesante polas composicións e pola sonoridade da banda. Ademais, con Héctor [Agulla] levo tocando media vida, con Iago e con Jose Manuel xa tiña colaborado en varias ocasións. Con Margarida [Mariño] non tiña estado en ningún proxecto, pero sempre me gustou a sonoridade do saxo tenor a empastar co do cello».
Jose Manuel Díaz: «Sempre é unha alegría cando un músico decide dar o paso e mostrar a súa música alén da súa zona de confort, e que de súpeto queiran contar cun xa é o máximo!».
Diego Alonso (saxos), Margarida Mariño (cello), Jose Manuel Díaz (contrabaixo) e Héctor Agulla (batería) completan Límbico. Ademais dos acordes de cadanseu instrumento, que achega cada un deles ao proxecto?
Iago: «Experiencia e boa presencia [risos]. Á parte, creo que cada un dxs catro vén dun mundo musical diferente, pero quen máis quen menos está relacionado co jazz, así que para este proxecto axústanse moi ben».
De todas as influencias ás que estiveches exposto na túa traxectoria como intérprete, cal destacarías?
Iago: «Uf, resúltame imposible escoller algunha por enriba doutras! Penso que todo o que levas a cabo márcache dalgún xeito. Supoño que todas as veces que estiven facendo cousas con xente mellor ou con máis experiencia que eu son as que máis me marcaron. É un tópico, pero é moi certo: é o mellor xeito de avanzar e aprender».
Comentabas no Zigzag Diario que «non eras un 10 en nada, pero chegas ao 6 en todo». Á hora de compoñer, como afecta este concepto de «aprendiz de todo e mestre de nada»? Compós cun estilo, ou instrumento, na cabeza ou es máis de deixarte levar?
Iago: «En xeral, compoño de dúas maneiras dependendo de para que o faga. Se estou a facer música para algo en concreto (un corto, un vídeo, un grupo de música cun estilo moi marcado, etc.) adoito ser moi lóxico e pragmático, dun xeito artesanal. Se compoño porque si, porque xorde unha idea, primeiro doulle voltas dun xeito instintivo e máis tarde comezo a darlle forma dun xeito máis cerebral.
No caso de Límbico, a guitarra ten un papel central na composición sempre, desde logo».
Seguindo co proceso compositivo, que, ou quen, inspira as túas pezas? Es dos que pensa que a inspiración vén ou hai que ir buscala?
Iago: «Adoito pensar na creación musical como un proceso artesanal. Non creo tanto no concepto de inspiración, senón na idea de traballo e acumulación para logo ir destilando de xeito inconsciente. Doulle moitas voltas ás cousas e as miñas composicións acostuman a conformarse lentamente; ás veces gustaríame ir un pouquiño máis rápido [risos]».
O sistema límbico é a parte do cerebro implicada nas emocións; era ese o teu obxectivo ao nomear o grupo e o disco? Transmitir emocións e, por conseguinte, espertar as do oínte?
Iago: «Si, vai un pouco por aí. E tamén sobre a idea de entrelazar os conceptos cerebral e emocional dun xeito natural. Á parte, o outro día dicía Sergio Cabanillas en Universos Paralelos que se viña por estar nun limbo entre estilos. Non o pensara, pero voulle roubar a explicación porque me gusta moito [risos]».
Vides de publicar o voso debut discográfico, Límbico (Metamovida, 2021), logo dunha «odisea de cambios de data e problemas de xuntanza» por mor das restricións. Ademais da gravación, de que xeito afectou a pandemia ao desenvolvemento do álbum?
Iago: «Pois mira, agora mesmo está a afectar á fabricación dos vinilos, porque estanse a atrasar máis da conta, entre outras cousas pola pandemia, a distribución, etc. Afectou a todo o proceso obviamente. Se ata no vídeo do making of saímos con máscaras, e claro, iso vai quedar para a posteridade...».
Escoitamos composicións que, partindo dunha visión jazzística da interpretación, incorporan notas máis propias do folk, do rock ou da improvisación libre. Como definiriades o voso estilo?
Diego: «Jazz ecléctico, equilibrio entre música escrita e improvisada».
Jose: «Falar de estilos, con perdón do que vaia a ler isto, é poñerse a pensar demasiado pronto; primeiro hai que escoitar a música e deixarse levar un pouco. Os “estilos” e as influencias vanse atopando durante a escoita... non é boa praxis espir ao artista diante de todos».
E como describiriades este primeiro álbum?
Iago: «Un pouco como declaración de intencións do proxecto».
Límbico foi gravado por Isaac Millán nos estudios Ancestral (Ponte Caldelas) durante o pasado mes de marzo, proceso que quedou rexistrado nun making of, obra de Sara Traba. Como xorde a idea de utilizar a sesión de gravación como elemento promocional e non un videoclip ao uso?
Iago: «Eu xa coñecía varios traballos de Sara con ese concepto e parecíame unha forma moi natural e fermosa de dar a coñecer o material e a banda. E, ao mesmo tempo, xerar contido audiovisual, cousa que hoxe en día é loxicamente imprescindible.
Ademais, Sara é realizadora e ten unha sensibilidade moi especial, así que darlle a oportunidade de que fixese o que lle petase mentres gravabamos parecía a mellor opción».
