• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2016

Novos lanzamentos. Maio 2016
2 XUÑO 2016

Enefene. Dallasgracias

Breve pero intenso é o novo traballo do grupo indie-pop Dallasgracias, Enefene (Dallasgracias, 2016). As tres cancións que compoñen o álbum, P1PL, París e El fin de los buenos días, veñen cheas de enerxía e, ademais, dun rock de aire psicodélico que xa se podía escoitar no seu anterior traballo La increíble historia de la chica de Australia (Dallasgracias, 2014). Unha vez máis, conseguen que o seu disco sexa froito do esforzo e a síntese creativa dos membros do propio grupo cun son coidado e cheo de matices.

 

Nada que perder. Rosa Cedrón

Despois dunha longa pausa sen publicar en solitario, Rosa Cedrón volve cun novo traballo. En Nada que perder (Warner Music, 2016) a cantante e violonchelista afástase dos aires máis tradicionais, sen medo a dar renda solta á creatividade, experimentando para as súas melodías con novas sonoridades e texturas que poñen en relevo a súa proposta máis arriscada e persoal. No seré yo é o elegante videoclip de presentación do álbum: Rosa Cedrón espida e un violoncelo; nada que demostrar, nada que ocultar.

 

70 y 29. Luis Emilio Batallán

Luis Emilio Batallán saca o seu lado máis romántico e melancólico no seu novo traballo 70 y 29 (Universal Music, 2016). Este proxecto composto por catorce cancións vén da man do produtor cubano Dagoberto González JR e nel podemos escoitar desde bachatas ata as baladas máis clásicas coa colaboración de grandes artistas como Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina ou Pablo Milanés. Como adianto deste novo álbum, estreou Linda niña de ojos negros, que viña acompañado dun apaixonado videoclip.

  

 

 E isto é o amor. Caxade

E isto é o amor (Discos da Máquina, 2016) é o segundo disco de estudio e o terceiro da discografía de Caxade, composto por dez cancións que xogan continuamente co humor, facendo apelacións aos encantos do amor dende diferentes puntos de vista. O single de adianto foi o que da nome ao disco, E isto é o amor. No videoclip dese tema podiamos ver tres bonitas historias de amor entre as que destaca a do home bala e unha moza. Unha vez máis, como nos seus anteriores traballos, Alfonso Caxade e a súa banda conseguen mesturar con éxito o folk tradicional galego cun lado pop e indie.

 

Canciones cariocas. Selvática

A inqueda mestura de pop heterodoxo, postpunk e psicodelia, que xoga co experimental, volve en Canciones cariocas, o novo álbum, que non o será tanto para os habituais do seu Bandcamp, de Selvática. Mi ciudad é o single escollido por este grupo a cabalo entre Río de Janeiro e Vigo como tema de presentación e Carlos Martínez Peñalver é o encargado de poñerlle imaxes neste intenso videoclip.

 

 

Intropía. Fernando Barroso

A corda pulsada é a principal protagonista do primeiro álbum en solitario do compositor ferrolán Fernando Barroso, Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016) coa guitarra, o bouzouki irlandés, a mandolina, o banjo e mesmo cavaquinhos e violas portuguesas. Neste traballo, resultado dun ano e medio de reflexión, composición e produción, soan tamén adufes, pandeiretas, tixolas, batería, violíns, gaitas, trompetas, acordeóns, cello, low whistle, arpa céltica, bombo, bendhir, tambor ou djembé. Ademais, conta coa colaboración de intérpretes e instrumentistas do talle de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xosé Manuel Budiño ou Begoña Riobó.

  noticias