Para a edición do LP en vinilo e o proceso de mastering lanzastes unha campaña de micromecenado vía Verkami, que acadastes con éxito. Esperabades tal apoio ou colleuvos por sorpresa?
Iago: «A verdade é que non pedimos moito porque só era para fabricar os discos de vinilo, pero si que houbo máis resposta do que esperabamos ao tratarse dun proxecto completamente novo. Non podemos estar máis contentxs».
Ao fío, nunha contorna onde o consumo dixital de música está en constante aumento, por que seguir apostando polo formato físico?
Iago: «Neste proxecto en concreto apostei por iso porque é unha cousa moi persoal, e quería que quedase algo tanxible de todo isto. Para min é un xeito de darlle valor ao traballo. Son o primeiro que escoita música de xeito dixital, e o disco está tamén en Bandcamp por exemplo, pero todos sabemos que son cousas diferentes».
O deseño da portada, en branco e negro sobre fondo cru, é obra do artista vigués Peri Helio, que xa ilustrara a portada de Onkalo (Metamovida, 2012) doutro grupo metamovidiano, Cró!. Como chegastes a el? Seguiu Helio algunha premisa ou deu renda solta á súa imaxinación? Que relación ten a ilustración coa música que envolve?
Iago: «Contactei con Peri directamente porque aprecio moito o seu traballo. Faleille do asunto, dinlle un par de consignas sobre como vía o concepto e a partir de aí traballou con total liberdade. Expúxome isto decontado e pareceume perfecto, todo saíu á primeira.
Na ilustración hai un pouco de colisión entre dous mundos; un máis lóxico, cerebral, e outro máis instintivo e fluído, cousas que penso na miña música. Pero mellor non explicar moito, sempre é máis interesante que a xente pense o que lle suxira».
Pandemia mediante, como vedes a escena local viguesa? E a do jazz en Galicia?
Diego: «Se falamos da escena como o número e a calidade das bandas e dos músicos de Vigo e Galiza, non nos podemos queixar. Esta cidade sempre foi o caldo de cultivo de moitos músicos de diversos estilos.
Pero se falamos da escena como os lugares e as oportunidades para poder tocar na cidade, xa non podemos estar tan contentos. Tristemente desapareceu un festival de jazz como era o ImaxinaSons, hai poucos clubs e salas de concertos onde os músicos locais poidan tocar... Se a iso lle engadimos o pouco respecto que o alcalde e a produción de eventos do Concello teñen mostrado polas bandas locais (de calquera estilo) utilizando os concertos como un escaparate persoal, a situación, que xa é precaria, acentúase. E cabrea!
No resto de Galiza, persiste o SPJ (Seminario Permanente de Jazz), cada ano hai máis músicos que deciden formarse en jazz, os festivais como o Nigranjazz, o Canjazz, o Moaña Jazz ou o Jazz na Ría, por citar algúns, dan folgos a este estilo e aos seus músicos para seguir a traballar.
Falta, iso si, un recoñecemento da música, e das artes en xeral, como categoría profesional. Dar dignidade e oportunidades a un traballo vocacional, pero tamén cultural, que merece o maior dos respectos, tamén por parte das autoridades locais e autonómicas».
Jose: «Cal escena?».
Cal é o futuro próximo de Límbico?
Iago: «Pois agora mesmo estamos co tedioso proceso de movelo [o disco] por todas partes, cousa que dá moito traballo sempre. Ademais, estamos agardando polos vinilos, que levan un pequeno atraso na fabricación.
En principio, presentamos o disco o 28 de agosto no festival Tropos’21 (León), e andamos a argallar o xeito de presentalo en Galicia de cara ao outono, pandemias e outras historias mediante, claro».
A volta aos escenarios de xeito regular está aínda en proceso de «normalización», aínda con restricións de capacidade, protocolos, máscaras, etc. Como levades o mono do directo? Que poderemos esperar dun concerto de Límbico?
Iago: «Como dicía, estamos niso agora mesmo. É verdade que temos moitas ganas de presentalo en directo, pero tamén que hai que ser pacientes. Hai proxectos que teñen máis dun ano xa e non puideron ser rodados ao vivo, así que hai moito que programar de xente con propostas moi interesantes».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Diego: «Caldo, Trilitrate, Wilfried Wilde, Virxilio da Silva, Yago Vázquez, e Iago Fernández.
Jose: «Límbico e Xisco Feijóo».
Iago: «Algúns xa os dixeron antes, pero por engadir algún máis: Loiros, Pálida, Noar, Xan Campos, Moloch... hai moita xente facendo cousas interesantes».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Diego: «Chassol, Joe Lovano, Seamus Blake, Earth, Wind & Fire, João Gilberto, Miles Davis, Walter Smith III, The JB's, Bill Evans, Jacob Collier... e listas de repertorios de bandas de covers xD».
Jose: «Spotify debería deixar de existir o antes posible polo ben dos músicos, fóra disto: Caetano Veloso, Mercedes Sosa, Chico Buarque, Joshua Redman Quartet, Barry Harris, Solo & Indre, etc.».
Iago: «Calquera cousa. A miña conta de Spotify é un bo Cristo! Podcasts varios, Maria Arnal i Marcel Bagés, Julian Lage, Midlake, Floating Points, repertorios charramangueiros tipo Raphael, heavy metal clásico, folclores variados...».